Eduardo Pondal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eduardo Pondal
Eduardopondal.jpg
Eduardo María González-Pondal Abente
Datos persoais
Nacemento 8 de febreiro de 1835
Lugar Galicia Ponteceso, Galicia
Falecemento 8 de marzo de 1917 (82 anos)
Lugar Galicia A Coruña, Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe {{{cónxuxe}}}
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua Galego, castelán
Lingua {{{lingua da escrita}}}
Período Romanticismo
Movemento Rexurdimento
Xéneros Poesía
Princ. obras Os Eoas, Queixumes dos pinos, Os Pinos (himno galego)
Alma mater Univ. Santiago de Compostela
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación Escritor, médico
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
[[Ficheiro:{{{sinatura}}}|centro|150px]]
{{{web}}}

{{{notas}}}

Eduardo González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa natal de Pondal.

O derradeiro irmán de entre sete fillos nunha familia de orixe fidalga enriquecida coa emigración a América, Eduardo Pondal quedou orfo de nai ao ano de nacer, seu pai era comerciante. Estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente seu crego (Cristóbal de Lago) en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había tertulias literarias, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo, do que falan todos os historiadores da literatura galega. Foi un banquete organizado en 1856 polos estudantes liberais en homenaxe "ao terceiro estado", no que fraternizaron obreiros e estudantes. Os brindes de Aguirre e de Pondal tiveron un sentido político moi avanzado, e por eles procesounos a Audiencia da Coruña que chegou a considerar deportalo ás Illas Marianas. Desta época datan os seus textos manuscritos máis antigos, atopados no arquivo do arcebispado de Santiago de Compostela[1].

Ao rematar a carreira en 1860 exerce como médico militar da Armada Española en Ferrol. En 1861 fixo oposicións en Madrid ao corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto na fábrica militar de Trubia (Asturias), deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica retornando á casa paterna. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, no que Pondal participou con A campana d'Anllóns, o seu primeiro poema en galego que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.

Pondal apenas exerceu a súa carreira médica. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña, onde concorría á libraría de Carré, chamada a "Cova Céltica", na que mantiñan un parladoiro Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde, Evaristo Martelo Paumán, Manuel Lugrís Freire e outros. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.

No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de "Rumores de los pinos", conformará o himno galego, ao que Pascual Veiga lle porá música.

Cova de Ossian en The Hermitage, Dunkeld, Escocia

A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, oriéntase cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico quer reconquistar. A poesía de Pondal proponse renovar a historia. Como do pasado céltico non quedan máis que vagos vestixios, Pondal esfórzase en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas de Leabhar Ghabhála e polas investigacións de Murguía, e crea un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroi e o Bardo. Pero trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.

Pondal, poeta abandeirado do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra, o que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano -do cal o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858- non chegase a ver finalmente a luz en vida do propio poeta (de feito, só foi publicado, finalmente, no 2005).Trátase, non obstante, da obra que o propio Pondal e os seus correlixionarios consideraban como decisiva na súa carreira e aínda para a consolidación da propia literatura galega. Facendo nela a Colón galego -de acordo coas teses de García de la Riega, Constantino Horta...-, Pondal pretendía universalizar Galicia e, ao tempo, o idioma galego no canto dunha xesta que superase a proba dos séculos.

Eduardo Pondal faleceu na Coruña no hotel "La Luguesa" en 1917 e repousa desde entón no cemiterio de Santo Amaro.

Obra[editar | editar a fonte]

Pondal é o máximo expoñente da literatura do rexionalismo galego. Idealiza o pasado céltico de Galicia, que el imaxina libre e independente e como apenas quedan vestixios desta época, inspírase nas fontes clásicas da invasión romana, nos poemas ossiánicos de James MacPherson, nalgunhas citas do Leabhar Gabala e nas investigacións de Manuel Murguía e Benito Vicetto. O simbolismo do celtismo dentro da poesía de Pondal é claro: así como os celtas combateron heroicamente a invasión romana, os galegos deben tomar o seu exemplo e combater igualmente a opresión castelá. Ao mesmo tempo a súa poesía incorpora unha tendencia helenista, que entronca co seu afán de crear unha lírica culta. Os mitos creados por Pondal baséanse en dous arquetipos: o Heroe e mailo Bardo.

