Real Academia Galega
A Real Academia Galega é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. Dende o 23 de xaneiro de 2010 o seu presidente é Xosé Luís Méndez Ferrín[1], que substitúe a Xosé Ramón Barreiro Fernández.
O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat
Índice |
[editar] Historia
O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.
En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían na Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.
Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a Guerra Civil española, que fixo silenciar a institución e levouna a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977).
Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita, trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.
Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución, namentres ca de Xosé Ramón Barreiro Fernández déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.
En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos[2] e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes[3] no Estado español[4]. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo[5] e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia[6], coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e BNG). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación[7].
[editar] Composición da Real Academia Galega
| Vicesecretario | Secretario | Presidente | Tesoureiro | Arquiveiro/Bibliotecario |
| Francisco Fernández Rei | Xosé Luís Axeitos Agrelo | Xosé Luís Méndez Ferrín | Manuel González González | Euloxio Rodríguez Ruibal |
- Vacante a cadeira deixada tras o falecemento de Antonio Gil Merino. Foi elixido para cubrila Henrique Monteagudo.
- Vacante a cadeira deixada tras o falecemento de Olga Gallego. Foi elixido para cubrila Xosé Luís Regueira.
- Vacante a cadeira deixada tras o falecemento de Francisco Fernández del Riego. Foi elixido para cubrila Xosé Fernández Ferreiro.
- Vacante a cadeira deixada tras o falecemento de Francisco Xavier Río Barja. Foi elixido para cubrila Pegerto Saavedra.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes da Real Academia Galega.
[editar] Notas
- ↑ "Don Xosé Luís Méndez Ferrín, elixido Presidente da Real Academia Galega", anuncio da Real Academia Galega, 23 de xaneiro de 2010.
- ↑ "Quen é o autor do informe da FAES?", artigo de H. Vixande n' A Nosa Terra, 26 de abril de 2009.
- ↑ "Un cómic contra o galego copia unha campaña homófoba dos Estados Unidos", artigo en El Correo Gallego, 26 de xuño de 2007.
- ↑ "Masivo apoyo de los lectores de EL MUNDO al manifiesto por el castellano", artigo en El Mundo, 24 de xuño de 2008 (en castelán).
- ↑ "A RAG critica á Xunta de Feijóo por desprotexer o galego", artigo en El Progreso, 12 de maio de 2009.
- ↑ Análise da Real Academia Galega das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, 16 de xaneiro de 2010.
- ↑ "Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!", entrevista de Beti Vázquez a Méndez Ferrín en Galiciaé, 22 de xaneiro de 2010.