A-76

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

´

A-76
Autovía do Acceso Centro a Galicia
Tipoloxía Autovía
Rede Rede de estradas do Estado
Inicio Ponferrada (León)
Fin Ourense
Lonxitude ±150 km

A A-76 ou Autovía do Acceso Centro a Galicia é unha autovía española en proxecto, que prevé unir as cidades de Ponferrada e Ourense, pasando por Monforte de Lemos.

Seguindo un percorrido similar ao da estrada N-120, pasará polas provincias de León, Lugo e Ourense, pasando por grandes vilas como O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga e Monforte de Lemos.

Espérase que estea acabada en 2018.

Proceso de creación[editar | editar a fonte]

No 2004 é presentada a promesa electoral por parte do PSOE de desdobrar a N-120 (que une as cidades de Logroño e Vigo) en autovía no treito que discorre desde Ponferrada ata a localidade de Monforte de Lemos. Esta promesa foi reiterada por parte de José Blanco, sendo oposición, na localidade monfortina [1] e despois, unha vez máis, xa co goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en España.

O proxecto formúlase nun principio coa intención de proporcionar un acceso ao centro de Galicia unindo Monforte de Lemos e Ponferrada. Máis tarde, considerouse a idoneidade de prolongalo ata a cidade de Ourense. Posteriormente contemplouse a A-76 como unha autovía para conectar as cidades de Ponferrada e Ourense, por Monforte de Lemos, cun trazado paralelo ao da N-120.

Está contemplada no Plan Estratéxico de Infraestruturas de Transporte do Ministerio de Fomento.

Trazado e polémica[editar | editar a fonte]

En 2006, o Ministerio de Fomento, a través da empresa consultora de proxectos encargada do estudo informativo (Prointec), remitiulles ós alcaldes das corporacións das vilas afectadas as alternativas ao trazado que se contemplaban. As dúas primeiras transcorren polas actuais N-120 e N-536 respectivamente, na súa saída do Bierzo cara a Ourense. A número tres segue o trazado de conexión da cidade de Ourense co oriente da provincia e o Bierzo polas estradas autonómicas galegas OU-636 e OU-536 (antiga N-120), que discorre por Esgos, Maceda, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Larouco ata a localidade da Rúa. A número catro contempla un trazado alternativo desde Canaval ata Ourense, a través da Ribeira Sacra.

A diversidade de trazados provocou un conflito entre comarcas e partidos políticos[2]. José Blanco, secretario de organización do PSOE, o 25 de xaneiro de 2007 nunha reunión con sindicatos, axentes sociais, e a comisión de seguimento da autovía do trazado lugués, asegurou que "a súa palabra vale máis que a de calquera cargo do Ministerio de Fomento", reiterou a promesa do trazado polas terras de Monforte de Lemos, e anunciou así mesmo que se construiría unha vía de alta capacidade coa Pobra de Trives [3], o que foi criticado por partidarios do trazado trivés [4].

Entretanto, tras sendas reunións cos representantes das plataformas que apoian os distintos trazados, responsables do Ministerio de Fomento coma o secretario de estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, aseguraron que o trazado final se decidiría en base a "criterios técnicos"[5]. Os partidarios do trazado trivés realizaron unha cadea humana de protesta o día 19 de agosto de 2007 por unha parte da estrada que comunica Trives con Larouco [6].

Finalmente, o trazado da autovía A-76 pasará por Monforte de Lemos e conecta co Porto Seco que se está construír en Monforte.

Tramos[editar | editar a fonte]

Tramo Estado (2012) km
Ponferrada - O Barco de Valdeorras En estudo informativo -
O Barco de Valdeorras - Monforte de Lemos En estudo informativo -
Monforte de Lemos - Ourense En estudo informativo -

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]