Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Galicia (homónimos).
|
|||||
| Himno galego: "Os Pinos" | |||||
| Capital | Santiago de Compostela | ||||
| Linguas oficiais | Galego e castelán | ||||
| Cidade máis poboada | Vigo | ||||
| Superficie
|
Lugar nº 7
|
||||
| Poboación
|
Lugar nº 5
|
||||
| Taxa de natalidade (2005) Taxa de mortalidade (2005) |
7,6 por 1000 10,5 por 1000 |
||||
| Esperanza de vida ó nacer (2005) Homes Mulleres |
80,1 anos 77,1 anos 84,4 anos |
||||
| Xentilicio - galego |
galego |
||||
| Estatuto de Autonomía | 6 de abril de 1981 | ||||
| Representación parlamentaria: - Congreso de España |
23 deputados 19 senadores 75 escanos |
||||
| Presidente | Alberte Núñez Feijóo (PPdeG) | ||||
| Moeda | Euro (€) | ||||
| Zona horaria | UTC +1 | ||||
| Festa oficial | 25 de xullo (Día Nacional de Galicia) | ||||
Galicia[1] ou Galiza[2] é unha nación[3] establecida xurídica e administrativamente desde 1978 como Comunidade Autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" segundo a Constitución española e o seu Estatuto de Autonomía (ver Estatuto de Galicia) dentro do Reino de España. Está situada no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, con Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico e, ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua propia o galego, similar e de orixe común co portugués, e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en todo o Estado Español.
A consideración de Galicia como nación e unha procura constante dun maior grao de autogoberno son defendidas por un número significativo de cidadáns. As tendencias nacionalistas, e mesmo as non-nacionalistas, en Galicia son, na súa meirande parte, de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois ou peninsulares. Ademais, tamén existen grupos independentistas.
Galicia posúe uns 2,78 millóns de habitantes (2008), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son as seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol.
Índice |
Denominación
Na Antigüidade os gregos a chamaban "Kallaikia" (καλλαικια) e aos seus habitantes "kallaikoi" (καλλαικoι), que era o nome co que os habitantes da cultura castrexa se coñecían a si mesmos. O topónimo evoluíu a "Gallaecia" baixo a administración romana. Na época medieval constituíuse como reino independente, co nome de "Reyno de Galicia" formando parte integrante posteriormente do Reino de León, malia manter o seu carácter de reino (Reyno de Galicia) ata a chegada do absolutismo no século XIX, momento no cal (1833) se crearon as actuais provincias galegas e se creou como tal a coroa española, unificando as diversas coroas de "las españas", que o monarca posuía. No período transicional entre a Idade Antiga e a Idade Media, Galicia foi chamada ocasionalmente Suevia debido a que este territorio foi o centro no cal se estableceron as etnias invasoras dos xermanos suevos (ou suavos).
Símbolos institucionais
Bandeira de Galicia
- Artigo principal: Bandeira de Galicia.
A bandeira galega foi creada no século XIX, e está inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito.
Escudo de Galicia
- Artigo principal: Escudo de Galicia.
O actual escudo de Galicia é descrito no artigo número 3 da Lei de Símbolos de Galicia:
| “ | O escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de perlas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello.[4] | ” |
Himno galego
- Artigo principal: Os Pinos.
O himno galego (Os Pinos) é o símbolo acústico máis solemne de Galicia como comunidade política. O texto son as dúas primeiras partes do poema Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, e a música é da autoría de Pascual Veiga. Foi estreado na Habana o 20 de decembro de 1907.
Historia
- Artigo principal: Historia de Galicia.
Prehistoria
- Artigo principal: Galicia Prehistórica.
As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a hai uns 300.000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Pleistoceno medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, dende Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos, que nos amosan unha industria Acheulense a base de bifaces, fendedores, triedros,... feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Coñécense dúas culturas, o paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o paleolítico inferior clásico ou Acheulense. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido.
A primeira claramente identificada, caracterízase pola súa capacidade construtora e arquitectónica, xunto co seu sentido relixioso, fundamentado no culto ós mortos como mediadores entre o home e os deuses. Este sentido relixioso abrangue a súa importancia ata a actualidade. Estaban constituídos en clans. Desa época dan testemuña milleiros[Cómpre referencia] de mámoas e medorras espalladas por todo o territorio.
Idade de Bronce
É nestes tempos cando se acada o desenvolvemento metalúrxico, impulsado pola riqueza mineira. Parece que debido ós cambios climáticos, varios pobos da meseta trasladáronse a Galicia, incrementando a poboación e os conflitos entre pobos. É a época de produción de diversos utensilios e xoias de ouro ou de bronce, que mesmo foron levadas máis aló dos Pirineos.
Etapa castrexa
- Artigo principal: Cultura Castrexa.
Floreceu na segunda metade da Idade de Ferro, resultado da fusión da cultura da Idade de Bronce e outras contribucións posteriores, coexistindo en parte coa época romana. Os celtas trouxeron novas variedades de gando, o cabalo domesticado e probablemente o centeo.
