Fragas do Eume
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Fraga.
As Fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997[1] e que abrangue 9.126 hectáreas[2] nas beiras do río Eume, concretamente nos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña. Na actualidade residen no parque 521 persoas dos cinco concellos anteriormente nomeados.[3]
Está tamén declarado como Lugar de Importancia Comunitaria, coincidindo os seus límites cos do parque natural.
O bosque tradicional atlántico conservouse na zona en todo o seu esplendor, sendo consideradas as fragas como un dos mellores bosques atlánticos termófilos do continente europeo[4]. Malia ser a flora a alfaia das Fragas, existindo raras especies de felgos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén destacan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, ata especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.
Índice |
[editar] Flora
As fragas do río Eume son un destacado representante da fase clímax[5] da vexetación galega[6]. Os bosques de ribeira, dos que o parque é bo exemplo, distínguense polos seus ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora. Tradicionalmente foron moi explotados polo home pola riqueza e fertilidade dos solos, e por iso son ecosistemas pouco frecuentes e conservados unicamente en zonas illadas como estas fragas.
[editar] Árbores
A árbore con maior presenza no parque natural é o carballo. É o medidor da saúde da fraga: os exemplares máis lonxevos existen nas zonas que sufriron unha menor presión humana (a Fraga do Mosqueiro ou as fragas que arrodean o río do Dez), e está sendo obxecto de repoboación en zonas fráxiles do parque, onde fora apartado recentemente polo bidueiro.
Tamén ten numerosa presenza no parque o castiñeiro, dominante nalgunhas áreas logo de roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano. O bieiteiro ou bidueiro é a terceira das especies maioritarias, e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira, e zonas marxinais onde os carballos foron perdendo distribución, e onde medran rapidamente. Nestes espazos están a ser substituídos por carballos por acción conservacionista.
Nas proximidades dos ríos atopamos o ameneiro, que soporta ben as situacións de asolagamento, xa que suxeitan as marxes das canles impedindo o seu arrastre polas cheas, o salgueiro (con moita menor frecuencia), o freixo e o pradairo. Outras especies arbóreas das fragas son a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o cerqueiro, nas zonas altas das fragas de Pena Fesa, Os Cerqueiros (topónimo que reflicte a abundancia desta árbore) e A Marola; o érbedo, o loureiro, e o olmo, frecuente tamén nas proximidades dos ríos, como preto do mosteiro de Caaveiro. Tamén se ten sinalado a presenza do lamigueiro nas fragas, unha especie rara na zona próxima á costa. O teixo, atopa no parque a súa localización máis occidental no país, xa que a intensa actividade humana sobre esta árbore acabouna relegando principalmente ás montañas orientais galegas[7]. Finalmente, existe en abundancia o acivro, fundamentalmente como arbusto pero que chega a acadar exemplares de altura e porte, o estripeiro, o abruñeiro, a pereira e a maceira brava, esta última pouco frecuente noutros lugares da provincia da Coruña.
[editar] Felgos
No parque están presentes unhas 20 especies distintas de felgos[8], os cales constitúen unha das principais características destes bosques. Os máis comúns son o Blechnun spicant, a Dryopteris affinis subsp. Affinis, a Dryopteris dilatata, a Dryopteris aemula, o Polypodium interjectum, o Athyrium filix-femina, o Osmunda regalis (ou fento real), o Polystichum setiferum, o Pteridium aquilinum e a Lastraea limbosperma. Tamén se poden atopar especies de gran valor ben pola súa escaseza ou ben por darse lonxe da súa área normal de distribución, coma a Woodwardia radicans, o Asplenium adiantum-nigrum, a Cystopteris diaphana, a Dryopteris guanchica ou a Culcita macrocarpa[9].
Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetis na era terciaria. A calor e a humidade permitiron o desenvolvemento dunha exhuberante flora, similar á que na actualidade atopamos no arquipélago novacelandés ou na Florida. Porén, hai dous millóns de anos, os procesos de glaciación nos polos e a desertización nos trópicos foron recurtando a distribución desa flora que, incapaz de adaptarse ós cambios, quedou reducida a zonas pequenas situadas entre os 25º e 40º de latitude: Illas Canarias, Illas dos Açores e Madeira, e en menor extensión nas serras de Algeciras (provincia de Cádiz) ou o Parque Natural das Fragas do Eume.
[editar] Brións e liques
No estrato muscinal está presente case a metade da flora briofítica galega (brións e hepáticas) particularmente importante nas zonas húmidas e sombrizas, con máis de 220 especies diferentes[10]. Entre elas atópanse catro citas únicas para a brioflora española e sete máis considéranse raras dentro da flora ibérica. Destacan a Cololejeunea microscopica e a Lepidozia cupresana.
A flora liquénica garda tamén un notable catálogo de máis de 240 especies, entre as que figuran tres citas novas para a Europa continental e 24 novas para España. Son características dos bosques maduros outras especies menos raras pero moi ligadas a estes ecosistemas: a Lobaria scrobiculata, a Pannaria rubiginosa e a Usnea articulata.
[editar] Fauna
Como xa se sinalou, os bosques de ribeira son un ecosistema caracterizado por unha amplísima biodiversidade.
[editar] Anfibios
As fragas, polo seu carácter húmido e sombrizo, son un ambiente idóneo para os anfibios. No Eume viven 13 das 15 especies existentes en Galiza. A Píntega común e a súa subespecie galega son moi frecuente xa que as masas forestais caducifolias son o seu biótopo natural. Tamén están presentes outras especies coma o sapiño comadrón, o sapo común, a ra patilonga (que vive nos regatos afluentes do Eume na conca baixa, coma o Sesín), e a ra vermella, que é posible atopar nos prados da Serra de Sanguiñedo. Nas pozas estacionais atópanse as tres especies de pintafontes, o común, o palmeado e mailo pintafontes verde, pero é especialmente valiosa a saramaganta (Chiglossa lusitanica), endemismo do noroeste ibérico que mantén nas Fragas unha das súas máis nutridas poboacións.
-
Sapo común Bufo bufo
-
Lagarta da serra Iberolacerta monticola
-
Saramaganta Chioglossa lusitanica
[editar] Aves
Entre as aves da fraga destacan as rapaces que se alimentan de micromamíferos, adaptadas a cazar no interior do bosque: o azor, o lagarteiro, o gabián, o bufo pequeno, a curuxa, o moucho común, a avelaiona, o miñato negro, a tartaraña cincenta e o real e o abelleiro. En espazos máis abertos habita tamén o falcón peregrino, o miñato común e o bufo real. Entre as pequenas insectívoras destacan o piquelo azul, o gabeador común, a avenoiteira, o ferreiriño abelleiro, o ferreiriño bacachís, o peto real, o peto verde, a estreliña riscada, a estreliña do norte, o picafollas e maila arcea. Nas ribeiras dos cursos de auga do parque destaca o merlo rieiro e o picapeixe.
[editar] Mamíferos
Entre os mamíferos destacan a londra, a martaraña, a garduña, o gato montés, o armiño e a xeneta. Abondan tamén os corzos, os raposos, os xabarís, os cervos, as donicelas e os teixugos. Tamén existen nas zonas máis elevadas e apartadas dos núcleos de poboamento humanos poboacións de lobo.
[editar] Invertebrados
Entre os invertebrados destacan algunhas especies como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), terrestre e endémico dos bosques atlánticos, a caramecha de río (Belgrandiella rolanie) a lesma (Geomalacus maculosus). No verán, durante o día, é frecuente observar a bolboreta Apatura iris e pola noite a endromis dos salgueiros (Endromis versicolora). Outros coleópteros destacables son o escaravello Carabus galicianus asociado ós cursos de auga rápidos e limpos, e que é tamén un endemismo do noroeste peninsular, e mais o escaravello dourado (Chrysocarabus lateralis), ben distribuído por todo o territorio das fragas, e a vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus), cada vez máis escasa nas fragas galegas. Nos ríos do parque destaca a presenza do mexilón de río (Margaritifera margaritifera).
