Piñeiro bravo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piñeiro bravo
Pinus pinaster
Pinus pinaster
Estado de conservación
Status iucn3.1 LC gl.svg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Spermatophyta
Clase: Coniferopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Pinus
Subxénero: Pinus
Especie: P. pinaster
Nome binomial
Pinus pinaster
Ait., 1789

O piñeiro bravo, piñeiro marítimo ou piñeiro do país (Pinus pinaster Aiton) é unha árbore ximnosperma da familia das pináceas, de folla perenne e que pode acadar os 30 metros de altura. É unha das árbores máis abondosas de Galiza na súa variedade atlántica, ocupando aproximadamente o 36% da superficie arborada do país, como consecuencia de repoboacións efectuadas nos últimos dous séculos, xa que é unha especie de crecemento rápido.

O Himno de Galicia (Os Pinos) refírese a esta árbore coma un dos símbolos do país.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome galego, piñeiro bravo (en portugués: pinheiro-bravo), ou simplemente piñeiro, refírese a que é o piñeiro por excelencia do país. Cómpre evitar o castelanismo pino.

O nome xenérico latino Pinus que dá lugar ao galego piñeiro, parece derivar do celta pin: montaña, pola facilidade con que algunhas das súas especies medran en terreos case sen solo. Para outros autores derivaría do sánscrito pitu, nome da especie nesa lingua.

O nome específico pexorativo 'pinaster' deriba do latín pinus + aster, traducido coma 'pobre imitación de piñeiro' (cf. poetaster).

Descrición[editar | editar a fonte]

A árbore acada os 25-30 m de altura. Presenta copa irregular e aberta, cun toro recto que chega ao 1,2 m de diámetro, coas pólas verticiladas e abertas, coa casca fendida, de cor cinsenta nos exemplares novos, tirando xa cara o castaño avermellado canto máis vellos, grosa e profundamente gretada especialmente na base.

As follas son acículas en pares, longas e estreitas, de 15 a 25 centímetros de lonxitude, de cor verde agrisada, ríxidas e dispostas por pares. Coñécense en Galiza con infinidade de nomes: arume, agulla, bruma, frouma, garfa, lesta, padumeiro, pica, etc.

A semente é o piñón, de aspecto leñoso e negro, cunha á membranosa de ata 3 centímetros, atopándose no interior das piñas, de forma oval cónica e de ata 20 centímetros de lonxitude e 8 de ancho.

Presenta flores unisexuais, sendo as masculinas grupos de pequenos conos de forma oval, localizándose nas pólas baixas. As femininas, situadas nas pólas máis altas, son tamén pequenos conos leñosos, de cor encarnada. Florea entre febreiro e abril.

As piñas son cónicas de 10 a 20 cm de longo e 4 a 6 cm de largoo cando aínda fican fechadas. Verdes ao principio para tornárense a un castaño avermellado aos 24 meses que abren enlargando até uns 8 o 12 cm de ancho. Os piñóns son de 8 a 10 mm cunha á de 20 a 25 mm que dispersa o vento.

Subespecies e distribución[editar | editar a fonte]

Casca do piñeiro bravo (Pinus pinaster).

Dada a diversidade estacional coa que aparece o piñeiro bravo, existen dous grupos que se encadran en dúas subespecies: Atlántica (ou marítima) e mesogeensis (mediterránea).

En España, destaca a comarca da Sierra de Segura, por representar bosques extraordinariamente estensos e poboados e historicamente para producir os mellores exemplares para a construción nunha soa peza dos mastros dos veleiros.

No Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia atopamos un exemplar monumental, o Piñeiro de Alxén, en Alxén (Salvaterra de Miño), Pontevedra.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Atopa o seu hábitat desde a beiramar até os 1.500 metros de altitude. En Galiza especialmente ocupa solos arrentos, dende as praias até varios quilómetros ao interior, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Non é moi esixente co solo, podendo medrar incluso nos pobres solos dos noiros das auoestradas.

Enfermidades e pragas[editar | editar a fonte]

A superficie de piñeiro bravo estase vendo reducida por mor da aparición no sur de Galiza entre 2009 e 2012 dunha cepa do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), un dos maiores problemas aos que se enfrota a especie tanto en Galiza coma en Portugal.

