Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′00″N 8°14′00″W / 43.483333°N 8.2333332°W / 43.483333; -8.2333332

Ferrol
Bandeira de Ferrol---Escudo de Ferrol
Acceso a Ferrol pola Ponte das Pías.
Castelo de San Filipe.
Concello. Praza de Armas
Porto de Ferrol

Situacion Ferrol.PNG
Situación
Xentilicio[1] ferrolán - ártabro - departamental
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Ferrol
Poboación 71.232 hab. (2013)
Área 82,6 km²
Densidade 862,37 hab./km²
Entidades de poboación 13 parroquias
Capital do concello Ferrol
Política (2011)
Alcalde José Manuel Rey Varela
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 13
PSdeG-PSOE: 7
Outros: EU-IU 2, IF 1
Eleccións municipais en Ferrol
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 77,86%
Na rede
ferrol.es
informacion@ferrol.es

Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrolterra, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2013 tiña 71.232 habitantes (73.638 en 2010), sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia.

Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval. Tamén conta cunha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada Española, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un destacado Arsenal Militar.

A cidade aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén conta cunha destacada fachada litoral cara ó Océano Atlántico na zona rural. Esa fachada acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo ou Covas.

Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana a efectos legais aínda que se atope no extrarradio. O concello ten unha densidade de poboación de 904,31 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².

Toponimia[editar | editar a fonte]

A denominación oficial recoñecida dende 1982 é Ferrol, se ben se documenta polo menos no século XV.[3] O emprego do artigo nas formas en castelán El Ferrol, con maiúscula, ou el Ferrol, en minúscula, reflíctese respectivamente no Dicionario de topónimos españois e os seus xentilicios, de Pancracio Celdrán e no DRAE, se ben actualmente as formas de (O/El Ferrol) co artigo (sexa en galego ou en castelán) non son correctas legalmente, malia que o emprego do topónimo co artigo en castelán se documenta no século XVII, por exemplo, no romance «Despuntado he mil agujas» de Luis de Góngora,[4] ou no texto impreso da Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos (1634) do xeógrafo real Pedro Texeira.[5] Durante a Guerra Civil Española, en 1938, as autoridades franquistas decretaron o uso da denominación de El Ferrol del Caudillo, que se mantivo ata a década de 1980.

Tapa de sumidoiros co nome El Ferrol del Caudillo en 2013

Sobre a orixe do nome existe a lenda dun santo bretón chamado Ferreol, quen supostamente chegou ás costas de Ferrol nun barco entre un coro de sete sereas. Outra tradición cree que Ferrol provén de farol, aludindo á figura heráldica que aparece no escudo de armas da cidade.[6] Pola contra, segundo os especialistas, a orixe do escudo de Ferrol se remonta unicamente ao século XVIII, existindo ademais diversas variantes empregadas ao longo do tempo, sen que se fora fixado, de acordo á lexislación aplicable dende a década de 1990, a composición heráldica de xeito oficial.[7] As hipóteses máis probables consideran que a orixe de Ferrol se encontra na toponimia altomedieval, sendo a asociación de dous termos que poden significar ben 'porto – proximo', 'embarcadoiro sobre pilastras' ou ben un domini Ferreoli, «do señor de Ferreol» aludindo veladamente á vila, que podería ter tido un templo baixo advocación de san Ferreol.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Rochas na praia de Doniños.

A cidade ocupa un emprazamento peninsular dentro da ría que leva o seu nome, a Ría de Ferrol. O concello limita ó norte e oeste co Océano Atlántico, ó sur coa ría e ó leste con Narón formando parte do Golfo Ártabro. Parte das súas parroquias sitúanse nunha zona esquistosa no val de Trasancos, cun relevo de formas suaves. Cómpre facer mención dos espléndidos areais cos que conta a cidade, como Doniños, San Xurxo, Covas, Esmelle,... no litoral de Doniños pódese atopar unha particularidade morfolóxica, que é a lagoa litoral, paraxe natural de grande interese. Tamén podemos atopar unha moi grande afección polo surf e polo bodyboard.

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

Dende o punto de vista do clima, Ferrol correspóndese co clima oceánico, choivas abundantes no outono e inverno e veráns pouco soleados, destacando as típicas néboas costeiras no verán.

