Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°12′21″N 8°44′37″O / 42.20583, -8.74361

Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën

Coches Citroën na zona franca de Vigo
TipoSociedade Anónima
Fundación1958
MatrizPSA Peugeot Citroën
LocalizaciónBalaídos (Vigo) Pontevedra Galicia Galicia
IndustriaAutomoción
ProdutosCoches
Furgonetas
Conxuntos de pezas
Número de empregados6500 (2012)
Na rede
https://site.groupe-psa.com/vigo/es/
editar datos en Wikidata ]

O Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën é un planta de produción do grupo PSA Peugeot Citroën, situada en Balaídos (Vigo), á beira do río Lagares. Con máis de 50 anos de actividade, está considerada un dos piares básicos da economía galega. A planta produce catro vehículos distintos para as dúas marcas do grupo. O seu persoal componse por 6500 empregados e as súas exportacións representan o 30 % das exportacións totais de Galicia . A calidade, como obxectivo primordial, a eficiencia industrial e un persoal competente son aspectos clave na súa organización.

Historia[editar | editar a fonte]

Instalacións na Avenida de Citroën.

O centro de PSA Peugeot Citroën ten a súa orixe coa creación en abril de 1958 de Citroën Hispania. O persoal inicial nese momento situábase nos cen traballadores. Dende ó principio,a súa actividade está intimamente ligada ó porto de Vigo. A conexión marítima da cidade así como a existencia da Zona Franca foron os factores máis importantes para a localización desta marca francesa. Neste primeiro ano de vida a produción foi de 400 vehículos.

O traslado definitivo a Balaídos prodúcese no agosto de 1959. Neste segundo ano de vida, a produción increméntase chegando a 1700 unidades, caracterizándose esta época polo crecemento continuo. Nos primeiros anos, a actividade da planta de Vigo crece a un ritmo similar ao da economía española, en plena engalaxe da man do plan de Estabilización. A produción comeza a destinarse ó mercado nacional. En 1960 a produción alcanza os 3600 vehículos e o persoal supera os 500 traballadores. Nestes dez primeiros anos, a superficie do centro practicamente alcanza as dimensións actuais.

A segunda metade dos 60 e a primeira dos 70 non foi unha boa época para o centro. A demanda nacional, onde se destinaban por aquel entón a maioría da produción, iniciou un período de desaceleración, coincidindo ademais coa chegada a España de novos fabricantes. Menor demanda e maior competencia dan como resultado unha época na que a produción do Centro apenas crece.

A crise do petróleo de 1973 supuxo unha sacudida para toda a economía mundial, afectando especialmente a industria do automóbil. En España, ás turbulencias económicas sumáronse os conflitos sociais orixinados polo cambio de réxime. A pesar desta inestabilidade o Centro chega a alcanzar as mellores cifras ata aquela data. A introdución dun novo modelo nas liñas de fabricación contribúe a un salto cualitativo. En 1975 alcánzase a cifra de 110.000 unidades producidas e o persoal supera os 6.000 traballadores.

En 1975 Peugeot adquiriu o 90 % do capital de Citroën, dando lugar a creación do grupo PSA, e comezando a producir indistintamente modelos das dúas marcas. A década dos 80 caracterízase pola modernización da planta pola produción de turismos de grande éxito comercial.

A mediados dos 80 iniciouse a produción dun modelo emblemático para o Centro de PSA Peugeot en Vigo: o Citroën C15, modelo que permaneceu no Centro dende 1984 ata 2005. Neses máis de 20 anos, saíron de Vigo 1 181 407 unidades do C15. Foi o primeiro modelo en superar o millón de unidades producidas. Este modelo supuxo un punto de inflexión na actividade industrial do Centro. Vigo fíxose Centro Piloto para a produción do C15.

O éxito desta concepción produtiva fixo que Vigo, dende entón, se especializara na fabricación de vehículos industriais e en turismos de gran tamaño.

Os 90 caracterizáronse polo aumento na flexibilidade na produción do Centro. Implantouse a técnica de aprovisionamento just in time. No 1997 nace o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), integrando ós principais fabricantes da súa contorna.

Citroën C-Zero.

Ademais dos vehículos industriais, nesta década cabe destacar a produción do Citroën ZX, relevado polo Citroën Xsara.

Trala reorganización do Grupo, no ano 1998, baixo lema "Un grupo, dúas marcas", o Centro de Vigo realiza unha importante aposta polo crecemento, que lle levará a duplicar a súa produción. No 2002, o Centro acadou unha cifra de produción histórica, converténdose ese ano na planta de maior produción mundial do Grupo.

Coa produción de 547.000 vehículos e 56.000 coleccións CKD o Centro de Vigo pechou no 2007 o mellor ano da súa historia en volume, acadando ademais o récord de produción en España, nun contexto xeral difícil para a industria automobilística. No 2008 lanzáronse os novos Citroën Berlingo e Peugeot Partner, a finais do 2009, o Centro conmemorou a produción do vehículo 10 millóns dende que iniciou a súa actividade en 1958.

