Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Barcelona
Escut de Barcelona.svg Flag of Barcelona.svg
Situación xeográfica
Barcelona, Spain location.png
Estado: España
Comunidade autónoma: Cataluña
Provincia: Barcelona
Comarca: Barcelonès
Xeografía
Altitude: 12 msnm
Superficie: 100,39 km²
Poboación
Poboación total: 1.615.908 hab. (2007)
Densidade de poboación: 16.096,30 hab./km²
Xentilicio: Barcelonés/sa
Información
Código postal: 08.0XX
Alcalde: Jordi Hereu (PSC)
Sitio na web: www.bcn.es
Barcelona intro.jpg

Barcelona é unha cidade española situada no nordeste da Península ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como dos Países Cataláns. Situada a beiras do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte.

Cunha poboación de 1.615.908 habitantes, Barcelona é a segunda cidade máis poboada de España e da península tras Madrid[1], e a undécima da Unión Europea. A súa área metropolitana, integrada por 36 concellos, ten unha poboación de 3.161.081 habitantes e unha superficie de 633 km². Esta área é a delimitación como núcleo urbano definida oficialmente, con todo a Rexión Urbana de Barcelona, que se estendería por todo a área de influencia da cidade, chega aos 4.928.852 habitantes cunha densidade de poboación de 1.496 hab/km²[2].

Barcelona foi escenario de diversos eventos mundiais, que contribuíron a configurar a cidade e darlle proxección internacional. Os máis relevantes foron as Exposicións Universais de 1888 e de 1929 e os Xogos Olímpicos de verán de 1992. É tamén sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo[3]. É coñecida co alcume da Cidade Condal, por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.


Índice

[editar] Xeografía

[editar] Emprazamento

Vista aérea de Barcelona.
Panorámica da cidade.
Evolución da liña de costa no distrito de Ciutat Vella.

Situada na costa do mar Mediterráneo, entre as desembocaduras dos ríos Llobregat, ao sueste, e Besòs, ao nordeste, limita ao norte cos concellos de Santa Coloma de Gramenet e Sant Adrià de Besòs; ao sur con El Prat de Llobregat, L'Hospitalet de Llobregat, Esplugues de Llobregat, Sant Just Desvern, Sant Feliu de Llobregat e Molins de Rei; ao leste co mar; e ao oeste con Montcada i Reixac, Cerdanyola del Vallès e Sant Cugat del Vallès.

Ademais, Barcelona ten unha pequena parte do seu termo municipal na vertente do Llobregat da serra de Collserola. Trátase da parte de Vallvidrera e de les Planes, ademais do enclave de Santa Creu d'Olorda, a medio camiño entre o Vallès Occidental e o Baix Llobregat.

O territorio da cidade amosa tres zonas ben diferenciadas: a serra de Collserola (co cumio do Tibidabo coma punto máis alto de 512 metros), os deltas dos ríos Besòs e Llobregat que xuntamente co litoral do mar estabelecen os límites da cidade. Algunhas partes que están preto da serra están tamén poboadas e urbanizadas: El Carmel (267 m.), Monterols (121 m.), El Putget (181 m.), La Rovira (261 m.) e La Perita (133 m.). Pero a cima máis coñecida de Barcelona, xusto encima da liña da costa e separando a cidade do delta do Llobregat, é a montaña de Montjuïc (184,8 m.).

[editar] Liña de costa

A liña de costa de Barcelona trocou co paso do tempo, até o punto que na época prehistórica chegaba a onde hoxe en día se atopa a Plaça de Catalunya. Os terreos sobre os cales se asentou a Barceloneta non existían un século e medio antes da construción deste barrio. Estes terreos son froito da formación de sedimentos de area arrastrada polas correntes mariñas providas do norte e que foron contidas polo espigón do porto construído en 1640. A existencia da illa de Maians (onde actualmente está a estación de França contribuíu á fixación da area e á formación da lingua de terra da Barceloneta.

[editar] Clima

Climograma de Barcelona.

Barcelona ten un clima mediterráneo mais coas características dun microclima urbano e coas particularidades de estar situado ao norte do Mediterráneo. Os invernos son curtos, frescos e relativamente húmidos, a maioría dos anos non chega a xear. Os meses de xaneiro e febreiro as temperaturas medias roldan os 10 °C e as máximas medias superan os 13 graos. Os veráns son relativamente secos, longos e cálidos (porén en xullo e agosto as temperaturas máximas diarias non acostuman a superar os 30 °C xa que sopra o vento de mar cara á terra). A máxima temperatura rexistrada na cidade foi de 38,6 °C[4], o 13 de agosto de 2003, e 39,8 °C[5] no observatorio Fabra, situado a uns 450 m de altitude no Tibidabo, o 5 de xullo de 1982. A temperatura mínima foi de -10 °C, rexistrada no mesmo observatorio o 11 de febreiro de 1956.

