Música tradicional galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tocando no laúde, nunha miniatura das Cantigas de Santa María.

A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, alalás, etc), instrumentos (gaita galega e pandeireta, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental[1].

Historia[editar | editar a fonte]

As Cantigas de Santa María do século XIII son ricas: letra, música e miniaturas

A orixe da música tradicional galega é escura. As primeiras referencia remóntanse á música medieval, mais aínda que se conserven varios cancioneiros xeralmente non inclúen notación musical. Temos algunha excepción como Martín Codax (trobador do século XIII) ou Don Dinís, pois consérvanse dous pergamiños coa letra e música das súas composición (pergamiño Vindel e pergamiño Sharrer). Significativas son tamén as Cantigas de Santa María de Afonso X, non só por incluír a parte musical, senón que pola súa extensión e calidades subliñan a importancia da cultura galega da época, tanto no eido musical como no literario.

Sábese que a gaita era común naquela altura, e que en xeral existían xa os principais instrumentos presentes na tradición musical: gaitas, zanfonas e instrumentos de corda aparecen en códices, capiteis románicos ou no ben coñecido Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Estas representacións permiten a reconstrución dos instrumentos e fan posible as interpretacións actuais da música medieval na actualizade.

Coincidindo cos Séculos escuros e a decadencia do uso culto da lingua e cultura galega, a música tradicional pasa a ter unicamente como vía de transmisión a oral, e non podemos máis que reconstruíla a través das panxoliñas, cantos de berce, de cego e outras mostras musicais que chegaron até a actualidade.

Non foi ata finais do século XIX e comezos do século XX cando se produciu unha reivindicación da tradición, en ocasións de mans do nacionalismo político. Por unha banda houbo as primeiras recolleitas sistemáticas e publicadas: Marcial del Adalid, Isidoro Hernández e José Inzenga son os primeiros dunha longa lista de investigadores que trataron de estudar a nosa música. Por outra banda, salientaron figuras como Perfecto Feijoo, gaiteiro e zanfonista, que fundaría Aires d'a terra. Esta coral durante 14 anos levaría a música galega por distantes xeografías e realizaría a primeira gravación comercial de música galega en 1904. Este sería un dos varios coros galegos que viron a luz naquela época e que bebían das fontes tradicionais para o seu repertorio, que logo interpretaban fronte a elites urbanas, dentro do movemento musical europeo chamado coralismo.

Tamén durante a primeira metade do século destacan as figuras de Ricardo Portela ou Avelino Cachafeiro, que son fonte de inspiración de moitos músicos posteriores e que dignificaron o instrumento da gaita e o seu significado social.

Paralelamente a esa reivindicación dábanse certas condicións que, igual que noutras entidades étnicas europeas, a interpretación espontánea fose esmorecendo; por unha banda, o ambiente rural foi mudando e desaparecían os traballos comunais, principais momentos onde xurdía a música. Por outra banda, a emigración que afectou a Galicia durante os séculos XIX e XX impediu unha completa transmisión oral.

Durante o franquismo, a música tradicional foi forzada a adaptarse á visión política do momento, e as manifestacións máis vistosas foron transformadas en espectáculos patrióticos, o que conduciu ao declino na popularidade dos estilos tradicionais (o "folclorismo"), a castelanización das letras e a deturpación tanto das formas musicais como das danzas que as acompañaban. Non sería até a desintegración e caída do franquismo que a tradición non volveu a ter sida en conta, tanto por novos grupos (Fuxan os ventos é o caso máis salientable neste senso) como por agrupacións folclóricas, que ben continuaron en certa medida coas formas impostas por Educación y Descanso e os grupos de Coros y Danzas da Falange Española, ou afondaron na recolleita e reconstrución da música tradicional. Nese momento recuperáronse moitas formas tradicionais, tentouse dignificar a gaita e apareceron festivais, como o Festival Internacional do Mundo Celta (1977), que contribuíron a establecer grupos musicais. Algúns grupos destes primeiros tempos que reaprenderon os estilos tradicionais foron Os Areeiras de Catoira, Os Rosales, Os Campaneiros de Vilagarcía,Os Morenos de Lavadores, e Os Irmáns Graceiras. Antón Corral creou un obradoiro de música popular de grande influencia na Universidade Popular de Vigo. A formación máis notoria aparecida nesta altura foi Milladoiro.

