Reino Unido - United Kingdom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Reino Unido")
United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland

Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte
Bandeira do Reino Unido Escudo do Reino Unido
Bandeira Escudo
Lema: Dieu et mon droit
(Francés: Deus e o meu dereito)
Himno nacional: God Save the Queen
 
EU-United Kingdom.svg
 
Capital
 • Poboación
Londres
7.825.200 (2010)
Cidade máis poboada Londres
Linguas Inglés1
Forma de goberno Monarquía constitucional
Raíña Isabel II
David Cameron MP
Formación
Lei de Unión (1707)
Lei de Unión (1800)
Tratado Angloirlandés

1 de maio de 1707
1 de xaneiro de 1801
12 de abril de 1922
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 80º
243.610 km²
1,34
3.621 km
2.389 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 22º
62.041.708 (2010 est.)
254,7 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2010)
 • PIB per cápita
Posto 6º
US$ 2.247.000 millóns
US$ 36.119
PIB (PPA)
 • Total (2010)
 • PIB per cápita
Posto 7º
US$ 2.172.000 millóns
US$ 34.919
IDH (2011) 0,863 (28º) – Moi alto
Moeda Libra esterlina (£, GBP)
Xentilicio Británico, británica
Fuso horario
 • en verán
GMT (UTC+0)
BST (UTC+1)
Dominio de Internet .uk2
Prefixo telefónico +44
Prefixo radiofónico 2AA-2ZZ3
Código ISO 826 / GBR / GB
Membro de: Commonwealth, UE, OTAN, ONU, OCDE, OSCE, G-8, Common Travel Area

1 Son tamén linguas rexionais recoñecidas o córnico, o escocés, o escocés do Ulster, o galés, o irlandés e o gaélico escocés.
2 Según ISO 3166-1 é .gb. Tamén se utiliza o .eu como en toda a Unión Europea.
3 Ademais de GAA-GZZ, MAA-MZZ, VPA-VSZ, ZBA-ZJZ, ZNA-ZOZ, ZQA-ZQZ

Tódolos países do mundo

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland),[nota 1] ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Aparte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Índice

[editar] Etimoloxía

O nome oficial do país[1] é Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), sendo Reino Unido a forma abreviada máis habitual. O nome foi proposto por primeira vez no Acta de Unión de 1707, na que os reinos de Inglaterra e Gales decidiron consituir un novo reino xunto con Escocia, o cal tería o nome de "Reino Unido de Gran Bretaña". Máis tarde, co Acta de Unión de 1800 a illa de Irlanda pasou a formar parte do país, polo que o nome cambiou a "Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda". En 1927, cando a República de Irlanda obtivo a súa independencia, o país obtivo o seu nome actual "Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte".

A miúdo é denominado polo nome da illa que comprende a maior parte do seu territorio, Gran Bretaña,[2] ou tamén, por extensión, polo nome dun dos seus países constituíntes, Inglaterra. O xentilicio do Reino Unido, así como o da illa de Gran Bretaña é británico, aínda que tamén por extensión, en galego, adóitase usar na fala corrente o xentilicio inglés.

[editar] Historia

Artigo principal: Historia do Reino Unido.

[editar] Antes de 1707

Véxase tamén: Historia de Inglaterra.

Os primeiros seres humanos anatomicamente modernos chegaron ao territorio no hoxe que hoxe se asenta o Reino Unido fai uns 30.000 anos. Ao final do período prehistórico británico, crese que a poboación pertencía, na súa meirande parte, a unha cultura chamada "céltica insular", que comprendía aos bretóns británicos e os gaels irlandeses. A conquista romana, a partir do ano 43 d.C., levou á creación da provincia romana de Britania, que durou 400 anos sur da illa. A era romana foi seguida por unha invasión de colonos xermánicos anglosaxóns, o que produciu que o territorio ocupado polos bretóns pasase a ser principalmente o que hoxe é Gales, emigrando no século V cara a Bretaña francesa e Galicia. A rexión poboada polos anglosaxóns unificouse como Reino de Inglaterra cara o século X. Mentres tanto, o gaélico falantes do noroeste de Gran Bretaña (Dál Riata), con conexións co nordeste de Irlanda e, onde tradicionalmente se supón que emigraron no século V, uníronse aos pictos para crear o Reino de Escocia no século IX.