Respecto á pluviometría o total anual está preto dos 600 litros. Aprécianse dous máximos de precipitación: o outono (o máis acusado) e a primavera (máximo secundario). O mes máis chuvioso é outubro cuns 96 litros seguido de setembro con 76 litros. Os meses máis secos son xullo (27 mm) e xuño (38 mm). Hai unha media de 90 días de chuvia (contando só os días con precipitacións meirandes de 0,2 litros) sendo o mínimo 1,9 días de chuvia no mes de xullo e o máximo de 5,7 en maio.[6]


Nuvola apps kweather.png Parámetros climáticos promedio nun observatorio a 175 metros de altitude
Meses[7] xan feb mar abr mai xuñ xul ago set out nov dec Anual
Temperaturas medias (ºС) 9,1 10,3 11,8 14,1 17,4 21,2 24,2 24,1 21,6 17,5 13,1 9,9 16,2
Precipitacións medias (mm) 38,0 37,5 47,0 47,2 43,8 37,7 27,5 43,8 76,3 96,2 51,2 43,7 590,1

[editar] Historia

Artigo principal: Historia de Barcelona.

[editar] Idade Antiga

Os primeiros rastros de poboación na área da cidade remóntanse a finais do neolítico (2000 a 1500aC.). Con todo, os primeiros poboadores destacados non aparecen ata os séculos VII - VI a.C., os laietanos, un pobo íbero. Durante a Segunda Guerra Púnica, os cartagineses tomaron a cidade, refundada por Amílcar Barca, pai de Aníbal, en efecto, o nome de Barcelona segundo as tradicións deriva do apelido cartaxinés Barca. Tras a derrota daquel pobo pola crecente dominación dos romanos, estes tomaron a cidade e bautizárona como Colonia Julia Augusta Paterna Faventia Barcino no ano 218 a.C. No mapamundi de Claudio Ptolomeo aparece co nome Barcino. Barcino tomou forma de castrum ou fortificación militar nos seus primeiros tempos aínda que o comercio foi reorientando á importancia da cidade; no século II foi amurallada por orde do emperador romano Claudio e xa no século III contaba cunha poboación de entre 4.000 e 8.000 habitantes.

[editar] Idade Media

Os visigodos, tras a súa chegada no século V, convertérona durante poucos anos en capital dos territorios hispanos. No século VIII foi conquistada por Al-Hurr, pero retomada a territorio cristián por Ludovico Pío do Imperio Carolingio en 801, incorporándoa á Marca Hispánica. Os ataques musulmáns non cesaron, e en 985 as tropas de Almanzor destruíron practicamente toda a cidade. Borrell II iniciou a reconstrución dando paso ao florecente período condal. Durante este período a cidade destacou entre as terras catalás e o conxunto do dominio da Coroa de Aragón, e foi de onde partiron numerosas tropas e recursos cara á empresa de tomar novas posesións. A cidade floreceu e chegaría a ser unha das principais potencias mediterráneas nos séculos XIII e XIV, a cidade era o principal centro dunha monarquía, e chegaba a destacar no plano comercial, aínda que por baixo de Xénova e Venecia, que dominaban o comercio Mediterráneo e entre Europa e Asia.

Plano francés de 1698 da cidade de Barcelona con indicacións para un plan de asedio.

[editar] Idade Moderna

A decadencia iniciouse a partir do século XV con altibaixos, e prolongaríase ao longo dos séculos seguintes. As tensións derivadas da unión dinástica con Castela, iniciada co matrimonio entre Fernando II de Aragón e Isabel de Castela, alcanzou o seu momento álxido coa Guerra dos Segadores, entre 1640 e 1651, e máis tarde, coa Guerra de Sucesión (de 1706 a 1714), que significou a desaparición das institucións propias de Cataluña, aínda que tamén significou o rexurdir económico da cidade grazas á integración co resto do país recentemente formado (España), e ao comercio con América.

[editar] Revolución industrial

Distribución das mazás no Eixample de Barcelona.

