Torta de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Típica representación sobreimpresa en azucre da Cruz de Santiago.

A torta de Santiago é unha sobremesa tradicional da cociña galega (orixinaria da capital, Santiago de Compostela) que pode atoparse en case todo o territorio español. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa e os ovos.

Características[editar | editar a fonte]

Un dos ingredientes principais da torta é a améndoa (33% do total da masa) que se pulveriza e se mestura con ovo (outro terzo da masa), fariña e azucre (o outro cuasi-terzo restante) nunha masa compacta (adoita levar algunha cantidade de manteiga ou manteca) que se aromatiza con canela e ralladura de limón, para ser posteriormente introducida ó forno nun recipiente refractario, normalmente entre 180ºC e 200ºC durante case 45 minutos.

Segundo as receitas pode incorporar brandy ou augardente como aromatizadores. O pastel queda no forno ata que se empeza a poñer unha costra dura na superficie. É moi frecuente poñer unha plantilla coa silueta de cruz da Orde de Santiago e botar azucre fino sobre a superficie, de modo que ó retirar a plantilla queda a cruz "impresa".

O aroma característico desta torta é unha mestura equilibrada entre a améndoa e o ovo, cando se corta o contido debe ter unha cor dourada e a súa textura debe ser lixeiramente esponxosa e algo graúda.

Historia[editar | editar a fonte]

En Portomarín fanse as tortas de Santiago Ancano.

Non se sabe nada sobre o consumo de améndoa en Galicia durante a Idade Media pero sábese que a carestía deste alimento convertíao nun luxo reservado a poucos. A primeira noticia que se ten do uso deste "biscoito de améndoa", ó que hoxe coñecemos como Tarta de Santiago, procede de 1577 durante unha visita de Pedro de Porto Carrero á Universidade de Santiago[1] aínda que daquela era denominada "torta real". A elaboración e a proporción dos ingredientes facía pensar no que denominamos hoxe en día "Torta de Santiago". As primeiras receitas fiables proceden de apuntes de Luis Bartolomé de Leybar que datan de 1838 baixo o epígrafe de "Tarta de Almendra".

A orixe da Cruz de Santiago representada na súa superficie data de 1924, ano no que a compostelá «Casa Mora» comeza a adornar as tortas de améndoa coa que sería a súa silueta característica, acadando grande éxito en Galicia e no resto de España.

O 3 de marzo de 2006 a Torta de Santiago entrou no rexistro de Indicación Xeográfica Protexida[2].

Servir[editar | editar a fonte]

Aínda que na maioría dos casos adoita ser unha sobremesa servida tralas comidas, acompañada dun café con leite, existen outras variantes que permiten degustar esta torta cun viño doce.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boe número 69 Páxinas: 11254 - 11255
  2. RESOLUCIÓN de 3 de marzo de 2006, da Dirección Xeral de Industria Agroalimentaria e Alimentación, pola que se dá publicidade á solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida «Torta de Santiago».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torta de Santiago Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]