Ordoño II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monarcas de Galicia
Reis de Galiza2.jpg

Reis suevos

Reis visigodos

Señores territoriais

Reis desde Oviedo

Reis desde León

Reis de Galicia e León

Reino de Galicia

Ordoño II (871León, 924) foi rei de Galiza desde o ano 910 e rei de Galiza e de León desde o ano 914.

Infancia[editar | editar a fonte]

Aos oito anos partiu para Zaragoza, onde foi educado por unha importante familia mozárabe do emirato. Con esta medida Afonso III o Magno pretendía afianzar a amizade coa taifa musulmá enfrontada a Córdoba. A súa permanencia alí debeu durar ata o momento en que rematou o bo entendemento entre o monarca cristián e os Banu Qasi.

Coudel da aristocracia galega[editar | editar a fonte]

Miniatura medieval procedente do Tombo A da Catedral de Santiago de Compostela onde se representa a Ordoño II como rei. Santiago de Compostela.

Contraeu matrimonio con Elvira Menéndez, filla de Hermenexildo Guterrez o que o vencellaba á máis poderosa aristocracia galega, aquela que reclamara para o rei, o Bierzo e Astorga, e chegara en ímpeto conquistador ata Coimbra, consolidando o territorio portucalense.

A crónica Albeldense dá razón de como Afonso III o asociou ao trono concedéndolle o goberno de Galiza. Galvanizando ao seu redor á nobreza galega, dirixiuna a campañas ata o sur da Península, chegando a saquear Regel, preto de Sevilla, recadando gran número de cativos e un importante botín.

Aparentemente non tivo relación ningunha co destronamento perpetrado polo seu irmán maior García, que remataría co depoñemento de Afonso III en 910 e a conseguinte coroación de García como rei de León (segundo unha parte da historiografía) ou de toda Galiza (segundo a outra parte da historiografía), na propia cidade de León. A posición adoptada por Ordoño ante a nova situación foi a de fidelidade feudal ao novo rei, e a de consolidación política no territorio galego, que se viu materializada o día 7 de xuño do 910, cando nunha convención presidida por Recaredo, bispo de Lugo, os grandes magnates galegos proclaman a súa fidelidade ao nostro domino donno Ordonio na mesma cidade lucense. Pola súa parte, o seu irmán menor Froila renderíalle vasalaxe xa dende Asturias, rexión da que era señor.

Xa finado o seu pai, dirixe unha exitosa expedición pola Lusitania ata Évora, da que se fai eco a Crónica de al-Nasir. Nela chégase a dicir que o exército galego se compoñía de 30.000 homes que arrasaron a cidade musulmá e fixeron 4.000 prisioneiros. E continúa: Non hai memoria no al-Ándalus dun desastre do Islam, por parte de inimigo máis afrontoso e terrible ca este.

En canto á política interior, axiña testemuña o seu recoñecemento ao santuario apostólico de Santiago de Compostela mediante importantes doazóns que fai o matrimonio Nos Hordonius rex et Gelvira regina ante a presenza de tódolos bispos do Reino de Galiza: Nausto, Recaredo, Savarico, Froarengo e Ansurio.

Ordoño II dá un importante pulo ao monacato ao apoiar o nacente mosteiro de San Martiño Pinario, completando así os piares sobre os que se ía asentar a organización do territorio: nobreza, bispados e monacato.

Rei de toda Galiza[editar | editar a fonte]

García reinou en León tres anos e un mes. Trala súa morte prematura e ante a falta dun fillo herdeiro, os magnates de León e Astorga chamaron a Ordoño abríndolle as portas da capital e o goberno de todo o reino (tal como nos conta o historiador cordobés Ibn Hayyan), sendo aclamado en Compostela como o rei. Ordoño tardou en acudir ao chamamento, debido a unha enfermidade infecciosa que fixo que temese unha próxima morte, tal como claramente o expresa nun documento outorgado en Mondoñedo a prol desta diocese. Foi unxido, o 12 de decembro do 914, rei na cidade León, que dende aquela data deixou de ser o antigo acuartelamento dunha lexión romana para se converter definitivamente en urbs regia.

Inquedo e activo reuniu un exército de todo o reino de 60.000 homes (segundo as crónicas) e tomou Medellín, Castro Alange e entrou en Mérida nunha espectacular campaña de saqueo. A reacción cordobesa non se fixo agardar, recrutouse un poderoso exército musulmán que avanzou cara ao río Douro, pero que foi derrotado por Ordoño II en Castromuros, na mellor coñecida como fazaña bélica de San Esteban de Gormaz (ano 917).

Xa no 918, en alianza con Sancho Garcés I de Navarra, marchou contra Nájera e Tudela, pero foron freados en Mutonia. O propio califa decretou a mobilización xeral e derrotou aos monarcas navarro e galaico en Valdejunquera (920), aínda que ao ano seguinte, Ordoño II xa se recuperara e atacara de novo a zona de Sigüenza.

Da desfeita de Valdejunquera culpouse aos nobres casteláns Nuño Fernández, Abolmondar e o seu fillo Diego e Hernando Ansúrez, que non se presentaran á batalla coa súa cabalería, sendo condenados a morte pola súa covardía.

Fixo doazóns para engrandecer a catedral de León.

Vencellos matrimoniais[editar | editar a fonte]

Casou tres veces, e a súa segunda esposa foi a galega Aragonta, pronto repudiada. A súa terceira muller era a filla do rei navarro, Sancha, e selaba así a amizade coa corte de Pamplona. Porén serán os tres fillos da primeira muller: a galega Elvira Menéndez os que acabarán reinando: Sancho Ordóñez nas terras galegas ao norte do rio Miño, Afonso IV na Terra de Foris, Asturias e Castela, e Ramiro II no territorio galego entre o Miño e a fronteira de Coimbra; este reunificaría todos os territorios do seu pai. Antes disto, aínda reinaría, inmediatamente despois do seu pasamento, seu irmán Froila II, señor de Asturias ata ese momento, pero a descendencia deste será derrotada polos Ordóñez.

Ascendencia[editar | editar a fonte]

Ascendencia[editar | editar a fonte]


Reino de Galiza

Segue a:
García I
Ordoño II
Precede a:
Froila II