Nuvola apps kweather.png Estación de Monteventoso
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima media (°C) 11,3 11,0 13,3 14,1 16,1 18,9 20,6 20,8 19,6 17,5 13,7 11,7
15,7
Temperatura media (°C) 9,3 8,8 10,7 11,4 13,3 16,0 17,8 18,1 17,1 15,2 11,7 9,8
13,3
Temperatura mínima media (°C) 7,2 6,6 8,1 8,7 10,6 13,2 15,0 15,4 14,7 13,0 9,6 7,8
10,8
Precipitacións (mm) 115 93 113 62 78 61 26 45 74 86 102 115
970
Fonte: Ferrol.es

Historia[editar | editar a fonte]

O territorio deste concello foi bastante poboado na etapa anterior á romanización na que historicamente poden recoñecerse algúns asentamentos castrexos en Ferrol vello.

Na Idade Media a cidade ou vila de Ferrol gozou dalgúns foros e privilexios ata que comezou a pertencer xurisdicionalmente á Casa de Andrade.

Ferrol desempeñou, e desempeña, un papel importante na historia de Galicia e España e nas que foron as súas posesións de Ultramar, papel que lle concedeu a súa posición de ser o porto militar máis importante da península durante séculos. En Ferrol sucedéronse numerosas batallas navais e ata algún desembarco promovido polos exércitos ingleses que ansiaban capturar "o mellor porto natural da costa atlántica de Europa" (así o cualificaron os almirantes británicos) e un enclave estratéxico sen igual en España.

A referencia máis antiga que se coñece de Ferrol data do século I, no que o historiador romano Pomponio Mela, ao describir o Magnus Portus Artabrorum, desígnaa co nome de Adobrica. Con todo, hai quen afirma que a fundaron os normandos cara o século X. Será no século XI, cando apareza por primeira vez o nome de Sancto Iuliano de Ferrol nun documento histórico.

O castelo de San Felipe foi construído na mesma boca da ría en 1577 para defender o estratéxico porto de Ferrol dende o que partía unha cadea que en caso de incursión naval era levantada impedindo o paso dos navíos hostís. En 1588, debido a un temporal, parte das naves que formaban a Armada Invencible de Filipe II buscou refuxio na ría de Ferrol. Durante o ataque de Drake á cidade da Coruña en 1589, Ferrol serviu como porto de abrigo e reparación á flota marítima. En 1594 a armada inglesa intentou apoderarse de Ferrol.

En 1726 Filipe V nomea a vila como capital do Departamento Marítimo do Norte de España, motivo polo que a poboación é coñecida como a Cidade Departamental. Amais, ordenou a instalación dos grandes Estaleiros do Norte de España na ría de Ferrol, nos lugares da Graña e Ferrol. En 1749 Fernando VI dispuxo a instalación dos estaleiros en Esteiro e que fose Ferrol a capital do Departamento Marítimo. En 1787 era a cidade máis poboada de Galiza, cuns 25.000 habitantes, por diante de Santiago de Compostela.

O 25 de agosto de 1800 tivo lugar un intento de apoderarse de Ferrol e destruír os estaleiros por parte dunha armada inglesa con máis de cen barcos e 15.000 homes, mandados polo almirante Warren. Trala derrota inglesa, Napoleón celebrouno coa frase: "polos valentes ferroláns". En 1809 produciuse a ocupación francesa pero esta só durou un mes. Ferrol foi a primeira cidade de España en adoptar un sistema de cuadrícula no deseño das rúas do seu ensanche, anterior ó Plan Cerdá de Barcelona.

Mapa de Ferrol de 1858.

A alianza con Gran Bretaña durante a Guerra da Independencia precipitou o fracaso da economía da cidade e, durante o reinado de Fernando VII, Ferrol chegou a converterse nunha cidade en declive, perdendo o seu título de capital. Con todo, floreceron novas actividades durante a administración do Marqués de Molina, Ministro de Asuntos Navais a mediados do século XIX.

En Ferrol produciuse a botadura do primeiro barco a vapor de España en 1858, en 1881 do primeiro barco con casco de ferro e en 1912 a do primeiro acoirazado (Acoirazado España), asistido polo rei Afonso XIII.

