Castiñeiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Artigo nos seus primeiros pasos. Este artigo relacionado coa botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel e contribúe a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados coa botánica que precisan de revisión e nos que posibelmente tamén poidas contribuír. |
O castiñeiro común (Castanea sativa) é unha árbore caducifolia moi común nos montes de Galicia. A súa forte aclimatación ás terras e condicións galegas poden facer pensar que é unha especie autóctona, pero en realidade o seu espallamento data da época romana. Moitos destes exemplares teñen unha longa historia que se pode remontar aos cen anos. Tamén é moi común nos parques e cidades galegas o castiñeiro das bruxas ou das Indias (Aesculus hippocastanum), árbore ornamental caducifolia de xénero completamente diferente ao castiñeiro bravo e froito non comestíbel. Dise na cultura popular que o froito de esta última árbore ten propiedades máxicas contra o mal de ollo.
Índice |
[editar] Descrición
As follas son estreitas, alternas, coa beira moi dentada, peludas no envés cando son novas; miden entre 10 e 25 cm e teñen uns 20 pares de nervios. As flores masculinas distribúense ao longo dun eixo e as femininas (con sete a nove estilos) na base do amento, xeralmente en tríos dentro dunha roseta de espiñas.
Os froitos están recubertos por unha casca verde con espiñas (o ourizo) de até 4 cm de diámetro e preséntanse en grupos de dous ou tres. A época da recollida das castañas é novembro, e en Galicia celébrase co magosto.
A casca é lisa nos castiñeiros novos e esgrezada nos exemplares vellos.
[editar] Aproveitamento
O principal uso do castiñeiro é a obtención da súa madeira, moi valorada para fabricar móbeis, entarimados de chans, instrumentos, etc.
Outro dos aproveitamentos desta especie é a utilización do seu froito: empregouse tradicionalmente como fonte enerxética para a poboación en xeral, e mesmo como alimento para os animais (fundamentalmente porcos), mais perdeu o seu lugar de importancia na dieta cando chegou a pataca de América. Esta substitución e o papel alimenticio que tiña foron tan importantes que aínda hai hoxe lugares de Galicia onde lles chaman castañas ás patacas (igual que en francés se lles chama pommes-de-terre, "mazás da terra"). A castaña cómese cocida ou asada. O "marrón-glacé" é un doce con receita francesa que aumenta enormemento o valor engadido. En Galicia só hai unha fábrica deste produto, en Ourense.
Outros produtos tradicionais, como a augardente de castaña ou a crema de castañas, ou outros usos, como o reaproveitamento de biomasa, non conseguen frear a caída de produción e consumo desta especie que acompaña aos galegos desde hai dous milenios.
[editar] Ameazas
Hoxe en día moitos dos soutos están a ser arrasados polos madeireiros. Outra ameaza que sofre o castiñeiro é a "tinta", unha enfermidade de orixe chinesa causada por un protista oomiceto (Phytophtora cinnamomi) semellante a un fungo. Ataca ás árbores pouco a pouco manchándolles a madeira e diminuíndo o seu valor comercial. En Galicia, a enfermidade entrou pola localidade leonesa de Bembibre, a través de camións que traían madeira contaminada. O Centro de Investigación Forestais de Lourizán investiga dende hai anos na creación dun híbrido resistente á enfermidade, para a súa implantación nas zonas de maior importancia industrial (sur de Lugo e oriente de Ourense).
[editar] O castiñeiro e maila castaña na cultura popular galega
- Artigo principal: A castaña na cultura popular galega.
[editar] Refraneiro
- A castaña que está no camiño é do veciño.
- Cando vire-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
- Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
- O que non sabe a maña, non come castaña.
- Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.
- Temperá é a castaña que por setembro regaña.
[editar] Cantigueiro
- Teño un castaño moi alto,/ no tronco ten mil enredos,/ tampouco os anamorados/ poden te-los ollos quedos.