Nas últimas décadas do século XX, moitos músicos galegos comezaron a considerar que a música galega era polo menos parcialmente "céltica" en orixe, de maneira que procuraron influencias nas músicas de Irlanda e Escocia, así como da Bretaña francesa. A pesar de que esta relación é moi discutida, o resultado foi a proxección internacional da nosa música, coincidindo cun espallamento xeral da música tradicional como contestación as músicas máis comerciais.

A partir dos anos 1980 apareceron moitos grupos e cantantes novos que partindo da música tradicional a fusionaron con outras músicas, ben máis modernas (o pop ou o techno, por exemplo) ou proveniente doutras culturas, sobre todo dos chamados países celtas: Irlanda, Escocia, a Bretaña Francesa... dando a lugar unha corrente de música folk. Uxía Senlle, que comezara con Na Lúa, Luar na Lubre, o gaiteiro Carlos Núñez e Milladoiro foron quen máis teñen popularizado a música galega, a nivel estatal e internacional. O disco de Carlos Núñez A Irmandade das Estrelas de 1996 vendeu máis de 100.000 copias. Ao carón disto nacen, tamén, agrupacións que intentan recuperar e manter a música e baile tradicional a modo de escolas-banda do que é exemplo Abertal.

A celtificación da música galega tamén tivo nas bandas de gaitas unha importante repercusión. Estas formacións son orixe dunha forte polémica, chamada habitualmente guerra das gaitas. Os principais puntos de crítica son a súa estética, tanto visual como musical, os instrumentos empregados, e en xeral polo seu afastamento do considerado tradicional. A Real Banda de Gaitas é o máis significativo caso deste tipo de agrupacións.

Outros gaiteiros modernos son Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane e Cristina Pato. A aparición destas dúas mulleres no mundo da gaita rompeu definitivamente coa visión estritamente masculina do gaiteiro. Outra muller con grande proxección é Mercedes Peón, posuidora dunha potente voz e que afonda tanto na reivindicación da tradición como na súa reinterpretación en linguaxes musicais modernas. Tamén xurdiron nos últimos anos grupos de pandeireiras de recoñecido prestixio, como por exemplo Leilía, ou dentro da corrente máis moderna, Anubía, Faltriqueira, Ialma ou Donicelas.

Instrumentos[editar | editar a fonte]

Os instrumentos tradicionais máis significativo son a gaita e a pandeireta. Pero non sempre foron instrumentos doados de conseguir. Por esta razón cunchas, piñas, tixolas, baldes de metal, un sacho golpeado cun seixo, paus... servían de acompañamento habitual nos momentos de traballo ou cando non se dispuña doutra posibilidade.

Instrumentos de vento[editar | editar a fonte]

A esta familia de instrumentos pertence a gaita, pero tamén se usan o pito ou a requinta.

A gaita, como dixemos, é o instrumento por excelencia na tradición musical galega. Componse dun fol, onde se insufla aire polo soprete, un punteiro, onde se dixita a melodía, e tres tubos (roncón, ronquete e ronquillo) que fan notas pedal. O roncón apóiase no ombreiro do intérprete, e o ronquete e o ronquillo no brazo esquerdo. Segundo a dixitación empregada fálase de tocar en aberto ou en pechado. Variantes deste instrumento son a gaita de barquín, no que un barquín que lle da nome é o que insufla aire no fol. Outra variante é a gaita de cana, recuperada por Xavier Blanco, con tubos feitos dese material.

