Mártires de Carral

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Este artigo precisa fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema.


Coñécense como Mártires de Carral aos militares sublevados en varios lugares de Galiza en 1846 contra o presidente Narváez que foron executados na vila de Carral.

Índice

[editar] A revolta

Sendo raíña de España Isabel II, que contaba daquela con 13 anos de idade, o presidente do Goberno Central, o xeneral Narváez, instaurou unha ditadura que provocou enfrontamentos populares. O 2 de abril de 1846 levantouse en Lugo o batallón mandado polo coronel Miguel Solís, disolvendo o Consello Provincial e a Deputación; outras prazas sumáronse nos días seguintes. O 15 de abril contituíuse en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galicia, que reclamou as liberdades e dereitos que Narváez abolira e un trato máis xusto para Galicia, que os sublevados consideraban literalmente tratada como "verdadeira colonia da corte".

[editar] A represión da revolta

O xeneral Narváez enviou tropas baixo o mando do xeneral La Concha para recuperar o territorio. O día 23 de abril comenzou a batalla de Cacheiras entre as tropas de Madrid e as galeguistas de Solís, que foron derrotadas. A grande superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia. As tropas do xeneral Concha entraron en Compostela a saqueo e pillaxe, segundo se lles prometera.

Solís, que se refuxiara en San Martiño Pinario, entregouse aquela mesma tarde. Tres días despois, un xuízo sumarísimo condenouno a morte en Carral. Este xuízo non foi celebrado en Santiago ou na Coruña por medo aos simpatizantes do coronel que había nestas cidades.

Ao serán, o coronel Solís foi levado ao adro da igrexa de Paleo, onde foi fusilado. O comandante Víctor Velasco e dez oficiais mais foron pasados polas armas na Fraga do Rin, a medio camiño entre Carral e Paleo, pois xa anoitecía, e foron enterrados no día seguinte no cemiterio de Paleo. Aínda se poden ver as súas tumbas sen inscrición ningunha. O párroco, quen presenciou o fusilamento, na acta de defunción engadiu: "Espectáculo horroroso. Triste Memoria"...

[editar] Recoñecemento

Dez anos despois , un novo goberno nomearía como "beneméritos da Patria" aos doce fusilados. As Cortes concedéronlles a "Cruz de valor e constancia" e decretaron a erección dun monumento, que non se levou a cabo ata o ano 1904, cando, por iniciativa da Liga Galega da Coruña, erixiuse o actual, que está construído en granito das canteiras de Illó (Pontevedra) e que foi deseñado polo arquitecto lucense Juan Álvarez Mendoza. Pódese ver o escudo de Galicia e unha inscrición que di: "Aos mártires da liberdade mortos o 26 de abril de 1846. Liga Galega na Cruña". Este monumento, aínda que non se poida considerar en si un cruceiro, reúne motivación e formas de tal e, ademais, a estrutura da obra ten forma de cruz. Este recordatorio físico sería escenario de varias homenaxes, como a celebrada o 26 de abril de 1931 e da que se conserva unha fotografía na que se ve a Manuel Lugrís Freire dirixíndose aos asistentes.

Segundo conta Manuel Murguía, nesa curta primavera de 1846 só aflorou durante 24 días de ilusión e progresismo contra o Goberno de Narváez, que a pesar de dicirse liberal e moderado, tiña na súa contra á mediana e pequena burguesía, a moitos universitarios e bastantes profesionais próximos ó republicanismo. Aquela constituíu a primeira xeración galeguista, formada por persoas que confiaban en que se Solís obtiña éxito sería posible mellorar a situación de Galicia cun xeito distinto de facer política, sen ser unha "colonia da Corte", en palabras de Faraldo.

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Outras linguas