O primeiro pobo celta que invade Galicia é o dos Saefes, no século XI a.C. Someterá ó Oestrymnio, pero este influirá no primeiro sobre todo no eido da relixión, da organización política e das relacións marítimas con Bretaña e Inglaterra. O seu carácter eminentemente guerreiro fixo que Estrabón dixera deles que eran os máis difíciles de vencer de toda Lusitania. Cómpre dicir que a provincia romana da Gallaecia propia dos galaicos aínda non estaba constituída política e administrativamente.
Os castros son recintos fortificados de forma circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foxo e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas. Entre os castros de tipo costeiro destacan o de Fazouro, Santa Tegra, Baroña e O Neixón. No interior poden mencionarse os de Castromao e Viladonga. Común a todos eles é o feito de que o home se adapta ó terreo e non ó contrario.
En canto ós templos, a única construción atopada é a de Elviña. O de Meirás conserva unha necrópole. Noutros castros existían pequenas construcións en forma de caixa onde se gardaban as cinzas (cultura sorotáptica, dos campos de enterramento de furnas ou Urnenfelder como se coñecen pola súa denominación en alemán). Existen tamén outras parcialmente soterradas, cun depósito para a auga, nas que os vestixios de lume indican que debían servir para incinera-los cadáveres.
Dende finais do Megalítico aparecen inscricións sobre as rochas graníticas a ceo aberto das que se descoñece aínda a verdadeira orixe e significado (son moi coñecidas as de Campo Lameiro).
Idade Antiga
A romanización
- Artigo principal: Gallaecia.
Os romanos someteron a Galicia para aproveita-los seus recursos mineiros. Co tempo converteríana en provincia do imperio e recoñecerían a súa personalidade chamándoa Gallaecia. Con eles, os castros perderon o seu vello valor defensivo. Trouxeron novas técnicas, novas vías de comunicación, novas formas de organiza-la propiedade e unha lingua nova, pero foron tolerantes coa cultura existente.
O cristianismo chegaría a Galicia cos romanos. Lograría o que non acadou o latín e impúxose ó arrianismo dos suevos e ó paganismo prerromano. Os suevos, que mantiveron Galicia como reino independente cento setenta anos, foron progresivamente mediatizados polos visigodos. Foi na súa época na que se impuxeron definitivamente a lingua latina e o cristianismo, evolucionando o primeiro cara o galego e mesturándose o segundo cos costumes pagáns.
O Islam chegaría ó sur de Galicia e só o norte se mantería como bastión da Reconquista ata que, logo de recupera-lo sur, este se independizara co nome de Portugal. As actividades económicas dos castrexos baséanse na agricultura e gandería-pastoril.
Idade Media
- Artigo principal: Reino de Galicia.
A aparición do sepulcro do Apóstolo 'Sant Iago' no século IX conferiulle a Galicia unha importancia clave dento do fortalecemento dos reinos cristiáns, erixíndose Santiago de Compostela como centro relixioso e destino de peregrinos que fortaleceron as ligazóns con Europa. O Camiño de Santiago converteuse nun eixo cultural polo que se espallaron, entre outros, a arte románica ou a lírica dos trobadores, facendo dela tamén un contrapeso cultural fronte ó centralismo.
Idade Moderna
- Artigo principal: Galicia na Idade Moderna.
A partir da escriturización normativa en castelán comezada por Afonso X, o galego como lingua comezou unha decadencia acelerada dentro do proceso de uniformización de España, pasando polos chamados "Séculos Escuros", nos que a supervivencia lingüística foi só oral. No século XVIII comezouse a tomar conciencia da situación de división lingüístico-social entre o pobo galegofalante e os poderosos, castelán-falantes.
Idade Contemporánea
Século XIX
- Artigo principal: Galicia na Idade Contemporánea.
En 1833 Galicia perde a súa representatividade como unidade administrativa e desaparece a Xunta do "Reino de Galicia". É aqui que nacen as actuais catro provincias galegas que estruturan o territorio baixo administración do goberno central. Atopamos neste século o primeiro xurdimento dun movemento político que vai defender Galicia por causa desta perda de poder.
O pronunciamento de Solís vai levantar en armas a unha parte do exército para defende-la unidade de Galicia contra a perda da desa administración anterior. Finalmente foron masacrados na batalla de Compostela e o 23 de abril de 1846 fusilados os sobreviventes, coñecidos a partir de aí coma os Mártires pola Liberdade ou Mártires de Carral.
O Rexurdimento supón unha tentativa culturalista de defensa da galeguidade posterior a esa tentativa política o afianzamento da conciencia de diferenciación cultural parella a un ideal político de autopertenza. Isto supón a recuperación da lingua galega como vehículo de expresión culto. Desta época son Rosalía de Castro, Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro ou Eduardo Pondal, entre outros.
Século XX
Logo do provincialismo, federalismo e rexionalismo do século anterior, xorde a etapa da Solidaridad Gallega, de 1907 á Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de conseguir unha fronte electoral unida para eliminar o caciquismo e acadar unha representación galega (o que se saldou cun fracaso).
