Teixo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Teixo | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Taxus baccata L., 1753 | ||||||||||||
O teixo (Taxus baccata) é unha árbore conífera, que correntemente alcanza entre 12 a 15 metros de altura, da familia das Taxáceas. Moi lonxevo, de medra lenta, posúe unha madeira que se presta ben para entallado. Ten partes tóxicas: o latín taxus vén do grego taxon, que significa frecha envelenada.
Índice |
[editar] Descrición
O teixo é unha árbore baixa, se ben excepcionalmente pode atinxir ata 28 m de altura. O seu perfil é variado cunha cima irregular e un tronco ou toro, curto e nudoso, do que nacen pólas a só uns centímetros do chan. As formas arbustivas son tamén frecuentes.
A cortiza da árbore ten unha cor que oscila entre o castaño vermello, ás veces moi escuro, ata o púpura. Esta cortiza é bastante fina e desescama con certa facilidade. As follas son agullas febles, planas e de cor entre o verde escuro por enriba e verde máis claro por embaixo. Miden polo xeral entre 2 e 4 cm. Estas agullas estén inseridas en espiral arredor das pólas e gallas.
O teixo é unha especie dioica: os exemplares femias producen froitos carnosos ou bagas, de cor vermella moi viva. Non son tóxicos, sendo consumidos polas aves, porén as sementes si son tóxicas, como todo o resto da planta. As flores dos exemplares machos producen un pole, amarelo, en primavera.
[editar] Toxicidade
Esta toxicidade da planta débese a unha mistura de alcaloides: taxoides, diterpenos cíclico esterificados por ácidos comúns e por ácidos aminados ou por compostos semellantes a estes mesmos aminados: taxina A, B, C, paclitaxel, 10-desacetilbaccatina III, taxifilina, cefalomanina, etc. Só foi illado un glicósido: a taxicatina. A seiva contén un aceite irritante para o tubo dixestivo. En total, un centenar de compostos foron illados. A taxina, que é a substancia illada desde hai máis tempo, é, polo xeral, considerada a responsábel da toxicidade, pero o resto das outras substancias tamén o é en maior ou menor grao.
[editar] Distribución
O teixo esténdese desde o Noroeste de África a Europa, Asia Menor, e aínda ata o Cáucaso e Norte de Irán. Atura temperturas moi baixas. Pódese atopar nos Alpes bávaros ata os 1.350 m de altitude e ata os 1.600 m no cantón suízo do Valais. Os seus límites septentrionais atinxen os 62º 30' de latitude norte en Noruega e os 61º N en Suecia, dentro da isoterma do mes de xaneiro de -5ºC.
[editar] Tradicións
Dentro da antiga cultura céltica o teixo (galo *eburos) tivo unha extraordinaria importancia. Unha pasaxe de César narra que Catuvolcus, xefe dos Eburones - literalmente "fillos do teixo" -, suicidouse envelenándose con teixo antes que entregarse a Roma (De bello Gallico 6:31). De xeito similar Floro (2: 33, 50-51) conta que os cántabros, asediados polo legado Gaio Furnio, no 22 a.C. preferiron suicidarse, ben pola espada ou lume ou ben por veleno extraído de teixos. E, asimesmo, Orosio relata que os galaicos sitiados no monte Medulio, preferiran morrer suicidados polas propias armas ou por veleno de teixo, antes que renderse aos romanos (6, 21, 1).