A recuperación económica iniciada a finais do século XVIII e a industrialización no século XIX propiciaron que Barcelona volvese converterse nun importante centro político, económico e cultural, á fronte da chamada Renaixença (Renacemento), cabe destacar no proceso de industrialización o monopolio de comercio téxtil entre a España e a Cuba que foi fixado en Barcelona, nun momento de crise na industria téxtil de algodón, e que asentou a industrialización na Cataluña, e o diferencial de crecemento, mentres que outras partes do país a industria languidecía ante a crise. Outra consecuencia deste monopolio téxtil no século XIX entre Barcelona e Cuba, foi a queixa dos cubanos acerca da teoría do embude, ancha para a España e estreita para a Cuba, e que foi por mor do malestar cubano e que xerou revoltas e o movemento de independencia en busca da igualdade económica co apoio de EEUU. A cidade puido derrubar as súas murallas e anexionouse en 1897 seis municipios limítrofes, o que lle permitiu crecer e planificar o seu desenvolvemento urbano e industrial liderado polo plan do Eixample de Ildefons Cerdà. Foi tamén sede de dúas Exposicións Universais en 1888 e 1929.

Exposición Universal de Barcelona de 1929.

[editar] Século XX

Nos inicios do século XX destacaron tanto o crecemento económico (especialmente derivado da Primeira Guerra Mundial) como a proliferación de novas ideoloxías acollidas por amplos tramos de poboación, especialmente a obreira. O impulso gobernamental promoveu o Metro e o Porto. No entanto, a crise do 29 que golpeou duramente a España e posteriormente o inicio da Guerra Civil Española paralizou todo crecemento durante unha década. A pesar de defender á II República, a cidade foi foco de rebelións internas e pelexas entre partidos que nin a cidade nin o goberno da República puideron controlar. A cidade foi bombardeada en varias ocasións e o avance das tropas franquistas acadou a cidade a finais de xaneiro de 1939.

A Ditadura delegou o poder da cidade, promovendo un desenvolvismo descontrolado para dar fronte a unha crecente industrialización e á inmigración peninsular (especialmente do sur), coa aparición de novos barrios obreiros. Tras a morte do xeneral Franco e a chegada da democracia, a cidade retomou novos proxectos culturais e urbanísticos, e xunto co apoio económico e organizativo de toda España afrontou os desafíos da organización dos Xogos Olímpicos de 1992 entre outros eventos.

Barcelona vista desde o templo do Tibidabo.

[editar] Demografía

Barcelona ten un total de 1.628.090 habitantes, deles 774.890 son homes e 853.200 mulleres, segundo datos do departamento de estatística do concello de Barcelona, elaborados a partir dos datos do padrón de 2008.[8] En 2007 tiña 1.603.178 habitantes.

[editar] Economía

Centro de Convencións Internacional de Barcelona.

Barcelona foi historicamente e é unha cidade moi afín a industria. Foi a primeira cidade na España en acoller a revolución Industrial e aínda que tivo algunhas crises económicas é aínda hoxe o maior centro industrial do país.

O porto de Barcelona converteuse nos pasados anos no máis importante do Mediterráneo en tonelaxe de mercancías e contedores. Tamén é o primeiro porto mediterráneo en número de cruceiros que fan escala na cidade. No 2008 conectouse con Madrid mediante a alta velocidade ferroviaria, e nos vindeiros anos unirase coa fronteira francesa e Valencia.

Centro cultural, económico e político, Barcelona segue sendo un referente non só dentro da España senon tamén no conxunto da Unión Europea.

Port Vell.

[editar] Distritos e barrios

Distritos de Barcelona.
Plaça de Catalunya, símbolo da cidade, situada no Eixample.
Vista da Torre de Collserola, situada no barrio de Vallvidriera.
Parque do Labirinto, en Horta-Guinardó.
Parc Central de Nou Barris.
Rúa Pere IV co Hotel Sky, no Poblenou.
Vista de Diagonal Mar dende o mar.

Barcelona divídese administrativamente en 10 distritos. Cada distrito funciona como un ente político con competencias propias, que axudan a descentralizar a política da cidade e que os cidadáns sentan a administración máis próxima. A división territorial dos distritos responde a cuestións históricas da cidade. A maioría dos distritos corresponden a antigos municipios independentes que foron anexionados á cidade durante os séculos XIX e XX, e que aínda conservan a súa propia personalidade. Os cidadáns barceloneses máis anciáns aínda identifican Barcelona unicamente co Distrito de Ciutat Vella (véxase mapa).

