Canón do Sil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Canóns do Sil»)

Coordenadas: 42°24′13″N 7°38′09″O / 42.4037247, -7.6357199

Canón do Sil
Río Sil ó seu paso pola provincia de Lugo.
Marco Legal
Figura de Protección: ZEC
Ano de constitución: 2006
Superficie: 5.914 ha.
Lexislación: LIC o 21 de setembro de 2006, ZEC o 31 de marzo de 2014.
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Lugo e Ourense
Concellos: Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.
Ríos: río Cabe, río Sil, río Miño
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

Os canóns do río Sil están situados preto da unión entre o río Sil e o río Miño na zona da Ribeira Sacra. Este espazo natural abrangue unha área de superficie de 5.914 hectáreas nos concellos de Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil e está declarado como zona especial de conservación (ZEC).[1]

Este tramo fluvial conta con varios encoros e ten un aproveitamento turístico con aloxamentos ou paseos en catamarán nas augas. Nas ladeiras e arredores, nas que poden haber pendentes de ata 50º, atópanse os cultivos das vides da D.O. Ribeira Sacra. As viñas nas abas chegan mesmo ata a auga.

Xeografía e xeoloxía[editar | editar a fonte]

Orografía[editar | editar a fonte]

A orografía deste espazo natural resulta do forte desnivel entre as augas do Sil nos Peares (109 m) e a altura máxima da Pena do Xastre (1.014 m). Conta con encoros como os de Santo Estevo ou San Pedro.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

O canón do Sil xorde de procesos tectónicos e non fluviais. No cuaternario, ó comezar un basculamento da peniplanicie producíronse fracturas que quebraron o terreo en bloques e formando a canle pola que flúe o río Sil.[Cómpre referencia]

Clima[editar | editar a fonte]

O seu clima é mediterráneo-húmido. Mostra importantes variacións xa que en áreas das ladeiras de solaina é mediterráneo-húmido e nas zonas máis ensombrencidas, como nas veigas e ribeiras de bosque, actúa como atlántico-superhúmido.

Flora e Fauna[editar | editar a fonte]

Flora[editar | editar a fonte]

As ladeiras da marxe dereita énchense orientadas ó mediodía, polo que están en boa parte aproveitadas para o cultivo da vide en socalcos. Os soutobosques están maioritariamente compostos de onfalodes (Omphalodes nitida), érbedos (Arbutus unedo), uces brancas (Erica arborea), e piornos (Genista falcata e G. florida polygaliphylla). Nos bosques abundan as árbores ripícolas, como son os bidueiros (Betula pubescens), os castiñeiros (Castanea sativa) ou as abeleiras (Coryllus avellana).

Fauna[editar | editar a fonte]

As especies piscícolas das augas do Sil que abundan son a troita (Salmo trutta fario), o escalo (Squalius carolitertii) e o espiñento (Gasterosteus aculeatus).

Hai varías especies de réptiles e anfibios, entre os que destacan a ra patilonga (Rana iberica), a píntega (Salamandra salamandra), a cobra de colar (Natrix natrix) e a lagarta brava (Psammodronus algirus).

Entre as aves, están presentes o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), aves de rapina como a aguia caudal (Hieraetus pennatus), a aguia albela (Circaetus gallicus), o miñato abelleiro (Pernis apivorus) ou o falcón peregrino (Falco peregrinus). Así mesmo, atópanse na zona tódalas variedades de papuxa (Sylvia) existentes na Galiza.

Destacan entre os mamíferos o morcego de orellas partidas (Myotis emarginatus), a xeneta (Genetta genetta) ou o gato montés (Felis silvestris).

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio cultural[editar | editar a fonte]

A xente transformou a paisaxe desta rexión co cultivo da vide en socalcos e a construción de grandes encoros.

Sendeirismo[editar | editar a fonte]

O número de posibles itinerarios é enormemente amplo, se non case ilimitado. Dende Os Peares recoméndase percorre-la marxe esquerda do Sil, desviándose para toma-lo chamado Camiño da Barca, que leva por medio de densos bosques de castiñeiros cara ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Unha vez alí, é un momento ideal para encontrar os seus muíños e baixar dende o mosteiro ata a marxe do Sil onde estaba o antigo embarcadoiro que o comunicaba con outros mosteiros da Rivoyra Sacrata. Outra posibilidade é ir de Santo Estevo a Paradela, volvendo por Cerdeiriñas, polo camiño coñecido como "carreiro da amargura".

O itinerario máis completo (22 km.) é o que une pola ribeira sur do Sil os mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina. Este trazado unía antigamente Santo Estevo con Astorga e foi durante a Idade Media a principal liña de comunicación fluvial entre os mosteiros da "Rivoyra Sacrata", hoxe realizada polo catamarán. Este percorrido pasa por excelentes miradoiros naturais sobre o canón do Sil, tales como os de Alberguería, Cerreda, Vilouxe e O Coutiño, ata chegar á pequena península cuberta de castiñeiros onde se encontra o mosteiro de Santa Cristina.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Canóns do Sil". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]