En 1066 os normandos invadiron Inglaterra e, despois da súa conquista, apoderáronse de gran parte de Gales e Irlanda, e asentáronse en Escocia, introducindo en cada país o modelo feudal do norte francés e a cultura franco-normanda. As elites normandas influenciaron moito ás culturas locais, aínda que tamén asimilando. Posteriormente os reis medievais ingleses completaron a conquista do País de Gales e fixeron unha tentativa, finalmente infrutuosa, de anexar Escocia. A partir de entón, os escoceses mantiveron a súa independencia, aínda que en constante conflito con Inglaterra. Os monarcas ingleses, a través da herdanza de importantes territorios en Francia e reclamación polo trono francés, estiveron tamén involucrados en conflitos en Francia, sendo o máis coñecido a Guerra dos Cen Anos.

A Idade Moderna viviu un conflito relixioso como resultado da Reforma e a introdución das igrexas protestantes estatais en cada país. Gales incorporouse totalmente no Reino de Inglaterra, e Irlanda constituíuse nun reino de unión persoal coa coroa inglesa. No territorio que no futuro se convertería en Irlanda do Norte, as terras da independente nobreza católica gaélica foron confiscadas e entregadas a colonos protestantes de Inglaterra e Escocia. En 1603, os reinos de Inglaterra, Escocia e Irlanda ficaron unidos baixo unha unión persoal, cando Xacobe VI, rei dos escoceses, herdou as coroas de Inglaterra e Irlanda, e trasladou a corte de Edimburgo a Londres. Porén, cada un dos países seguía a ser unha entidade política separada, mantendo as súas propias institucións políticas. Na segunda metade do século XVII, os tres reinos involucráronse nunha serie de guerras entre eles (incluíndo a Guerra Civil inglesa), que levaron ao derrocamento temporal da monarquía e o establecemento dunha república unitaria de curta duración, a Mancomunidade (Commonwealth) de Inglaterra, Escocia e Irlanda. Con todo, a monarquía foi restaurada e, a diferenza de gran parte do resto de Europa, sen prevalecer o absolutismo real, grazas á Revolución Gloriosa. A Constitución Británica desenvólvese sobre a base dunha monarquía constitucional e un sistema parlamentario. Durante este período (en plena era dos descubrimentos), particularmente en Inglaterra, desenvolveuse un gran poder naval dirixido ao asentamento e a anexión de colonias de ultramar, sobre todo en América do Norte.

[editar] Despois da Lei de Unión de 1707

O 1 de maio de 1707, foi creado o Reino de Gran Bretaña coa unión política dos Reinos de Inglaterra e Escocia como resultado do Tratado de Unión asinado o 22 de xullo de 1706, e a súa ratificación polos parlamentos de ambos países, dando paso á o Acta de Unión de 1707, isto sucedeu nun tempo no que Escocia estaba na ruína económica; e a decisión foi pouco popular na ampla poboación escocesa. Os Reinos de Inglaterra e Escocia, xunto co Reino de Irlanda, xa compartían o mesmo rei dende a Unión das Coroas de 1603, cando Xacobe VI de Escocia herdou o reino inglés e irlandés, trasladando a súa corte dende Edimburgo a Londres.

No seu primeiro século, o Reino Unido xogou un importante rol no desenvolvemento das ideas occidentais do sistema parlamentar así como facendo importantes contribucións á literatura, ás artes e as ciencias. Ademais os británicos lideraron a Revolución Industrial, que transformou ao Estado alimentando ao crecente Imperio Británico. Durante este tempo o Reino Unido, ao igual que outras grandes potencias, estivo involucrado na explotación colonial, incluíndo o tráfico de escravos. Con todo, foi o propio Reino Unido uns dos pioneiros na prohibición do tráfico humano coa Acta para a Abolición do Comercio de Escravos de 1807. As colonias en América do Norte eran o principal foco da actividade colonial británica. Con todo, as súas perdas logo da guerra da independencia americana, dirixiron a súa ambición imperial a outras partes do mundo, especialmente nas Indias.

