Grupo Nós

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O grupo Nós foi un colectivo de intelectuais ourensáns que lle deu á cultura galega unha altura intelectual que xamais tivera, principalmente no que se refire á renovación da prosa e do ensaio, así como ao seu cosmopolitismo.

Historia do Grupo Nós[editar | editar a fonte]

O 20 de outubro de 1920 naceu na cidade de Ourense a revista Nós. Arredor dela, xurdiron un grupo de autores literarios que, a partir da Asemblea de Monforte (1922), se foron integrando de cheo nas estruturas das Irmandades da Fala. A revista Nós estaba conformada principalmente, no seu inicio, polos integrantes do cenáculo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e mais Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Posteriormente, a revista verá chegar novos autores.

O primeiro número da revista Nós comeza coas "Primeiras verbas", un artigo colectivo onde se aprecian varios dos propósitos deste grupo xeracional: a chamada da terra (Galiza), a dignificación da cultura galega, o carácter universalista. Todos estes trazos estarán presentes nas obras destes escritores.

A peripecia ideolóxica dos homes do grupo Nós aparece excelentemente reflectida na novela de Ramón Otero Pedrayo Arredor de Si (1930) e no ensaio de Vicente Risco Nós, os Inadaptados (1930). Os escritores deste grupo (agás Alfonso Daniel Rodríguez Castelao) parten dunha total falta de apego polas súas raíces, derivado da busca do cosmopolitismo. Mais, conforme avanza o tempo, a partir de experiencias que funcionarán a modo de catarse, caerán na conta da importancia da cultura propia, posto que esta é a que distingue uns individuos dos outros (conciben o enxebrismo como o propio ser de Galiza). Por isto, chegarán á conclusión de que só se pode ser universal partindo do propio. Derivado disto, todos eles aceptarán o galeguismo como doutrina ideolóxica.

Por outra parte, este grupo de autores presenta unha particular problemática no que á súa denominación respecta. En De Pondal a Novoneyra (1984), Xosé Luís Méndez Ferrín refírese a el como grupo xeracional. Tense falado de grupo Nós, xeración Nós e incluso Anxo Tarrío fala dunha época Nós.

Partindo das teorías de Ptersen e de Ortega y Gasset, podemos afirmar que se trata dunha xeración literaria, en base aos seguintes requisitos:

  • As datas de nacemento dos escritores deben darse nun período máximo de 15 anos: todos os autores de Nós nacerán na década de 1880, o cal lles fará compartir unha serie de elementos e inquedanzas comúns. Alén disto, entran xuntos na vida cultural.
  • Igualdade de elementos formativos: todos eles teñen estudos universitarios.
  • Os escritores deben ser impulsores dunha nova forma de expresión: neste caso, estamos a falar dos renovadores da prosa galega e dos creadores do ideal de que o galego é válido para calquera uso.
  • Ruptura coas xeracións anteriores: os homes de Nós romperon coa literatura de inspiración decimonónica e puxeron o noso sistema literario á altura dos europeos.

Ademais destes trazos, existen outros elementos comúns específicos deste grupo, os cales son:

  • Síntese de tradicionalismo e progresismo.
  • Rigorosa formación intelectual.
  • Vocación estilística.

Mais, tendo en conta todo isto, que é o que motiva a moitos estudosos a pensar que este grupo non é unha xeración? A resposta podería resumirse cun único nome: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Castelao é o único destes escritores que non procede dunha clase social fidalga ou pequeno-burguesa, polo que tería (segundo algúns autores) unha certa desvantaxe con respecto aos seus compañeiros á hora de adquirir unha boa formación (tería máis dificultades para viaxar, para conseguir unha boa biblioteca privada e para coñecer idiomas). Alén disto, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é único membro deste grupo que non parte dunha desvinculación total da cultura galega.

De todos os xeitos, sexa Nós un grupo ou unha xeración, o que si está claro é que se trata dun colectivo de intelectuais de vital importancia dentro da literatura galega, posto que (entre outras cousas) renovaron a prosa galega, ampliaron o número de xéneros cultivados na nosa lingua e exerceron o seu maxisterio sobre os autores da Xeración de 1925 e da Xeración de 1936.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nós

Outros artigos[editar | editar a fonte]