O estoupido da Guerra Civil (1936-1939) significou que os estaleiros, talleres, fundicións e dársenas de Ferrol fosen tomados baixo o control do Estado e completamente nacionalizados en 1945 baixo o nome de Bazán, máis tarde renomeado como IZAR e dende xaneiro de 2005 como Navantia.

Durante a ditadura franquista, o ditador, que nacera nesta cidade, renomeouna en 1938 como El Ferrol del Caudillo, nome que conservou ata 1982, cando o concello democrático o cambiou polo actual, Ferrol.

O remate da ditadura e a chegada da democracia en 1978 non axudou a mellorar a súa situación económica. Dende 1982 a cidade enfrontouse a numerosos problemas debido ao declinar do sector naval e o traslado da Flota da Armada Española á localidade andaluza de Rota. O principio do novo milenio con todo, foi en xeral un tempo de esperanza ante unha inminente expansión económica.

O remate da autoestrada AP-9 entre Fene e Ferrol en 2003 permitiu a total conexión da cidade coa fachada atlántica galega. Ademais, a posta en marcha do porto exterior e de novas infraestruturas de comunicación e de apoio industrial sustentan esa esperanza de recuperación socioeconómica.

Praza de Armas en 2004, no centro a casa do concello.

Demografía[editar | editar a fonte]

A cidade conta a 1 de xaneiro de 2013 con 71.232 habitantes, é a capital da comarca de Ferrolterra, engadindo na totalidade uns 165.000 habitantes, o que supón a terceira área metropolitana de Galicia.

Censo Total (Habitantes en 2012) 71.997
Menores de 15 anos 8.519 (11.83 %)
Entre 15 e 64 anos 45.753 (63.55 %)
Maiores de 65 anos 17.725 (24.63 %)


Evolución da poboación de Ferrol (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 25.281  35.563  77.030  87.691  77.859  73.638    71.997  71.232
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

A área metropolitana de Ferrol é practicamente limítrofe coa área metropolitana de A Coruña, o que sitúa a Ferrol no contexto dunha conurbación de preto de 650.000 habitantes.

Barrios[editar | editar a fonte]

A cidade está formada por barrios moi diferentes e con estilos arquitéctonicos claramente diferenciados. Contrastan as zonas máis antigas e poboadas coas novas zonas do ensanche e os barrios obreiros e populosos das aforas. As zonas máis afastadas do concello, Covas e Doniños, son lugares de natureza case virxe.

  • Ferrol Vello, a zona urbana máis antiga de Ferrol e a orixe da cidade: un castro-vila mariñeira. É un barrio de casas baixas, pequenas e semellantes a outras vilas mariñeiras galegas. A rúa do Castro foi a primeira rúa da cidade e que manten as formas do antigo asentamento. As rúas de medio arco fóronse espallando lembrando os límites castexos protexendo a vila.
  • A Magdalena, a cidade feita e deseñada por enxeñeiros cando Ferrol pasou a ser sede naval. Son rúas rectas e perpendiculares con mazás de casas cuadriculadas. Ferrol foi unha das primeiras cidades en España en ter un urbanismo racional. Arquitectos e enxeñeiros, asi como xentes de cartos, deixaron a súa pegada nesta zona con edificios deseñados por Rodolfo Ucha ou Sánchez Bort. Tense plantexado pedir a declaración de Patrimonio da Humanidade para recoñecer e protexer estas construcións. Na Magdalena está a primeira casa galega de galería, a máis antiga.
  • Esteiro, o barrio mariñeiro, e despois obreiro, da cidade. Esteiro ata os anos 1980 mantiña moito das orixes de Ferrol. O barrio actual é un novo ensanche da cidade, a sede do campus universitario e dos estaleiros. A avenida de Esteiro é unha nova porta de acceso a Ferrol.
  • Ensanche, os ensanches A e B. Zonas da periferia urbana de Ferrol, son barrios que se fixeron e medraron para acoller as ondas de inmigrantes e novos traballadores.
  • Inferniño é un barrio con identidade de seu. Nel durante moitos anos estivo o estadio do Racing de Ferrol, o Manuel Rivera. É un barrio encaixado entre as vías do tren e a Estrada de Castela.
  • Caranza, barrio obreiro xurdido nos inicios dos anos 1970. Construído nos accesos á nova estrada que une ferrol ca Ponte das Pías. Son rúas amplas, con zonas verdes, grandes edificios algúns de máis de dez alturas. Poboado por obreiros dos estaleiros e militares da Armada Española.
  • Recimil, unha das primeiras promocións de vivendas dos anos 1950 construídas polo réxime franquista. Hoxe é un barrio protexido pola súa pioneira arquitectura. É propiedade do concello de Ferrol, os residentes están en réxime de aluguer.
  • Canido, barrio dos traballadores da Bazán, deu acubillo a algunhas das iniciativas industriais máis senlleiras de Ferrol. Os principais centros de ensido de Ferrol están neste barrio.
  • San Xoan
  • Santa Mariña
  • Catabois

