Afonso VI de León
| Este artigo ou sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2010.) |
| Monarcas de Galicia |
|---|
| Reino de Galicia |
Afonso VI, nado antes de xuño de 1040 e finado entre o 29 de xuño e o 1 de xullo de 1109, foi un nobre rei de León desde o 27 de decembro de 1065, de Galiza e de Castela a partir do 6 de outubro de 1072, foi coñecido co alcume O Bravo. Fillo de Fernando I, o Magno, (1035-1065) e de Sancha I de Galicia.
Índice |
Traxectoria [editar]
Á morte do seu pai en 1065, herdou del o Reino de León. Pouco despois de subir ao trono, quitou do poder ao seu irmán García I do Reino de Galiza (1071), só cinco anos despois de coroarse. Herdara o reino mellor organizado, as súas irmáns e máis a súa nai vivían na Corte e tiña todo o apoio da nobreza leonesa. Pero no ano 1068 entrou en conflito con Sancho II, rei de Castela, e tras a Batalla de Golpejera onde foi feito prisioneiro e exiliado a Toledo.
Trala morte do rei Sancho II, asasinado en Zamora, cando estaba cercando a cidade, volveu de Toledo cara a Zamora e León coas acusacións de instigar aquel asasinato. Pero Afonso non tiña rival algún no poder real, e necesitaba atar á nobreza castelá, polo que acudiu a Burgos, onde doce conxurados na famosa Xura de Santa Gadea, entre eles atopase o Cid Campeador que fanlle xurar solemnemente que non participara no asasinato do seu irmán o rei Sancho II, o que lle valeu o desterro de Castela.
A morte de Sancho IV de Navarra, Afonso toma a iniciativa e entra en Nájera, onde se fai cargo a través de diversas alianzas matrimoniais dos seus nobres das posesións de Navarra, incorporando por primeira vez ós nobres vascos, navarros e rioxanos nas empresas de conquista, e expandindo de forma considerábel o seu reino, obtendo o vasalaxe do rei Sancho Ramírez de Aragón, xa que este fora incorporando o seu reino a parte mais ampla, poboada e rica do reino pamplonés.
A reanudación das conquistas [editar]
En agosto do 1076, Afonso toma Sepúlveda. Pouco despois, os casteláns atravesan o río Douro, e toman Medina del Campo, Olmedo, Íscar, Coca e Cuéllar, e a medida que ían avanzando, foi necesario asegurar a alianza co rei de Toledo, xa que os Reinos Taifas entraran nunha dinámica de inestabilidade. Foi nestas campañas, cando o Rei Afonso entra en confrontación con Rodrigo Díaz de Vivar, O Cid, quen no ano 1080, en resposta a un ataque a San Esteban de Gormaz, fixo unha entrada no reino taifa de Toledo. Afonso acusouno de guerrear sen o seu permiso e desterrouno. Rodrigo perdía con isto o seu poder político na Corte, mais conservou poder militar de primeira importancia dentro da estratexia xeral, xa que actuou na Taifa de Zaragoza e no Levante dun xeito moi favorábel ós intereses casteláns naquela rexión xeográfica. Tal foi así que, despois de se asegurar a lealdade dos nobres d'A Rioxa, Biscaia e Álava, entrou nos seus plans a conquista de Toledo como algo inevitábel se quería consolida-lo dominio cristián alén o río Douro. A partir do 1082 a política contra dos taifas endureceuse tratando de obter máis tributos, asegurar dependencias e controlar mellor os territorios dos reinos musulmáns. No 1082 enviou unha embaixada a Sevilla tratando de obter un aumento das parias, pero o rei Al-Mu´tamid apresou os embaixadores. A resposta de Afonso foi invadir o seu reino, chegando ata Sevilla, e alcanzou Tarifa. O obxectivo era restabelecer o estado das cousas, pero xa o rei sevillano chamara na súa axuda aos Almorábides do norte de África, que naqueles intres estaban tomando Ceuta. Con aquela cidade no seu poder, nada impediu que cruzasen o estreito e a súa presenza cambiou as tornas da historia andalusí. Con Yusuf bi Tasufin á fronte dun poderoso exercito que descompuxo a estratexia política e guerreira dos cristiáns, pero acabou tamén coa existencia mesma dos taifas.
A capitulación de Toledo [editar]
Afonso suponse que tiña coñecemento da potencia guerreira dos Almorábides, polo que a súa política máis lóxica foi aumentar a presión sobre Toledo e Zaragoza para conseguir unha posición mais favorábel ante a nova situación.