No fin desta década, o Centro de Vigo consolidou a implantación do PSA Excellence System (PES), un método de traballo e xestión que se sostén nos principios do Lean e na cultura da mellora permanente. É nese camiño á excelencia no que o Centro de Vigo fomentou nos últimos anos o traballo en equipo e a participación de todos na busca de solucións sobre o terreo, optimizando os procesos e eliminando as operacións que non teñan valor.

En medio dun contexto de crise económica mundial, o Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën afronta o futuro con novos lanzamentos: un vehículo de entrada de gama destinado ós mercados emerxentes, que se producirá coas dúas marcas, Peugeot e Citroën, e os Citroën Berlingo e Peugeot Partner eléctricos.

Cronoloxía dos modelos[editar | editar a fonte]

Dende as súas orixes o centro de produción de Vigo leva fabricados máis de 13 millóns de coches de distintos modelos.[1]

Data Serie Descrición Produción Imaxe

Series fabricadas en Vigo[editar | editar a fonte]

1958 – 1970 Citroën AZU O modelo AZU foi unha evolución do modelo AU que saíu ao mercado en 1951 e deixou de fabricarse en 1956. AZU foi a primeira furgoneta feita en Vigo. Era un vehículo baseado no 2CV. Os primeiros 25 vehículos tardaron un mes en fabricarse e foron exportados a Marrocos. Ese ano a produción foi de 400 furgonetas. 106.005
1959 – 1984 Citroën 2CV Citröen 2CV foi presentado á prensa no Salón do Automóbil de París en 1948. O derradeiro 2CV fabricouse o 27 de xullo de 1990. Vendéronse un total de 5 110 000 unidades 280.459
1962 – 1965 Citroën H Foi un tipo de furgón de 2,25 a 2,6 toneladas de producido por Citroën entre 1948 e 1981. Fabricáronse un total de 473 289 vehículos. 426
1964 Citroën 2CV Sahara Versión do Citroën 2CV con roda de reposto sobre o capó ou na traseira. 85
1967 – 1978 Citroën AK Versión evolucionada da AZU. Fabricouse en dúas versións. A primeira AK 350 de carga dende 1963 a 1970 e de 1970 ata 1977 a AKS 400. 196.037
1967 – 1977 Citroën Dynam O Dynam era unha variación longa do 2CV, tipo familiar e con maleteiro. 101.132
1968 – 1983 Citroën Dyane 6 O Dyane estaba baseado no chasis do 2 CV, pero con capota de tea. 233.104
1969 – 1980 Citroën Méhari Méhari era un dúas prazas, en opción catro prazas, convertible e con cuberta de lona. 12.429
1971 – 1986 Citroën GS O GS popularizou os avances tecnolóxicos que tiña Citroën na súa gama alta creando un automóbil accesible pero dotado da tecnoloxía hidroneumática que tanta fama lle dera á marca. Tamén incorporaba a técnica e a experiencia do 2CV creando para a ocasión unha nova familia de motores boxer refrixerados por aire de 4 cilindros fiable e de pouco mantemento. 385.755
1976 – 1980 Citroën CX O CX foi elixido Coche do Ano en Europa en 1975. O seu coeficiente aerodinámico (CX) era de 0,35, de aí viña o seu nome. 17.199
1977 – 1987 Citroën AYU Última versión da furgoneta AZU. 249.321
1977 – 1980 Peugeot 504 Deseñado por Pininfarina o 504 foi elixido Coche do Ano en Europa en 1969. 53.323
1980 – 1987 Peugeot 505 Foi a berlina da gama Peugeot reemplazando ao 504. 146.216
1981 – 1988 Citroën Visa Xurdiu como substituto do 2CV. Era un coche de cinco porta e motor dianteiro. 231.905
1983 – 1992 Citroën BX Tiña unha liña angulosa, coa lúa traseira moi tendida e quinta porta posterior. O deseño era do italiano Marcello Gandini cando traballaba en Bertone. 222.325
1984 – 2005 Citroën C15 Foi un dos modelos de furgoneta máis vendidos. Fabricábase en Vigo e Mangualde (Portugal) aínda que saíu en 1996 o seu substituto a Berlingo continuou a súa produción polas boas vendas. 1 181 407
1986 – 1997 Citroën AX En tres e cinco portas con motores gasolina e diésel. 812.951
1991 – 1997 Citroën ZX 5P Ocupaba a gama entre o Citroën AX e o Citroën BX. 291.187
1992 – 1997 Citroën ZX 3P Versión tres portas do ZX. 226.297
1996 – 2008 Citroën Berlingo First Furgoneta substituta da C15. 1 521 021
1996 – 2008 Peugeot Partner Origin Furgoneta baseada na Berlingo. 1 048 576
1997 – 2000 Citroën Xsara 3P Sucedeu ao Citroën ZX e tiña eixo traseiro autodirecional. 122.951
1997 – 1999 Citroën Xsara 5P Sucedeu ao Citroën ZX e tiña eixo traseiro autodirecional. 124.754
1999 – 2010 Citroën Xsara Picasso Monovolumen de cinco portas e motor dianteiro. 1 531 816