O pito aseméllase a unha frauta doce; ten forma cónica e sete furados na parte dianteira e un na posterior e tócase de maneira semellante ao punteiro da gaita. Tradicionalmente facíase en Mi bemol, pero Antón Corral popularizounos en Re.

A requinta é parecida ao piccolo e ten sete furados e unha chave final. Normalmente faise en Sol ou, ás veces, nun Do alto. A súa orixe remóntase, segundo Ana Sánchez Brunete e Enrique Montero, na necesidade de frautas para a interpretación de música na Catedral de Santiago, que acabaron sendo construídas por obradoiros do país. Polas súas características musicais logo pasaría a ser empregada xunto coa gaita.

Outros instrumentos inclúen o chifre e a ocarina e por influencia das bandas militares e da música procedente de América, o clarinete, o saxofón ou o acordeón.

Instrumentos de percusión[editar | editar a fonte]

O bombo confeccionas cun grande cilindro de madeira con dúas membranas de pel. Tócase cunha única maza e leva o ritmo principal acompañando a gaita, pero nunca superando o son desta.

O tamboril é similar ao bombo, pero de moito menor tamaño e polo tanto, de son mais agudo, e tánxese con dúas baquetas. Ten bordóns só na parte superior. Acompaña normalmente a gaita. A medida que as pezas, instrumentos e formacións foráneas foron introducíndose na cultura galega, os tamborís foron substituídos por redobrantes de son máis seco, con bordóns na parte inferior, e que permite redobres máis nítidos e doados.

O pandeiro (semellante ao adufe portugués) é cadrado, ten dúas caras e no seu interior colócanse os axóuxeres que acompañan o son do parche. Interprétase apoiando nunha man e tanxido pola outra, facendo a man de apoio tamén golpes sinxelos. Outros tócano apoiado no colo ou atado cunha cinta ao pescozo, sendo este un xeito de tocar máis moderno.

A pandeireta é un instrumento tradicionalmente feminino e consiste nun aro de madeira con dúas filas de pares de ferreñas alternadas. Do aro cóbrese só unha cara, que é a que se golpea contra o pulso, a palma da man ou os extremos dos dedos. O xeito de tocalo depende das zonas e do intérprete, e tanto acompaña outros instrumentos como serve de único acompañamento para a interpretación de cancións. O seu pequeno tamaño, a súa versatilidade e o relativamente barato da súa construción fixo que actualmente sexa un instrumento moi popular.

Dúas cunchas de vieira rascadas unha contra outra tamén poden acompañar calquera peza, así como as tarrañolas, que son dúas lamelas de madeira ou incluso xisto.

O charrasco, un instrumento xa pouco empregado na actualidade, consiste nun mango longo de madeira en cuxo extremo superior vai un rectángulo de madeira onde se sitúan un número variable de ferreñas; un arame vai da parte superior á inferior pasando por un pau transversal que o tensa. Cun pau golpéase ou rózase o arame, e ao tempo golpease o instrumento enteiro contra o chan. O seu uso limítase actualmente ás charangas de Nadal, característicos das Rías baixas.

Instrumentos de corda[editar | editar a fonte]

Non existe tradición de instrumentos de corda a excepción da zanfona e o violín, ámbolos dous vinculados a cegos e esmoleiros que percorrían a xeografía galega.

A zanfona desapareceu a mediados do século XX, e foi recuperada por Faustino Santalices e Xosé Lois Rivas. As gravacións máis antigas deste instrumento foron as de Perfecto Feijoo en 1904. A zanfona galega ten unha estrutura similar a da zanfona que se atopa espallada por toda Europa.

O violín chegou a Galicia de mans de peregrinos, e pasaron a mans de cegos e esmoleiros. Sendo o violín un instrumento de difícil interpretación e afinación, e como os intérpretes tocaban de ouvido, non era raro que este soase desafinado. O seu uso tradicional perdeuse, aínda que quedarán como testemuña as gravacións de Florencio, o Cego dos Vilares. Actualmente reapareceu na música folk, por influencia dos grupos irlandeses que adoitan a usala nas súas interpretacións.