Unha primeira etapa, ata Primo de Rivera, é a marcada polas Irmandades da Fala, cunha preocupación fundamental pola defensa da lingua. Ao estendérense, vai callando de novo a idea política do galeguismo. Así, Vicente Risco e Otero Pedrayo traballaron no aspecto cultural e tiveron contraparte no aspecto político en Porteira e Lois Peña Novo. O relevo constitúeo a chamada 'xeración Nós', en torno á revista do mesmo nome, acompañada de 1920 á Segunda República por unha preocupación pola creación dun galeguismo controlado e instrumental desde o poder político central.
Na Segunda República hai dúas tendencias fundamentais: a correspondente á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e a contraparte no Partido Galleguista (PG). O PG xorde da unión de varias tendencias representadas nas figuras de Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Suárez Picallo, Castelao... En 1936 o PG, para lograr o estatuto para Galicia, aliouse coa Fronte Popular e a resultas desa alianza sufriu unha escisión. Porén, logrouse o Estatuto e Castelao presentouse a Cortes pouco antes da Guerra Civil española.
Franquismo
Durante o franquismo, cualificado por Celso Emilio Ferreiro de "longa noite de pedra", sucedéronse diferentes etapas represivas coas ideas galeguistas, a partir da loita armada de moitos galeguistas en contra de Francisco Franco.
Na posguerra créase en Bos Aires o Consello de Galiza, comandado por Castelao e Suárez Picallo. No ano 1944 sae do prelo Sempre en Galiza, guía ideolóxica do galeguismo. Pouco a pouco vaise optado polo mantemento dunha acción cultural, como manifesta a creación da editorial Galaxia.
No ano 1964 fúndanse a Unión do Pobo Galego (UPG, partido nacionalista de esquerda revolucionaria segundo o definiu Méndez Ferrín) e o Partido Socialista Galego (PSG, con X. M. Beiras e Salvador García-Bodaño).
En democracia
- 1975: Constitución da Xunta Democrática de Galicia.
- 1976: Constitución da Táboa Democrática de Galicia.
- 1977: Constitución da Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
- 1978: Xunta Preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez.
- 1979: Xunta Preautonómica presidida por Xosé Quiroga Suárez.
- 1980: Referendo do Estatuto de Autonomía. Aprobado facendo referencia á Nacionalidade Histórica.
- 1981: Primeiras eleccións autonómicas.
- 1982: Presidente da Xunta de Galicia: Xerardo Fernández Albor.
- 1987: Presidente da Xunta de Galicia: Fernando González Laxe.
- 1991: Presidente da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne.
- 2005: Presidente da Xunta de Galicia: Emilio Pérez Touriño.
- 2009: Presidente da Xunta de Galicia: Alberto Núñez Feijóo.
Demografía
- Artigo principal: Demografía de Galicia.
Cunha poboación estimada de 2.772.533 habitantes[5], Galicia é a quinta comunidade autónoma de España segundo poboación. A súa densidade de poboación, de 93,6 hab./km², é lixeiramente superior á media española e semellante á europea.
A poboación de Galicia concéntrase na súa maioría nas zonas costeiras, sendo as áreas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro (áreas metropolitanas de A Coruña e Ferrol) as de maior densidade de poboación. A cidade de Vigo, con 294.772 habitantes, constitúe a maior cidade galega, seguida das cidades da Coruña, 244.388 habitantes, e Ourense, 107.186 habitantes. Xunto estas tres cidades, Galicia conta con outras catro localidades consideradas cidades: Lugo, Santiago de Compostela (capital administrativa de Galicia), Pontevedra e Ferrol.
Así mesmo, o país conta con catro concellos con máis de 30.000 habitantes, vinte un concellos de máis de 20.000 habitantes, e trinta e cinco con máis de 10.000 mil entre os que destacan Monforte de Lemos e Lalín.
Segundo o censo de 2006, o nivel de fertilidade das galegas era de 1,03 fillos por muller fronte ao 1,38 estatal e menor á cifra de 2,1 fillos por muller necesarios para que se produza o remprazo xeracional da poboación[6]. Entre as galegas, as luguesas e as ourensás son as que menos fillos teñen, con 0,88 e 0,93, sendo as primeiras, as que menos fillos teñen en España[6]. En 2006 rexistráronse en Galicia un total de 21.392 nacementos[7], o que supón case 300 máis ca en 2005, segundo o IGE. De feito, na actualidade Galicia vive unha recuperación do número absoluto de nacementos comezado en 1999 e que está a sosterse nos últimos anos.
Malia a mellora dos nacementos, o saldo vexetativo, é dicir, a diferenza entre o número de persoas nadas e as falecidas, continúa sendo negativo en Galicia. No 2006 houbo un total de 29.389 falecementos polo que a poboación total minguou en preto de 8.000 persoas.
