Cultura de Galicia
| Este artigo ou sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
A Cultura de Galicia ten a súa orixe na cultura megalítica da fachada atlántica europea e na cultura castrexa. Os primeiros poboadores de Galicia son os nativos oestrimnios e outros pobos de orixe indoeuropea. A fusión destes pobos no noroeste peninsular dará lugar á cultura dos castros entre o macizo Galaico e o río Douro, cultura na que deixaron a súa impronta tamén os romanos. Ademais aínda hoxe é tema de discusión a pegada celta na cultura galega: aínda que se sabe que a súa presenza non foi tan importante como a que quixeron ver os autores románticos, hai trazos célticos de importancia, como influencias na cultura material, na toponimia, nos mitos relixiosos e pode que mesmo a lingua falada en todo o territorio galaico antes da romanización fose celta, aínda que disto non hai certeza.
Posteriormente, Galicia será invadida por varias vagas xermánicas. Nun primeiro momento os suevos farán de Galicia o primeiro reino independente de Europa, máis adiante, este reino será anexionado polos visigodos. Galicia recibirá tamén, no transcorrer da súa historia, a viquingos, bretóns e musulmáns. Coa chegada dos musulmáns á Península Ibérica dúas cidades galegas serán atacadas: Santiago de Compostela e Lugo. O reparto do antigo reino visigodo, que se fai entre árabes, sirios e bérberes, dálle a estes últimos a franxa noroeste. As condicións climáticas incomodan a este pobo, procedente do Magreb, así que deciden non asentarse, convertendo a Galicia en territorio fronteira con Al-Ándalus, onde o cristianismo faise un trazo diferenciador que dá forzas á reconquista.
Galicia, ao igual ca outros territorios da Península Ibérica, tamén chegaría a ter nalgunhas cidades unha importante comunidade xudía, principalmente na zona de Ribadavia e Ourense. Tamén cabe destacar na cultura galega a influencia cultural chegada dende América Latina, dende as Illas Británicas e dende o centro de Europa, grazas ao camiño de Santiago.
Cultural e lingüisticamente as comarcas españolas do Bierzo (Castela e León) e o Eo-Navia (Asturias) son análogas a Galicia. Tamén posúe patróns conxuntos coas rexións lindeiras portuguesas de Tras-os-Montes e Baixo Minho na música, nos costumes e nas tradicións.
A cultura galega, entón, é froito da fusión de elementos culturais achegados por moi diversos pobos, que se estableceron en Galicia ao longo da súa historia, coa cultura da poboación nativa.