En 1800, en plena guerra contra Francia, os Parlamentos de Gran Bretaña e de Irlanda aprobaron unha Lei de Unión que unía aos dous reinos creando o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda. A unión fíxose efectiva o 1 de xaneiro de 1801. Esta tamén foi unha decisión impopular, levándose a cabo xusto despois da infrutuosa Rebelión dos Irlandeses Unidos de 1798. A ocasión elixida para esta unión, cando se temeu unha intervención ou invasión napoleónica, foi debida sobre todo a problemas de seguridade.

Despois da derrota de Francia nas guerras revolucionarias e napoleónicas (1792-1815), o Reino Unido xurdiu como a principal potencia naval e económica do século XIX (con Londres como a cidade máis grande do mundo entre 1830 e 1930) manténdose como unha das primeiras potencias até mediado o século XX. Invicta no mar, Gran Bretaña adoptou o papel de policía global, un estado das cousas máis tarde coñecido como a Pax Britannica. Tamén foi un período de rápidos crecemento económico, colonial e industrial. Gran Bretaña foi descrita como o "taller do mundo", e o Imperio Británico expandiuse para incluír á India, gran parte de África, e moitos outros territorios en todo o mundo. Xunto co control formal que se exerce sobre as súas propias colonias, a posición dominante de Gran Bretaña no comercio mundial significou o seu control efectivo sobre a economía de outros moitos países, como a China, Arxentina e Tailandia. No plano interno, produciuse un cambio ao libre comercio. O país experimentou un aumento enorme poboación durante o século, acompañado dunha rápida urbanización, o que resultou en importantes tensións sociais e económicas. A finais do século, outros estados comezaron a desafiar o dominio industrial de Gran Bretaña.

O Reino Unido, xunto co Imperio Ruso, Francia e,despois de 1917, os Estados Unidos, foi unha das grandes potencias que se opuxeron ao Imperio Alemán e os seus aliados na Primeira Guerra Mundial (1914-1918). Despois da contenda, o país sufriu un número estimado de dous millóns de mortes e terminou cunha enorme débeda nacional. Despois da guerra o Reino Unido recibiu o control da Liga das Nacións sobre as ex-colonias alemás e otomás, polo que o Imperio Británico ampliouse até a súa maior extensión, que abarcaba unha quinta parte da superficie mundial e un cuarto da súa poboación. Con todo, o auxe do nacionalismo irlandés e as disputas sobre os termos da Acta de Goberno de Irlanda, nos termos da autonomía irlandesa, levaron finalmente á partición da illa en 1921, no independente Estado Libre Irlandés e en Irlanda do Norte, parte do Reino Unido. Como resultado disto a nomenclatura do Reino Unido foi cambiada en 1927 adoptando o actual nome de Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte. A Gran Depresión (1929-1932) produciuse nun momento no que o Reino Unido aínda estaba lonxe de recuperarse dos efectos da guerra, o que levou a unha inestabilidade política e social.

O Reino Unido foi unha das principais forzas dos aliados na Segunda Guerra Mundial. Despois da derrota dos seus aliados europeos no primeiro ano da guerra, o Reino Unido continuou loitando contra Alemaña, sobre todo na Batalla de Inglaterra e na do Atlántico. Despois da vitoria, o Reino Unido foi un dos tres grandes poderes que se reuniron para planear o mundo da posguerra. A guerra deixou de novo ao Reino Unido financeiramente danado. Con todo, a axuda do Plan Marshall e os préstamos dos Estados Unidos e Canadá, axudaron aos británicos a comezar a súa recuperación.

O goberno laborista dos primeiros anos da posguerra iniciou un programa radical de cambios que tiveron un impacto significativo na sociedade británica durante as seguintes décadas. No plano interno, as principais industrias e empresas de servizos públicos foron nacionalizadas, foi establecido un estado social, cun amplo sistema de financiamento público da saúde. En resposta á aparición de nacionalismos locais, iniciouse unha política de descolonización coa concesión da independencia á India e Paquistán en 1947. Durante o próximas tres seguintes décadas a moitos dos territorios do Imperio obtiveron a súa independencia, e algúns convertéronse en membros soberanos da Mancomunidade Británica de Nacións.

