Bandeira de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Galicia
Bandeira de Galicia
Uso
FIAV 110100.svgFIAV normal.png
Proporción 2:3
Adopción 29 de maio de 1984
Cores      Branca      Azul
Bandeira civil de Galicia
Bandeira civil de Galicia
Uso
FIAV 100000.svgFIAV normal.png
Proporción 2:3
Adopción 6 de abril de 1981
Cores      Branca      Azul

A bandeira de Galicia actual foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento e consolidada pola Xeración Nós como insignia nacional[1][Ligazón morta]. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito. A franxa azul posúe unha largura igual á terceira parte do alto da bandeira.

Historia[editar | editar a fonte]

Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galiza. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI).

Antigo estandarte real[editar | editar a fonte]

O antigo estandarte do reino de Galicia compoñíase principalmente por un cáliz dourado sobre fondo azul. Este aparece documentado como motivo principal do escudo de armas do Reino de Galicia dende finais do século XIII. Así aparece documentado como armas os reis de Galyce no armorial Segar de Inglaterra do ano 1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galicia foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz pechado nun relicario (armoriales Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal cáliz en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. Equivocamente, moita xente pensa que as sete cruces corresponden ás cidades do antigo Reino de Galicia aínda que en realidade a súa orixe é soamente decorativa (Escudo de Galicia).

O deseño actual[editar | editar a fonte]

O actual deseño da bandeira galega remóntase ao Rexurdimento, é neste momento cando se comezan a reformular e crear os símbolos nacionais de Galicia. A finais do século XIX comezáranse a empregar diferentes modelos de bandeiras coa idea de representaren graficamente unha Galicia que camiñe cara a liberdade, neste contexto numerosos intelectuais defenderán a bandeira franca, a bandeira branca coa cruz vermella de Santiago, así como tamén a bandeira branca coa franxa azul, que será aceptada axiña por boa parte do galeguismo e finalmente por toda Galicia. Xa na última década do século XIX, quedaba fixada a actual estética da bandeira:

"A Bandeira Galega só ten dúas cores: branco e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior da esquerda ata o ángulo inferior da dereita, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que debe ter de ancho a terceira parte do alto ou ancho total da bandeira", publicado no ano 1898 no xornal O Eco de Galicia, A Habana, Cuba.

A bandeira foi prohibida na ditadura de Primo de Rivera de iure e na ditadura de Francisco Franco de facto.[2]

...arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galiza,
cantémo-lo direito á libre nova vida!


Ramón Cabanillas ("En pé")
Bandeira galega civil.svg

Ca volta da democracia, a Lei 5/1984 de 29 de maio de 1984 da Xunta de Galicia regulou a actual bandeira galega. Nela lexíslase que a bandeira de Galicia ha de ter unha lonxitude igual a tres medios do seu ancho. É branca, cunha banda azul celeste dun ancho equivalente á cuarta parte do da bandeira, que a atravesa dende a parte superior á hasta, cara á parte inferior ao batente. Esta versión, sen escudo, denomínase en vexiloloxía -a ciencia que estuda as bandeiras-, "Bandeira Civil", e pode ser utilizada polos cidadáns, pero non pola administración pública, que debe, obrigatoriamente, utilizar a "Bandeira Institucional", con escudo. Esta versión, con escudo, tamén pode ser utilizada pola poboación civil.

A representación moderna e oficial do escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira civil, formando o que en vexiloloxía se denomina "Bandeira Institucional". A bandeira "de estado", "institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

"A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma", Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia, Artigo 2.2.

Diversas orixes[editar | editar a fonte]

A comezos do século XX foron moitos os intelectuais que tentaron atopar a orixe do deseño actual da bandeira galega, entre estes chegouse a presupoñer que a franxa azul representaba ao río Miño e de feito, isto motivaría durante un tempo o cambio de dirección da franxa que pasaría a ser desde a esquina superior dereita á inferior esquerda.

Tamén se chegaron a barallar outras teorías con gran divulgación, tal e como a que adxudicaba a orixe da bandeira a unha confusión coa baseada en que os emigrantes galegos terían pensado que a bandeira da provincia marítima da Coruña que ondeaba no porto e nos transatlánticos era de feito a bandeira de Galicia. Porén, a bandeira branca coa franxa azul xa fora empregada no traslado dos restos de Rosalía de Castro, celebrado os días 25, 26 e 27 de maio de 1891, e a Comandancia da Coruña adoptaría a súa nova bandeira (tamén cunha franxa azul) non antes do 22 de xuño do mesmo ano[3][Ligazón morta].

Outras bandeiras e símbolos históricos[editar | editar a fonte]

Estreleira, bandeira nacionalista de esquerdas.
Bandeira do movemento Nunca Máis.
  • O Santo Graal é o símbolo histórico que máis longo tempo vén representando a Galiza como institución política. O Santo Graal aparece documentado por primeira vez como armas dos reis de Galyce no Armorial Segar de Inglaterra do ano c.1282. A representación gráfica das armas do Reino de Galiza foi evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario Graal pechado nun relicario (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal Graal en campo liso sen ningún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado. A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galiza foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.
  • No século XVIII, os buques do Reino de Galicia empregaban como pavillón nacional unha bandeira branca cun cáliz dourado e dous grupos de tres cruces vermellas cada un situados en ambas as dúas beiras[4], tal e como se recolle na obra Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer, publicada en Ámsterdan en 1718.
  • O nacionalismo de esquerdas adopta a estreleira (bandeira galega coa estrela vermella) como símbolo de liberación nacional e social. Este símbolo é o máis usado en manifestacións nacionalistas ou partidos de fútbol. É a bandeira da principal Central Sindical (CIG: Confederación Intersindical Galega) e dos partidos de esquerda nacionalista.
  • O deseño do escudo de Castelao co texto "Denantes mortos que escravos" (1937). Consistía na serea sostendo o escudo cunha fouce e unha estrela. [5]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os Símbolos de Galicia. pp87-88
  2. Parlamento de Galicia: os símbolos de Galicia
  3. Os Símbolos de Galicia. pp88
  4. Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). "Des pavillons. Planche LVI.". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan: chez David Mortier, Libraire. p. 17. http://reader.digitale-sammlungen.de/en/fs1/object/display/bsb10871829_00158.html.(en francés)
  5. "Non-nos quedaba máis que a fouce de ouro sobor dun fondo azul e a estrela vermella, como emblema do Traballo e da Liberdade. Ourelando o escudo cumpría deixar patente o martirio de Galiza. E a serea, que pertence á heráldica galega, como símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras" ("Os novos símbolos da Nova Galiza" en Nova Galiza (Barcelona), 6, 1 de xullo, px. 2).
  6. Denis Landry (5 de noviembre de 1701). "La ceremonie du mariage du roy d'Espagne avec la Princesse Marie Louise Gabrielle de Savoye seconde fille du Duc de Savoye". Figueres, Cataluña. http://gallica.bnf.fr/ark:/12148/btv1b69472084/.(en francés)
  7. Nicolaas Witsen, Cornelis van Eyk, Carel Allard (1718). "Pavillon de Galice". Les pavillons, ou banniéres, que la plûpart des nations arborent en mer. Ámsterdan: chez David Mortier, Libraire. p. 56. http://reader.digitale-sammlungen.de/en/fs1/object/display/bsb10871829_00282.html.(en francés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]