Os 10 distritos de Barcelona e os seus respectivos barrios son:

  • Ciutat Vella:
    • el Raval
    • el Gòtic
    • Sant Pere, Santa Caterina i la Ribera (antes Antics Palaus, formado polos barrios de Sant Pere, Santa Caterina, el Born e la Ribera)
    • la Barceloneta
  • L'Eixample:
    • Sant Antoni
    • Nova Esquerra de l'Eixample
    • Antiga Esquerra de l'Eixample
    • Dreta de l'Eixample
    • la Sagrada Família
    • el Fort Pienc
  • Sants-Montjuïc:
    • La Marina del Prat Vermell
    • La Marina de Port
    • La Font de la Guatlla
    • el Poble-sec
    • Hostafrancs
    • la Bordeta
    • Sants
    • Sants-Badal
    • Montjuïc (Non constitúe barrio por si mesmo, é un territorio especial)
    • Zona Franca (Non constitúe barrio por si mesmo, é un territorio especial)
  • Les Corts:
    • les Corts
    • Pedralbes
    • la Maternitat i Sant Ramon (máis coñecido como Sant Ramon)
  • Sarrià-Sant Gervasi:
    • Sarrià
    • Sant Gervasi-Galvany (ou simplemente Galvany; consitúe xunto a Sant Gervasi-La Bonanova o vello núcleo de Sant Gervasi de Cassoles)
    • Sant Gervasi-La Bonanova (ou simplemente la Bonanova; consitúe xunto a Sant Gervasi-Galvany o vello núcleo de Sant Gervasi de Cassoles)
    • el Putget i Farró
    • les Tres Torres
    • Vallvidrera, Tibidabo i les Planes (que abrangue os territorios de Vallvidrera e de Les Planes, en Collserola, así como a zona do Tibidabo, o punto máis alto da cidade)
  • Gràcia:
    • Vila de Gràcia
    • el Camp d'en Grassot i Gràcia Nova (ou simplemente el Camp d'en Grassot)
    • la Salut
    • El Coll
    • Vallcarca i els Penitents (que, en realidade, abrangue dous barrios diferents: Vallcarca e Els Penitents)
  • Horta-Guinardó:
    • Horta
    • la Clota
    • la Vall d'Hebron
    • el Montbau
    • Sant Genís dels Agudells
    • la Teixonera
    • el Carmel
    • la Font d'en Fargas
    • Can Baró
    • el Guinardó
    • el Baix Guinardó
  • Nou Barris:
    • Vallbona
    • la Ciutat Meridiana
    • Torre Baró
    • Canyelles
    • les Roquetes
    • la Trinitat Nova
    • Can Peguera
    • la Guineueta
    • el Verdum
    • la Prosperitat
    • el Turó de la Peira
    • Porta
    • Vilapicina - Torre Llobeta (que, en realidade, abrangue os barrios de Vilapicina e de la Torre Llobeta)
  • Sant Andreu:
    • Sant Andreu
    • la Trinitat Vella
    • Baró de Viver
    • Congrés i els Indians (máis coñecido como el Congrés)
    • La Sagrera
    • Navas
    • el Bon Pastor
  • Sant Martí:
    • Sant Martí de Provençals
    • El Clot
    • El Camp de l'Arpa del Clot
    • Verneda i la Pau
    • el Fort Pienc
    • el Poblenou
    • el Parc i Llacuna del Poblenou
    • la Vila Olímpica del Poblenou
    • els Provençals del Poblenou
    • Besòs
    • el Maresme, Diagonal Mar i Front Marítim del Poblenou (que inclúe o barrio máis novo da cidade, Diagonal Mar)

A actual división dos barrios oficiais foi proposta polo Concello de Barcelona a finais do 2006 e ratificada e aprobada polo consistorio barcelonés a principios do 2007. Aínda despois da súa aprobación, existen queixas dos veciños sobre os nomes de algúns barrios (como, por exemplo, Antics Palaus) así como dos límites dos mesmos.

Panorámica de Barcelona dende o Parc del Putxet (abril de 2008).

[editar] Lugares de interese

[editar] Les Rambles

Parada de flores nas Ramblas.

Un dos lugares de maior atractivo e concorrencia son Les Rambles, paseo situado entre a Plaça de Catalunya, centro da cidade, e o porto antigo. Alí atópanse quioscos de prensa, de flores, de paxaros e animais domésticos, cafeterías, restaurantes e comercios. Preto do porto atópanse instalados mercadillos, así como pintores e debuxantes de todo xénero, destacando a zona pola súa índole artística e cosmopolita. Paseando por Les Rambles poden admirarse varios edificios de interese, como o Palau de la Virreina, o mercado de La Boqueria e o famoso Gran Teatre del Liceu, no que se representan óperas e ballets. Unha rúa lateral de poucos metros de lonxitude, conduce á Plaça Reial, unha praza con palmeiras e edificios con soportais que albergan cervexarías e restaurantes, e na que se reúnen as fins de semana os coleccionistas de selos e de moedas.