Na Idade Media tamén se usou a arpa mais esta desapareceu hai séculos. Volveu a incorporarse nos anos 1970 cando a usou Emilio Cao; posteriormente, tamén a incluíron músicos como Quico Comesaña e Rodrigo Romaní influenciados pola arpa céltica de Escocia, Irlanda e a Bretaña Francesa. Tamén se incorporaron nas últimas décadas a guitarra española, o buzuqui e a mandolina.

Agrupacións habituais[editar | editar a fonte]

Ensaio da Banda Galega Hospitalet

Os instrumentos combínanse segundo as necesidades e os recursos, en pequenas agrupacións compostas só de instrumentos de percusión ou de percusión e melódicos.

Se falamos da gaita, na actualizade a combinación de dúas gaitas, tamboril e bombo é a mais estendida, e denomínase comunmente como cuarteto tradicional, ó cal se lle pode engadir outros instrumentos de percusión como pandeiretas ou cunchas. Por quinteto tradicional enténdese comunmente un cuarteto co engadido doutro instrumento melódico ou harmónico, como acordeón, requinta, clarinete...

Os grupos de pandeireteiras componse de varias mulleres (ocasionalmente homes) tocando exclusivamente instrumentos de percusión, non só pandeiretas. As charangas, aínda que non se consideran estritamente tradicionais, inclúen entre os seus instrumentos moitos tradicionais, e son propias das Rías Baixas, onde actúan como pasarrúas durante as festas de Entroido. As bandas de gaitas, compostas por ducias de intérpretes, tampouco se consideran tradicionais, aínda que o seu repertorio o sexa.

Xéneros[editar | editar a fonte]

O pobo empregaba a música en moitas ocasións e por numerosos motivos: para expresar as súas inquedanzas, para transmitir normas sociais, protexerse dos males e atraer os favores divinos, celebrar acontecementos vitais, facilitar o traballo, divertirse ou facer mais levadeiros os momentos duros... Debido a que era raro o acontecemento que non servía como escusa para cantar, tocar ou bailar, xurdiron diversidade de xéneros musicais. Estas expresións musicais, ademais, están en moitas ocasións fortemente vinculadas as tradicións, ritos, traballos e aos saberes populares, e resulta imposible separalos.

Os cantos galegos máis antigos empregan una reducida variedade de escalas. Unha mesma melodía varía de ton, entoación e incluso ritmo dependendo o intérprete e a zona xeográfica. Incluso no mesmo intérprete vai cambios; moitas melodías constrúense de xeito definitivo no momento mesmo de cantalas, sendo a interpretación individual un valor importante dentro da música galega.

Algúns xéneros non son totalmente pechados ou non están totalmente definidos, ou teñen variantes o nomes distintos ao longo da xeografía. Algúns xéneros defínense pola súa utilidade ou temática, mentres que outros veñen definidos polos ritmos, o que fai difícil a súa clasificación. As letras e melodías combínanse moitas veces libremente, e incluso una mesma melodía adáptase a diferentes ritmos e funcións, dependendo do intérprete e da zona. Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.