No tocante á esperanza de vida, os galegos teñen unha media de vida de 76,8 anos para os homes e de 84 anos para as mulleres, 7,2 máis cos varóns galegos. Dende 1981 a esperanza de vida dos galegos medrou en 5 anos, grazas á mellora da calidade de vida[8]. O avellentamento da poboación tamén se pon de manifesto no incremento de anciáns de idade avanzada que rexistra gradualmente a comunidade cada exercicio. Galicia contaba en 1991 con 300 persoas con máis de cen anos. Cinco lustros despois, a cifra medrou un 72% ao superaren o século 518 galegos.
A proporción de estranxeiros en Galicia é do 2,67% da poboación total. As nacionalidades predominantes son a portuguesa (17,93% do total de estranxeiros), a colombiana (10,93%) e a brasileira (8,74%)[9].
Concellos máis poboados
| Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Vigo A Coruña Ourense Lugo |
||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Vigo | Pontevedra | 294.772 | 11 | Carballo | A Coruña | 30.091 | |||
| 2 | A Coruña | A Coruña | 244.388 | 12 | Redondela | Pontevedra | 29.987 | |||
| 3 | Ourense | Ourense | 107.186 | 13 | Arteixo | A Coruña | 27.713 | |||
| 4 | Lugo | Lugo | 93.853 | 14 | Ribeira | A Coruña | 27.181 | |||
| 5 | Santiago de Compostela | A Coruña | 93.712 | 15 | Culleredo | A Coruña | 26.707 | |||
| 6 | Pontevedra | Pontevedra | 80.202 | 16 | Marín | Pontevedra | 26.103 | |||
| 7 | Ferrol | A Coruña | 75.181 | 17 | Cangas do Morrazo | Pontevedra | 25.402 | |||
| 8 | Vilagarcía de Arousa | Pontevedra | 36.743 | 18 | Ames | A Coruña | 24.553 | |||
| 9 | Narón | A Coruña | 36.245 | 19 | Cambre | A Coruña | 22.513 | |||
| 10 | Oleiros | A Coruña | 31.694 | 20 | Ponteareas | Pontevedra | 22.411 | |||
| Censo 2007[10] | ||||||||||
Evolución demográfica
A historia demográfica de Galicia foi a dunha continua perda de peso respecto ao resto do estado, froito da emigración cara a Iberoamérica, Centroeuropa ou outros territorios do Estado. Así, en 1857 a densidade de poboación en Galicia era a meirande de todas as rexións que conforman o estado, representando a cota galega o 11,49% da poboación española. Así e todo, no 2006, Galicia pasou a representar unicamente o 6,19% do poboación estatal.
| Evolución demográfica de Galicia e porcentaxe con respecto ao total estatal[11] |
|||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1857 | 1887 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | ||||||||||||
| Poboación | 1.776.879 | 1.894.558 | 1.980.515 | 2.063.589 | 2.124.244 | 2.230.281 | 2.495.860 | 2.604.200 | |||||||||||
| Porcentaxe | 11,49% | 10,79% | 10,64% | 10,32% | 9,93% | 9,42% | 9,59% | 9,26% | |||||||||||
| 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 1996 | 2001 | 2006 | 2007 | ||||||||||||
| Poboación | 2.602.962 | 2.583.674 | 2.753.836 | 2.720.445 | 2.742.622 | 2.732.926 | 2.767.524 | 2.772.533 | |||||||||||
| Porcentaxe | 8,51% | 7,61% | 7,30% | 6,90% | 6,91% | 6,65% | 6,19% | 6,13% | |||||||||||
Divisións administrativas
- Artigos principais: Provincia, Comarcas de Galicia, Concellos de Galicia e Partidos xudiciais de Galicia.
Aínda que historicamente dividida en 7 provincias (Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago, Tui e Vigo), administrativamente a Galicia actual estrutúrase en 4 provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), 53 comarcas, 315 concellos e 3.778 parroquias. O territorio do concello estrutúrase en parroquias e estas á súa vez en aldeas ou lugares.
Demograficamente, Galicia caracterízase pola súa alta taxa de dispersión demográfica, o que, xunto a un elevado número de poboacións, fai que un 50% das entidades de poboación de España se atopen en Galicia, ocupando só o 5,8% da superficie total. Así, calcúlase que en Galicia existen un millón de topónimos e microtopónimos[12].
Economía
- Artigo principal: Economía de Galicia.
Galicia é unha terra de contrastes económicos. Mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación, a zona rural das provincias de Ourense e Lugo basea a maior parte da súa economía na agricultura tradicional, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras. O crecemento do turismo, aproveitamento forestal sostible e agricultura orgánica e natural, así como explotacións gandeiras de certo tamaño están aumentando as posibilidades da economía galega.
Aséntanse en Galicia poucas grandes industrias. Cabe contar entre elas coa planta de aluminio que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao (Cervo), a industria manufactureira de automóbiles da tamén multinacional Citroën en Vigo, a mina e as centrais térmica e de ciclo combinado de Endesa de As Pontes de García Rodríguez, a refinería da Coruña ou os asteleiros de Ferrol e Vigo, con desigual sorte e en proceso de reconversión case continua na súa maioría desde os anos 80. Nos anos 90 unha industria galega estase a desenvolver de xeito internacional, o grupo téxtil Inditex (Zara, Pull and Bear, etc.), con sede en Arteixo.