A pesar dos novos límites da post-guerra, o papel político de Gran Bretaña foi ilustrado na Crise de Suez de 1956, con todo, o Reino Unido, converteuse nun dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e foi o terceiro país en desenvolver un arsenal de armas nucleares coa súa primeira proba da bomba atómica en 1952. A difusión internacional da lingua inglesa asegurou tamén a continuación da influencia internacional da súa literatura e a cultura, mentres que dende a década de 1960 a súa cultura popular tamén se atopa a influenciada polo resto de culturas do mundo. Como resultado dunha escaseza de traballadores na década de 1950, o goberno británico animou a inmigración procedente de países da Commonwealth, transformando así ao Reino Unido nunha sociedade multi-étnica nas seguintes décadas. En 1973, o Reino Unido uniuse á Comunidade Económica Europea, e cando a CEE se converteu na Unión Europea en 1992, foi un dos seus doce membros fundadores. Dende a década de 1960 Irlanda do Norte sufriu a violencia entre comunidades e os grupos paramilitares, que ás veces afectando a outros lugares doo Reino Unido e a República de Irlanda. Polo xeral considérase que o conflito armado terminou co Acordo do Venres Santo de Belfast en 1998.

Tras un período de desaceleración económica mundial e loita industrial na década de 1970, o goberno conservador da década de 1980, con Margaret Thatcher como Primeira Ministra, iniciou unha política radical de liberalización, especialmente do sector financeiro, mercados de traballo flexibles, venda de empresas estatais (privatización), e a eliminación dos subsidios. Asistido por, a partir de 1984, pola afluencia de importantes ingresos do Mar do Norte, o Reino Unido experimentou un período de importante crecemento económico. A finais do século XX houbo cambios importantes no goberno do Reino Unido co establecemento de administracións nacionais descentralizadas en Irlanda do Norte, Escocia e Gales, e a incorporación estatuaria da Convención Europea de Dereitos Humanos. Na década de 2000 destacou a controversia xerada ao redor de despregamentos militares no estranxeiro, especialmente de Iraq e Afganistán.

[editar] Xeografía

O Reino Unido da Gran Bretaña e do Norte de Irlanda é un país da Europa occidental. O país está formado pola illa de Gran Bretaña (maior parte de Inglaterra, Escocia e Gales) e o norleste da illa de Irlanda (Irlanda do norte), xunto con outras illas menores. O Reino Unido atópase principalmente entre os 49° e 59° N de latitude (as Illas Shetland chegan ós 61° N), e os 8° O e 2° L de lonxitude. O Royal Greenwich Observatory, situado preto da cidade de Londres, é o punto definitorio do Meridiano de Greenwich. O Reino Unido ten unha superficie total de 245.000 km².

Sitúase entre o océano atlántico norte e o Mar do Norte, atopándose a 35 km da costa de Francia, da cal está separada pola Canle da Mancha. Irlanda do Norte comparte 360 km coa República de Irlanda. O Eurotúnel une na actualidade o Reino Unido con Francia.

[editar] Cidades

As capitais dos países que forman o Reino Unido son Belfast (Irlanda do Norte), Cardiff (Gales), Edimburgo (Escocia) e Londres (Inglaterra).

[editar] Composición

Este reino está formado por 4 nacións: Inglaterra, Escocia e País de Gales (Illa da Gran Bretaña) e Irlanda do Norte (Illa da Irlanda). Inclue tamén territorios que non pertencen a ningunha destas nacións, como a Illa de Man e as Illas do Canal (ou Illas Anglo Normandas), e varias posesións espalladas polo mundo:

[editar] Política

Artigo principal: Política do Reino Unido.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria coa Sabela II do Reino Unido como xefe de Estado. O monarca do Reino Unido tamén é o xefe de Estado doutros quince países que forman parte da Mancomunidade das Nacións. A coroa británica tamén ten soberanía sobre a Illa de Man e os bailiazgos de Xersei e Guernsey. Colectivamente, estes tres territorios son coñecidos como Dependencias da Coroa, que están baixo a soberanía do monarca británico, pero non forman parte do Reino Unido, nin tampouco da Unión Europea. Con todo, o Parlamento do Reino Unido ten a autoridade para lexislar nelas, e o Goberno británico encárgase da súa defensa e relacións exteriores.

