Bloque Nacionalista Galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Fronte de partidos políticos de Galiza
Dirixentes e organización
Portavoz Nacional Xavier Vence
Mocidades Galiza Nova
Filiación internacional Alianza Libre Europea
Historia
Fundación 1982
Posicións políticas
Ideoloxía Socialismo
Comunismo
Nacionalismo galego
Independentismo galego[1][2]
Democracia
Europa dos pobos
Pacifismo[3]
Representación
Parlamento de Galicia
7 / 75
Congreso dos Deputados
2 / 350
Concelleiros
589 / 3.811
Alcaldes
23 / 315
Outros datos
Sede Avda. Rodríguez de Viguri, 16-Baixo, 15703 Santiago de Compostela
Publicación BE-NE-GÁ ao día
Páxina web bng.gal

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é a principal organización política do nacionalismo galego. Considérase como unha organización de esquerda e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG ten 9.000 militantes (2009)[4], concelleiros e 23 alcaldes[5] en diversos concellos de Galiza, deputados no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Tamén chegou a ter un eurodeputado no Parlamento Europeo (Camilo Nogueira), e actualmente conta cun posto na Eurocámara rotatorio entre os seus socios (a representante do BNG é Ana Miranda)[6].

O Portavoz Nacional é Xavier Vence quen desde 2013 substitúe a Guillerme Vázquez.

Galiza Nova é a organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego.

Historia[editar | editar a fonte]

Sede Nacional do BNG, Santiago de Compostela.
Discurso de Anxo Quintana na Asemblea do Bloque Nacionalista Galego en Santiago de Compostela

.

Nos anos 60 fúndase a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), partidos nacionalistas de caracter comunista e socialista. No ano 1975 fúndase a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), fronte impulsada pola Unión do Povo Galego coma plataforma de mobilización social e base para o futuro estabelecemento dunha candidatura electoral nacionalista. No 1977 a UPG e a AN-PG constituíron o Bloque Nacional Popular Galego que concurriu ás eleccións.

En outubro de 1981 celebrouse a primeira convocatoria para elixir o Parlamento de Galicia. Estas eleccións gañounas Alianza Popular e os partidos nacionalistas galegos acadaron un discreto resultado, o BNPG en coalición co PSG conseguiu tres escanos, os seus deputados negáronse a xurar a Constitución Española e á terceira negativa quedaron expulsados do Parlamento. A UPG e a AN-PG acordan a comezos de 1982 reformular o proxecto formando unha fronte nacionalista que abranguese a maior amplitude posible, con diversas tendencias no seu interior. A primeira xuntanza celebrouse o 15 de maio e nela participaron AN-PG, UPG, PSG, GC (OLN), Asamblea de Nacionalistas Galegos, Colectivo Libertario Arco da Vella e independentes de Santiago e A Coruña que subscribiron un chamamento para a unidade do nacionalismo baixo os principios do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e do dereito de autodeterminación, do antiimperialismo, do autogoberno, da autoorganización e do pluralismo e a democracia interna e que levará á constitución dunha Comisión Xestora Nacional de 22 membros na que ademais dos grupos que participaran na xuntanza anterior están a ERGA e independentes de Vigo e o Condado, posteriormente integrouse Avance Nacionalista, formado por independentes da Coruña. No seo da Comisión Xestora, as diferentes forzas presentan as súas alternativas. O PSG dálle grande importancia á unidade do sindicalismo nacionalista e á participación nas institucións. Galicia Ceibe pola contra defende o boicot activo ás eleccións e a ruptura democrática. Avance Nacionalista propón que a nova organización rexeite todas as leis e procure a independencia nacional como única forma de dar sentido á soberanía. Nunha xuntanza celebrada o 27 de xuño apróbase o programa político da organización, defínese como unha organización nacionalista que non explicita a independencia, aínda que ve a creación dun Estado propio como algo preciso; a nova organización debe buscar a compatibilidade da vía institucional coa mobilización social na defensa dos intereses nacionais e populares. En posteriores xuntanzas establécense asembleas territoriais nas que se discutiu o documento aprobado antes da celebración da Asemblea fundacional. O 11 de xullo a Asemblea de Nacionalistas Galegos decide retirarse da Comisión Xestora por considerar que a nova fronte estaba ao servizo dos partidos e pola falta dun programa político mínimo, con todo, os seus militantes continuaron a traballar a título individual na creación da nova organización.