Economía[editar | editar a fonte]

Vista da ría e os estaleiros.
Castiñeira, torta de Ferrol.

Dependente durante longo tempo da construción naval, pasou por sucesivas crises correspondentes coas horas baixas deste sector, da última cas cales aínda non está recuperada.

A comarca de Ferrol foi unha das áreas máis industrializadas de Galicia, e conta cunha importantísima industria de estaleiros que está inmersa nunha reconversión sectorial, consecuencia da crise no sector.

Proxectos como o recente Porto exterior de Ferrol pretenden dar un pulo e revoca-la situación de certa decadencia, dotando á cidade de modernas infraestruturas. Xunto co Porto exterior da Coruña e con tódalas empresas e polígonos industriais situados entrámbolos portos estase a formar unha importante rexión industrial loxístico-marítima coa ría de Ferrol.

Medios de comunicación[editar | editar a fonte]

Na cidade teñen a súa sede dous xornais:

A televisión local: Televisión Ferrol Canal 31. Tamén na cidade teñen a súa sede dúas emisoras de radio: Cadena Cope e a Cadena Ser.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Teatro Jofre.
Praia de Lumebo.

Aínda que Ferrol non conta con grandes monumentos ten unha diversidade arquitectónica de grande interese:

O Arsenal Militar é un complexo construído en 1751 que marcou a vida e crecemento da cidade nos últimos séculos. Os Arsenais Militares de Ferrol son un dos mellores exemplos de arquitectura civil e naval do Estado. Están formados por un recinto amurallado dividido en varias zonas: os Estaleiros, os Diques e o Parque. No seu interior, merecen especial mención, ademais da Porta do Dique, a Porta do Parque, a Sá de Armas, o Dique e o Edificio das Ferrerías.

A Porta do Arsenal, coñecida tamén como Porta do Dique e un dos símbolos da cidade, foi levantada polo enxeñeiro Julián Sánchez Bort no século XVIII con fronte cara á actual Praza de Galicia, que tamén acolle hoxe o Monumento aos Caidos en África, a sé de Correos e o Teatro Jofre. Trátase dunha torre de planta cadrada rematada por unha cúpula semiesférica con lanterna de ferro forxado. O seu arco triunfal, sobre o que se sitúa o escudo real de Carlos III, está flanqueado por dúas columnas toscanas.

O Museo Naval atópase instalado no antigo edificio do penal de San Campio, no interior do Arsenal Militar. Nas súas salas expóñense utensilios e obxectos relacionados co mar, a navegación e os barcos; restos de buques, planos, maquetas, armamento ou cartografía.

O castelo de San Felipe é unha das fortalezas máis importantes da ría de Ferrol. No ano 1589 comézase a construción do castelo auspiciada por Filipe II, do que toma o seu nome, e é entre os anos 1731 e 1755 sofre unha serie de reformas.

É unha fortificación militar, na súa maioría de estilo neoclásico, sita na bocana norte da ría de Ferrol, fronte ao Castelo da Palma, xa no concello de Mugardos, e un dos puntos máis estratéxicos da ría. É un dos exemplos máis representativos de fortalezas do século XVIII utilizadas para a defensa da poboación e de toda a ría.