O asedio de Toledo empeza no 1084, co corte de árbores e arrasamento das terras laborábeis do seu arredor e a instalación dun campamento permanente. O rei de Toledo comeza axiña as negociacións cara a salvar o seu prestixio e poboación musulmá da cidade, que política e militarmente se daba por perdida, xa que a situación naquel intre non era posíbel unha axuda exterior. A capitulación foi o 6 de maio do ano seguinte, inda que a entrada triunfal foi o 25, quedou como modelo para futuras capitulacións doutras cidades hispano-musulmás, que amosaba a máxima liberdade cos vencidos, deixando os bens nas súas mans, a liberdade de culto na mesquita maior, á cal lle conservou o seu patrimonio, conservaron o seu réxime fiscal e liberdade para emigrar cos seus bens móbiles, non así os inmóbeis, que quedaban en mans do Rei, pero que eran devoltos en caso de volver de novo á cidade. A intención de Afonso era a de conservar a toda a poboación posible e acadar de novo o tecido produtivo, xa que era imposible poboar de novo unha cidade enorme por aquel entón (tiña uns 37.000 habitantes, e León non pasaría de 1.500) completamente necesaria para protexer o seu reino. Para cubrir o seu flanco oriental, axudou a recuperar o dominio de Valencia a Al-Qadir, que soamente reinou 3 anos, e de paso cortaba o paso dun posible apoio a Zaragoza.
As consecuencias políticas para Afonso da toma de Toledo foron inmediatas, xa que o seu prestixio medrou moito na cristiandade o que lle permitiu consolidar alianzas e relacións, especialmente co Cluny, a nobreza borgoñoa e o Pontificado. As consecuencias estratéxicas foron, por unha banda a de rachar o eixo principal de comunicación entre Zaragoza e Al-Ándalus, o que dificultaba o envío de auxilios militares. Por outra banda temos que por vez primeira o dominio de estas terras permitiu o poboamento das terras do Texo medio e o Sistema Central deica a liña do Douro o que rachaba definitivamente co equilibrio de forzas establecido dende comezos do Século X.
Púxolle cerco a Zaragoza, para castigar a actitude do seu emir e esixirlle o pago das parias debidas, e nese intre desembarcan os Almorábides en Algeciras, cun profundo recelo de moitos taifas polo risco que supoñía o seu prestixio relixioso e político e a súa capacidade militar, polo que o seu avance cara o norte contra os dominios dos cristiáns foi lento. O encontro tivo lugar en Zalaca o Sagrajas, na beira dereita do Guadiana, que se ben foi favorábel ós musulmáns, e Afonso foi ferido, non foi definitivo. Tal é así, que os Almorávidas se retiraron primeiro a Sevilla, e logo ó norte de África de novo, sen querer intervir na situación política andalusí.
Afonso continuou entón coa súa política de percibir as parias e fortalecer os acordos. Xa o conseguira de Zaragoza, e a Rodrigo Díaz de Vivar enviouno a atacar Lleida, axudou a independencia de Murcia do Taifa de Sevilla, e o seu acordo de amizade con Valencia foi renovado, cando de novo e dende Sevilla se chama aos Almorábides. Dirixíronse a Aledo, que cercaron, pero debido á escasa axuda dos taifas de Granada e Sevilla, retiráronse de novo. Como a política de Afonso non variaba, continuando co debilitamento polos medios que foran necesarios aos taifas, que se enfrontan uns cos outros, os Almorábides cruzan de novo o estreito, pero coa intención de quedarse, e diríxense a Toledo, a que cercan, pero non chegan a tomar. Toman Granada e tódalas súas terras e para Afonso significaba o derrube case completo do réxime de protectorado e parias que restabelecera case por completo. O cerco almorábide continúa e toman todo o Levante agás Valencia, cidade que toma o Cid coas súas tropas e mantén afastados os Almorábides ós que derrotou en Cuarte. Pero os Almorábides diríxense agora para o occidente, tomando Badaxoz e Lisboa. Nos anos seguintes, non deixan do seu empeño en tomar Toledo, e Valencia, que foi cercada, pero mantense ata a morte do Cid, cando Afonso chegou para axudar aos cristiáns a saír dela, despois de queimar o Alcázar, a mesquita principal e parte dos seus casaríos. O corpo do Cid foi soterrado no Mosteiro de Cardeña, onde viviu a súa viúva Ximena 12 anos máis, ata o seu pasamento. Con Valencia en mans dos Almorábides, a situación en todo o Levante e no Val do Ebro trocou rapidamente, podendo atacar o Conde de Barcelona, e Armengol IV morreu na batalla de Mollerusa, Zaragoza deixou de pagar as parias a Afonso e o fillo do visir foi a Sevilla a acatar o herdeiro de Tasufín, Ali.
Matrimonios e descendencia [editar]
Primeiro: con Inés de Aquitania en 1069. Logo de 8 anos de unión, en 1077, o rei obtén a anulación da súa voda alegando a esterilidade de Inés. Ela morrerá un ano máis tarde, en 1078.
Tras o seu divorcio, establece conversacións para un posible matrimonio con Agatha de Normandía, filla do rei Guillerme I de Inglaterra, pero a súa morte prematura en 1080 frustra o proxecto.
Segundo: con Constanza de Borgoña en 1081. Ela era bisneta de Hugo Capeto, rei de Francia, e ademais viúva, sen fillos, do conde Hugo II de Châlon. Deste matrimonio (que durou ata a súa morte en 1093) naceron 2 fillas:
- Urraca (n. 1081 - m. 1126), a cal acabaría sendo a sucesora do seu pai no trono.
- Elvira (n. 1082 - m. nena).