O 25 e 26 de setembro de 1982 ten lugar na Coruña a Asemblea fundacional da nova fronte, previa desaparición do BNPG; esta nova forza preténdese interclasista, polo que se rexeita que o seu obxectivo final sexa unha sociedade socialista e a adopción da bandeira vermella, e asúmese a de Galicia coa estrela dos cinco cabos. O nome que resulta elixido para a nova organización é o de Bloque Nacionalista Galego, agrupando á AN-PG (que deixará de actuar tras esta Asemblea), á UPG, ao PSG e a outros colectivos independentes, xa que Galicia Ceibe decide deixar a organización ao decidirse na Asemblea Constituínte que o BNG participe nas eleccións, e o Colectivo Arco da Vella tamén a abandona por non estar conforme co nome elixido. Nas eleccións xerais de 1982 a coalición Bloque-PSG tivo 38.522 votos, estes resultados electorais levaron a un debate interno no seo do PSG, o que leva a celebración dun Congreso extraordinario en xaneiro de 1983 no que se decide abandonar o BNG, mais un nutrido grupo de militantes do PSG segue no BNG co nome de Colectivo Socialista. O PSG fusionaríase con Esquerda Galega.

Nas eleccións autonómicas de 1985 o BNG só acada un escano mentres que Coalición Galega consegue 11 escanos, e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega gaña 3 escanos. As eleccións vólveas gañar Alianza Popular baixo o nome de Coalición Popular de Galicia.

En 1986 a UPG ten unha escisión, creándose o Colectivo 22 de marzo que deu orixe á formación en xullo do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), de carácter independentista e comunista. O BNG ten de escoller a dirección política a tomar e escolle un camiño máis moderado. O BNG, liderado por Beiras desradicalízase para tentar gañar máis votos. Na terceira asemblea, o Partido Comunista de Liberación Nacional (que despois formará a Frente Popular Galega) é expulsado da fronte por apoiar a Herri Batasuna.

Nas eleccións autonómicas de 1989 o BNG conseguiu 5 deputados e acadou o grupo parlamentar propio. O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) e a Fronte Popular Galega (FPG) non obtiveron ningún escano. O PSG-EG conseguiu dous escanos.

En (1991) Inzar e PNG-PG únense ao Bloque Nacionalista Galego, e nas eleccións autonómicas de 1993 o BNG acada 13 deputados. Tras o fracaso nesas eleccións Unidade Galega (antigo PSG-EG) incorpórase ó Bloque.

Nesta época o BNG vive a súa época máis dourada, nas eleccións xerais de 1996 o BNG acada dous deputados no Congreso dos Deputados, nas eleccións autonómicas de 1997 é a segunda forza política en Galiza por diante do PSdeG-PSOE e nas eleccións europeas de 1999 obtivo un eurodeputado, Camilo Nogueira.

Nas eleccións autonómicas de 2001 o BNG e o PSdeG-PSOE igualaron a 17 escanos. Na última Asemblea Nacional houbo un troco xeracional no BNG, no que Anxo Quintana relevou a Beiras coma voceiro nacional e candidato á presidencia da Xunta de Galicia.

Nas eleccións xerais de 2004, o BNG comeza unha crise polo continuo retroceso de votos, xa que só consegue 2 escanos no Congreso dos Deputados e ningún no Senado, aínda que por cota parlamentar autonómica é escollido senador polo BNG Francisco Jorquera.

Aínda que coas eleccións ao Parlamento Europeo, nas que, despois de presentarse en coalición co PNV e CiU (Galeusca), queda con dous eurodeputados. Así e todo, en xullo do 2004, Anxo Quintana, establece cambios na cúpula do partido.

Tras as eleccións autonómicas de 2005 o BNG entrou no goberno de coalición presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño no que o BNG ten unha vicepresidencia, que ocupa Anxo Quintana coas consellarías de Relacións Institucionais e Benestar Social. Así mesmo, o BNG ocupa as consellerías de Cultura, Industria, Medio Rural e Vivenda, de nova creación.

Na XII Asemblea Nacional, celebrada en Santiago de Compostela o 2 e 3 de decembro de 2006, presentáronse catro candidaturas ao Consello Nacional, a oficial encabezada por Anxo Quintana e co apoio da UPG e dos independentes de Roberto Mera conseguiu 1.646 votos (62.57%) obtendo 31 representantes no Consello. A segunda candidatura foi Encontro Irmandiño liderada por Xosé Manuel Beiras que conseguiu 449 votos (17.09%), obtendo 9 representantes; A Alternativa encabezada por Rosario Fernández Velho e que conta co apoio de Camilo Nogueira e Esquerda Nacionalista conseguiu 291 votos (11.06%), conseguindo 5 representantes.

