Xabaril
| Xabaril | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | |||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||
|
|||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||
| Sus scrofa Linnaeus, 1758 |
|||||||||||||||
|
Distribución Sus scrofa
|
|||||||||||||||
|
Distribución no mundo. En azuis onde foron introducidos.
|
|||||||||||||||
O xabaril ou xabarín (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). Pola súa semellanza co porco recibe tamén denominacións populares derivadas deste: porco bravo, cocho bravo, porco montés e porco fero[Cómpre referencia].
Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.
Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:
- Albar ou Sus scofra castilianus: de distribución máis norteña, tamaño maior e pelaxe máis clara e tupida, formada por cerdas e borra.
- Arocho ou Sus scofra baeticus: propia do sur da península, menor có anterior, de cor máis moura e menos pelo, formado só por cerdas.
Índice |
Descrición [editar]
O peso medio oscila entre os 70 e os 90 quilos dos machos e os 45 e 65 das femias, aínda que hai machos que poden acadar os 150 kg [1]. Mide entre 110 e 160 cm de cumprimento e 65-70 cm de altura. O corpo é robusto, co pescozo curto. A cola é de tamaño medio, cun penacho no cabo. Ten unha cabeza relativamente grande, triangular, cun longo fociño. Ollos pequenos e orellas relativamente grandes. Nos machos, a mandíbula superior está provista de dous caninos grandes e encorvados cara arriba (que se valoran como trofeo de caza [1]). Posúen un oído e un olfacto moi desenvolvidos, mentres que a vista é regular, particularmente a longa distancia.
A pelaxe, máis longa e densa no inverno, é rixa, con presenza de cerdas moi fortes, e de cor parda escura. Medra especialmente no lombo e na base das orellas, formando unha crina abundante. As crías presentan unha pelaxe mimética característica, á que deben o nome de raións [2], a base de raias leonadas e marróns; os exemplares subadultos -a partir dos seis meses de idade- preséntana máis acastañada, polo que reciben o nome de vermellos.
O tempo de vida medio é de 10-12 anos, alcanzando os 20 nos exemplares en catividade.
Ecoloxía [editar]
Habita en zonas boscosas e de matogueira densa, pero tamén en zonas asulagadas e brañas, sen mostrar temperamento territorial definido; pode atoparse tanto á beira do mar como nas terras máis altas dos Ancares. Son animais gregarios que, fóra da época de celo, viven en grupos familiares formados por unha femia, as súas crías e exemplares xuvenís de partos anteriores, constituíndo mandas de entre 5 e 20 individuos. Os machos adultos viven illados e arrexúntanse ao grupo soamente na época de reprodución, que ten lugar entre novembro e xaneiro. A xestación vén sendo dunhas 12 semanas (116 días) e o parto prodúcese entre marzo a abril, parindo en cada camada de 3 a 12 crías (normalmente, 4-5).
A madurez sexual alcánzase ós 8-20 meses, nas femias, e ós 10 meses, nos machos.
É un animal omnívoro pero con clara preferencia polos produtos vexetais: herbas, landras, tubérculos, millo, cogomelos, castañas e froitas diversas, pero tamén come insectos, miñocas, réptiles, ovos e carniza. Po outra banda, o xabaril vén sendo unha presa habitual do lobo.
É de hábitos principalmente crepusculares e nocturnos pero resulta habitual que tamén saia dos seus agochos durante o día. Unha das actividades características desta especie son os baños de lama que teñen unha función de termorregulación e, probablemente, algún papel na selección sexual, xa que durante o período de celo as balsas de baño están ocupadas case exclusivamente por machos adultos, mentres que no verán son utilizados por exemplares de calquera idade e ámbolos dous sexos. Neste sentido, a lama que se fixa á pelaxe podería intervir na persostencia do olor sexual [3].
O xabaril é quen de provocar danos na agricultura ó realizar incursións nas terras de cultivo (preferentemente millo e patacas), nas que provoca maiores danos có valor dos froitos que consome. Tamén estraga os prados ó fozar neles na busca de raíces e invertebrados. Para compensar ós agricultores, a Xunta de Galicia inclúe estes danos entre os prexuízos subvencionables, realizando por este concepto pagos de 51.353 euros en 2006, 79.104 en 2007 e 109.576 en 2008 [4].
