Duarte Lobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Duarte Lobo, nome latinizado como Eduardus Lupus, nado contra o ano 1565 e finado o 24 de setembro de 1646, foi un compositor portugués da época do Renacemento tardío e Barroco inicial. Foi o máis famoso compositor portugués da súa época. En conxunto con Filipe de Magalhães, Manuel Cardoso, e o Rei D. João IV é considerado un dos músicos da "época dourada" da polifonía portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sábese pouco da súa vida. Naceu en Alcáçovas ou en Lisboa, e sábese que foi alumno de Manuel Mendes en Évora. O seu primeiro traballo foi o de mestre de capela da catedral de Évora; en 1594 era mestre de capela en Lisboa. Ensinou música no Colégio do Claustro da Sé en Lisboa, onde permaneceu polo menos ata 1639. Máis tarde dirixiu na capital a capela do Seminario de São Bartolomeu. Asinaba as súas obras como Eduardus Lupus.

Aínda que cronoloxicamente a súa vida se sobrepoña á época do Barroco, escribiu, tal como Manuel Cardoso, música esencialmente ao estilo e técnica contrapontística da Renacemento, como a da polifonía de Palestrina, tal como se podería esperar por ter vivido nunha zona illada das innovacións musicais de Italia e Alemaña. Publicou seis libros de música sacra, incluíndo misas, responsorios, antífonas, magnificats e motetes.

A súa música é altamente atractiva, con forza expresiva, tirando partido das características rítmicas e harmónicas do texto latino, en conformidade coas disposicións do Concilio de Trento.

Encóntranse dispersos por diversas cidades (Coimbra, Évora, Vila Viçosa, Valladolid, Sevilla, Munich, Londres e Viena) os exemplares de practicamente todo o que da súa obra se editou en Antuerpen (Plantin, 1602-1639) e en Lisboa (Craesbeck, 1607).

Algunhas obras[editar | editar a fonte]

  • 1603 -Officium Defunctorum
  • 1605 -Cantica Beatae Virginis (16 Magnificat a catro voces)
  • 1621 -Liber Missarum I
  • 1639 -Liber Missarum II