As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestruturación, como lle pasou á antiga industria estatal 'FRIGSA' ('Frigoríficos Industriales de Galicia') que acabou sendo desmantelada e tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas.
A pesca, na que tradicionalmente Galicia é unha potencia, vén mermando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Estanse comezando a desenvolver os cultivos mariños, algúns deles seguindo a liña tradicional das mexilloeiras (que aínda hoxe representan a maioría do valor de especies cultivadas) ou as cetarias.
A agricultura e gandería pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores.
O turismo, de desenvolvemento máis tardío cá noutras zonas da península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentra na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago. Durante o ano 2007 Galicia recibiu 5,7 millóns de turistas, un 8% máis que no ano 2006[14], e un 11% máis que no 2005 e 2004. O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega a un 12 ou 13 por cento dos traballadores.
Xeografía
- Artigo principal: Xeografía de Galicia.
- Véxase tamén: Rías de Galicia, Montes de Galicia, Illas de Galicia
O territorio de Galicia está comprendido entre 43º 48' N (Estaca de Bares) e 41º 49' N (fronteira con Portugal no parque do Xerés) en latitude. En lonxitude, entre 6º 44' O (límite entre Ourense e Zamora) e 9º 18' O (acadado practicamente en dous lugares: cabo da Nave en Fisterra e cabo Touriñán).
Relevo
Na xeografía galega destaca o contraste entre o relevo costeiro e o de interior, máis elevado có primeiro. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do Río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ó Mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre nos Canóns do Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, se ben son minoritarios.
A costa galega conta con 1.659 km dos que máis de 800 son cantís e 300 son de praias. A costa do país caracterízase pola presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por descenso do nivel terrestre (ascenso relativo do nivel mariño). As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas) e Rías Baixas de maior tamaño, atópanse ao sur de Fisterra como punto máis occidental de Galicia (Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo). Entre as Rías Altas faise decote unha división entre as denominadas propiamente Rías Altas (ó leste de Estaca de Bares) e as Rías Medias.
As rías destacan pola súa importante achega á pesca de Galicia, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo.
A erosión do Océano Atlántico na costa galega tamén contribuíu á presenza de multitude de cabos entre os que destacan Estaca de Bares (punto máis ó norte de Galicia e a separación entre Océano Atlántico e Mar Cantábrico), Cabo Ortegal, Cabo Prior, Punta Santo Adrao, Cabo Vilán, Cabo Touriñán (punto máis occidental de Galicia), Cabo Fisterra, considerado polos romanos como o fin do mundo coñecido e o Cabo Silleiro que pecha polo sur a ría de Vigo.
Ó longo da costa galega atópanse pechando as rías un gran número de arquipélagos que destacan tanto polos seus fondos mariños como polas súas colonias de aves mariñas. Os principais grupos de illas son os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora así como as illas de Cortegada (xunto cos tres arquipélagos anteriores forman o Parque nacional das Illas Atlánticas), Arousa, Sisargas e Malveiras.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas. As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como acontece nos canóns do río Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, se ben son minoritarios.
Galicia é percorrida de norte a sueste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do chan galego por ditos lugares. Así, atopámonos na zona do Porriño con canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galicia, pero ausente no extremo nordeste. As principais cadeas montañosas do país son as serra do Xistral (norte de Lugo), Os Ancares (fronteira con León e Asturias), O Courel (fronteira con León), O Eixo (fronteira entre Ourense e Zamora; a 2.124 m atópase Pena Trevinca, o teito de Galicia), Macizo de Manzaneda (corazón da provincia de Ourense), O Faro (fronteira entre Lugo e Pontevedra), Cova da Serpe (fronteira Lugo e A Coruña), Montemaior (provincia da Coruña),Montes do Testeiro (entre Pontevedra e Ourense), A Peneda, e as do Xurés e O Larouco (fronteira entre Ourense e Portugal).
Os principais cumios de Galicia son Pena Trevinca (2.127 m), Pena Survia (2.095 m), Alto do Torno (1.942 m), Maluro (1.925 m), Os Ancares (1.821 m) e Cabeza de Manzaneda (1.778 m) [15].
Hidrografía
- Artigo principal: Ríos de Galicia.
Galicia califícase moitas veces como a terra dos mil ríos pola cantidade de cursos fluviais que mantén. En xeral, e debido á súa pequenez, salvo o Miño na súa desembocadura ou nos moitos encoros, non son navegables (excepción feita para pequenas barcas no tramo final sen pendente dalgúns, que propicia a celebración de festas semi-acuáticas como as chamadas "zaleas").
Son ríos moi curtos na vertente cantábrica e algo máis longos na atlántica, coas excepcións novamente de Miño e Sil que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros.
Existen moitos encoros para a produción de enerxía eléctrica, debido ó caudal, pendente e angostura, o que produce tamén o fenómeno dos 'canóns', como os célebres canóns do Sil (moitos deles aproveitados para encoros).