O paseo das Ramblas termina xunto ao porto antigo, onde a estatua de Cristóbal Colón sinala cara ao mar. A dous pasos atópase o Museo Marítimo, dedicado sobre todo á historia naval no Mediterráneo, e no que se exhibe a reprodución a escala real dunha antiga galera de combate. O museo está situado nos estaleiros da Idade Media, onde se construían os barcos que navegaban por todo o Mediterráneo. O porto antigo ofrece outros atractivos, como un centro de lecer, con comercios, restaurantes, un cine IMAX, e como centro documental, cun acuario da fauna mariña mediterránea (l'Aquàrium).

[editar] Barrio antigo

Catedral.

O Barrio Antigo da Barcelona ten algunhas das obras da mocidade do arquitecto Antonio Gaudí como o Palau Güell ou os postes de luz da Plaça Reial.

O edificio modernista máis emblemático do Barrio Antigo é, sen dúbida algunha, o Palau de la Música Catalana obra do arquitecto Lluís Domènech i Montaner, construído no ano 1908. Tamén atopamos a catedral de Barcelona, edificio gótico construído entre os séculos XIII e XV. A fachada principal é neogótica, do século XIX. Neste barrio atopamos a Plaça de Sant Jaume, onde estaba o cruzamento do cardos e decumanus da cidade romana, que acolle os edificios da Generalitat de Cataluña e o Concello de Barcelona.

No barrio da Ribera atopamos a igrexa de Santa María del Mar, de estilo gótico, construida entre entre 1329 e 1383.

[editar] Montjuïc

O outeiro de Montjuïc, hoxe convertido todo el nun parque urbano, emprázase sobre o porto presidido pola fortaleza do mesmo nome, o castelo de Montjuïc, e contén diversos xardíns temáticos e senlleiros: Mossèn Costa i Llobera (cactos), Joan Maragall (bolbos), Joan Brossa (antigo parque de atraccións), Laribal (á volta da Font del Gat). Instalacións deportivas como o Estadio Olímpico de Montjuïc sede central dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, logo acompañado co Estadio Lluís Companys, tamén alí co Palau Sant Jordi e as Piscinas Bernat Picornell.

Tamén contan con importantes equipamentos culturais: Museo Nacional de Arte de Cataluña, Fundación Joan Miró, CaixaFòrum, Museu Militar, e a Ciutat del Teatre (xa ó límite co barrio do Poble Sec).

[editar] Ciutadella

O Parlamento catalán na Ciutadella.

O parque da Ciutadella, que ten unha superfície de máis de 17 hectáreas, é o espazo onde se celebrou a Exposición Universal de 1888. O parque construíuse sobre os terreos da antiga fortaleza da Ciutadella, construída por Filipe V en 1716 para controlar a cidade. Desta consérvanse algúns edificios como a Capela castrense, o Palau del Governador, actual instituto, e o Polvorí, sede do Parlament de Catalunya. A Ciutadella foi derruída a partir de 1868.

Daquela época consérvanse o Arc de Triomf e o actual Museo de Zooloxía (el Zoo), onde estaba o café-restaurante.

Ó sur do parque atopamos a estación de França, edificio monumental que actualmente é a segunda estación ferroviaria en importancia da cidade, e que está cuberta por dúas marquesiñas metálicas.


[editar] Porto Olímpico e Vila Olímpica

O Hotel Arts (esquerda) e a Torre Mapfre (dereita).

O Porto Olímpico foi construído con motivo dos Xogos Olímpicos de 1992, e converteuse nun espazo lúdico con restaurantes, bares de moda e discotecas. Está dentro da Vila Olímpica, barrio creado como residencia dos deportistas participantes nas Olimpiadas.

Cómpre destacar os dous rañaceos inaugurados en 1992: o Hotel Arts e a Torre Mapfre, que cos seus 154 metros de altura son os rañaceos máis altos da cidade. Na mesma zona están o Zoo de Barcelona, a escultura "Peix d'or" de Frank Gehry entre as torres, o Gran Casino de Barcelona e o Hospital del Mar, que data do 1905, así como varios restaurantes, bares, cines e praias.

