Fran Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fran Vázquez
Estudiantes vs Unicaja Málaga - Fran Vázquez - 01.jpg
Unicaja Málaga  – No. 17
Pivote
Nacemento 1 de maio de 1983 (30 anos)
Flag of Galicia.svg Chantada, Ribeira Sacra
Altura 2,11 m (6 ft 11 in)
Peso 109 kg (240 lb)
Liga Flag of Spain.svg ACB
Canteira Chantada (Breogán)
Carreira dende 2001
Equipos

ACB Unicaja Málaga (2001-2005)
ACBBilbao Basket (2002-2003)
ACBAuna Gran Canaria (2003-2004)
ACB Akasvayu Girona (2005-2006)
ACB FC Barcelona (2006-2012)
ACB Unicaja Málaga (2012-presente)

Premios

Euroliga (2010)
Liga ACB (2009)
Copa do Rei (2005, 2007, 2010)
MVP Copa do Rei (2010)
1× Supercopa ACB (2010)

Francisco Vázquez González, coñecido habitualmente como Fran Vázquez, nado o 1 de maio de 1983 en Chantada, é un xogador profesional de baloncesto galego. Actualmente milita no Unicaja Málaga. É un pivote ou ala-pivote con grande mobilidade, a pesar de medir 2,09 metros. A potencia de salto, o acerto nos lanzamentos desde fóra da zona, os mates e, sobre todo os tapóns, son as súas principais virtudes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A vida deportiva de Fran Vázquez comezou na súa vila, Chantada, sendo o porteiro do equipo de fútbol das categorías inferiores do Chantada. Ao cabo dun tempo, deixa a práctica do fútbol e decántase polo baloncesto, dado o seu impoñente físico. Logo de comezar no deporte da canastra nas escolas deportivas do seu concello, no 1999 vai vivir e instruírse á desaparecida residencia de rendemento deportivo Siglo XXI, en Lugo.

Alí é observado polos observadores do Unicaja, os que tempo despois levaríano para Málaga. Dende equipos filiais do Unicaja, foi cedido durante un ano (temporada 2003-2004) ao Auna Gran Canaria. Neste equipo comezou a despuntar como xogador profesional, o cal propiciou que o seu equipo de orixe o chamase de volta. De novo na escuadra malagueña, conquistou con Unicaja a Copa do Rei de Baloncesto 2005 ante o Joventut de Badalona.

No verán do 2005 acudiu ao Draft da NBA, sendo seleccionado por Orlando Magic na primeira rolda no posto número 11. Esta era, pois, a segunda mellor posición que lograba un xogador peninsular neste evento, superado soamente polo catalán Pau Gasol, elixido no posto número 3 no ano 2002. Mais Vázquez renunciou á liga estadounidense para fichar polo club catalán Akasvayu Girona, sendo, xunto con Raúl López, a incorporación estrela para o curso baloncestístico 2005-2006. Tras unha temporada pouco gloriosa neste equipo, o chantadino pasou a formar parte do cadro de xogadores do Futbol Club Barcelona, onde conseguiu gañar a Copa do Rei en febreiro de 2007 ante o Real Madrid.

O 7 de xaneiro do 2007 pasou a formar parte da historia da ACB, ao conseguir o record de tapóns nun mesmo partido, nada menos que 12, ademais de conseguir un triple-dobre nese mesmo partido, é dicir, tivo máis de 10 en tres apartados diferentes: puntos, rexeites e tapóns. Foi internacional coa selección de baloncesto de España, quedando fóra do cadro campión do mundo por mor dunha lesión pouco antes da disputa do campionato, como xa lle sucedera a Jose Calderón, cando non puidera xogar cos "Júniors de Ouro" o europeo de Lisboa'99, cando España quedara campioa.

Foi requirido polos Orlando Magic para xogar con eles na tempada 2008-2009, catro anos máis tarde de ser elixido no draft, para formar parella de xogo interior co pivote americano Dwight Howard, o último campión do concurso de mates da NBA, logo de que xa se dera por perdida a súa oportunidade de atravesar o charco para iniciar o soño americano. Con todo decidiu ficar no Barça, conseguindo no 2010 a Euroliga.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]