Climatoloxía
- Artigo principal: Climatoloxía de Galicia.
Galicia ten un clima suave de tipo oceánico, caracterizado por precipitacións abundantes e permanentes.
En xeral, Galicia ten un clima suave de influencia oceánica, moi chuvioso. Aínda así, a irregular orografía ten como consecuencia a existencia de múltiples microclimas, con fortes variacións en áreas con pouco máis de 200 km2.
A grandes trazos, pódense distinguir as seguintes zonas:
- Rías Altas e interior da Coruña, con clima oceánico húmido. Rexistra o maior índice de precipitacións de Galicia, así como o menor número de días soleados e o maior número de días con precipitacións.
- A Mariña Luguesa, con clima oceánico suave con temperaturas baixas todo o ano.
- Interior, con clima oceánico case continental.
- Rías Baixas, con clima oceánico suave.
- Curso fronteirizo do río Miño, cun clima moi próximo ao Mediterráneo suave.
- Ribeira Sacra, cun clima continental moi cálido propiciado polo Val do río Miño e os diversos montes que rodean a cidade de Ourense. No verán danse seguido rexistros con temperaturas entre as máxima da toda a península.
O territorio galego ten unha temperatura media anual ponderada de 13,3 ºC.[16] Durante o inverno a temperatura media acada os 8,5 ºC,[16] na primavera chega aos 15 ºC,[16] no verán os 19 ºC e durante o outono os 11 ºC.,[16] É, polo tanto, no primeiro terzo do ano (meses de xaneiro a marzo) cando danse os valores máis baixos de temperatura para a maior parte de Galicia. É na zona atlántica de Galicia –provincias da Coruña e Pontevedra onde se rexistran as temperaturas medias anuais máis elevadas, superando lixeiramente os 14 ºC e sendo de 1 a 2 ºC máis altas cás de Lugo e Ourense, respectivamente. Os valores medios normalizados van dende mínimos por debaixo dos 6 ºC nas montañas das serras orientais e sudorientais (Os Ancares e O Eixo), ata máximos superiores aos 15 ºC nas áreas costeiras a baixa altitude, especialmente nas Rías Baixas. A distribución espacial das temperaturas presenta unha variación costa-interior, relacionada coa preseza do Océano Atlántico -quen ten un efecto de regulador térmico nas zonas costeiras e incluso en zonas máis interiores-, e outra norte-sur, en relación co balance anual entre as compoñentes climáticas temperada e subtropical. En conxunto, marcan un efecto diagonal NW-SE de diminución da temperatura é dicir, poderíase trazar unha liña dende Tui ata Ribadeo que diferenciaría dúas zonas principais climáticas en Galicia, unha con temperaturas máis suaves (a costa) e outra con temperaturas máis continentais (o interior).
Natureza
Flora
Galicia ten unha gran porcentaxe de bosque (un 66%) con máis de 600 millóns de árbores cubrindo a súa superficie, valorada en 28.000 millóns de euros[17], onde se desenvolven importantes especies forestais en estado natural, se ben nas últimas décadas as características boscosas están cambiando debido á importación do eucalipto, quedando un número de fragas reducido, en particular no centro-norte da provincia de Lugo.
Dentro do aproveitamento da terra fóronse introducindo diversos cultivos, pero respecto á cantidade de terra dedicada compiten cos pastos debido á presión do aproveitamento económico do gando.
Galicia é unha forte potencia de riqueza forestal para o Estado Español. A pesar dos incendios forestais que queiman moitas hectáreas tódolos anos, a madeira producida en Galicia é unha importante fonte de ingresos, así como a pasta de celulosa procedente de madeiras brandas. A rexión é unha zona de transición entre tres climas e os seus biotopos:
- atlántico, con bosques de carballos, bidueiros, amieiros, etc.;
- mediterráneo, principalmente nos vales interiores dos grandes ríos, con elementos significativos coma estevas, sobreiras, erbedos, etc.;
- continental bastante suavizado, con elementos puntuais coma teixos, acivros, algúns abetos (alóctonos), piñeiros vermellos, etc.;
Debido á bonanza do clima, danse tamén facilmente especies subtropicais e mesmo tropicais: palmeiras, orquídeas, etc. En Galicia houbo tres revolucións botánicas ou forestais, que se deron en tres épocas diferentes e con resultados ben distintos:
- chegada do castiñeiro (Castanea sativa) cos romanos, rapidamente aclimatado e agora xa considerado coma autóctono;
- chegada das repoboacións de piñeiro rodeno (Pinus pinaster), co tempo chamado mesmo piñeiro do país ou piñeiro galego, dende a descubrimento de América, sobre todo para a construción de barcos;
- chegada das repoboacións de eucalipto (especialmente Eucalyptus globulus), dende o franquismo, aínda contemplado coma especie alóctona, principalmente para fornecer de materia prima a ENCE, a papeleira de Pontevedra.
Fauna
Existen en Galicia 262 especies de vertebrados inventariados, dos que 12 son peixes de augas doces, 15 anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos[18].
