Seseo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O seseo é un fenómeno fonético propio da lingua galega, que consiste na ausencia do fonema fricativo interdental xordo /θ/ e a presenza dun s, nas posicións nas que o galego común realiza /θ/. O seseo constitúe un dos fenómenos máis relevantes da lingua galega, tanto pola súa extensión como polo número de fonemas que se ven implicados.

Tipos de seseo[editar | editar a fonte]

O seseo pode clasificarse atendendo á posición que ocupa na sílaba e segundo a realización do s.

Tipos de seseo segundo a posición[editar | editar a fonte]

  • Seseo explosivo ou prenuclear: Inexistencia de /θ/ en posición inicial de sílaba: sapato ou sinco. O seseo explosivo tamén se denomina total, xa que a súa existencia implica necesariamente o seseo en posición
  • Seseo implosivo ou posnuclear: Inexistencia de /θ/ en posición final de sílaba: lus ou des.

Tipos de seseo segundo a realización[editar | editar a fonte]

  • Seseo apicoalveolar: realizado como [sʼ].
  • Seseo predorsodental: realizado como [s]. Sería variante deste tipo de seseo o seseo predorsointerdental, cando o s tende a interdentalizar, percibíndose certo carácter ceceante.

Xeografía do seseo[editar | editar a fonte]

Para delimitar o territorio seseante, temos que atender á existencia de dúas isoglosas, a do seseo prenuclear e posnuclear.

A isoglosa do seseo explosivo parte na costa occidental da Coruña, entre Ponteceso e Laxe, abranguendo a costa occidental desta provincia e a comarca de Compostela. Na provincia de Pontevedra abrangue as falas costeiras do Salnés, Morrazo, Fragoso, Val Miñor e falas do Condado. Fóra desta área tamén se detecta seseo no lugar de Redes, en lugares do concello de Touro e en puntos do concello de Vedra na provincia da Coruña, mentres que en territorio pontevedrés en lugares de Caldas de Reis, Tui, Salvaterra do Miño e na Guarda. Fóra do galego occidental, documéntase seseo na vila de Rinlo. O seseo implosivo abranguería a case totalidade da provincia da Coruña, unha gran parte de Pontevedra e a Limia Baixa.

Sistemas seseantes[editar | editar a fonte]

Orixe dos sistemas seseantes actuais[editar | editar a fonte]

Todos os sistemas seseantes actuais teñen a súa orixe no sistema de sibilantes medieval. En galego-portugués existían tres pares de sibilante, unha parella de fricativas prepalatais, xordo /ʃ/ (queixo) e sonoro /ʒ/ (gente), unha parella de africadas dentoalveolares, xorda /ts/ (paço, ceo) e sonora /dz/ (fazer) e unha de apicoalveolares, xorda /s/ (passo) e sonora /z/ (coser). Nos textos medievais xa se documentan os primeiros casos de neutralización entre fricativas xordas e sonoras. Esta neutralización a favor das xordas acabará consolidándose en case todo o territorio galego, a excepción da Limia Baixa. Esta neutralización daría paso a un sistema de transición, composto polas tres fricativas xordas apicoalveolar, dentoalveolar e prepalatal. Esta oposición sería inestábel, debido á proximidade articulatoria da apicoalveolar e dentoalveolar. Esta inestabilidade resólvese na evolución da dentoalveolar nunha interdental, no sistema do galego común ou na neutralización dos dous fonemas nun só, apical ou dentoalveolar segundo o sistema.

Sistemas seseantes actuais[editar | editar a fonte]

  1. Subsistema do galego común: É propio da metade da provincia da Coruña, o interior da de Pontevedra e a case totalidade das de Lugo e Ourense, ao igual que o galego exterior, coa excepción de Hermisende. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo interdental xordo /θ/, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  2. Subsistema arcaico: Localízase na Limia Baixa e en Hermisende. Mantén con lixeiras modificacións o sistema medieval de seis elementos, con oposición entre xordas e sonoras. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsointerdental xordo, predorsointerdental sonoro, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo apicoalveolar sonoro /z/, fricativo palatal xordo /ʃ/, fricativo palatal sonoro /ʒ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  3. Subsistema de transición: En trámites de desaparecer, só se conserva nalgúns falantes da localidade rianxeira de Taragoña. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsodental xordo, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/
  4. Subsistema occidental: Abrangue a metade meridional do occidente coruñés e a costa de Pontevedra. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo dental xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  5. Subsistema despalatizador: Localízase en zonas seseantes da costa da Coruña e Pontevedra, caracterízase pola despalatalización de /ʃ/, substituída pola fricativa apicoalveolar xorda e pola existencia de seseso predorsal. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsodental xordo, fricativo apicoalveolar xordo /s/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  6. Subsistema innovador: Localízase en puntos de áreas seseantes da costa da Coruña en falantes de menor idade. Está composto unicamente por dous fonemas:: o fricativo predorsodental xordo /s/ e africado palatal xordo /tʃ/.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]