Series en produción en Vigo (produción ata 2011)[editar | editar a fonte]

2006 – ... Citroën Grand C4 Picasso Monovolumen de cinco portas e motor dianteiro. 417.236
2007 – ... Citroën C4 Picasso Monovolumen de cinco portas e motor dianteiro. 392.391
2007 – ... Citroën Berlingo 458.506
2007 – ... Citroën Partner 390.353

Cifras clave[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das principais cifras que caracterizan ó Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën (datos a fin de decembro de 2011):

Emprego[editar | editar a fonte]

6.500 colaboradores

Produción[editar | editar a fonte]

356.000 vehículos/ano 50.500 coleccións CKD (vehículos despezados) 1.610 vehículos/día 30 % da exportación de Galicia

Loxística[editar | editar a fonte]

34% do valor da mercadoría que se move no Porto de Vigo 102 provedores de compoñentes na súa contorna

Formación[editar | editar a fonte]

240.000 horas ó ano

Exportación[editar | editar a fonte]

Vigo, a cidade na que se atopa o Centro, conta con 300.000 habitantes. É a cidade máis industrializada de Galicia. A situación xeográfica favorece a exportación por vía marítima de gran parte das vendas ó exterior.

O porto da cidade é un dos primeiros de España en tráfico, posición á que o Centro contribúe co 32% do valor da mercadoría que alí se manexa. Da produción total do Centro, o 87% destínase á exportación. Os vehículos producidos na planta distribúense a un total de 71 países, aínda que é en Europa onde ten o seu principal mercado.

Vehículos do centro[editar | editar a fonte]

A política de plataformas de PSA Peugeot Citroën permite ás súas plantas producir sobre a mesma base técnica distintos modelos, reducindo así os custos de desenvolvemento e favorecendo a diversidade. Este centro en Vigo, na actualidade produce catro modelos diferentes: os Citroën C4 Picasso, Grand C4 Picasso e Berlingo, e o Peugeot Partner.

Balance de actividade[editar | editar a fonte]

O Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën produce 356.000 vehículos e 50.500 coleccións no 2011. O Centro pecha o ano 2011 coa fabricación de 356.00 vehículos e 50.500 coleccións, un 10% e un 4% menos, respectivamente, ca no 2010. As exportacións ascenden a 307.900 vehículos, o que representa un 87% da produción total do Centro, cun retroceso do 9% respecto ó ano anterior.

O Centro e o seu ámbito[editar | editar a fonte]

O Centro asentase nun enclave de gran beleza natural, na Ría de Vigo. O entramado das empresas que traballan no tecido industrial da zona traballan para reducir o impacto ambiental das súas actividades. A planta mantén un compromiso coa conservación ambiental, aplicando medidas que fagan compatible a súa actividade industrial coa sostebilidade ambiental.

O Centro posúe a certificación ISO 14001 dende no ano 2000, que garante o Sistema de Xestión Ambiental implantado. A súa Política Ambiental reúne obxectivos para os próximos anos en ámbitos como a redución de emisións á atmosfera, a minimización de residuos, a redución do consumo de auga, combustible, enerxía e materias primas.

O río Lagares abastece á planta da auga necesaria para o proceso produtivo. O Centro dedica unha superficie importante de zonas axardinadas, arbustos e árbores. A planta conta cunha das principais coleccións arbóreas de Galicia en diversidade.

Ademais, o centro esta comprometido co desenvolvemento social e cultural da cidade, participando nos acontecementos de transcendencia que teñen lugar na cidade, e colaborando en diversas iniciativas a través de accións de patrocinio e mecenado. Desde 1985 é o patrocinador principal do Celta de Vigo.

O compromiso social do centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën tamén se plasma nas accións e acordos establecidos no interno, para o seu conxunto de homes e mulleres que conforman o seu persoal. A firma de Convenio Colectivo 2008-2011 aporta a planta a estabilidade necesaria para o desenvolvemento de proxectos e un marco que permite manter de forma permanente ó diálogo e a negociación. O centro de Vigo tamén está comprometido dun xeito especial co desenvolvemento de accións que axuden a fomentar a incorporación da muller ó ámbito laboral e a igualdade de oportunidades, así como a conciliación da vida familiar e laboral. Presentando acordos que favorecen unha cultura de igualdade entre sexos.

O Centro de Vigo colabora tamén coa Universidade de Vigo a través da Cátedra PSA Peugeot Citroën que, coa colaboración de Ceaga puxo en marcha o mestrado en xestión de empresas de automoción. Así mesmo, o centro mantén coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia un convenio de colaboración educativa das ensinanzas formación profesional.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]