O seu modelo constitucional baséase, ante todo, no chamado Dereito Estatutario (Statute Law) cuxa elaboración é idéntica ás leis ordinarias e só se diferencian, e acadan o carácter de constitucionais, por razón da materia que tratan. A outra fonte importante é a xurisprudencia. Gran Bretaña é a terra de orixe do sistema xurídico chamado Common Law.

Con todo, o goberno efectivo corresponde a un Gabinete dirixido polo Primeiro Ministro, quen en teoría son designados pola Raíña, con todo na práctica son elixidos pola Cámara dos Comúns. O Gabinete ten responsabilidade ante esta cámara.

O Poder Lexislativo reside no Parlamento, o cal é bicameral e está composto por dúas asembleas, a Cámara dos Comúns, composta por membros electos popularmente, e a Cámara dos Lores, composta por membros de dereito propio.

En canto ao poder xudicial, aínda que non existe unha Corte Suprema, as funcións de vixilancia dos órganos xurisdicionais son asumidas polos Lores Maxistrados pertencentes á Cámara dos Lores.

[editar] Organización territorial

O Manchester Town Hall é a sede do Consello da Cidade de Manchester

O Reino Unido está formado por catro países constituíntes -Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte- que teñen distintos sistemas de subdivisións cuxa orixe remóntase previo á formación do Reino Unido. Recentemente, a responsabilidade do goberno local é descentralizada para Escocia, Gales e Irlanda do Norte, pero non para Inglaterra xa que non conta cun parlamento descentralizado como o teñen os demais países constituíntes.

En Inglaterra, a lexislación correspondente á organización territorial é deber do Parlamento e do Goberno do Reino Unido, xa que Inglaterra non conta cun parlamento descentralizado. Dende 1994 Inglaterra está dividida en primeiro nivel en 9 rexións. Unicamente a rexión do Gran Londres ten unha asemblea e un alcalde elixidos directamente -dende o ano 2000-, logo da aprobación popular dun referendo en 1998 que creou a Autoridade do Gran Londres. Propúxose que as rexións restantes tamén tivesen unha asemblea rexional elixida, pero trala negativa á creación destas no norte de Inglaterra nun referendo en 2004 retirouse esta opción. Baixo o nivel rexional, Gran Londres está dividida en 32 concellos (boroughs) máis a City de Londres, e o resto de Inglaterra está dividido en condados metropolitanos e non metropolitanos .que á súa vez divídense en distritos-, ou en autoridades unitarias.

Irlanda do Norte, dende 1973, atópase dividida administrativamente en 26 distritos, cada un con candanseu consello elixido por voto persoal transferible e con poderes limitados a recoller desperdicios, control de perros e o mantemento de parques e cemiterios.[3] Porén, o 13 de marzo de 2008, o Executivo de Irlanda do Norte aceptou a proposta pra creares 11 novos consellos pra remprazar o sistema actual,[4] que consistirán en combinacións dos 26 existentes.[5] Pra facilitar este troco, as vindeiras eleccións locais serán o ano 2011.[6]

[editar] Economía

Artigo principal: Economía do Reino Unido.
Londres é o meirande centro financeiro europeo e o terceiro xunto Nova York e Toquio.[7]

O Reino Unido é unha das principais nacións industriais e comerciais do mundo. En termos do seu produto interior bruto (PIB), é o quinto no mundo logo dos Estados Unidos, Xapón, Alemaña e China, xunto con Francia. En 2006 o PIB do Reino Unido foi de 2,4 billóns de dólares, o que equivale a 41.500 dólares per cápita.

