Banco Pastor
Central do banco na Coruña. |
|
| Tipo | Sociedade Anónima |
|---|---|
| Fundación | 1776 2012 (Banco Popular Pastor) |
| Matriz | Banco Popular |
| Localización | Rúa Cantón Pequeno, 1 15003 A Coruña |
| Fundador | Jaime Dalmau Batista |
| Persoas clave | José María Arias Mosquera (presidente) |
| Industria | Banca |
| Páxina web | bancopastor.es |
O Banco Pastor é un histórico banco galego, dende 2011 propiedade do Banco Popular, e o segundo banco máis antigo de España despois do Banco Etcheverría.
Índice |
Historia [editar]
Empezou a súa actividade financeira en 1776 co nome de Jaime Dalmau y Cía.. O seu fundador foi Jaime Dalmau Batista, que ata entón xestionara o tráfico de mercancías e pasaxeiros entre o porto da Coruña e varios portos americanos a través da súa navieira. Os emigrantes tiñan por costume enviar os seus aforros a través da compañía navieira e así naceu a idea de crear o banco, que empezou a xestionar todo ese capital.
En 1819 entrou José Pastor Taxonera como novo socio da compañía. Pronto se converteu no buque insignia da compañía e levou todo o peso dos negocios. En 1826 a compañía pasou a chamarse "Dalmau y Pastor".
En 1845 José Pastor Taxonera comprou a compañía, pasando esta a chamarse "José Pastor". Tralo falecemento de José Pastor en 1853 a compañía pasou a chamarse "Pastor Hermanos", tras facerse cargo dela o seu fillo, Juan Ventura Pastor Galcerán, e os medio irmáns deste, José Pastor Horta e Francisco Pastor Horta) en 1860.
En 1868 a compañía pasou a chamarse "José Pastor y Cía." ó quedar como único socio vivo José Pastor Horta. Con el traballaba o seu sobriño, Pedro Barrié Pastor, que se incorporou como socio.
En 1877 faleceu José Pastor Horta, quedando a compañía en mans do seu herdeiro universal: Pedro Barrié Pastor, que mantivo o nome da compañía. En 1888 entrou a colaborar na compañía Ricardo Rodríguez Pastor, pasando a chamarse "Sobrinos de José Pastor". En 1915 Pedro Barrié de la Maza incorporouse como socio ó regresar da súa formación financeira en Alemaña, Gran Bretaña e Francia.
En 1925 a compañía transformouse en Sociedade Anónima e o nome cambiouse a Banco Pastor.
En 1939 Pedro Barrié de la Maza fíxose co control do banco. Baixo a súa dirección, o Banco Pastor realizou numerosas inversións, converténdose no gran impulsor do tecido empresarial de Galiza. Esas inversións tomaron carácter estatal, e o Banco chegou a contar con participacións en empresas como ASTANO, Renfe e Fenosa (fundada en 1943 polo propio Barrié de la Maza.
En 1966 Barrié de la Maza creou a fundación que leva o seu nome. Esta fundación ten como obxectivo seguir impulsando o desenvolvemento cultural e económico de Galiza, sendo na actualidade propietaria do 40% do capital do Banco Pastor.
En 1968 instaláronse nas oficinas do banco as primeiras computadoras de Bull, (dúas GE415). En 1969 a fundación financiou un computador IBM 1130 para a universidade de Santiago.
Tras falecer Pedro Barrié de la Maza en 1971, a súa viúva, Carmela Arias y Díaz de Rábago foi nomeada presidenta do Banco, sendo a primeira muller en presidir un Banco en España. Abandonou dito posto en 2001 por razóns de idade.
A presidencia foi entón asumida polo seu sobriño, José María Arias Mosquera, que tamén é vicepresidente da Fundación Barrié. José María Arias iniciou en 2001 unha forte reestruturación de todo o banco que aínda segue en marcha. A reestruturación iniciouse co lanzamento dun primeiro plan estratéxico de 2002 a 2005, cumprido con varios meses de antelación. A finais de 2005 presentouse o novo plan estratéxico, Plan Delta, que durará ata decembro de 2008. O obxectivo final destes plans é triplicar o tamaño do banco. Ata a data a marcha do banco demostra o éxito destes plans, pois o valor do Banco en Bolsa pasou dos 700 millóns de euros en 2001, a máis de 3.500 millóns en 2006.
En 2011 a crise financeira afecta plenamente o banco, que suspende os test de estrés europeos. A finais de setembro nomea a Susana Quintás para o posto de directora xeral da entidade, de nova creación, e só uns días despois anúnciase a venda do 100% das accións da entidade ao Banco Popular, que pasa a converterse no propietario da entidade galega. No acordo de compra sinálase que a marca Banco Pastor se manterá en Galicia.