Tamén é interesante como poeta lírico. Xunto coa natureza, e as paisaxes da súa terra natal (a comarca de Bergantiños), o amor é outra das claves da súa poesía.

Actualmente a crítica feminista galega cuestionou parte da súa obra, por considerala expresión da violencia patriarcal contra as mulleres.[2] Unha parte das interpretacións afirman que Pondal distingue na súa obra dous tipos de muller: un prototipo pasivo próximo ao ideal romántico, que só serve como obxecto de adoración ou de pracer, e o prototipo da "virxe celta", a doncela guerreira capaz de morrer heroicamente polo seu pobo.

No entanto, dende a perspectiva doutros críticos, tan apreciación supón seica non trazar os límites oportunos entre a voz poética e Pondal como persoa civil. En efecto, a voz poética que aparece nos textos pondalianos non ten, necesariamente, que corresponderse co propio pensamento nin coa práctica vital de Eduardo Pondal (na cal non existen noticias de ningunha actitude especialmente misóxina). Pola contra, as expresións patriarcais teñen lóxica literaria como elementos que contribúen á verosimilitude do discurso do Bardo e por iso é polo que constitúan, máis ben, emanacións do mesmo que prexuízos ideolóxicos por parte do poeta.

Utilizou unha lingua aristocratizante, fuxindo da lingua coloquial e incorporando no seu léxico e na súa sintaxe numerosos cultismos. Para isto serviuse dos seus profundos coñecementos das linguas clásicas, remitíndose tamén en ocasións á lingua portuguesa. É famosa a súa frase no leito de morte "déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro".

Himno galego[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Himno galego.
Placa na praza Maior de Lugo

En 1890 o músico Pascual Veiga pedíralle unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña. Eduardo Pondal compuxo para a ocasión o poema "Os Pinos", cuxas dúas primeiras estrofas formarán parte da letra da melodía. Aínda que a obra non chegou a estrearse o poema aparecerá publicado ese mesmo ano nun folleto do certame, así como en varios xornais galegos da emigración cubana. En 1907 a composición de Veiga será estreada na Habana é considerada dende entón Himno de Galicia. En 1981 será legalizada como himno oficial polo Estatuto de Galicia. Dende 1935 (edición da Real Academia Galega) ese poema integrouse, xunto con outros inéditos, nas edicións de "Queixumes dos Pinos".

Significado da obra[editar | editar a fonte]

O significado político da obra de Pondal foi obxecto de moitas teorías e discusións. Por unha banda é indiscutible que apela a conceptos raciais para devolver o orgullo ao pobo galego, así como para menosprezar aos casteláns, aos que considera invasores do seu país. Malia iso o seu ideario político persoal sempre estivo máis próximo a un socialismo emerxente, como demostra a súa participación no banquete de Conxo e o seu compromiso estético coa idea da liberdade do home. Non hai que esquecer que no momento histórico no que se desenvolve a súa obra, as teorías raciais, non só non foron desacreditadas, senón que son profusamente empregadas polo romanticismo europeo como unha expresión máis do Volksgeist ("espírito do pobo" en alemán), especialmente naqueles países que vivían un conflito nacional.

Por outra banda o seu ideario en relación á cuestión territorial semellaba máis achegada a un iberismo federal cá un nacionalismo galego aínda por xurdir. Pondal expresa repetidamente o seu sentimento de irmandade co pobo portugués, e a súa simpatía polo catalanismo. Por outra banda o poema "Os Eoas" fala dunha xesta, o descubrimento do mundo, que incumbe a todos os pobos ibéricos.

Poesía[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de Eduardo Pondal

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Localizan vos textos autógrafos máis antigos de Eduardo Pondal", artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia, 1 de xuño de 2011.
  2. Misoxinia e racismo na poesía de Pondal, Autor; María Xosé Queizán, editorial, Laiovento, 1998
  3. Ficha

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ricón, Amado. Eduardo Pondal. ISBN 978-84-7154-384-4.
  • Estudos sobre Os Eoas, Santiago, Sotelo Blanco, 2005.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Día das Letras Galegas
1965
Eduardo Pondal
Sucesor:
Francisco Añón Paz