-
Caracol de Quimper Elona quimperiana
-
Mexilón de río Margaritifera margaritifera
[editar] Peixes
No río Eume e afluentes están presentes o reo (Salmo trutta trutta) e a troita (Salmo trutta faria), peixes que remontan o río dende a súa desembocadura na vila de Pontedeume, e que teñen nas augas do Eume un dos seus mellores hábitats.[11]
[editar] Xeoloxía
Véxase: canón do Eume
[editar] Presenza humana
Dentro dos límites do parque atópanse numerosas pegadas da actividade humana, como os foios para facer carbón vexetal e grandes troncos cortados a rentes do chan. Tamén hai restos de interese histórico e de arquitectura tradicional, como cruceiros, pontes, ermidas.
Pero como mostras da presenza humana no parque destacan os mosteiros medievais de Monfero e Caaveiro.
O mosteiro de San Xoán de Caaveiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller aos numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pronto importantes doazóns de San Rosendo e outros nobres engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e tamén lle conceden a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela. O conxunto foi declarado no ano 1975 Monumento Histórico-Artístico pola súa importancia arquitectónica.
Na actualidade é propiedade da Deputación provincial da Coruña, que iniciou no 2003 a restauración para a posta en valor do conxunto.
Destaca como curiosidade a presenza na zona do oso pardo, actualmente extinguido da xeografía galega, e da aguia real case extinta, na época na que se construíu o mosteiro.
As orixes do mosteiro de Monfero remóntanse ao século X, cando se fundou un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a San Marcos. Na actualidade excepto a igrexa o resto de dependencias monacais atópase en estado ruinoso, porén estánse levando a cabo medidas para a súa restauración parcial.
A importancia social destes mosteiros baséase no feito de que durante moitos anos serviron de eixo vertebrador da vida económica, social e relixiosa da comarca.
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do Parque natural das Fragas do Eume
[editar] Notas
- ↑ Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume (DOG nº 110, do 5.06.1996) e Decreto 218/1997, do 30 de xullo, polo que se declaran o parque natural das Fragas do Eume (DOG nº 153, de 11.08.1997).
- ↑ A superficie total protexida é exactamente de 9.125,65 ha, segundo o Decreto da Xunta polo que se aproba o PORN do Parque, das que 3.253 ha corresponden á zona de fragas propiamente dita e o resto a zonas de reserva, de mato e pasto, de aproveitamento agropecuario e maila rede fluvial.
- ↑ Gráfico: Parques naturais de Galicia 5/12/08
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 111.
- ↑ Na sucesión ecolóxica dos ecosistemas. A sucesión produce ecosistemas cada vez máis estables e máis resistentes ás perturbacións, así que adoita describirse como un proceso de maduración. O estado máis ou menos ideal ao que apuntan os cambios da sucesión do ecosistema chámase clímax.
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 113
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 113.
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 114.
- ↑ A presenza desta última especie confire especial valor ó Parque e obriga a especiais medidas de protección, ó estar incluída na lista de especies vermellas en perigo crítico de extinción e protexida pola Directiva Hábitat. Nesta web [1] pódense ver fotografías deste fento e o mapa de distribución nacional.
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 114.
- ↑ http://www.rios-galegos.com/pe2.htm#DISTRIBUCIÓN%20EN%20GALICIA. Reo. Salmo trutta trutta.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López, Calros Silvar, Guía das aves de Galicia, Baía Edicións (2004), ISBN 84-96129-69-5
- Ignacio González, Roberto Fernández e Rafael Salvadores, Guía de espacios naturais de Galicia, ISBN 84-8288-002-0
[editar] Ligazóns externas
- Parque Natural Fragas do Eume (Xunta de Galicia) [2] e [3]
- Ficha do Parque Natural das Fragas do Eume, Ministerio de Medio Ambiente
- Galería fotográfica de La Voz de Galicia
|
||||||||||||||||||||