O barrio da Magdalena é un exemplo singular do racional urbanismo da época da Ilustración, en tempos de Carlos III, compondo un sistema simétrico e racionalista que se articula ao redor das prazas de Armas e Amboage. Nas súas rúas aínda se conservan unha serie de vivendas orixinais do século XVIII, dotadas de grandes balcóns con reixas de ferro forxado colocadas sobre ménsulas pétreas e de rechamantes galerías de madeira acristalada, pintadas en branco, moitas delas incorporadas xa durante o século XIX. Desta forma as longas e rectas rúas do centro histórico da cidade ven realzadas por un conxunto de variados miradoiros dunha gran beleza de formas. Segue a destacar hoxe non só pola súa forma senón polas construcións modernistas que alí se fixeron, coma por exemplo o Teatro Jofre na praza de Galicia, o Casino Ferrolán, o Hotel Suízo cos seus destacados balcóns de ferro forxado ou o Banco Simeón, coas súas airosas e delicadas galerías. Cabe destacar tamén os seus xardíns, a concatedral e a Fonte de San Roque, que alberga na súa pétrea fachada o escudo heráldico máis antigo da cidade, co nome de Ferrol.

A concatedral de San Xiao é un templo proxectado polo arquitecto académico Julián Sánchez Bort, a partir do ano 1763, para a nova barriada que se levantaba na cidade de Ferrol. Na súa planta centrada e nos primeiros proxectos, recollíanse conceptos arquitectónicos renacentistas, aínda que o edificio considérase neoclásico. Ten planta de cruz grega, cuberta cunha gran cúpula, que non se deixa ver ao exterior. Ten capelas laterais e unha fachada principal flanqueada por dúas torres rematadas por cúpulas. A portada repite modelos compositivos propios do manierismo.

É o monumento relixioso máis importante da cidade. Foi levantada sobre os restos dunha antiga igrexa románica. No ano 1959, obtivo o título de Concatedral, pertencente á Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

A igrexa de San Francisco é unha voluminosa igrexa neoclásica, foi construída en 1757, nela destaca o seu retablo maior tamén neoclásico. Foi levantada sobre os restos do antigo Convento de San Francisco, do século XIV edificado pola Casa de Andrade, e comparte parcela co actual edificio do Parador Nacional de Turismo. É un templo de planta de cruz latina con tres naves, separadas por columnas toscanas, capela maior e sancristía. No seu interior, gárdanse tallas de madeira e o retablo, obra de José Ferreiro.

O Cantón de Molíns e a Alameda de Suances son dúas zonas verdes de paseo e esparexemento. O parque municipal Raíña Sofía, no que destacan árbores como as acacias e eucaliptos, é o antigo Horto dos Frades. Localízase no núcleo urbano, separando os barrios de Ferrol Vello e da Magdalena. É unha das zonas verdes máis importantes da poboación e no seu interior merecen especial mención a pista de baile, o estanque -onde atópase a Fonte Wallace, adquirida en París no ano 1889 e arrodeada polos bustos de oito ferroláns ilustres-, e o parque didáctico Aquaciencia. A zona didáctica amosa a través de xogos, maquetas ou paneis a importancia da auga na vida humana, a súa enerxía e os seus principios dinámicos.

A praia e lagoa de Doniños é un longo areal moi frecuentado por surfistas, no que destaca un espazo protexido formado por un amplo complexo dunar, con penachos vexetais, que defenden do mar unha lagoa costeira, un rico e variado ecosistema, dende diferentes aves acuáticas -algunhas delas en perigo de extinción- e migratorias ata ocas, que deitan as súas follas entre os xuncos do seu litoral.

Ermida de Santa Comba.

A ermida de Santa Comba está situada nunha pequena illa, na praia de Santa Comba. Celébrase tradicionalmente dende o ano 1110 unha romaría.

O baluarte de San Xoán está situado fronte ó porto, é un dos restos máis importantes da muralla da cidade do século XVIII. Dende a súa altura pódense entender as diferentes fases históricas da construción do porto comercial.

Ferrol Vello é o núcleo onde se orixinou a actual poboación a principios do século XIII. Ten o seu punto neurálxico na Praza Vella. Nesta praza atópanse vivendas dunha soa altura e baranda de madeira. Fronte a ela, atópanse a Sá de Armas do Arsenal Militar (antigo Cuartel de Instrución de Mariñeiría e os xardíns nos que aséntase a Fonte da Fama.