Trala Segunda Guerra Mundial e a perda progresiva das colonias, o país retomou o rumbo como potente economía mantendo unha dobre alianza que dura ata os nosos días: non perdeu a súa mirada económica sobre Europa, pero ao mesmo tempo reforzou as súas relacións comerciais cos Estados Unidos que tralo conflito exerce como primeira potencia mundial. Este papel económico permitiulle manter un sólido e constante desenvolvemento ao longo da segunda metade do século XX.

Como en todos os países altamente desenvolvidos, os principais factores en contra da economía do Reino Unido represéntano os altos salarios e a forte presenza nos sectores de manufacturas e industria pesada dos países emerxentes, sobre todo China (Taiwán), India e Corea do Sur.

O petroleo e o gas do mar do Norte suplen as necesitades enerxéticas do Reino Unido

A agricultura representa tan só o 1% do PIB e está fortemente mecanizada. Na industria, as principais actividades son a maquinaria, o material de transporte (vehículos, ferrocarrís e maila aeronáutica) e os produtos químicos. Na minería as tradicionais minas de carbón situadas en Yorkshire, Gales, Escocia e Lancashire forneceron ás centrais térmicas británicas a achegando a enerxía necesaria para o desenvolvemento económico. Co petróleo descuberto en 1970 no Mar do Norte é o segundo produtor europeo tras Noruega. O sector servizos é o que máis aporta ao PIB do país, destacando entre eles a Bolsa e os servizos financeiros banca e compañías de seguros.

Malia estaren integrado na UE, o chamado "euroescepticismo" tradicional dos británicos manteno fóra da eurozona, sendo divísa do país a Libra esterlina. Existiu un compromiso do ex-Primeiro Ministro Tony Blair pra celebrares un referendo que determinase se o Reino Unido integrábase ou non na moeda única.

[editar] Demografía

Artigo principal: Demografía do Reino Unido.

[editar] Poboación, emigración e etnicidade

As poboacións e a porcentaxe total das catro nacións que compoñen o Reino Unido

O censo británico do mes de abril de 2001, achegaba unha poboación total no Reino Unido de 58.789.194, sendo o terceiro país máis poboado da Unión Europea (despois de Alemaña e Francia), o quinto na Commonwealth e o vixésimo primeiro do mundo. A mediados do ano 2006, a poboación subira ata chegar aos 60.587.300.[8] Este crecemento foi debido, en parte á inmigración e ao medre da taxa de natalidade e a esperanza de vida dos británicos.[9]

A mediados de 2006, a poboación de Inglaterra estimábase nuns 50.762.900 de habitantes, constituíndo un dos países máis densamente poboados do mundo, con 383 habitantes por quilómetro cadrado.[10] Aproximadamente un cuarto da poboación do RU vive na próspero surleste de Inglaterra predominantemente urbano e semiurbano,[11] dos cales 7.517.700 viven na capital, Londres.[12]

O censo de mediados de 2006, estimou que Escocia tiña unha poboación de 5.116.900, Gales 2.965.900 e Irlanda do Norte 1.741.600[13] países cunha densidade moito menor ca Inglaterra. Comparando as densidades de poboación: en Inglaterra habitan 383 hab./km², fronte aos 142 de Gales, os 125 de Irlanda do Norte e os 65 de Escocia.

No ano 2007, a taxa media de fertilidade ao longo do RU era de 1,90 fillos por muller.[14] Mentres co crecemento da fertilidade está a elevar a poboación do país, as taxas de fecundidade seguen por baixo do 2,1 necesario pra sustitución xeracional, aínda así as cifras superan o record rexistrado no ano 2001 cando a taxa era do 1,63.[14] Inglaterra e Gales teñen respectivamente taxas de 1,92 e 1,90. Escocia posúe a menor taxa de fecundidade con 1,73 fillos por muller, mentres Irlanda do Norte posúe a maior con 2,02 fillos por muller.[14] Durante os anos 60 o RU viviu un 'baby boom' chegando a taxa aos 2,95 fillos por muller en 1964.[14] A taxa de fecundidade e maior entre as mulleres nadas no estranxeiro cá entre as británicas, malia seren as taxas das derradeiras as que están medrando no últimos anos.[14]

[editar] Cidades máis poboadas (2001)

Listaxe Cidade País constituínte Pob. Listaxe Cidade País constituínte Pob.