Mitin de Anxo Quintana en Santiago de Compostela (ano 2008)

A última candidatura foi o Movemento pola Base, formada sobre todo por membros de Galiza Nova e encabezada polo sindicalista da CIG Fermín Paz, que conseguiu 245 votos (9.32%) e 5 representantes. Trala votación chegouse a un acordo entre as diferentes candidaturas para a repartición dos membros da Executiva Nacional, a candidatura oficial leva 10 dos 15 membros, os outros cinco repártense entre Encontro Irmandiño e A Alternativa, o Movemento Pola Base apoiou o acordo malia quedar fóra da Executiva. Tamén se decidiu modificar a composición da vindeira Asemblea Nacional para que sexa por delegados e non como agora aberta a todos os militantes.

A súa presenza institucional actual está composta por 595 concelleiros, 15 deputados provinciais, 13 deputados autonómicos, 2 deputados no Congreso dos Deputados, un senador e ningún eurodeputado.

Nas eleccións municipais de maio de 2007, acadou o 19,15 por cen dos sufraxios. Agudiza a súa caída nas cidades, lonxe da mensaxe intelectual e rebelde que tanto éxito colleitara nos anos noventa en segmentos urbanos e xuvenís do electorado. Este descenso compénsao con contundentes vitorias en vilas medias como Carballo, Arzúa, Teo, Monforte de Lemos, Bueu, O Porriño ou Pontecesures, ocupando espazos rurais e sociais que vai abandonando o Partido Popular. O estancamento compénsase con perspectivas de maior poder institucional en concellos e deputacións (A Coruña e Lugo).

Nas Eleccións Xerais 2008 en España repetiu os resultados do 2004, acadando un deputado pola Coruña e unha deputada por Pontevedra.

Nesta lexislatura foi chave para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2009, cos seus dous deputados no Congreso, conseguindo 125 millóns de euros extra dos 2.020 millóns previstos inicialmente para Galicia (76 deles en materia de Fomento[7]), ademais de varios traspasos de competencias[8]. Isto foi, en palabras do portavoz do BNG no congreso, Francisco Jorquera, "o investimento maior no noso territorio en toda a historia". Así pois, o apoio do Bloque a estes orzamentos provocou o rexeitamento das emendas á totalidade, sacando adiante os orzamentos no seu primeiro trámite[9].

Manifestación do BNG polo día da Patria, en 2009.

Tras perderen un escano (de 13 a 12) nas eleccións ao Parlamento galego de 2009, celebradas o 1 de marzo, e que se saldaron coa maioría absoluta por un escano do PP, a executiva do BNG recoñeceu os malos resultados e dimitiu ante o Consello Nacional o 14 de marzo[10]. O 18 de abril realizáronse asembleas comarcais para elixir ós delegados que concurriron á Asemblea Nacional extraordinaria do 10 de maio. Nestas asembleas comarcais presentáronse 3 listas: Alternativa pola Unidade (ApU, impulsada pola UPG), Listas Abertas (impulsada polo Encontro Irmandiño), e +BNG. Tamén se presentaron outras listas nalgunhas comarcas como Independentes do Val Miñor, Movemento Galego ao Socialismo, Esquerda Socialista Galega e Independentes do Ribeiro. O resultado deu unha maioría de delegados para ApU[11].

O 10 de maio celebrouse a Asemblea nacional extraordinaria, na que se presentaron catro listas: Alternativa pola Unidade (ApU, encabezada por Guillerme Vázquez), Máis BNG (+BNG, encabezada por Carlos Aymerich), Encontro Irmandiño (encabezada por Xosé Manuel Beiras) e Máis Alá (impulsada polo Movemento Galego ao Socialismo, e encabezada por Rafa Villar). A elección ó Consello Nacional deu como resultado: 23 membros de ApU, 18 de +BNG, candidatura de Encontro 7 representantes e 2 para Máis Alá[12]. Da votación para a Executiva Nacional excluíuse o Encontro irmandiño, liderado por Beiras[13]. Presentáronse, pois, á executiva dúas listas: a de ApU (na que se integraba un representante de Máis Alá) e a de +BNG. A lista encabezada por Guillerme Vázquez obtivo 1189 votos (55,1% de apoio) o que lle outorgou 8 representantes, mentres que a encabezada por Carlos Aymerich conqueriu 969 votos (44,9% de apoio) e 7 representantes[14]. Así pois, Guillerme Vázquez resultaba elixido portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, en substitución de Anxo Quintana[15].