En toda a súa contorna destacan construcións de arquitectura popular mariñeira, con cristaleiras e rúas empedradas, estreitas e irregulares. Na actualidade, conserva unha estrutura compacta e orientada cara ao porto, aínda que atópase nun adiantado estado de deterioración.

A igrexa de Nosa Señora do Socorro é un pequeno templo neoclásico dunha soa nave levantado no século XVIII na zona vella da cidade, na rúa do Socorro. No seu interior, gárdanse as imaxes do Cristo dos Navegantes e a Virxe do Socorro, de gran devoción popular no barrio.

Os xardíns de Herrera atópanse sitos entre o Parador Nacional de Turismo e o Pazo de Capitanía Xeral da Armada. Un dos monumentos máis importantes que acolle, ademais do Obelisco de Churruca, é a estatua, realizada en bronce, do militar Jorge Juan, que apunta cun dedo cara ao Arsenal Militar dende o interior de ditos xardíns. Conta cun miradoiro, dende onde se obteñen unhas das mellores vistas da ría de Ferrol e do Arsenal Militar.

A capela de Nosa Señora das Dores foi levantada na segunda metade do século XVIII na rúa Méndez Núñez, xunto á Praza de Amboaxe. É un pequeno templo dunha soa nave con planta de cruz latina.

O Museo da Natureza atópase instalado no edificio do antigo Hospicio da Praza de Amboaxe, na rúa Méndez Núñez. O seu interior está adicado á fauna galega con esqueletos de mamíferos e aves. Na actualidade, desenvólvense obras na antiga Casa do Coronel, no barrio de Canido, para trasladar estes fondos a unhas instalacións máis acaidas.

O Centro Cultural Torrente Ballester está localizado no antigo Hospital de Caridade, sito na rúa Concepción Arenal. É un dos espazos culturais máis importantes de Ferrol. Nas súas salas expóñense obras e manifestacións da arte galega e universal tanto contemporánea como histórica.

O Teatro Jofre está sito na praza de Galicia, e é unha das obras de arquitectura teatral do século XIX máis importantes de España. Foi inaugurado no ano 1892 tras moitos problemas económicos para poder afrontar a súa apertura. Destaca pola súa decoración e pola súa acústica. No seu interior, realízanse ao longo de todo o ano numerosos actos culturais.

O barrio de Esteiro foi nas súas orixes, no século XVIII, o barrio obreiro de Ferrol, lugar onde tiñan a súa vivenda a maior parte dos traballadores das construcións navais e militares. Na década de 1990, levantáronse modernas vivendas, aínda que segue a conservar algúns edificios das súas orixes, destacando o antigo Hospital de Mariña, actual Campus Universitario, e a Casa do Patín, actual Biblioteca Universitaria.

Ermida de Chamorro, Serantes.

A ermida de Chamorro, tamén coñecida como capela da Virxe do Nordés, é un pequeno templo de orixe medieval sito na cima dun monte, a escasos tres quilómetros do casco urbano de Ferrol. Foi levantada nos primeiros anos do século XVI e ampliada no XVII. Nas súas inmediacións, realízase todos os anos, o Luns de Pascua, unha popular romaría na que milleiros de fieis soben a pé á ermida para pregar á Virxe de Chamorro. O lugar conta cunhas fantásticas panorámicas da cidade de Ferrol e de toda a súa ría.

Cabo Prior localízase na parroquia de Covas, a 14 km do núcleo urbano de Ferrol, nunha zona de grande beleza paisaxística e arrodeada de acantilados. Son famosas as súas vistas marítimas do Arco Ártabro e, nos seus arredores, atópase o faro de Cabo Prior, inaugurado no ano 1953 e aínda en funcionamento, xunto a un miradoiro.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Estradas[editar | editar a fonte]

A autoestrada AP-9, principal vía de acceso á cidade, conecta Ferrol coas cidades galegas do eixe atlántico: A Coruña (55 km), Santiago (90 km), Pontevedra, Vigo e Tui, xa na fronteira con Portugal. A autoestrada A-6, accesíbel mediante a AP-9 a 10 km ó sur da cidade, conecta Ferrol coa Coruña, Lugo e Madrid.