Actualmente a zona é un importante centro turístico e de ocio da capital catalana.

[editar] L'Eixample

A Sagrada Familia.

Trátase do barrio que se comezou a construír a partir de 1860 segundo o proxecto de Ildefons Cerdà, para ampliar a cidade cara ó plano de Barcelona. As rúas forman unha cuadrícula regular.

L'Eixample é o lugar da cidade onde se encontran a maior parte dos edificios de estilo modernista. O Templo Expiatorio da Sagrada Familia, obra inacabada de Antoni Gaudí que é o monumento máis visitado de España[9], está situada no Eixample, así como o Passeig de Gràcia.

[editar] Passeig de Gràcia

Passeig de Gràcia é unha das rúas máis célebres de Barcelona. Une o barrio de Gràcia coa céntrica Plaça de Catalunya. Neste paseo atópanse obras dos tres principais arquitectos cataláns:

[editar] O Parc Güell

Réptil localizado no Parc Güell.

O Parc Güell foi unha encarga do Conde Güell a Antoni Gaudí. Este parque foi pensado como un barrio de luxo para familias ricas da cidade. Neste parque (declarado Patrimonio da Humanidade no ano 1984) a natureza e a arquitectura compóñense e compleméntanse.

Dentro do parque cabe destacar que moitas das superficies están cubertas de trencadís, anacos de cerámica ou vidro en forma de mosaicos de cores, como por exemplo o dragón. No centro do parque hai unha gran praza baleira parcialmente sostida pola Sala das cen columnas, formada por 86 columnas que semellan estalagmitas. Na entrada principal do parque hai dous edificios de puro estilo gaudinista, con tellados de curvas suaves, apéndices estraños e motivos xeométricos.

[editar] Praias

Praia da Barceloneta.

Actualmente en Barcelona hai 7 praias, as máis coñecidas son a praia de Sant Sebastià e a da Barceloneta. A gran recuperación do fronte marítimo non comezou ata que se organizaron os Xogos Olímpicos de 1992, anteriormente na década de 1980 abríuse o Moll de la fusta, para os Xogos Olímpicos recuperouse a zona do Porto Olímpico ata a praia do Bogatell, zona onde houbo o barrio de barracas de Somorrostro. A finais da década de 1990 recuperouse a praia da Mar Bella e a da Nova Mar Bella e coa chegada do Fòrum Universal de les Cultures recuperouse o último tramo, onde nun futuro estará o Zoo marino.[10]

[editar] Camp Nou

O Camp Nou durante un partido Barça-Chelsea.

O Camp Nou é o estadio do Fútbol Club Barcelona. Cunha capacidade para preto de 100.000 persoas, é o estadio con máis capacidade de Europa. Está sito no barrio de les Corts e ten a categoría de 5 estrelas outorgada pola UEFA. No mesmo estadio está o Museo do Fútbol Club Barcelona, que exhibe, entre outros obxectos, os trofeos conseguidos por tódalas seccións deportivas do club ó largo da historia.

Outras instalacións a destacar son o Palau Blaugrana, onde xogan os equipos de baloncesto, balonmán, hockey sobre patíns e fútbol sala do FC Barcelona; o Mini Estadi, o Palau de Gel e a tenda oficial.

[editar] Transporte

Port Vell.

[editar] Portos

O Porto de Barcelona é un dos portos marítimos máis importantes do mar Mediterráneo. É o porto líder en cruceiros en Europa,[11] a proximidade ao centro da cidade converteuno nun importante destino de cruceiros. Ocupa 828,9 e ten 20 km de peiraos. O porto está formado por 12 sectores pero as tres áreas máis importantes son o Port Vell, o porto comercial e o porto loxístico.

Alén do porto histórico, na cidade tamén hai o Port Olímpic de carácter deportivo, construído para os Xogos Olímpicos de 1992, e o máis recente atópase nos límites de Barcelona con Sant Adrià de Besòs, chamado Port Fòrum Sant Adrià atópase no parc del Fòrum, recinto construído para o Fórum Universal das Culturas 2004.

[editar] Aeroporto

Artigo principal: Aeroporto de Barcelona.

Barcelona ten como aeroporto principal o aeroporto do Prat ou Aeroporto Internacional de Barcelona, situado no concello de El Prat de Llobregat en pleno delta do Llobregat. Atópase a 10 km ao suroeste da cidade, con cerca de 33 millóns de pasaxeiros no 2007 e máis de 350.000 operacións, é o segundo aeroporto de España. Ten conexións coas principais cidades europeas e algúns enlaces intercontinentais, e ten unha zona adicada á "ponte aérea" que enlaza con voos a Madrid cada hora. O 16 de xuño de 2009 quedou inaugurada oficialmente a terminal 1.