O 26 de xaneiro de 2012 celebrou a súa XIII Asamblea Nacional, na que se elixiu a dirección, así como o voceiro nacional e o seu candidato para a Xunta. Presentáronse tres listas: Alternativa pola Unidade (ApU), co apoio da Unión do Povo Galego e con Guillerme Vázquez para voceiro e Francisco Jorquera para candidato; unha lista encabezada por Máis Galiza e Encontro Irmandiño (+G-EI), co apoio do Colectivo Socialista, Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista, Esquerda Nacionalista, Inzar, Unidade Galega e Espazo Socialista Galego, con Xosé Manuel Beiras para voceiro e Carlos Aymerich para candidato; e unha lista de Movemento Galego ao Socialismo, encabezada por Rafa Villar.[16][17][18] Finalmente, Guillerme Vázquez resultó reelixido potavoz nacional con 2.123 votos fronte Xosé Manuel Beiras, con 1.823 votos; e Francisco Jorquera candidato á presidencia da Xunta con 2.338 votos (53 %) fronte aos 2.043 votos (46 %) conseguidos por Carlos Aymerich. A Executiva formouse con 7 membros de ApU, 7 de +G-EI e 1 de MGS; así mesmo, a votación do Consello Nacional deparou 2.164 apoios (48 %) para ApU, 2.026 (45 %) para +G-EI e 248 (5 %) para MGS.[19]

Tras a citada asemblea, debido ás tensiones internas e ideolóxicas, partidos como Encontro Irmandiño[20] e Esquerda Nacionalista[21] decidiron abandonar o Bloque Nacionalista. A corrente Máis Galiza,[22] a segunda forza máis votada tras a UPG, e o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista[23][24] anunciaron asembleas propias para decidir a súa continuidade, decidindo ao final, deixar o Bloque.

Tras a asemblea de 2013 o BNG adoptou posturas abertamente soberanistas co obxectivo da construción da república galega.

Estrutura interna[editar | editar a fonte]

O nacemento do BNG xorde coa intención de aglutinar no seu interior toda a ampla gama ideolóxica do nacionalismo. Por esta razón, a súa organización é frontista. Dentro del conviven partidos e colectivos nacionalistas, en xuño de 2012 eran tres as forzas políticas constituídas dentro da fronte:

Executiva Nacional[editar | editar a fonte]

A Executiva Nacional é o órgano que leva á práctica as liñas programáticas do BNG e xestiona a política do día a día. Reúnese con frecuencia semanal, trala última Asemblea Nacional está composta por[25]

Representación parlamentaria[editar | editar a fonte]

No parlamento[editar | editar a fonte]

No congreso[editar | editar a fonte]

Nos concellos[editar | editar a fonte]

Evolución do voto[editar | editar a fonte]

Eleccións ao Parlamento de Galicia[editar | editar a fonte]

Ano Candidato Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1985 Xosé Manuel Beiras 1 parlamentario 1,3% 1 53.072 4,2% 53.072
1989 Xosé Manuel Beiras 5 parlamentarios 6,7% 4 105.698 8% 52.626
1993 Xosé Manuel Beiras 13 parlamentarios 17,3% 8 269.233 18,5% 163.525
1997 Xosé Manuel Beiras 18 parlamentarios 24% 5 395.435 24,8% 126.202
2001 Xosé Manuel Beiras 17 parlamentarios 22,7% 1 346.423 22,6% 49.003
2005 Anxo Quintana 13 parlamentarios 17,3% 4 311.954 18,57% 34.469
2009[26] Anxo Quintana 12 parlamentarios 16% 1 270.712 16,28% 41.242
2012 Francisco Jorquera 7 parlamentarios 9,33% 5 145.389 10,16% 125.323

Eleccións ao Congreso dos Deputados[editar | editar a fonte]

Ano Voceiro Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1986 Sen representación 0 deputados 0% 0 27.049 0,13% 27.049
1989 Sen representación 0 deputados 0% 0 47.763 0,23% 20.714
1993 Sen representación 0 deputados 0% 0 126.965 0,54% 79.202
1996 Francisco Rodríguez 2 deputados 0,57% 2 220.147 0,88% 93.182
2000 Francisco Rodríguez 3 deputados 0,86% 1 306.268 1,32% 86.121
2004 Francisco Rodríguez 2 deputados 0,57% 1 208.688 0,81% 97.580
2008 Francisco Jorquera 2 deputados 0,57% 0 212.543 0,83% 3.855