Por outra parte, a autovía AG-64 conectará a cidade con Vilalba, cando rematen as obras nos tramos próximos á cidade vilalbesa. Alí conectará coa A-8, tamén en construción, que percorre todo o Cantábrico ata Donostia.

Comunicación Aéreas[editar | editar a fonte]

O Aeroporto de Alvedro (A Coruña), a 41 km de Ferrol pola autoestrada AP-9, conecta Ferrol coas principais cidades españolas e algunhas europeas.

O Aeroporto da Lavacolla (Santiago de Compostela), a 90 km de Ferrol pola autoestrada AP-9, conecta Ferrol coas principais cidades españolas e algunhas europeas e americanas.

Ferrocarrís[editar | editar a fonte]

Ferrol conta cunha estación de ferrocarril empregada por Renfe e Feve que conecta a cidade co resto da comunidade autónoma e o país. Renfe esta a estuda-la creación duna liña de proximidades que una a cidade de Ferrol coa Coruña sen paradas intermedias. [8]

Autobuses[editar | editar a fonte]

A cidade de Ferrol conta cunha rede de autobuses urbanos explotada pola compañía Tranvías del Ferrol. Amais de dar cobertura á cidade de Ferrol, o seu ámbito de actuación chega aos concellos de Narón e Neda nalgunhas das súas liñas. En total existen seis liñas de autobuses que dan servizo á cidade amais dunha liña nocturna entre o Porto (Ferrol Vello) e Neda.

Liña Ruta Tranvias del Ferrol
1-B Residencia - Porto Tranvias del Ferrol Río do Pozo.jpg
1-2 Neda - Porto
3 Porto - Caranza - Residencia
4 Canido - A Graña
7 A Faisca - Correos
9 Caranza - Correos


Amais destas liñas explotadas por Tranvías del Ferrol, a compañía Rialsa conta con varias liñas urbanas e interurbanas. Da estación de autobuses de Ferrol saen a diario multitude de autobuses que comunican á cidade con outros puntos da xeografía galega e española.

Festas e tradicións[editar | editar a fonte]

Rally de Ferrol.
  • Romaría da Virxe de Chamorro, celebrada no luns de Pascua.
  • Festas de San Xiao, o 7 de xaneiro, patrón da cidade.
  • Festas da cidade, en agosto, rematando o día de San Ramón cunha homenaxe a Ramón Plá, o que fora Marqués de Amboage.
  • Procesión de Corpus Christi, que percorre algunhas das rúas da cidade.
  • A Semana Santa de Ferrol, un dos acontecementos máis sinalados do ano, xuntando unha gran morea de turistas e declarada de interese internacional.
  • Feira de Mostras, punto de referencia para a cidade. Celébrase nas instalacións de Punta Arnela na Malata.

Deporte[editar | editar a fonte]

Estadio da Malata.

En fútbol, o equipo máis destacado é o Racing de Ferrol, actualmente na Segunda división B. Xoga os seus partidos no Estadio Municipal da Malata.

En baloncesto, o OAR Ferrol (fundado en 1951 e desaparecido en 1996) xogou varios anos na ACB. O Polideportivo da Malata acolleu os partidos do grupo B do campionato mundial de baloncesto de 1986.

En waterpolo destaca o Club Marina Ferrol.

Rally de Ferrol, competición oficial do Campionato de España de Rallyes, organizada pola Escudería Ferrol.

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Ferrol.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Ferrol

Brión (Santa María) | A Cabana (Santo Antonio) | Covas (San Martiño) | Doniños (San Román) | Esmelle (San Xoán) | Ferrol | A Graña (Santa Rosa de Viterbo) | Leixa (San Pedro) | Mandiá (Santa Uxía) | Marmancón (San Pedro) | San Xurxo da Mariña (San Xurxo) | Santa Cecilia de Trasancos (Santa Cecilia) | Serantes (San Salvador)

Lugares[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ferrol vexa: Lugares de Ferrol.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ferrol Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Concellos da Comarca de Ferrol Comarca de Ferrol
Ares
Ares
Cedeira
Cedeira
Fene
Fene
Ferrol
Ferrol
Moeche
Moeche
Mugardos
Mugardos
Narón
Narón
Neda
Neda
San Sadurniño
San Sadurniño
As Somozas
As Somozas
Valdoviño
Valdoviño