Actualmente, grazas ás compañías de low cost, o aeroporto de Reus e o de Xirona-Costa Brava á parte de seren utilizados polos residentes de ambas as cidades, habitualmente turistas que teñen como destino Barcelona e tamén barceloneses utilizan as instalacións destes dous aeroportos citados. Algunhas liñas de autobús enlazan a maioría de voos de Reus e Xirona en menos dunha hora.

[editar] Transporte público

Taxi de Barcelona.

A compañía de tráfico de Barcelona, Transports Metropolitans de Barcelona (TMB), xestiona os autobuses, o metro de Barcelona, un bus turístico, o funicular de Montjuïc, o funicular do Tibidabo, o teleférico de Montjuïc e o tramvia blau. Máis recentemente hai varias liñas de tranvías modernos como o Trambaix e o Trambesòs. Barcelona tamén conta cunha rede de trens que comunican a cidade coas da súa área metropolitana e co resto da Cataluña e a España. Desde o 2007 hai un servizo público de aluguer de bicicletas co nome de Bicing.

Barcelona tamén conta cunha importante frota de taxis, caracterizados polas cores negra e amarela. En Barcelona hai 207 paradas de taxi[12] e a rede do área metropolitana está constituída por máis de 10.000 vehículos.

[editar] Autobuses

Autobús articulado de Barcelona.

O servizo está xestionado pola empresa TMB. Esténdese por gran parte da área metropolitana e inclúe 109 liñas que cobren máis de 920 km, con máis de 1.000 vehículos, todos eles adaptados para persoas con eivas de mobilidade[13]. A velocidade media dos autobuses é de 11,55 km/h[14]. Os autobuses urbanos transportaron, no 2007, 210,5 millóns de viaxeiros. O servizo de autobuses en horario nocturno chámase Nit Bus e ten unha menor frecuencia de paso e menos liñas que durante o día.

O Bus Turístico de Barcelona é un autobús que facilita os itinerarios ós turistas. O 2006 foi utilizado por 1,9 millóns de persoas.

[editar] Metro

Artigo principal: Metro de Barcelona.
Metro de última xeración.
Estación de Can Peixauet (L9)

A primeira liña do metro de Barcelona inaugurouse en 1924 e actualmente ten nove liñas operativas entre os operadores TMB e FGC, e unha máis na que só un tramo está operativo e o resto en construción, que suman máis de 150 km e máis de 200 estacións en varias cidades, á parte de varias prolongacións das liña existentes. A liña 11 é de metro lixeiro.

Liñas Apertura da liña Percorrido
L1 1926 Hospital de Bellvitge - Fondo
L2 1995 Paral·lel - Pep Ventura
L3 1924 Zona Universitària - Trinitat Nova
L4 1973 Trinitat Nova - La Pau
L5 1969 Cornellà Centre - Horta
L6 1863 Pl. Catalunya - Reina Elisenda
L7 1954 Pl. Catalunya - Avinguda Tibidabo
L8 1912 Pl. Espanya - Molí Nou-Ciutat Cooperativa
L9 2009-2014 Can Zam - Can Peixauet (Can Peixauet-Terminal Sud en construción)
L10 2010-2014 Zal Prat - Gorg
L11 2003 Trinitat Nova - Can Cuiàs

[editar] Tranvías

Trambaix.
Tramvia Blau.

O tranvía da empresa Tramvia Metropolità (TRAM) consta de seis liñas, as tres primeiras co nome de Trambaix e o resto como Trambesòs, dependendo da zona de actuación. O Trambaix púxose en marcha o 3 de abril do 2004, as tres liñas que o forman teñen a maioría das paradas en común e outras polas que só circulan os trens dunha liña. O Trambesòs estreouse o 8 de maio de 2004. Actualmente está en proceso a redacción o proxecto da interconexión das dúas redes de TRAM a través da avinguda Diagonal.

Liñas Percorrido
T1 Francesc Macià - Bon Viatge
T2 Francesc Macià - Llevant - les Planes
T3 Consell Comarcal
T4 Vila Olímpica - Sant Adrià
T5 Glòries - Gorg
T6 Sant Adrià - Gorg

O Tramvia blau xestionado por TMB percorre a avinguda del Tibidabo unindo a estación de Avinguda Tibidabo da L7 dos FGC coa estación inferior do Funicular do Tibidabo.