Eleccións ao Parlamento Europeo[editar | editar a fonte]

Ano Candidatura Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1987 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 53.116 0,28% 53.116
1989 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 46.052 0,29% 7.064
1994 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 139.221 0,75% 93.169
1999 Bloque Nacionalista Galego 1 parlamentario 1,56% 1 349.079 1,65% 209.858
2004 Galeusca - Pobos de Europa 2 parlamentarios 3,7% 1 798.816 5,15% 449.737
2009 Europa dos Pobos - Verdes 1 parlamentario†† 2% 1 391.962 2,5% 406.854

† A candidatura de 2004, con Galeusca, os deputados son o de CDC e PNV. Faltaron 333 votos para o terceiro escano, que sería para Camilo Nogueira, debido á impugnación selectiva de mesas feita polo PP para evitar que o BNG tivese eurodeputado propio. Dos votos da coalición, 141.756 corresponden ao BNG, o 12,32% dos votos emitidos en Galiza[27].
†† Os votos do BNG foron 102.326, o 9,40% dos emitidos en Galiza[28].

Eleccións municipais[editar | editar a fonte]

Ano Votos en miles Porcentaxe Concelleiro(s)
1983 49 - 0
1987 61 4,53 139
1991 107 7,71 241
1995 208 13,15 428
1999 290 18,54 586
2003 325 19,41 595
2007 315 19,15 661
2011 261 16,52 590

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://praza.com/politica/2004/o-bng-chama-a-avanzar-na-soberania-nacional-algo-que-so-pode-facer-unha-forza-sen-tutelas-alleas/
  2. http://elpais.com/diario/2011/12/17/galicia/1324120695_850215.html
  3. Principios do BNG.
  4. Aymerich: 'Temos 9.000 militantes, hai que multiplicalos', A nosa Terra.
  5. http://www.bng-galiza.org/concellos/
  6. Explicación do carácter rotatorio do escano do BNG no Parlamento Europeo Consultado o 5 de febreiro de 2010.
  7. BNG dice que Fomento dedicará a Galicia 76 millones más gracias a su apoyo a los presupuestos (en castelán).
  8. La inversión "más alta de la historia" para Galicia (en castelán).
  9. O Goberno saca adiante os Orzamentos grazas ao apoio de BNG e PNV e unha abstención de UPN.
  10. A Executiva do BNG dimite ante o Consello Nacional, GZnación.com.
  11. Eleccións de delegados.
  12. Guillerme Vázquez novo portavoz nacional do BNG, Vieiros.
  13. Beiras chama a non participar na nova Executiva, A nosa Terra.
  14. Resumo da Asemblea, blog Por un BNG de futuro e con futuro.
  15. Vázquez é o novo voceiro nacional do BNG, A nosa Terra.
  16. Unos 5.300 militantes del BNG se reúnen en su décimotercera Asamblea, Europa Press, 28 de xaneiro de 2012.
  17. La reinvención del BNG, El Mundo, 28 de xaneiro de 2012.
  18. El BNG contra el BNG, El País, 23 de xaneiro de 2012.
  19. Francisco Jorquera optará a la presidencia de la Xunta por el BNG, La Voz de Galicia, 29 de xaneiro de 2011.
  20. Beiras se va tras 30 años en el BNG, La Voz de Galicia, 13 de febreiro de 2012.
  21. La dirección de Esquerda Nacionalista acuerda su escisión del BNG "sin vuelta atrás", El Faro de Vigo, 12 de febreiro de 2012.
  22. [http://www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=1102584 Mais Galiza decidirá el 11 de marzo si continuo o no dentro del BNG, ABC, 12 de febreiro de 2012.
  23. Esquerda Nacionalista anuncia su adiós, La Voz de Galicia, 12 de febreiro de 2012.
  24. Esquerda Nacionalista y el PNG acuerdan que sus bases ratifiquen la salida del BNG, El Correo Gallego, 12 de febreiro de 2012.
  25. http://bng.gal/executiva-nacional/ Composición da Executiva nacional na páxina oficial do BNG
  26. Resultados definitivos das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, no Diario Oficial de Galicia, nº. 60 do 27 de marzo de 2009.
  27. Eleccións europeas 2004: Galiza.
  28. Eleccións europeas 2009: Galiza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bloque Nacionalista Galego
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Bloque Nacionalista Galego

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]