En Galicia, debido á súa caza masiva, ficou reducido á zona oriental ata que a partir da década dos sesenta comezou a espallarse de novo por case todo o país. Este aumento dos censos deuse tamén no resto do Estado Español, probablemente polo efecto combinado do control da caza, o descenso nas poboacións dos seus predadores (especialmente do lobo) e o abandono do medio rural (especialmente das zonas de monte, co que aumentaron as zonas aptas para a súa cría). López Seoane catalogouno en 1861 como escaso en Galicia pero nos anos 1980-1985 puido comprobarse a súa presenza en todo o país agás nas áreas costeiras da Coruña e Pontevedra [5].
Non dispón de ningunha figura de protección ó ser unha especie abundante e cazable.
Especie cinexética [editar]
Desde a Antigüidade clásica á Idade Media, o xabaril foi sempre considerado como especie cinexética de prestixio, especialmente os machos adultos que eran vistos como o paradigma da coraxe e bravura. Antes das armas de fogo, o xabaril era cazado usualmente cun tipo de lanza específico para o obxectivo. A caza ao xabaril é aínda hoxe en día moi popular.
En Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, o número de exemplares cazados foi medrando paseniño desde os 1.603 na tempada de caza 2000-2001 ata os 7.452 na tempada 2007-2008.
Na actualidade existe granxas nas que se cría o xabaril en réxime de semiliberdade.
Gastronomía [editar]
A carne do xabaril adulto é de cor moura e con moi pouca graxa, e resulta dura aínda tras un cociñado prolongado, polo que se prefire a dos exemplares novos. Por mor dos seus hábitos nutritivos e da lonxevidade que poden alcanzar, o consumo de carne de xabaril presenta o risco de transmitir a triquinose, polo que cómpre realizar en todo caso un detido exame parasitolóxico.
Os xabarís na cultura e mitoloxía [editar]
As referencias culturais ao xabaril son abundantes desde polo menos a Grecia Antiga:
- A caza do xabaril é unha escena que aparece con frecuencia na mitoloxia céltica irlandesa.
- Un dos Doce Traballos de Hércules foi cazar o xabaril de Eurimanto.
- O xabaril foi o símbolo das lexións XX Valeria Victrix e X Fretensis.
- É un animal común na heráldica medieval europea.
- Foi o símbolo persoal do rei Ricardo III de Inglaterra.
O xabaril na cultura popular galega [editar]
O unto de porco bravo emprégase para cura-lo fogo ardente (denominación popular do ergotismo) (LIS QUIBÉN:24).
Os cairos do xabaril utilizábanse adoito como amuleto protector. Púñase atado na man dos meniños para protexelos do mal de ollo e outras doenzas. Tamén se levaba, co mesmo fin, cosidos na roupa ou convertidos en colgantes.
Cantigueiro [editar]
- Miña nai botoume fóra/ por enriba dun tellado;/ vaite, miña filla, vaite,/ vai tornar un porco bravo.
Adiviñas [editar]
- Era pinguín que pingaba,/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba,/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba. [6]
Locucións [editar]
- Coma un porco bravo: ser moi irascible, ter mal xenio.
- Ser de canteiro revirado, como ten o porco bravo: ser malintencionado.
Notas [editar]
- ↑ Cítase o caso excepcional dun exemplar de 210 kg cazado en Faramontaos (Atlas de vertebrados de Galicia, 305). A fonte non especifica a que Faramontaos se refire.
- ↑ En castelán, jabatos.
- ↑ Pedro Fernández-Llario.
- ↑ La Voz de Galicia, 1.03.2009.
- ↑ Atlas de vertebrados de Galicia, 304.
- ↑ Solución: O castiñeiro ou a mesma castaña (pinguín), o xabarín (funguín) e o lobo (rapín).
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- "El imparable abandono del campo apuntala el imperio del jabalí", en La Voz de Galicia, 1.03.2009.
- DACOSTA ALONSO, Marta et al: "Breves vocabularios da caza e da pesca" en Cadernos da Lingua 7, Real Academia Galega 1993.
- DIRECCIÓN XERAL DE MONTES: Guía das especies cazables. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, 1992.
- GÁRFER, José Luis e FERNÁNDEZ, Concha: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid, 1984.
- LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid, 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
- PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña, 1885-1886 (reed. facs. Akal, Madrid 1979).
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL: Atlas de vertebrados de Galicia, I. Consello da Cultura Galega, Santiago 1995.
Ligazóns externas [editar]
