Cristianismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Sermón da Montaña.

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufríu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Crucifixión

Índice

Crenzas [editar]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de:
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de:

Aínda que hai moitas diferenzas importantes na interpretación da Biblia, os cristiáns comparten unha serie de crenzas que consideran esenciais para a súa fe.

Os Credos [editar]

Artigo principal: Credo.

Os Credos (do latín credo, "creo") son confesións doutrinais concisas, usualmente de crenzas relixiosas. Naceron como fórmula bautismal e expandíronse durante as discusións cristolóxicas dos séculos IV e V para pasar a ser declaracións de fe.

O Credo dos Apóstolos (Symbolum Apostolorum) foi desenvolto entre os séculos II e IX. É o Credo máis empregado na liturxia polo cristianismo occidental. Xa que o Credo non se veu afectado por divisións cristolóxicas posteriores, as súas posicións sobre diferentes artigos da fe cristiá seguen a ser aceptábeis para a inmensa maioría das denominacións cristiás:

O Credo niceno, unha resposta ao arianismo, foi formulado nos Concilios de Nicea e Constantinopla en 325 e 381 respectivamente e ratificado como o Credo universal da Cristiandade polo Primeiro Concilio de Éfeso en 431.

Xesús Cristo [editar]

Representación de Xesús como un neno coa súa nai, María, a Nai de Deus de Vladimir. Século XII, Rusia.

O principio central do cristianismo é a crenza en Xesús de Nazaret como o Fillo de Deus e o Mesías (Cristo). O título "Mesías" ven da verba hebrea מָשִׁיחַ (māšiáħ), que significa "o unxido". A tradución grega Χριστός (Christós) é de onde provén a verba galega "Cristo".

Os cristiáns cren que Xesús, como Mesías, foi unxido por Deus para salvar aos homes dos seus pecados, e manteñen que en Xesús cumpríronse as profecías mesiánicas do Antigo Testamento. A crenza central do cristianismo é que a través da crenza e aceptación da morte e resurrección de Xesús, a humanidade ferida polo pecado orixinal pode reconciliarse con Deus e xa que logo pode salvarse e obter a promesa da vida eterna.

Aínda que hai moitas diferenzas teolóxicas sobre a natureza de Xesús, xeralmente os cristiáns cren que Xesús é Deus encarnado e "verdadeiro Deus e verdadeiro home" (plenamente divino e plenamente humano). Xa que Xesús fíxose humano, sufriu as dores e tentacións como calquera home, pero non pecou. Ao ser Deus, volveu á vida.

Confesións [editar]

Os aproximadamente 2.000.000.000 de cristiáns (33% da poboación mundial) agrúpanse, principalmente, en tres correntes:

Historia [editar]

Primeiros anos [editar]

Nun principio, o cristianismo foi unha división dentro do xudaísmo, constituída polos seguidores de Xesús de Nazaret. Pouco a pouco, foise separando da doutrina xudía e foi acollendo a pagáns; Isto supuxo un factor de división entre os cristiáns máis conservadores -que defendían que os pagáns debían facerse xudeus antes que cristiáns- e o grupo liderado por Paulo de Tarso, que finalmente rematou imperando. Durante os primeiros séculos da historia cristiá, foise, pouco a pouco, establecendo unha certa xerarquía. Neste tempo, xurdiron as primeiras herexías ou desviacións do dogma orixinal.

As herexías nos séculos III e IV [editar]

Arrio, na doutrina coñecida como Arianismo, defendía que o Fillo era inferior ó Pai, situándose nun punto intermedio entre humano e divino. Esta crenza condenouse no Concilio de Nicea. Nestorio defendía que Cristo non era verdadeiramente Deus. A súa doutrina, o Nestorianismo, foi condenada no Concilio de Éfeso. No Concilio de Calcedonia condenouse o Monofisismo, que consistía na crenza en que, en Cristo, a natureza humana e divina se mesturaron.

Legalización [editar]

Co Edicto de Milán, en 313, o emperador Constantino I proclama a liberdade de culto no Imperio Romano; á súa morte bautízase, dándolle así un rango privilexiado á Igrexa Católica. No ano 391, Teodosio I prohibe o culto pagán e proclama o Cristianismo como relixión oficial do Imperio.

O Cisma de Oriente [editar]

Considérase que o Cisma de Oriente tivo lugar no ano 1054, pero as súas causas atópanse varios séculos atrás. Ata entón, as igrexas de Oriente e Occidente fóranse afastando ó longo dos anos debido a criterios culturais e políticos. A principal causa da división entre a Igrexa Católica e a que despois recibiría o nome de Igrexa Ortodoxa débese, principalmente, á inclusión da cláusula filioque ("e o fillo") no credo de Nicea. Esta inclusión supuña a afirmación de que o Espírito Santo procedía tanto do Pai coma do Fillo, algo que en Oriente non era aceptado.

