Balonmán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido de balonmán

O balonmán é un deporte de pelota no que se enfrontan dous equipos, cada un de sete xogadores, seis son xogadores de campo e un é porteiro. Este deporte goza de certa popularidade en países como Galiza, España, Alemaña, Suecia e Francia entroutros.

Orixe[editar | editar a fonte]

Este xogo, segundo expertos, remóntase á antigüidade. Crese que na Antiga Grecia xogábase un xogo que consistía en que unha pelota do tamaño dunha mazá non tocase o chan. Así mesmo foi descrito en, "A Odisea" de Homero. Este xogo coñecíase co nome de Xogo de Ucraína.

Aínda que o xogo que hoxe en día coñecemos como balonmán ten as súas orixes a finais do século XIX en Europa central. En 1892, Konrad Koch, profesor de ximnasia, inventou un xogo de características similares ao actual balonmán: o "Raffballspied" como forma de adestramento para os ximnastas. Pero é Max Heiser o considerado como pai do balonmán moderno.

Forma parte dos Xogos Olímpicos dende 1972 en categoría masculina e dende 1976 na feminina.

Como se xoga[editar | editar a fonte]

O obxectivo do xogo é conseguir marcar máis goles que o rival na portería contraria, aínda que en balonmán existe o empate. Para conseguir un gol, os xogadores deben lanzar o balón dende fóra da área de 6 metros ou ben, saltando, tamén dende fóra, por encima desta e lanzando antes de caer. O balón debe exceder totalmente a liña de gol para que o tanto sexa válido. A pelota pode ser xogada con calquera parte do corpo desde as coxas cara arriba, coa excepción do porteiro, que pode usar tamén as pernas e os pés para defender a súa portería, a condición de que se atope dentro da súa propia área. Fóra da área, o porteiro é un xogador máis suxeito ás regras do xogo.

Un equipo pode cambiar libremente aos seus xogadores en todo momento, sen límite, coa única condición de que sempre haxa só sete xogadores no campo, é dicir, para que un xogador ingrese no terreo de xogo, é necesario que primeiro marche outro e que dito cambio se realice pola zona reglamentaria. En caso contrario, sanciónase a falta e exclúese ao xogador que entrou antes de tempo, ou nun lugar indebido, por 2 minutos.

Dimensións do Campo[editar | editar a fonte]

Dimensións dunha cancha de balonmán indoor oficial

O campo mide 40 m de longo por 20 m de ancho, dividido en dous medios campos. Na liña de fondo de cada medio campo existe unha portería centrada respecto das bandas. As dimensións da portería son 3 m de ancho por 2 m de alto. O ancho dos postes e o longueiro é de 8 cm, medida que coincide co ancho da liña de gol. Dita portería atópase dentro dunha área de 6 m, trazada a partir de dous cuartos de círculo, con centro en cada un dos postes e radio de 6 m, unidos por unha liña paralela á liña de gol.

Por fóra da área de 6 m existe outra liña, esta discontínua, a 9 m da liña de gol. É a que se coñece como liña de golpe franco. Todas as faltas cometidas entre a liña de 6 m e a de 9 m son sacadas polo equipo atacante con todos os seus xogadores fóra dela e os defensores a 3 m do balón, salvo nas ocasións en que se sancione a infracción cun lanzamento de 7 metros, que se realiza dende unha liña centrada situada a un metro do area e a 7 m da portería. Existe ademais unha liña a 4 metros da liña de gol, a cal delimita o espazo no cal pódese colocar o porteiro nos lanzamentos de penalti.

Regras Básicas[editar | editar a fonte]

Pódese avanzar co balón nas mans ata un máximo de tres pasos. A partir dese momento o xogador dispón de 3 segundos para lanzar, pasar o balón ou botar. Se se bota o balón, só cunha man por cada bote, pódese continuar en movemento ata que se deixe de botar. A partir dese momento pódense dar outros tres pasos e obrigatoriamente hai que lanzar ou pasar antes de tres segundos, xa que non está permitido a un xogador botar de novo o balón sen que este toque a outro xogador ou a portería.

A área da portería non pode ser invadida por ningún xogador excepto polo porteiro que defende a portería. Se un xogador atacante o fai, a xogada invalídase e o balón pasa a mans do equipo que defendía. Se un xogador do equipo que defende invade a área, sinalarase penalti.

Un xogador non pode exceder a liña de lanzamento ao executar un penalti e polo menos un pé ten que permanecer quedo no chan ata despois do lanzamento, se o pé móvese tense que sancionar falta de pé. Na execución do penalti, todos os xogadores, excepto lanzador e porteiro, deberán permanecer por detrás da liña de 9 m.

Se o equipo ataca,nte non demostra unha actitude ofensiva se lle pitará xogo pasivo e daráselle o balón ao equipo que defendía. Non hai un tempo definido para pitar xogo pasivo así que adoita haber controversia xa que o criterio arbitral, neste caso, inflúe moito.

Calquera acción en que se impida con falta unha acción clara de gol será considerada penalti.

Sancións[editar | editar a fonte]

O balonmán é un deporte de contacto, pero nobre. Está permitido o contacto "de cara" é dicir, peito con peito, usando as mans sen agarrar, a fin de obstruir o ataque do equipo rival, pero nunca están permitidos os empurróns, sexan do tipo que sexan. Estas faltas sanciónanse con golpe franco, excepto aquelas que son unha clara ocasión de gol, que son sancionadas co lanzamento de 7 metros. As accións máis duras, agarróns por detrás, agresións, etc. poden ser sancionadas primeiro cunha amoestación (cartón amarelo). O equipo só pode ter 3 cartóns amarelos, a seguinte falta que o árbitro crea que merece sanción, esta será de 2 minutos, non podendo sacarse xa máis cartóns amarelos. Esta sanción quere dicir que o equipo debe xogar durante 2 minutos cun home menos en pista. Un xogador que acumula tres exclusións recibe a tarxeta vermella (descalificación) e non pode volver ao terreo de xogo. No seu lugar, aos 2 minutos poderá entrar un compañeiro. O cartón vermello pode ser directo, a consideración dos árbitros (casos de agresións que poñan en perigo ao xogador contrario). Tamén existe a expulsión en casos de agresións moi graves.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]