Día Nacional de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación a prol da autodeterminación no día de Galicia de 2005.

O Día Nacional de Galicia, coñecido tamén popularmente como Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia, Día da Patria ou Día da Patria Galega, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.

Historia e características[editar | editar a fonte]

As orixes desta celebración remóntanse a 1919, data na que se xunta en Santiago de Compostela a Asemblea das Irmandades da Fala, que acordan celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.

Durante a ditadura franquista, as sociedades galegas da emigración continúan esta convocatoria, e na Galiza o galeguismo concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval. Amais, durante esta época o día institucionalízase como festa oficial en toda España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o país.

Período democrático[editar | editar a fonte]

En 1968 volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Compostela. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galicia que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego. Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega. Actualmente os diferentes partidos nacionalistas da Galiza seguen a convocar manifestacións para ese día, baixo a denominación de Día da Patria, nas cales fan reflexións no tocante á situación política galega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RODRÍGUEZ-POLO, Xosé Ramón (2009): Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]