Río Navia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Navia
Rio Navia.jpg

Río Navia pasando por Navia de Suarna
País Galicia Galicia-Asturias Asturias
Rexión n/d
Nacemento Ferreirós de Valboa, Becerreá
Altitude n/d
Lonxitude 99,4 km
Caudal medio
Conca n/d
Desembocadura Navia

O río Navia é un curso fluvial que nace en Ferreirós de Valboa, Becerreá, e desemboca no mar Cantábrico, en Navia (Asturias), entre o cabo de San Agustín e Peñafurada. Mide 99,4 quilómetros.

O afluente máis importante é o Ibias, que ten unha lonxitude de 60,5 km. e unha superficie vertente de máis de 300 km². Parte da conca alta deste río está incluída no Parque Natural das Fontes de Narcea e do Ibias. Outros afluentes son o Carbonel, o Llouredo, o d'Or e o Augüeira, cos seus afluentes d'Ío e Soutelo.

Pasa polas localidades de As Nogais e Navia de Suarna na provincia de Lugo, e por Ibias, Grandas de Salime, Allande, Pezós, Eilao, Boal, Villayón, Coaña e Navia.

O importante desnivel que salva ata a súa desembocadura foi aproveitado para a construción de varias centrais hidroeléctricas, como nos encoros de Salime, Doiras e Arbón.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

Martín Sevilla Rodríguez afirma no seu estudo La toponimia asturiana de origen indoeuropeo prelatino que o nome do río deriva do vocábulo indoeuropeo naus, que significa "barco". O río foi chamado Nawia nunha lingua indoeuropea falada na zona en tempos bastante remotos, ó tratarse dun río navegable. Posteriormente, coa romanización, chegouse á forma Navia actual.

Outra posibilidade é que o nome se deba á deusa Nabia, que na mitoloxía galaico-lusitana era a deusa da auga e dos ríos.

Percorrido[editar | editar a fonte]

Río Navia transcorrendo polo concello de Negueira de Muñiz

O curso do río é bastante rectilíneo. Nace preto do Cebreiro, cerquiña do Camiño de Santiago. Pouco despois pasa baixo a estrada A-6, e logo atravesa As Nogais. Entre Envernallas e La Muria serve de fronteira entre Galiza e Asturias. Tras internarse brevemente no Principado, regresa a Galiza, pasando por Río de Porto e Ouviaño. Aí acolle o primeiro afluente importante, o Ibias, e logo, en Vilagudín, entra de forma definitiva en Asturias. Acércase entón a Villarpedre, onde recibe as augas do río del Ouru (metal que se recollía na antigüidade nas súas beiras, cheas de frondosa vexetación). Tras pasar por Salime chega ao encoro de Grandas, unha notable obra de enxeñaría, levada a cabo a comezos da década de 1950 cun importante custo en vidas humanas, gardándose aínda vivo recordo da súa construción en todo o val.

Pouco despois de Grandas está Vallina, onde comeza o encoro de Doiras e desemboca o río Agüeira. En fronte desemboca outro río, o Riellu, coa súa sucesión de fervenzas. Nesta parte do percorrido resulta impresionante o encaixonamento do curso do río entre as montañas. Augas abaixo van sucedéndose as vilas de San Esteban de los Buitres, Lantero, Bullaso, Cedemonio e Xío, ata chegar ó encoro de Doiras.

En Merou comeza a cola do embalse de Arbón, o máis próximo ó mar, co embarcadoiro de Castrillón. Tras recibir as augas do Polea, o Loredo e o Frío, pasa por Llendillesia, Miñagón e Serandinas. Nesta vila é posible alugar canoas para descender ata Navia. Xa preto da présa de Doiras está o campo de adestramento da Federación Española de Piragüismo e a confluencia co regato das Pontigas, que uns quilómetros augas arriba forma as fervenzas de Oneta, as máis notables da conca.

Pasada a presa de Arbón iníciase o tramo final do curso. A paisaxe faise máis ampla, pero sempre recuberta por unha vexetación desbordante. O río serpea entre fragas e prados e, de vez en cando, ábrese en intricados ramais (forcadas) e forma illotes. Deixa nas beiras do val as vilas de Villacondide, Cacabellos e o meandro de Porto.

O río ten un abondoso caudal, posiblemente o maior de toda a cornixa cantábrica. En xaneiro de 1996 chegaron a rexistrarse na súa desembocadura ata 2000 m³/s.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]