London
Londres
Birmingham
Birmingham
Manchester
Manchester

1 Londres Inglaterra 7.172.091 11 Coventry Inglaterra 303.475
2 Birmingham Inglaterra 970.892 12 Kingston upon Hull Inglaterra 301.416
3 Glasgow Escocia 629.501 13 Bradford Inglaterra 293.717
4 Liverpool Inglaterra 469.017 14 Cardiff Gales 292.150
5 Leeds Inglaterra 443.247 15 Belfast Irlanda do Norte 276.459
6 Sheffield Inglaterra 439.866 16 Stoke-on-Trent Inglaterra 259.252
7 Edimburgo Escocia 430.082 17 Wolverhampton Inglaterra 251.462
8 Bristol Inglaterra 420.556 18 Nottingham Inglaterra 249.584
9 Manchester Inglaterra 394.269 19 Plymouth Inglaterra 243.795
10 Leicester Inglaterra 330.574 20 Southampton Inglaterra 234.224
Censo 2001

[editar] Grupos étnicos

Os actuais británicos descenden da mistura de diversos poboacións que se instalaron nas illas no pasado, principalmente preceltas, celtas, romanos, Anglosaxóns e Normandos. A partires de 1945, o país recibiu grandes contixentes de persoas provintes das antigas colonias británicas de África, o Caribe e Asia meridional. A partires do ano 2004 o país recibiu grandes fluxos de inmgrantes da Europa central e do leste, aínda que, dende o ano 2008 esta tendencia estase revirtindo.[15] No censo británico de 2001, o 92,1% da poboación identificábase como branca, identificándose o 7,9% restante[16] como minoría étnica ou raza mixta.

Grupo étnico Poboación  % do total*
Brancos 54.153.898 92,1%
Multirracial 677.117 1,2%
Indios 1.053.411 1,8%
Paquistaníes 747.285 1,3%
Bangladeshíes 283.063 0,5%
Outros asiáticos (non chineses) 247.644 0,4%
Negros do caribe 565.876 1,0%
Africanos 485.277 0,8%
Negros (outros) 97.585 0,2%
Chineses 247.403 0,4%
Outros 230.615}} 0,4%
* Porcentaxe da poboación do Reino Unido

A diversidade étnica varía moito segundo o lugar do Reino Unido. O 30,4% da poboación de Londres[17] e o 37,4% de Leicester [18] pertencía a un grupo étnico distinto do branco segundo o censo de xuño de 2005, mentres menos do 5% da poboación de norleste de Inglaterra, Gales e o suroeste de Inglaterra pertencía a unha minoría étnica.[19] Segundo o censo de 2007, o 22% dos estudantes de primaria e o 17,7% de secundaria asistentes a escolas públicas en Inglaterra, pertencían a minorías étnicas.[20][21]

[editar] Linguas

Países onde o inglés tem status de lingua oficial de facto ou de jure

Aínda que o Reino Unido non teña unha lingua oficial de jure, a lingua máis falada é o inglés, unha lingua xermánica occidental descendente do inglés antigo e que posúe un importante sustrato do Noruegués antigo, francés normando e do latín. A lingua inglesa foi espallada polo mundo (principalmente debido ao Imperio Británico) e tornouse a lingua franca contemporánea. En todo o mundo, é falada por máis de 508,000,000 millóns de falantes coma segunda lingua.[22]

As outras linguas indíxenas do Reino Unido son o escocés (próximo ao inglés) e catro linguas celtas. As últimas divídense en dous grupos: as linguas P-celtas (o galés e o córnico); e as Q-celtas (irlandés e o gaélico escocés). No norte de Inglaterra aínda pervive a influencia da extinta lingua cúmbrica, falada na zona fai séculos, sendo empregada aínda como sitema pra contar as ovellas (vexa Yan Tan Tethera). No censo de 2001 mais dun quinto (21%) da poboación do País de Gales dicía falar o galés,[23] o que constitúe un crecemento no número de falantes fronte o censo de 1991 (18%).[24] No resto do país existen uns 200.000 falantes do galés, principalmente en Inglaterra.[25]

Estrada bilingüe en Gales

O galés e mailo gaélico escocés tamén son falados por pequenas comunidades noutras partes do mundo, entre estas comunidades destacan a de Nova Scotia, Canadá, onde se fala o gaélico escocés e a da Patagonia, Arxentina, onde hai unha activa comunidade galesa.