A Igrexa na Idade Media [editar]

A Idade Media considérase, tradicionalmente, como o período de esplendor da Igrexa e do Cristianismo, que pasaron a afectar a tódolos estratos da sociedade. Isto debeuse, sobre todo, ó forte contacto producido entre a Igrexa e o poder secular (que non estivo exento de roces, coma o acontecido na Querela das Investiduras), que tamén estivo relacionado co Cisma de Occidente.

O Cisma de Occidente [editar]

Foi unha división producida na Cristiandade occidental. En 1305, os papas marcharon da súa tradicional residencia en Roma a Aviñón, Francia. Alí permaneceron ata 1378, cando Gregorio IX decidiu volver a Roma. Á morte de Gregorio, escolleuse un novo papa, Urbano VI. A súa selección non agradou a grandes sectores da Igrexa, polo que elixiron un segundo papa, Clemente VII, que pasou a residir en Aviñón. A situación con dous papas, un vivindo en Roma e o outro en Aviñón, continuou durante anos, ata que, en 1408, o Concilio de Pisa quixo solucionala escollendo un terceiro papa. Pero, ó non abdica-los outros dous, a Cristiandade occidental pasou a ter tres papas. Esta división rematou co Concilio de Constanza en 1417

A Idade Moderna: Reforma e Contrarreforma [editar]

Martín Lutero

A Reforma protestante foi un movemento dentro do Cristianismo dirixido por Martín Lutero, monxe agostiño profesor na Universidade de Wittenberg que escribiu as 95 Teses que tiñan como finalidade a reforma da Igrexa e, sobre todo, a eliminación das indulxencias. A finais de 1517, Martín Lutero distribuíu estas Teses entre as autoridades relixiosas da época.

Estas ideas estendéronse rapidamente por toda Alemaña grazas á imprenta e, paralelamente, xurdiron outros movementos protestantes en Suíza (creados por Huldrych Zwingli), algo máis radicais có de Lutero, e que perviven hoxe (Anabaptistas)

A raíz de todo isto, Martín Lutero foi excomungado polo Papa León X, que condenou terminantemente tódolos aspectos da Reforma. Porén, grazas ós traballos de Martín Lutero e Calvino, o protestantismo estendeuse por Alemaña, Suíza, Escocia, Hungría e moitas outras zonas de Europa.

En Inglaterra, Henrique VIII separouse da Igrexa de Roma e fundou a Igrexa anglicana, que se considera protestante aínda que ten moitos aspectos en común coa Igrexa católica.

A Reforma protestante fixo evidente a necesidade dunha reforma dentro da Igrexa Católica. Esta, que se produciu grazas ó Concilio de Trento (1545-1563) convocado polo papa Paulo III, recibiu o nome de Contrarreforma. O Concilio rexeitou a Reforma protestante e estableceu que:

O Papa Paulo III
  • A única interpretación correcta da Biblia era a da Igrexa. Calquera que se opuxese a ela era un herexe.
  • Para salvarse, facían falla tanto as obras como a fe, non só a fe (coma os protestantes defendían e defenden.
  • Tanto a Biblia como a Igrexa deben guiar a vida cristiá (non só a Biblia).
  • As indulxencias estaban permitidas.

Tamén tomáronse unha serie de medidas en relación co establecemento dunha maior disciplina dentro da Igrexa (moitos dos estratos da cal estaban cometendo excesos moi notables).

Ó longo dos séculos seguintes, e trala separación definitiva dos protestantes (non exenta de conflitos bélicos), a Igrexa foi perdendo progresivamente poder político.

Demografía [editar]

Artigo principal: Cristianismo por país.
Os países cun 50% ou máis de cristiáns están de cor púrpura, e os países con entre un 10% e un 50% de cristiáns levan cor rosa.
Nacións onde o cristianismo é a relixión do estado:      Cristianismo ortodoxo      Protestantismo e anglicanismo      Catolicismo

Cun número de seguidores de arredor 2.200 millóns de cristiáns, divididos en 3 grupos principais (católicos, ortodoxos e protestantes), o cristianismo é a relixión con máis crentes a nivel mundial. A proporción de cristiáns no mundo é dun 33% dende os últimos séculos. Isto, porén, agocha un dato importante, xa que o medre do cristianismo é maior nos países en vías de desenvolvemento (arredor de 23.000 ao da) é acompañado dun descenso no primeiro mundo, principalmente en Europa e América do Norte (arredor de 7.600 ao día).[1]

Notas [editar]

  1. Werner Ustorf. "A missiological postscript", in McLeod and Ustorf (eds), The Decline of Christendom in Western Europe, 1750-2000, (Cambridge University Press, 2003) pp. 219–20.