Parque Nacional das Illas Atlánticas
As chamadas Illas Atlánticas convertéronse o 13 de xuño do 2002 no primeiro Parque Nacional de Galiza, e no décimo terceiro a nivel estatal, cunha extensión de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas. Recibe a denominación de Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza. No ano 2007 o parque recibiu 238.939 visitas[1].
As illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que están situadas nas Rías Baixas, están declaradas zonas de interese xeral pola singularidade da súa flora, fauna, xeomorfoloxía e paisaxe que as converten en Patrimonio Natural e Cultural de indubidable valor científico, recreativo e educativo.
A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade e riqueza faunística que alberga, a variedade das súas formacións vexetais e a súa espectacularidade paisaxística.
Quedaron fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas as de Lobeiras, Sisargas, San Simón e Tambo e as franxas terrestres da Costa da Morte, Cabo Udra, San Adrián, Costa da Vela e o complexo dunar de Corrubedo, entre outras, aínda que non se descarta unha posible ampliación.
Índice |
[editar] Arquipélagos e illas integrantes
- Arquipélago de Ons: As Illas Ons forman un arquipélago situado na boca da Ría de Pontevedra nas coordenadas: 42°22′50″N, 8°56′00″O. Componse da Illa de Ons, a única illa do parque nacional habitada durante todo o ano, a Illa de Onza ou Onzeta, e outros pequenos illotes entre os que destacan O Corveiro. Na estación estival realízanse viaxes marítimas a diario dende os portos de Marín, Cangas, Bueu, Sanxenxo e Portonovo.
-
O arroaz é o mamífero mariño maís abondoso nas augas do arquipélago
-
Na illa atópase unha das colonias galegas existentes de Paíño europeo
-
A Choia biquivermella atopa nas zonas rochosas do arquipélago un dos seus últimos redutos en Galiza
- Arquipélago de Cíes: As Illas Cíes forman un arquipélago situado na boca da Ría de Vigo, pertencente as Rías Baixas, na Provincia de Pontevedra (Galiza, España). Pertencen ao concello de Vigo (parroquia de San Francisco de Afora), e atópanse nos 42º 15' de latitude norte, e os 8º 54' de latitude oeste. Foron declaradas parque natural en 1980. En febreiro do ano 2007 o xornal británico[2] The Guardian elixiu á praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como "a praia máis bonita do mundo".
-
Vista das Illas Cíes dende a Costa da Vela, Cangas
-
O arquipélago ten a maior colonia de Corvo mariño cristado de Europa (25% da poboación mundial)
-
Con 22.000 parellas, nas illas Cíes atópase a maior colonia mundial de Gaivota patiamarela
-
Nos areais das Cíes atópase a maior poboación galega de Camariña, case extinta na actualidade
- Illa de Cortegada: A Illa de Cortegada é unha illa situada na provincia de Pontevedra, no interior da Ría de Arousa pertence ao concello de Vilagarcía de Arousa. É a maior dun arquipélago que xunto con Cortegada con outros grupos de illas, como as Illas Malveiras ou as Illas Briñas. Cortegada posúe un alto interese botánico, xa que alberga o maior bosque de loureiros da Península Ibérica e un dos maiores do continente europeo e posúe unha grande diversidade micolóxica, habitando na illa algúns cogumelos endémicos [3].
-
Na illa atópase o maior bosque de loureiro da península Ibérica e un dos maiores de Europa
-
Mazarico galego, A illa destaca pola súa riqueza en aves limícolas
- Illa de Sálvora: A Illa de Sálvora atópase na boca da entrada da Ría de Arousa, separada da terra firme por unha distancia duns 3 km polo norte. Sálvora pertence ao concello de Ribeira (provincia da Coruña). Posúe unha extensión de preto de 190 Ha, e ten unha altitude máxima de 71 metros. Case todo o perímetro da illa é zona rochosa, agás tres pequenas praias de area milla e branca.
-
A Gaivota escura ten a súa maior colonia galega na Illa de Sálvora
[editar] Arquipélagos e illas aspirantes
Aparte das illas que pertencen ao conxunto do parque nacional, existen outras illas que se atopan en proceso ou aspiran a integra-lo.