Usos[editar | editar a fonte]

É unha das principais especies forestais en Francia, España e Portugal. Os bosques das Landas no suroeste de Francia é a plantación de piñeiro bravo máis grande de Europa. A súa madeira é resinosa, clara, avermellada ou castaño avermellada, con abundantes nós é durábel, pesada e pouco flexíbel. Utilízase en mobiliario, taboleiros, postes, encofrados, fabricación de caixas, aglomerados, carpintaría, travesas, construción naval, combustíbel e celulosa. A quenda (idade de colla para aproveitamento madeireiro) é de arredor de 30 anos. Extráese a resina, para ser usada na industria de tintas, vernices e augarrás. A casca do tronco é rica en tanino e é usada no curtimento de peles.

No pasado empregouse moito na industria naval para fabricar mastros para os barcos. A brea e alcatráns extraídos do piñeiro usábanse para o calafateado dos navíos, o que reduciu as masas de piñeiros sobre todo na vertente mediterránea. Utilizábase tamén para as cubertas e o forro dos grandes buques da Armada. Ademais por mor á súa alta tenacidade e resistencia á podremia cando está mergullado este pau, empregouse para a fabricación dos rodicios dos muíños de auga, pezas sometidas a fortes presións mecánicas e accións biolóxicas da auga.

As piñas son moi usadas como combustíbel, por exemplo, nas cociñas de ferro e as xemas novas son utilizadas como balsámicos e contra a bronquite. O arume tamén se emprega coma combustíbel, por exemplo para asar castañas.

En canto as súas funcións medicinais foron utilizados no pasado os brotes tenros en infusión para catarros e bronquite. Ademais a trementina úsase en ungüentos contra o reuma o tamén para as infeccións das vías respiratorias.

Foi abundantemente plantada como abeiro contra o vento, e debido ao seu enraizamento radical profundo como fixador de dunas, alén de permitir a recuperación de solos pobres e erosionados.

Ademais dos usos industriais, é tamén unha popular árbore ornamental nalgúns países, a miúdo plantada en parques e xardíns de climas temperados. Naturalizouse nalgunhas partes do sur de Inglaterra e na maior parte de Galiza. En Suráfrica o piñeiro marístimo considérase planta invasora.[1]

Medicinalmente úsase coma fonte de flavoinoides, catequinas, proantocianidinas, e ácidos fenólicos; especialmente no patentado extracto "pycnogenol (picnoxenol)". Coma fonte de flavonoides, o pycnogenol é un antioxidante e antiinflamatorio natural[2] que protexe o corpo dos daniños radicais libres,[3] axuda a estimular o sistema inmunolóxico e fortalece as paredes dos vasos e dos capilares sanguíneos.[4]
Utilízanse bastante para a extracción de trementina, cuxa destilación dá lugar á augarrás e a un residuo chamado pez. Estes produtos teñen grande interese para a industria química, de vernices e perfumaría[5].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Stirton, C.H. (Ed.) 1978. Plant invaders. Dept. of Nature and Environmental Conservation of the Cape Provincial Admin., Cape Town, 175pp. ISBN 978-0-7984-0092-3
  2. Canali, R; Comitato, R; Schonlau, F; Virgili, F (2009). "The anti-inflammatory pharmacology of Pycnogenol in humans involves COX-2 and 5-LOX mRNA expression in leukocytes". International immunopharmacology 9 (10): 1145–9. DOI:10.1016/j.intimp.2009.06.001. PMID 19508901.
  3. Devaraj, S; Vega-López, S; Kaul, N; Schönlau, F; Rohdewald, P; Jialal, I (2002). "Supplementation with a pine bark extract rich in polyphenols increases plasma antioxidant capacity and alters the plasma lipoprotein profile". Lipids 37 (10): 931–4. DOI:10.1007/s11745-006-0982-3. PMID 12530550.
  4. Rohdewald, P (2002). "A review of the French maritime pine bark extract (Pycnogenol), a herbal medication with a diverse clinical pharmacology". International journal of clinical pharmacology and therapeutics 40 (4): 158–68. PMID 11996210.
  5. Mini Atlas Xeobotánico de Galicia http://www.vexetaciondegalicia.es/ar-pinus-pinaster.html

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]