Os animais que se ven topicamente como máis característicos de Galicia son domésticos, e corresponden ás explotacións gandeiras. Porén, os bosques e montes galegos albergan unha variedade de pequenos mamíferos (lebres, coellos) e outros non tan pequenos (como xabarís ou corzos) que son aproveitados nas tempadas de caza.
Dentro das aves, cabe citar os varios sitios de paso ou invernada, zonas ZEPA, etc, como a da Ría de Ribadeo.
Lingua
- Artigos principais: Lingua galega e Historia da lingua galega.
O galego, idioma romance derivado do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común ao portugués e similar a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.
A lingua galega desenvolveu tradición literaria temperá canda outros romances coma o occitano. Esta prematura tradición acredita o seu prestixio. Atravesou posteriormente períodos de decadencia literaria e sociolingüística debido ao estatus político de Galicia ao longo da súa historia.
Actualmente, a lingua galega posúe un estándar elaborado pola Real Academia Galega en base á súa tradición literaria. O galego contemporáneo, como lingua oficial, posúe unha variante culta que é empregada tanto nos medios de comunicación de Galicia coma no ensino primario, secundario e universitario.
A lingua galega é falada por máis de 3 millóns de persoas arredor do mundo. En relación ó número de falantes, o galego ocupa o posto 146 na lista mundial, na que están incluídos máis de 6.700 idiomas[9].
O castelán comezou a se introducir na Baixa Idade Media sobre todo ao accederen casteláns a postos na Igrexa e na política galega, e acabou por converterse na lingua da clase dirixente e de facto na única lingua oficial e ao longo do século XX tamén na lingua falada por unha parte dos habitantes das cidades galegas. Despois de varios séculos de imposición política da lingua castelá, o galego acadou nos últimos decenios tamén o estatus de lingua oficial na comunidade autónoma galega, e ámbolos dous son aprendidos nos centros de ensino. Existe un forte movemento social que busca a plena normalización da lingua de Galicia.
Hai que notar que tanto o galego coma o portugués son derivados do antigo galego, chamado habitualmente galego-portugués. As dúas linguas comezaron a se afastaren progresivamente coa separación política de Portugal e Galicia.
Cultura
- Artigo principal: Cultura de Galicia.
Galicia conta cunha rica historia na que diferentes pobos, xunto coa poboación nativa, deixaron a súa impronta na cultura.
Literatura
- Artigo principal: Literatura galega.
Como acontece coa maior parte das linguas linguas romances, as primeiras manifestacións literarias en galego (algunhas veces denominado actualmente galego-portugués) datan da Idade Media. Logo desta etapa medieval (na que resulta especialmente relevante a produción poética), tivo lugar un longo período de algo máis de tres séculos de sequía literaria, denominados séculos escuros no que produciuse un case total abandono da lingua galega como lingua literaria. Co rexurdimento, dende comezos do século XIX, a literatura en galego volve a cultivarse xurdindo nomes fundamentais como Rosalía de Castro. Xa no século XX, antes da guerra civil teñen especial importancia grupos de intelectuais como a Xeración Nós e as Irmandades da Fala, nos que se atopan escritores como Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Castelao. Pódense acotar, logo, dous períodos máis que coincidirían, aproximadamente, un co franquismo e o outro co período de tempo que chega ata a actualidade, dende o advenimento da democracia en España. Autores de sona da literatura galega contemporánea son Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Suso de Toro.
Música
Identidade e tradicións
Gastronomía
- Artigo principal: Gastronomía de Galicia.
A gastronomía galega destaca pola súa variedade e pola calidade dos seus produtos, demostrada en moitos casos polos 30 produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida.[19] A miúdo os produtos galegos son protagonistas de gran cantidade de feiras e festas patronais e gastronómicas referencia ineludible para o turista que visita Galicia.
A cociña galega tanto nas zonas do interior como nas costeiras sempre foi moi sinxela, debido á escaseza de recursos dos que dispor. O porco formaba a base da alimentación nas terras do interior. Na zona costeira tamén se consumía este tipo de carne, pero a base da alimentación constituíaa o peixe. Os pratos máis tradicionais da cociña galega corresponden, entre outros, o caldo galego, o polbo á feira, o cocido, a caldeirada, o churrasco, as mariscadas, os callos e a empanada. Entre as sobremesas tradicionais atópanse a torta de Santiago ou a de Mondoñedo, as orellas (típicas do Entroido) ou as filloas. Algúns produtos típicos da gastronomía galega son o grelo, a pataca, a castaña, o pemento, o mel, o lacón, os embutidos, o queixo, o pan e os distintos tipos e mariscos.
Entre as bebidas destacan a queimada, os augardentes e derivados (oruxos) e os distintos tipos de viño dos que cabe destacar as cinco denominacións de orixe existentes en Galicia: O Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.
Deportes
Goberno e política
Os poderes da comunidade
O Estatuto de Autonomía de Galicia establece que os poderes da comunidade exércense pola vía do Parlamento, a Xunta e a Presidencia:[20]
- O Parlamento de Galicia é o representante máximo de Galicia, e sobre o cal recae a potestade lexislativa. O Parlamento está integrado por 75 deputados elixidos por sufraxio universal pola vía da representación proporcional por un periodo de catro anos, e no que está garantida por lei a posibilidade do voto aos galegos que residen no estranxeiro.