- Illa de Tambo: Atópase no medio da Ría de Pontevedra, xa na súa parte final, fronte á vila de Marín aínda que pertence ao concello de Poio. Ten unha superficie de 28 hectáreas e alcanza os 80 metros de altitude. A illa ten unha forma ovalada e ten unha típica forma piramidal completamente cuberta de árbores, especialmente eucaliptos. Polo sur ten unha pequena península que semella case unha illa vista dende terra e que conta cun vello faro. Tambo conta con dúas praias unidas en na parte norte da illa e con tres pequenos embarcadoiros. O principal problema para a inclusión da illa no parque nacional é a relativa sucidade das augas no interior da ría producida, principalmente. pola fábrica de celulosas de Marín. A isto hai que engadir a ocupación militar que a illa tivo dende fai décadas ata a súa recente desocupación.
- Illas Sisargas: Estas illas pertencen ao concello de Malpica de Bergantiños e do mesmo xeito que Tambo a súa adesión ao parque nacional depende principalmente da compra por parte do Goberno ou da Xunta de Galicia aos seus donos e facela, así, pública. A diferenza de todas as demais illas estas atópanse fóra das Rías Baixas, na zona da Costa da Morte. O arquipélago está formado por tres illas, chamadas Sisarga Grande, Malante e Sisarga Chica, e unha serie de illotes circundantes. As illas son na súa maioría de natureza rochosa, o que propicia que na Sisarga Grande haxa numerosos cantís. Con todo, nesta mesma illa podemos atopar un embarcadoiro e unha pequena praia no sur.
O primeiro faro do arquipélago foi construído en 1853 e na antigüidade dise que houbo algún tipo de fortificación relixiosa derruida polo tempo e polos ataques normandos á illa. A riqueza ortinolóxica das illas queda patente nas numerosas colonias de aves endémicas destas paraxes ou que están en perigo de extinción como a gaivota escura, o arao dos cons ou a gaivota tridáctila.
[editar] Fauna
A importancia avifaunística está claramente determinada polas importantes poboacións de aves mariñas que usan todos os arquipélagos, ben como zonas de cría, ben como pousadoiros ou áreas de alimentación durante o inverno ou os pasos migratorios. As illas oceánicas albergan as maiores colonias de cría da gaivota patiamarela (Larus michahellis) que supera as 31.000 parellas, o que representa máis do 10% da poboación total e o núcleo máis importante do mundo. Así mesmo, os efectivos do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) poden roldar as 2.000 parellas, cantidade que supón un 70% da poboación ibérica e sitúa estas illas entre os principais núcleos da especie en Europa. De menor magnitude, pero de grande interese por tratarse de aves de distribución moi localizada en España, son as poboacións de gaivota escura (Larus fuscus) (60-70 parellas) e de paíño pequeno (Hydrobates pelagicus) (mínimo de 19 parellas). Entre as aves mariñas non nidificantes destaca o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) endemismo en perigo crítico de extinción, que utiliza as augas do parque nacional como área regular de parada migratoria en cantidades importantes (ata máis de 1.000 exemplares en ocasións), así como o arao dos cons (Uria aalge) especie que, aínda que extinguida localmente como nidificante en 1988, forma concentracións durante a invernada e a migración. O corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) utiliza principalmente as illas como lugares para durmir, e albergan unha gran parte das aves que se alimentan de día nas rías (1.500-2.000 exemplares).
A avifauna non mariña de cantil é moi interesante e lles confire unha gran significación ecolóxica ás illas de carácter oceánico no humanizado contorno das Rías Baixas, malia que os efectivos de todas as especies son escasos e varias delas se atopan xa en situación crítica. Entre elas destacan o falcón peregrino (Falco peregrinus) (3-5 parellas), a pomba das rochas (Columba livia), o andoriñón real (Apus melba) (25-30 parellas), a choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), a gralla pequena (Corvus monedula) e o corvo grande (Corvus corax).
[editar] Notas
- ↑ http://reddeparquesnacionales.mma.es/parques/org_auto/visitas/generalidades.htm Datos de visitas aos parques nacionais (2002-2007)
- ↑ Top 10 beaches of the world | Travel | guardian.co.uk
- ↑ http://www.galeon.com/arousa/contido.htm O maior bosque de loureiros de Europa
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Consellería de Medio Ambiente
- Ministerio de Medio Ambiente
- Páxina con fotografías do Parque
- Flora y vegetación de las Islas Cíes Jesús I. Fernández Alonso e outros, Ministerio de Medio Ambiente, 2011.
|
||||||||||||||||||||