Terceiro: con Berta de Borgoña-Maçon en 1093. Ela morrerá en 1095 sen descendencia.
Cuarto: con Zaida (bautizada Isabel), viúva do rei taifa de Toledo, Al-Mamun en 1098. Deste matrimonio (que dura ata a morte de Zaïda en 1107) naceron 3 fillos:
- Sancho (n. 1098 - m. 1108), único fillo home e presunto herdeiro do rei; a súa prematura morte na batalla de Uclés acelerou o fin do seu pai.
- Elvira (n. 1100 - m. 1135), casada con Roger II, rei de Sicilia.
- Sancha (n. 1101 - m. ?), casada con Rodrigo de Lara, conde de Liébana.
Quinto: con Beatriz (a súa orixe é dubidoso, posible membro da casa de Leste ou da casa ducal de Aquitania). Este enlace, celebrado en 1108, durará só un ano, ata a morte do rei.
Ademais, tivo varias relacións extra-matrimoniais, sendo a máis notoria a que tivo con:
Ximena Muñoz (ou Ximena Nuñez de Guzmán segundo algúns historiadores), a cal deulle 2 fillas:
- Tareixa de León (n. 1070 - m. 1132), primeira condesa do Condado de Portugal como parte do seu dote nupcial, casada con Enrique de Borgoña; o fillo de ambos, Afonso Enríques, será o primeiro rei de Portugal.
- Elvira (n. 1071 - m. 1151), casada con Raimundo IV, conde de Tolosa.
Os derradeiros anos de Afonso VI [editar]
Coa perda de Valencia, Afonso veuse na obriga de defender mellor a fronteira oriental de Toledo e impedir o mesmo tempo, que os Almorábides conquistasen unha vía de comunicación interior desde a meseta o Val do Ebro. De aí veu a toma de Medinaceli no 1104. As novas de actividades guerreiras a partir deste ano son moi escasas, xa que no 1106 morre Tasufin, e Afonso lanzou cada verán algaradas contra o sur desde Toledo, castigando a rexión de Sevilla e Málaga, de onde trouxo moitos mozárabes para a repoboación da terra de Toledo. En Aragón acada ó poder Afonso I de Aragón, o Batallador, que pronto chega a un acordo con Armengol VI e xorde a forte alianza do Condado de Urxel e o Reino de Aragón.
A cuestión sucesoria era neses intres o maior interese político de Afonso, que nomea o seu fillo bastardo Sancho como o seu herdeiro, en prexuízo de Afonso, o seu neto e fillo de Urraca e Raimundo e que fora educado por Xelmírez, bispo de Santiago e asegurou a Urraca e ó seu fillo o goberno do Reino de Galiza, á morte de Raimundo de Borgoña (1107).
Na primeira metade de maio de 1108, os Almorábides baixo o mando de Tamín ben Yusuf, irmán do sultán Alí ben Yusuf, sae do Granada con tropas, ás que uniron outras procedentes de Murcia, Valencia e Córdoba coa intención de atacar o sector oriental e abrir camiño cara a Zaragoza, que a toma de Medinaceli cortara. A épica batalla entre os exércitos ten lugar en Uclés, que é un verdadeiro desastre militar e político para o rei, onde morre o herdeiro ó trono Sancho e máis a meirande parte dos nobres que foran clave para o exercicio do poder e o mantemento da orde monárquica afonsina. Segundo D.Rodrigo, o rei exclamou ¡Ay meu fillo!, alegría de mi corazón e lune dos meos ollos, solaz de niña vellez,. ¡Ay neu espello en que yo me solía ver, e con que tomaba moy gran placer! Caballeros, ¿hu melo dejastes? Dadme mey fillo, condes.
A infanta Urraca, filla lexítima de Afonso e viúva de Raimundo de Borgoña (Conde de Galiza), con dous fillos, Sancha de Castela e Afonso, era agora a única herdeira lexitima o trono, polo que se impuña un novo matrimonio, xa que a súa experiencia política era escasa, e o elixido foi Afonso I de Aragón.
Afonso VI exerceu o poder efectivo ata o intre mesmo do seu pasamento. Afonso, despois de tomar algunhas decisións de índole eclesiástica, dirixiuse a Toledo para intentar paliar os danos da derrota de Uclés, e morreu en Toledo o 1 de xullo de 1109, sendo soterrado no Mosteiro de Sahagún, 20 días despois. A súa filla Urraca foi nomeada raíña de León no mesmo Toledo.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Alfonso VI cancillería, curia e imperio Gambra, Andrés. León, Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro", 1997-1998 ISBN 84-87667-27-9
|
Afonso VI de León
Dinastía Ximena
Nacemento: 1040 Falecemento: 1109
|
||
| Títulos Reais | ||
|---|---|---|
| Precedido por Sancha I e Fernando I |
Rei de León (Nova demarcación) (1065–1072–1109) |
Sucedido por Urraca |
| Precedido por García II |
Rei de Galiza (xunto a Sancho II entre 1071 e 1072) 1090–1109 |
|
| Precedido por Sancho II |
Rei de Castela 1072–1109 |
|
| Precedido por Al-Qádir |
Rei de Toledo 1085–1109 |
|