As linguas dos inmigrantes son faladas polo 10% da poboación do Reino Unido, o francés é falado polo 2,3% da poboación, o 1,0% fala o polaco reflexo da recente inmigración polaca ao Reino Unido. O 0,9% falan o alemán e o 0,8% o castelán. A maioría das outras linguas estranxeiras faladas no Reino Unido son orixinarías de Europa, Asia e África. A maior parte dos inmigrantes que viven no Reino Unido proveñen de países anglófonos (tales como Nixeria, Xamaica, Hong Kong e Filipinas), motivo polo cal non hai unha grande diversidade lingüística entre algunhas comunidades de minorías étnicas do país.

Ao longo do Reino Unido, é xeralmente obrigatorio para os rapaces o estudo dunha segunda lingua ata os 14 anos en Inglaterra e os 16 anos en Escocia. O francés e o alemán son as dúas segundas linguas máis faladas nos países de Inglaterra e Escocia, mentres có galés é a segunda lingua principal no País de Gales. Segundo unha enquisa do 2003, o 89% dos británicos posúe un nivel básico de francés, mentres có 23% pode manexarse no alemán. Outras linguas que populares no país son o castelán, 7%, e o ruso, 0,5%.

[editar] Notas

  1. No Reino Unido e as súas dependencias, outras linguas ademais do inglés son recoñecidas como linguas rexionais. Nalgunhas delas o nome oficial do Reino Unido é:
    • En córnico: Rywvaneth Unys Breten Veur ha Kledhbarth Iwerdhon.
    • En escocés: Unitit Kinrick o Great Breetain an Northren Irland.
    • En gaélico escocés: Rìoghachd Aonaichte na Breatainne Mòire is Èireann a Tuath.
    • En galés: Teyrnas Unedig Prydain Fawr a Gogledd Iwerddon.
    • En irlandés: Ríocht Aontaithe na Breataine Móire agus Thuaisceart Éireann.

[editar] Notas

  1. The Treaty of Union
  2. Dicionario da RAG
  3. BBC News NI local government set for shake-up (inglés).
  4. Ejecutivo de Irlanda del Norte Foster announces the future shape of local government (inglés).
  5. Ejecutivo de Irlanda del Norte The Review of Public Administration in Northern Ireland, Further Consultation (inglés).
  6. Northern Ireland Office Local Government elections to be aligned with review of public administration (inglés).
  7. London's place in the UK economy, 2005–06 (PDF). City of London. Consultado o 2008-03-11.
  8. UK population approaches 60 million
  9. Rising birth rate, longevity and migrants push population to more than 60 million
  10. Population National Statistics
  11. Census 2001: South East Office for National Statistics
  12. All people population: City of London
  13. UK population grows to 60.6 millionNational Statistics Online, Population estimates
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Fertility: Rise in UK fertility continues Office for National Statistics
  15. 'Why I left UK to return to Poland', BBC News
  16. Ethnicity: 7.9% from a non-White ethnic group Office for National Statistics
  17. Resident population estimates by ethnic group (percentages): London Office for National Statistics
  18. Resident population estimates by ethnic group (percentages): Leicester Office for National Statistics
  19. title=Census 2001 - Ethnicity and religion in England and Wales Office for National Statistics
  20. Schools and Pupils in England, January 2007
  21. One fifth of children from ethnic minorities The Daily Telegraph
  22. English language
  23. http://www.statistics.gov.uk/CCI/nugget.asp?ID=447&Pos=6&ColRank=1&Rank=192
  24. http://www.statistics.gov.uk/downloads/theme_compendia/fow/WelshLanguage.pdf
  25. O galés hoxe segundo o Prof. Peter Wynn Thomas www.bbc.co.uk

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas