Carballo
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Carballo (homónimos).
Coordenadas: 43°12′46″N 08°41′22″W / 43.21278°N 8.68944°W
| Carballo | |
|---|---|
| Situación | |
| Xentilicio[1]: | Carballés, Carballesa |
| Xeografía | |
| Provincia: | Provincia da Coruña |
| Comarca: | Bergantiños |
| Poboación: | 31.049 hab. (2010) |
| Área: | 186,8 km² |
| Densidade: | 164,10 hab./km² |
| Entidades de poboación: | 314 (18 parroquias) |
| Capital do concello: | Carballo |
| Política (2011) | |
| Alcalde: | Evencio Ferrero Rodríguez (BNG) |
| Concelleiros: | BNG: 10 PPdeG: 8 PSdeG-PSOE: 1 Outros: TEGA 2 |
| Eleccións municipais en Carballo | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes: | 97,66 % |
| Sitio web oficial | |
| www.carballo.org | |
Carballo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de BergantiñosSegundo o IGE en 2010 tiña 31.049 habitantes segundo o INE (29.985 no 2006, 29.689 no 2005, 29.521 no 2004, 28.949 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é Carballés. Carballo é a capital e vila máis grande da comarca de Bergantiños, amais da maior poboación da Costa da Morte.
Índice |
[editar] Xeografía
O concello ten 187 km², sendo un dos municipios de maior tamaño da provincia da Coruña. O termo municipal de Carballo sitúase entre os primeiros cumios das serras de Soneira e Montemaior. Limita ao sur con Val do Dubra, que separa ámbalas dúas formacións montañosas, ao oeste limita cos concellos de Coristanco, Ponteceso e Malpica de Bergantiños, ao norte limita co Océano Atlántico, mentres que ao leste linda cos concellos da Laracha e Cerceda.
Entre os accidentes xeográficos de Carballo cómpre salientar, ao sur, o monte da Peniqueira e do Castro (350 m), Monte Calvelo (389 m) e Monte Alto (483 m). O río Anllóns atravesa o término municipal de sueste a oeste formando o val do Anllóns. Na canle dun dos seus afluíntes, o río Taboada, fórmase a fervenza de Entrecruces.
Ao norte, xa próximos á costa, están os montes de Lendo, Oza e Monte Neme, de 386 metros. Especialmente salientable pola súa importancia ecolóxica e paisaxística é a franxa costeira de Razo - Baldaio, integrada por unha serie de marismas, unha lagoa e longos areais litorais.
[editar] Natureza
O concello de carballo conta cunha gran variedade de ecosistemas, fluviais, de interior e costeiros nos que viven numerosas especies animais e vexetais.
[editar] Ecosistemas costeiros
O Espazo Natural de Razo-Baldaio é, sen dúbida, o punto de maior interese paisaxístico e ecolóxico do Concello. O complexo de Baldaio comprende unha grande área de litoral xurdida dun entrante costeiro, que rematou pechándose cunha gran barra de area.
Na actualidade diferéncianse neste espazo catro medios naturais ou ecosistemas: unha barra de area con dunas ao longo da praia, que separa a lagoa do mar; a lagoa litoral, cunha canle que permite o intercambio das mareas; unha marisma sucada por unha grande cantidade de canles que desaugan na lagoa; e unha xunqueira no oeste, desenvolvida sobre unha chaira areosa á que non chega a influencia das mareas.
Este Espazo Natural constitúe un contorno ideal para a observación de aves, especialmente na zona comprendida entre a lagoa e a marisma. Entre a rica avifauna de Baldaio destaca o grupo das limícolas, con mazaricos, agullas, biluricos, píllaras, pilros ou pilriños.
Formando parte deste espectacular complexo está a praia de Razo, un dos areais máis extensos de Galicia.
[editar] Ecosistemas de interior
De entre tódolos ecosistemas de interior salienta na parroquia de Entrecruces a chamada Férveda de Entrecruces, próxima á capela de San Paio, na que o abondoso caudal do río Outón (especialmente no inverno e na primavera) precipítase dende unha altura de máis de corenta metros, formando un cachón de escuma e auga que, antes de chegar ao fondo, rompe en dous para abrazar a rocha negra do leito do río. Nas proximidades da fervenza aínda poden verse os restos de antigos muíños de auga, e mesmo dunha pequena central hidroeléctrica que abasteceu ao concello tempo atrás, a partir de 1915. No treito de camiño que vai dende San Paio ata a fervenza pola beira do río Outón, é posible observar o típico bosque de ribeira con abundantes ameneiros, salgueiros, freixos, estripos, abeleiras e loureiros, entre outras especies.
Ademais, produto da faia meridiana que separa as parroquias de Rus e Entrecruces xorde un salto de auga duns trinta metros formado no río da Férvida. Esta forte corrente de auga deslízase por un chan de gabros, rochas de gran dureza e difícil erosión. Trátase da chamada Férveda de Rus, que a pesares de non contar cun grande desnivel, vai baixando de forma sinuosa pola canle do río.
[editar] Ecosistemas fluviais
- Artigo principal: Río Anllóns.
O río Anllóns é o principal río do Concello de Carballo, atravesándoo de Leste a Oeste. O Anllóns constitúe un importante ecosistema fluvial no que se poden atopar principalmente troitas, e en menor medida salmóns e reos. Ao longo do seu cauce pódense observar numerosas árbores autóctonas e especies vexetais propias das zonas fluviais.
A man do home deixou á beira do Anllóns unha gran cantidade de edificacións como os muíños da Cheda ou o refuxio de Queo, ámbolos dous na parroquia de Bértoa. Tamén se crearon recentemente áreas recreativas como a do Tarambollo, na parroquia de Sofán, onde existe unha pequena piscina natural. Tamén salienta no cauce do río o Bosque do Añón, onde os carballeses adoitaban bañarse no verán antes da popularización das praias, e no cal aínda hoxe acolle cada ano a tradicional e concorrida romaría que se celebra durante as festas do San Xoán. Xa no casco urbano, dúas das principais zonas verdes sitúanse no cauce do río, os parques do San Martiño e o Parque do Anllóns.
[editar] Demografía
Carballo contaba no 2010 cunha poboación de 31.049 habitantes, agrupados en 314 entidades de poboación e 18 parroquias, sendo o 6º concello máis poboado da provincia da Coruña. Os habitantes de Carballo son denominados carballeses ou carballesas (s., carballés ou carballesa) Estímase que en torno ao 60 % dos habitantes do concello residen no seu núcleo urbano. Debido á gran extensión do concello (186,8 km²), a súa densidade de poboación non é moi alta, sendo de 164,10 hab./km². As parroquias máis poboadas son as de Bértoa (1.499 habitantes) e Carballo (16.321 habitantes), mentres que a parroquia máis pequena é Aldemunde (125 habitantes).
| Evolución da poboación de Carballo - desde 1900 ata 2009 - | |||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 |
| 13.032 | 15.127 | 20.965 | 25.713 | 29.521 | 31.049 |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||
[editar] Historia
O territorio no que hoxe se asenta Carballo estivo poboado dende épocas moi temperás. Testemuño destes primitivos asentamentos son os utensilios paleolíticos atopados no espazo natural de Razo - Baldaio, actualmente expostos no Museo Arqueolóxico da Coruña.
Da cultura megalítica chegou ata os nosos días o dolmen de Pedra Moura, situado na parroquia de Aldemunde. Existe constancia da elevada poboación que debeu existir no municipio durante a etapa castrexa. Así o demostran as vinte construcións catalogadas polo investigador Antón Rodríguez. Malia que a conservación destes castros é irregular, sobresaen pola súa complexa estrutura os de Vilela, Nión ou Oza, nos que aínda pode apreciarse o recinto defensivo. Os estudos realizados levan e pensar que estes castros poderían ser coetáneos da tribo celta dos brigantinos, que lle deu nome á Comarca.
É posible que os romanos se asentaran nas nosas terras atraídos pola súa fertilidade e abundancia en minerais. Ata os nosos días só chegou unha pequena parte do seu legado. Deste período queda no municipio o castro de Torre Pardiñas, en Razo. A influencia romana pode apreciarse nos restos do seu sistema defensivo. Sobresae ademais a ponte Lubiáns, unha das máis estreitas de Galicia, que formaba parte da calzada romana Per Loca Maritima que unía Finis Terrae con Brigantium. Segundo os historiadores, os vestixios visibles na actualidade datan da época medieval ou do século XVIII.
Outro dos motivos que puideron contribuír ao asentamento dos romanos foron as augas sulfurosas de Carballo, que aínda se explotan na actualidade. Así o testemuñan os restos dunha vila termal atopada no século XVIII.
A parroquia de San Xoán de Carballo, que recibiu o seu nome dun carballo situado diante da antiga igrexa parroquial, pertencía nas súas orixes á xurisdición de Santiago de Sísamo. Malia que a súa existencia pode ser constatada dende o século XII, o primeiro libro parroquial de Carballo data de 1663. Durante este período, e ata que acadou a independencia en 1607, dependería do mosteiro de Soandres (do cal dependía dende 1418) e do Couto de Ardaña.
Este primeiro núcleo complementaríase no século XVIII cun novo asentamento arredor da Casa de Baños. O redescubrimento en 1716 das famosas e saudables augas termais -das que se abastece hoxe o balneario de Baños Vellos- contribuíu en grande medida á creación do municipio.
Carballo establécese como Concello en 1836, dende aquela o concello quedou dividido nas actuais 18 parroquias. Xa en 1920 o arquitecto Julio Galán construiría a que sería Casa do Concello ata 1974. En 1924 rematan as obras dunha nova igrexa, de estilo modernista, nas inmediacións da antiga praza do mercado. Nos anos 20 e 30 do século XX asistimos á modernización de Carballo, coa apertura de prazas, a creación de escolas ou a finalización do xardín. A década dos 40, co auxe da explotación de volframio, supuxo o comezo dunha época de crecemento que acadaría o seu máximo esplendor a partir dos anos 60 e 80. Neste último terzo do século pasado prodúcese a grande expansión urbanística do municipio.
[editar] Política
As últimas eleccións municipais deixaron a situación de Carballo deste xeito:
| Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[3] | |||||
| Partido | Votos | % | Concelleiros | ||
| BNG | 7.881 | 44,08 % | 10 | ||
| PP | 6.114 | 34,19 % | 8 | ||
| TEGA | 1.979 | 11,07 % | 2 | ||
| PSOE | 1.526 | 8.53 | 1 | ||
- Alcalde electo: Evencio Ferrero Rodríguez (BNG).
NOTA: Estes resultados son provisionais a causa do recurso contencioso electoral interposto polo PSdeG, polo que os concelleiros de Carballo non poderán tomar posesión dos seus cargos.
[editar] Administración xudicial
Carballo é a capital do partido xudicial número 6 da provincia da Coruña, partido que comprende tódolos concellos da comarca de Bergantiños. Carballo conta con dous Xulgados de Primeira Instancia e Instrución.
[editar] Economía
Carballo é o motor económico da comarca de Bergantiños, un dos motivos deste desenvolvemento económico é a súa situación xeográfica. A riqueza mineira desta zona atraeu os romanos, que estableceron explotacións como as de estaño, entre outras. Posteriormente foi a agricultura a que determinou o desenvolvemento do municipio. Na primeira metade do século XX a minaría cobra de novo importancia. Comeza nesta etapa a explotación de xacementos de arsénico en Noicela e, especialmente a de volframio en Monte Neme, converténdose esta última no dinamizador económico de toda a comarca. Nos anos sesenta do século XX produciuse a expansión do sector secundario, naceron empresas como a conserveira Calvo, convertida hoxe nunha grande industria internacional. Tamén é de gran importancia o sector forestal, así atopamos no territorio carballés múltiples empresas dedicadas á transformación da madeira, lideradas por unha grande compañía que xera -directa e indirectamente- un elevado número de postos de traballo.
Unha grande parte do sector empresarial carballés aséntase no Polígono Industrial Bértoa, claro referente do crecemento económico do municipio. O polígono vén de ampliar a súa superficie en máis de 718.000 metros cadrados, estando programados 443.000 metros cadrados máis. Así, nun futuro próximo, o parque empresarial de Bértoa contará con preto de 2.000.000 de metros cadrados brutos.
Tamén destaca no concello o seu sector comercial, que atrae compradores de toda a comarca. Todos os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes ten lugar a feira, na que é posible adquirir todo tipo de produtos agrícolas.
[editar] Transportes e comunicacións
| Distancias a outras cidades galegas |
km |
|---|---|
| A Coruña | 34,7 |
| Santiago de Compostela | 46,6 |
| Pontevedra | 107,7 |
| Lugo | 128,1 |
| Ourense | 149,4 |
Carballo foi dende tempos inmemoriais punto de encontro para os viaxeiros que dende a Costa da Morte se dirixían á Coruña e Compostela. Polo municipio transcorreu a vía romana Per Loca Marítima, que comunicaba A Coruña con Fisterra. Xa a comezos do século XX, parte deste traxecto era cuberta por unha das liñas de trolebuses máis longas de Europa, xestionada pola compañía Trolebuses Coruña-Carballo (TCC).
[editar] Estradas
- A autoestrada AG-55, que une as cidades de Carballo e A Coruña é a principal vía de comunicación entre Carballo e a capital da provincia.
- A estrada C-552, que enlaza Fisterra coa Coruña, tamén pasa por Carballo.
- A provincial CP-1914 une o municipio con Santiago de Compostela.
- As estradas LC-412 e LC-413 constitúen os principais accesos dende á comarca de Ordes.
Amais de todas estas vías, Carballo dispón ademais dunha ampla rede viaria municipal que comunica as parroquias do concello.
[editar] Cultura
Carballo conta cunha importante actividade cultural ao longo de todo o ano que se estrutura arredor de programas que adoitan estar vencellados a determinadas épocas do ano como o Nadal Cultural, Antroido, Programa das Letras, San Xoán, Verán Cultural ou a Feira do Libro; amais conta con ciclos e festivais adicados a áreas determinadas da cultura como o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), Novembro con Música ou Primavera EnDanza. O Pazo da Cultura é o principal foco cultural da vida carballesa e nel teñen lugar os principais eventos culturais da cidade.
[editar] Teatro
- Artigo principal: Festival Internacional Outono de Teatro.
O teatro ten un papel moi importante na axenda cultural carballesa, especialmente durante o mes de Outubro, cando se celebra o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), un festival anual que conta coa presenza das principais compañías teatrais galegas, españolas e doutros países. Celebrado ininterrompidamente dende 1992 e organizado conxuntamente polo Concello e a Asociación Cultural Telón e Aparte, é considerado como unha das máis importantes citas do panorama escénico galego, . O núcleo do programa constitúeo o teatro de sala (que ten lugar no Pazo da Cultura durante as fins de semana de outubro), mais inclúe tamén un amplo abano de actividades paralelas como a Rúa dos Contos (ciclo de espectáculos teatrais, contacontos, cabaret, etc, en pubs, cafeterías e tascas durante varios días); dende 2010 o ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); Teatro de Rúa; exposicións; ou o Concurso Escolar de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'.
Amais do FIOT, adoita haber representacións teatrais dentro da programación cultural anual do Concello de Carballo.