[editar] Trens

A estación de Sants, principal estación da cidade.

Barcelona é un importante nó de liñas férreas, desde aquí parten as liñas de Renfe Operadora que van a Mataró e Maçanet, Xirona e Francia, Manresa e Lleida, Vilanova i la Geltrú e Valls, Martorell, Vilafranca del Penedès i Tarragona. Á parte das liñas de Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC) que conectan coas comarcas do Vallès, Baix Llobregat, Anoia e Bages. A estación de Sants é a estación principal da cidade e a primeira estación ferroviaria española en traxectos internacionais. Outras estacións importantes son a estació de França e a estació de Passeig de Gràcia.

O ferrocarril chegou por vez primeira a Barcelona o 28 de outubro de 1848 coa liña Barcelona-Mataró. Actualmente Renfe Operadora e Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC) xestionan a gran rede de proximidades. Barcelona tamén é orixe dun importante número de trens rexionais xestionados por Renfe que comunican a cidade coas localidades catalás sitas a máis de 80 km de distancia, incluíndo as tres capitais de provincia. Tamén hai moitos servizos de longa distancia que chegan a toda España e a outras cidades europeas. O AVE une tamén desde febreiro de 2008 Madrid e Barcelona a través da LAV Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira francesa. Nun futuro, coa prolongación da liña cara Francia, Barcelona quedará unida con París.

[editar] Bicing

Bicicleta do Bicing.
Artigo principal: Bicing.

O Bicing é un servizo de compartición de bicicletas só permitido para os empadroados en Cataluña, para que as tendas de aluguer de bicicletas non perdan os turistas como clientes. Xestionado pola empresa B:SM (Barcelona Serveis Municipals), inaugurouse o 22 de marzo de 2007. Está previsto que se estenda a todo a área metropolitana, aínda que nun principio se trataría de dous servizos diferentes e incompatibles.[15]

[editar] Estradas

A Ronda del Litoral no barrio da Verneda

Barcelona permite o tráfico rápido grazas a dúas roldas urbanas: a Ronda de Dalt (ó lado das montañas) e a Ronda del Litoral (ó lado da costa); que están parcialmente cubertas e teñen múltiples saídas a diferentes puntos da cidade. Entre as arterias da cidade cabe destacar a Avinguda Diagonal (que atravesa diagonalmente a cidade), a Avinguda Meridiana que comeza en Glòries e enlaza coa Diagonal e a Gran Via de les Corts Catalanes que cruza a cidade de norte a sur polo centro.

Entre as autoestradas e autovías, a AP-7 comeza en Almería e pasa por Valencia e Barcelona ata Perpiñán; a A-2 une Madrid e a fronteira francesa por Zaragoza; e a AP-2 é paralela á A-2 entre Zaragoza e Barcelona. Tanto a AP-7 como a AP-2 son autoestradas de peaxe.

[editar] Cidades irmandadas

Barcelona mantén unha relación de irmandamento coas seguintes cidades[16]:

Por outra banda, desde 1990, Barcelona optou por minimizar os novos acordos de irmandamento e poñer énfase na sinatura de convenios de amizade e cooperación, con obxectivos concretos. Moitas cidades contan con convenios de colaboración.[17] Son as seguintes:

[editar] Galería de imaxes

[editar] Referencias

  1. Datos do INE, a 1 de xaneiro de 2008. Cifras completas
  2. [1] IDESCAT. 2007. Padró municipal d'habitants (en catalán)
  3. [2] Barcelona, elixida oficialmente sede do secretariado da Unión polo Mediterráneo
  4. Grup dels Sis: 2003: Un Estiu Infernal (en catalán)
  5. Grup dels Sis: Climatologia de Catalunya (en catalán)
  6. Datos de Weather.gov
  7. Climate Data for 41°N 2°E
  8. Evolución da poboación de Barcelona entre 1981 e 2008
  9. A Sagrada Familia de Barcelona ultima os preparativos para a súa apertura ao culto
  10. El Periódico, Barcelona remata a recuperación do litoral urbano logo de 30 anos de obras.
  11. Autoritat Portuària de Barcelona, cruceiros.
  12. Número de paradas de taxi
  13. Os autobuses de TMB, 100% accesibles
  14. Datos básicos de TMB
  15. A Área Metropolitana implantará o Bicing en 17 cidades con 440 paradas e 3.520 bicicletas - El Punt
  16. Cidades irmandadas, na web do concello
  17. Convenios de colaboración

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

Ferramentas persoais