  • Diversos cantos relixiosos relaciónanse coa celebración do Nadal. Os aninovos e os reis ou panxoliñas cantábanse na última noite do ano e ao redor do seis de xaneiro respectivamente. Estes últimos tiñan narraban a tradición do nacemento do neno Xesús. Posteriormente foron substituídos por vilancicos, pezas de orixe culta, con ritmo de muiñeira nova pero máis lento[2]. Todas estas cancións interpretábanse a coro e acompañados de percusión e gaita. Arrancaban cunha petición de licenza e remataban cun aguinaldo, é dicir, pedindo agasallos ou invitacións a chourizos, viño ou algunha larpeirada. Os manueles son un xénero máis moderno no que se felicita os que están de santo o primeiro de ano.
  • No entroido e na festa dos maios empregábanse a música para facer crítica e escarnio de xeito público sobre acontecementos que tiveran lugar durante o ano. Tiñan lugar representacións humorísticas e actuacións mais ou menos improvisadas. Os nenos eran os principais protagonistas dos maios, pero fosen estes ou os maiores, non era raro que se pedise tamén unha compensación económica pola interpretación ou, mais modernamente, polas follas que se repartían trala actuación.
A zanfona era un instrumento típico dos cantos de cego
  • Os cantos de berce, de arrolo ou arrorrós eran empregados para adormecer os mais cativos da casa. Eran de ritmo pausado, e tanto podían ter unha temática infantil como tamén chegar a contar algunha historia. Outros cantos significativos eran as cancións infantís, as enumerativas e outros cantos que acompañaban os xogos dos mais pequenos.
  • Os alalás son a forma de música galega máis antiga e mellor coñecida. Cantábanse sós, sen acompañamento musical e con ritmo libre. Baséanse nun tema breve que repite a melodía que tamén se pode separar con frases de gaita. As melodías eran case sempre diatónicas.
  • Vinculados ao traballo estaban os cantos de arada, de seitura, de maza-lo liño -as espadeladas-, cantos de maza-lo leite, e para outros traballos similares. Tamén había cantos asociados a oficios concretos: cantos de arrieiro, de canteiro, de ferreiro... Estes cantos eran, ou ben de ritmo e interpretación libre, ou ben de ritmo moi marcado e axeitado ao ritmo propio de traballo e do movemento do corpo ao traballar. Deste xeito, estes cantos axudaban a levar a soidade do momento ou axeitar o ritmo de traballo moitas veces colectivo.
  • Nas vodas non faltaban expresións musicais, sendo propia delas as regueifas, denominación tanto dunha rosca co que se agasallaba os recén casados, un baile que se facía na súa honra, un tipo de danza no que a noiva portaba a rosca na cabeza e un canto consistente nun diálogo improvisado e con melodías propias no que se competía por ver quen quedaba sen ideas para continuar.[2] Existían outro tipos de cantos de voda, que amenizaban as celebracións, recordaban os noivos as súas obrigas ou permitíanlles aos padriños amosar a súa xenerosidade.
  • As regueifas tamén se dan fora do ámbito das vodas, ben con coplas totalmente improvisadas, ben con letras xa coñecidas polos intérpretes. Esta última modalidade chámase desafío, e nel poden participar dous grupos que empregan as coplas a xeito de insulto e escarnio. A regueifa e o desafío eran os principais xéneros dialogados, aos que cómpre engadir as cancións de preguntas e respostas e os parrafeos, diálogos amorosos entre home e muller ou unha parodia dos mesmos, con certo carácter narrativo.
  • Os cantos de cego e romances, xunto cos cantos de entroido, supoñen unha ponte entre a música de transmisión oral e a transmisión escrita. Era frecuente que os intérpretes, tras a actuación, vendesen a letra impresa; era o que se deu en chamar literatura de cordel, por estaren atadas nunha corda as follas coas letras. Deste xeito, os romances quedaban fixados e eran menos proclives a cambios por defectos da transmisión. Os romances tanto eran comúns á tradición peninsular, adaptándoos a melodías preexistentes, como específicos de Galicia ou incluso de temática totalmente local.[2] Eran claramente narrativos, e tanto servían para narraren sucesos históricos, noticias da época ou asuntos locais, en ocasións con intención moralizante.