[editar] Música
Carballo conta tamén cunha importante actividade musical ao longo de todo o ano, con numerosos concertos na súa programación cultural anual, pasando polo auditorio do Pazo da Cultura orquestras como a Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra de Cámara Galega. A música ten especial peso na programación cultural do Concello durante o mes de Novembro, cando ten lugar o ciclo Novembro con Música, un programa coa música como protagonista no que se pode asistir a concertos de diversos estilos e destinados a distintos públicos que van desde a música académica, o jazz ou a música tradicional galega ata a música coral ou pop, pasando por outras actividades como exposicións ou concertos didácticos.
Carballo conta cun Conservatorio Profesional de Música que nutre de rapaces á Banda Municipal de Carballo (fundada en 1984), a principal agrupación musical no concello.
No que se refire á música tradicional, no Concello existen numerosas asociacións culturais que ofrecen frecuentemente espectáculos de música e danza tradicional.
[editar] Danza
Cada ano durante varios fins de semana de primavera (principalmente no mes de Abril), a Concellaría de Cultura de Carballo organiza o ciclo Primavera EnDanza, adicado á danza contemporánea e no que se inclúen espectáculos tanto para o público adulto como para os máis pequenos, nel participan compañías de danza galegas e do Estado Español e organízanse actividades complementarias, como encontros entre o público e os creadores, accións na rúa ou obradoiros co obxectivo de achegar á cidadanía a danza e a súa linguaxe. Amais deste ciclo monográfico de danza contemporánea, a programación cultural de Carballo inclúe ás veces espectáculos de danza.
[editar] Lugares de interese
- Dolmen de Pedra Moura, na parroquia de Aldemunde.
- Museo de Bergantiños.
- Pazo de Vilardefrancos (non visitable).
- Espazo natural Razo-Baldaio.
- Ponte Lubiáns (unindo os concellos de Carballo e Coristanco)
[editar] Deportes
Carballo conta con numerosos clubs deportivos de distintas disciplinas. Os clubs máis importantes, tanto por número de fichas como por masa social e historia son o Bergantiños FC (fundado en 1923, foi o primeiro club federado da comarca de Bergantiños) e a AD Xiria (club polideportivo con seccións semiprofesionais nas disciplinas de balonmán e baloncesto). Outros clubs son o Escola Lubiáns (hóckey a patíns), AD Fogar da Xuventude (natación), SYSCA e SERCA (socorrismo), ou as Escolas de Fútbol Luis Calvo (encargadas de promover a práctica do fútbol e do fútbol sala, entre outras moitas.
No que se refire a instalacións deportivas, Carballo conta con tres polideportivos:
- Complexo Deportivo da Zona Escolar: que conta cunha piscina cuberta e zona spa, ademais dun pavillón onde disputan os seus partidos oficiais as diversas seccións da AD Xiria e un ximnasio
- Complexo Deportivo Carballo Calero: conta cunha piscina cuberta, un pavillón e unha sala de fitness.
- Complexo Deportivo Vázquez Mouzo: conta cun polideportivo e un campo de fútbol.
O Estadio das Eiroas é o principal campo de fútbol da localidade e nel xoga os seus partidos como local o Bergantiños FC. O complexo das Eiroas conta, ademais deste estadio principal, cun campo de fútbol anexo. Ámbolos dous campos son de herba artificial.
O concello de Carballo conta ademáis cun circuito que tras anos de abandono acolle probas de motocross e autocross.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Carballo.
[editar] Lugares de Carballo
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de vexa: Lugares de Carballo.
[editar] Parroquias
[editar] Cidades irmás
[editar] Referencias
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ Resultados das eleccións municipais do 2011 en Carballo
[editar] Véxase tamén
| Concellos da Comarca de Bergantiños | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cabana de Bergantiños |
Carballo |
Coristanco |
A Laracha |
Laxe |
Malpica de Bergantiños |
Ponteceso |
|
|
|||||