Sebastião José de Carvalho e Melo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato do Marqués de Pombal coa insignia da Orde de Cristo.

Sebastião José de Carvalho e Melo, primeiro Conde de Oeiras e Marqués de Pombal (Lisboa, 13 de maio de 1699Pombal, 8 de maio de 1782), diplomático e Primeiro Ministro do rei Xosé I de Portugal. É unha das figuras máis carismáticas e controvertidas da historia portuguesa. Representante en Portugal do Despotismo ilustrado, a súa obra política marca un tempo na historia de Portugal que se coñecerá como a época pombalina.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nado en Lisboa, nunha familia de fidalgos con raíces e casa petrucial en Pombal, estudou leis na Universidade de Coimbra e serviu durante pouco tempo no exército.

Pouco máis se sabe da súa vida, na que non parece haber unha ocupación destacada, ata que en 1738, xa con 39 anos, e en parte grazas a amistades da súa familia próximas ao rei Xoán V de Portugal, é nomeado embaixador en Londres. Non parece que fixera ningunha xestión destacada nesta misión diplomática, pero serveulle para coñecer os comezos da Revolución Industrial que despois tentará trasladar a Portugal.

A Misión en Viena[editar | editar a fonte]

Foi despois destinado a Viena, co encargo de mediar nas disputas que mantiñan o Imperio Austrohúngaro e a Santa Sé. A pesares das dificultades da empresa e dos cambios políticos, Pombal tivo un papel destacado e resolveu a misión con bastante éxito. E gañou ante a corte portuguesa un prestixio que tivo moito que ver co seu futuro político.

Primeiro ministro de Xosé I[editar | editar a fonte]

Chegado ao trono Xosé I, nomea a José de Carvalho como primeiro ministro. Neste posto irá aumentando cada vez máis o seu poder ata converterse nun auténtico valido que goberna segundo a súa vontade.

Características do seu goberno[editar | editar a fonte]

  • Un estilo de goberno despótico: Pombal impón as súas reformas e todo intento de oposición é aplastado.
  • Unha época reformista:
    • Esforzo pola modernización de Portugal.
    • Reforma do sistema educativo, desde a primeira ensinanza ata a Universidade.
    • Modernización económica, seguindo o modelo inglés.
    • Abolición da escravitude no Brasil
  • Enfrontamentos cos distintos estamentos, sobre todo a nobleza vella e a Igrexa.

O terremoto e a reconstrución de Lisboa[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Terremoto de Lisboa de 1755.
"O Marqués de Pombal amosando a reconstrución de Lisboa" por Louis-Michel van Loo, 1766.

O Día de Santos de [[1755] un terremoto de grao 9 na escala de Richter arrasou Lisboa e boa parte da fachada atlántica da Península Ibérica e norte de África. O terremoto, o tsunami posterior e o incendio que se declarou a consecuencia destes destruíron o 85% da cidade. Pombal, fiel ao seu estilo eficiente, despótico e reformista, dita normas para facer fronte á situación, conforme á frase que se lle atribúe "enterrar os mortos, socorrer os vivos e reconstruír".

As primeiras disposicións[editar | editar a fonte]

  • Ordena que o exercito tome a cidade, para previr delitos e vandalismo.
  • Prohíbe que os lisboetas supervivintes abandonen a cidade, co obxecto de contar con man de obra para todo o traballo que esperaba.
  • Ante a enorme cantidade de mortos, e para previr unha epidemia, ordena que sexan cargados en barcos e botados ao mar. O que motiva a oposición da Igrexa, que considera que este xeito de actuar priva aos defuntos dun enterro cristián.

Con estas medidas Pombal evitou un andazo, tan común entón nestas situacións e estivo en disposición de reconstruír en tempo moi breve.

A reconstrución[editar | editar a fonte]

Rua Augusta da Baixa lisboeta, pódese apreciar o tipo de deseño urbano e arquitectónico que impuxo o Marqués.

A zona afectada da cidade e que Pombal mandou reconstruír é o que se coñece hoxe como a Baixa pombalina ou simplemente A Baixa. Nun primeiro momento, Pombal deu ordes de que os propietarios reconstruíran os edificios ou os venderan a quen estivera en condicións de facelo, so pena de serenlles expropiados os terreos. Isto foi motivo de enfrontamento coa nobreza, que, en moitos casos, non dispoña de medios para reconstruír os seus pazos; ao tempo que permitiu a unha nacente burguesía que si tiña recursos facerse con novas propiedades. A reconstrución fíxose dun xeito coherente cos ideais do racionalismo: planta urbana trazada a escuadra, rúas amplas, prazas. Ademais, en cada mazá de casas había un pozo que fornecese de auga en caso de incendio. E as medianeiras entre casas eran máis altas que os tellados, para evitar que o lume se transmitise de casa en casa por eles.

Os edificios foron deseñados por arquitectos portugueses buscando a estrutura que mellor resistira aos terremotos. Para isto, fixéronse modelos a escala de distintas estruturas e fíxose desfilar arredor delas a compañías do exercito, simulando un terremoto, para comprobar cal era a máis resistente.

Pro tamén estes deseños foron motivo de disputas entre Pombal, a Igrexa e a nobreza. O Marqués dispuxo que tódolos edificios fosen iguais (alturas, disposición, fiestras, portas), sen facer distincións, incluso igrexas e pazos nobiliarios. Había dúas razóns para estas normas:

  • A idea de racionalidade e orde propia da época.
  • A uniformidade permitía construír pezas como portas e fiestras en serie e, polo tanto, abreviar o tempo de reconstrución.

As reformas pombalinas[editar | editar a fonte]

A reforma educativa[editar | editar a fonte]

A reforma da Universidade de Coimbra[editar | editar a fonte]

Na Universidade de Coimbra, promúlganse novos Estatutos en 1772, créanse dúas novas facultades (Matemáticas e Filosofía), amplíase o claustro de profesores, reformúlanse programas e lánzase un ambicioso programa de obras: Laboratorio Químico, Gabinete de Física, Observatorio Astronómico, Xardín Botánico, Museo de Historia Natural e Tipografía Académica.

Na reforma da Facultade de Medicina, seguíronse as teorías experimentalistas de Ribeiro Sanches, que levaron á fundación do Teatro Anatómico e do Dispensario Farmacêutico.[1]

A figura de Pombal na literatura e na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Na novela de Gonzalo Torrente Ballester, Filomeno, a mi pesar, a avoa portuguesa do protagonista ensínalle unha soa oración" "Que el Marques de Pombal arda en el infierno por los siglos de los siglos. Amén."
  • En Portugal é costume dicir simplemente "O Marqués" para referirse a el.
  • Corre a narración oral de que, cando a Compañía de Xesús foi restaurada e volveu a Portugal, alguén escribiu na súa tumba: "Acorda, que volveron!".

Notas[editar | editar a fonte]


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sebastião José de Carvalho e Melo Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Saraiva, José H. (1991), História concisa de Portugal, 14ª ed., Editorial Europa-América.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]