- A Xunta de Galicia é o órgano colexiado sobre o cal recae a potestade executiva e administrativa do goberno. Está integrada polo presidente, o vicepresidente e doce conselleiros. A comunidade exerce as súas funcións administrativas pola vía da Xunta e dos seus entes e órganos dependentes. A Xunta tamén coordina as actividades das Deputacións Provinciais.
- O Presidente da Xunta de Galicia dirixe e coordina as accións da Xunta e ostenta a representación da comunidade autónoma e a ordinaria do Estado español en Galicia. É membro do Parlamento e é electo polos deputados e nomeado polo rei de España.
Resultados electorais
- Artigo principal: Lista de Presidentes de Galicia.
Número de deputados no Parlamento de Galicia, en 2009:
- Partido Popular de Galicia (PPdeG): 38 deputados
- Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG): 25 deputados
- Bloque Nacionalista Galego (BNG): 12 deputados
Número de votos das forzas políticas con representación parlamentar nas eleccións (1 de marzo de 2009):
- Partido Popular de Galicia (PPdeG): 758.798
- Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG): 481.890
- Bloque Nacionalista Galego (BNG): 266.969
Número de votos das principais forzas políticas sen representación parlamentar:
- Unión Progreso e Democracia (UPyD): 23.414
- Terra Galega (TG): 18.380
- Esquerda Unida (EU): 15.887
Partidos políticos
- Partido Popular de Galicia (PPdeG).
- Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).
- Bloque Nacionalista Galego (BNG).
- Partido Galeguista (PG).
- Frente Popular Galega (FPG).
- Esquerda Unida (EU).
- Terra Galega (TG).
- Nós-Unidade Popular (Nós-UP).
Notas
- ↑ Galicia constitúe o único topónimo oficial:La Voz de Galicia, 8 de xuño de 2008. Segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego: "Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, ..., etc. Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo. NOMIG 20º edición ISBN 84-87987-51-6 Páxina 56.
- ↑ O termo Galiza, segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego da Real Academia Galega do ano 2003, acéptase para referírmonos á Comunidade Autónoma de Galicia (mantendo esta última como forma recomendada), xa que a pesar do estabelecido nas NOMIG, que xunto co VOLG son os únicos textos con carácter normativo para a lingua galega (Ver lei de normalización lingüística), sobre o carácter equivalente dos termos Galicia e Galiza, o Estatuto de Autonomía, di, no seu Artigo 1. 1. Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma...polo que este é o nome oficial da comunidade autónoma.
- ↑ Segundo o Dicionario da Real Academia Galega: "nación s.f. Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa. A nación de Breogán. Sociedade de nacións. CF. país, pobo, terra."
No Dicionario de galego Digalego.com, Ir Indo. "Nación (lat. natione). s.f. Comunidade de individuos aos que uns vínculos determinados, basicamente culturais, económicos e unha historia común, lles dan unha fisionomía propia, diferenciada, e unha vontade de organización e proxección autónoma que os leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado." - ↑ Lei 5/1984, do 29 de maio, de Símbolos de Galicia.
- ↑ Principais datos de Galicia.
- ↑ 6,0 6,1 As lucenses son as que menos fillos teñen en España.
- ↑ Aumentan os nacementos en Galicia, pero o saldo vexetativo segue en negativo.
- ↑ A esperanza de vida incrementouse en Galicia en cinco anos dende 1981.
- ↑ 9,0 9,1 Galicia 08. Xunta de Galicia, Consellaría de Cultura e Deporte.
- ↑ Censo 2007.
- ↑ Fonte: Poboación de feito segundo o Instituto Nacional de Estadística. Datos disponibles en INE. Censo de 1857, Poboación de España por provincias desde 1787 a 1900, Series de población de hecho en España desde 1900 a 1991, y Series de poboación de España desde 1996.
- ↑ Microtoponimia, artigo de Manuel Bragado en Xornal.com.
- ↑ El Centro de Citroën Vigo produce su vehículo 9 millones, un C4 Picasso (en castelán).
- ↑ 14,0 14,1 Galicia recibiu un 8% máis de turistas durante o 2007.
- ↑ La Voz de Galicia, 10.08.2008
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 Variación temporal e espacial da temperatura
- ↑ Pérez, Paula. "El desorden de los bosques". Faro de Vigo. Consultado o 25-04-09.
- ↑ Enciclopedia Galega Universal (versión en liña).
- ↑ Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente DOP Galicia
- ↑ Estatuto de Autonomía de Galicia. Título I: Do Poder Galego
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Xunta de Galicia
- Estatuto de Autonomía de Galicia
- Instituto Galego de Estatística (I.G.E.)
- Guía aberta á lingua galega
- Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
|
|
||
|---|---|---|
| A Coruña · Lugo · Ourense · Pontevedra | ||