Ritmos característicos[editar | editar a fonte]

Moitos dos xéneros musicais galegos eran bailables. Algúns, de feito, distínguese maiormente polo seu xeito de bailar, aínda que non haxa unha diferenza formal substancial. Interpretábanse tanto cantando como instrumentalmente, sendo esta última variante menos habitual

Baile da muiñeira
  • Modernamente, a composición máis popular e característica é a muiñeira nova, ou simplemente, muiñeira. É un ritmo rápido cun compás de 6/8. Variantes son a carballesa (ritmo moi marcado), a ribeirana (ritmo vivo), a redonda, a chouteira, o golpe (ritmo pausado) e o contrapaso, que se diferencian pola maneira de bailalas. Estas diferenciacións son postas en dúbida nalgúns estudos: Anxo Martínez San Martín[3] afirma que moitas destas formas, se algunha vez existiron, desapareceron da tradición hai moito tempo. Pola súas melodías e o seu compás complexo dedúcese que a súa orixe é probablemente culta, estando xa espallada no século XVIII[2].
  • A muiñeira vella, chamada tamén empuñada polo xeito de tocala coa pandeireta, é un ritmo terciario vivo, onde se acentúa a segunda nota. A súa orixe é anterior á muiñeira nova, pero na actualidade está menos espallada.
  • As pandeiradas teñen certa relación coa muiñeira, mais o seu compás propio é o de 5/4, aínda que se poden ver en 6/8 ou 4/4.
  • A alborada é unha composición instrumental que se escribe en 2/4 e se caracteriza por unha serie de frases descendentes. Úsanse para comezar as celebracións do día, como di o seu nome, e carecen de letra. Moi semellantes son os pasarrúas e pasacorredoiras.
  • A xota é un ritmo en 6/8 (ou tamén transcrito en 3/4) sumamente espallado por toda a xeografía peninsular. En Galicia é, xunto coa muiñeira, un dos ritmos máis bailados e cantados. A foliada é unha canción alegre que se toca preferentemente nas romarías. Considérase unha variante da xota, cun tempo máis pousado, inda que certos autores a tratan como una denominación mais para o mesmo concepto.
  • Co pasar do tempo chegaron a Galicia máis ritmos que se chegaron a ter moita aceptación entre o pobo. Xenericamente se lles chamou agarrados polo xeito de se bailar. Orixinalmente eran ritmos de orixe americana, europea ou peninsular, os que se lles adaptaba unha melodía galega e se interpretaban cos instrumentos tradicionais. O pasodobre, por exemplo, é unha variación do pasodobre español, ao que se lle incorpora a gaita. As polcas estendéronse por Galiza procedentes de Europa durante o século XIX. O seu compás é o 2/4 e son máis melodiosas que as orixinais.
  • Outra influencia importante foron as melodías e ritmos portugueses. En épocas de seitura ou en épocas mais modernas, cando unha obra civil o precisaba, traballadores portugueses desprazábanse a Galicia. Eran populares os xogos para adultos procedentes de Portugal, ou as treboadas. No sur do territorio galego esta influencia é, por motivos xeográficos, máis marcada.

A interpretación[editar | editar a fonte]

As interpretacións musicais non sempre eran totalmente formais: existían sempre un certo grao de improvisación, sobre todo naqueles xéneros propensos á espontaneidade. Durante unha pandeiretada, por exemplo, un intérprete comezaba unha copla, que era recoñecida polos demais que se unían no segundo ou terceiro verso. Cabía a posibilidade incluso de improvisala enteiramente, baseándose en esquemas previas ou coplas xa existentes, adaptando o seu contido á ocasión. Mediante sinais os músicos indicaban a fin da peza, ou cunha copla que o indicase expresamente. Durante a interpretación os cantantes podían falar entre eles ou lanzar un aturuxo, un berro prolongado que se botaba para animar os músicos ou os bailaríns durante a interpretación dunha danza ou peza festiva.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. María Pilar Alén Historia da música galega, p.33
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Schubarth, Dorothé. Diccionario de la música española e iberoamericana. ISBN 84-8048-303-2. (Entrada: Galicia)
  3. Historia e Evolución da Danza en Galicia, en Galicia fai dous mil anos: o feito diferencial galego, páx. 125

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]