A Guarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°54′N 8°52′W / 41.900°N 8.867°W / 41.900; -8.867

A Guarda
Bandeira de A Guarda---Escudo de A Guarda
Casa consistorial
Castro de Santa Trega Castro de Santa Trega
Iglesia de Salcidos

Situacion A Guarda.PNG
Situación
Xentilicio[1] Guardés/esa
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca do Baixo Miño
Poboación 10.438 hab. (2013)
Área 20,5 km²
Densidade 509,17 hab./km²
Entidades de poboación 3 parroquias
Política (2011)
Alcalde José Manuel Domínguez Freitas
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 8
Outros: 1
Eleccións municipais na Guarda
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 39,26%
Na rede
aguarda.es
aguarda@aguarda.es

A Guarda é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE no ano 2013 tiña 10.438 habitantes (5.101 homes e 5.337 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é guardés.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total (habitantes) 10.438
Menores de 15 anos 1.357 (12,98 %)
Entre 15 e 64 anos 7.051 (67,45 %)
Maiores de 65 anos 2.045 (19,56 %)
Evolución da poboación de A Guarda (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
  6.001  7.588  7.725  9.275  10.162  10.425  10.484  10.453  10.438
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

Sitúase no suroeste de Galiza, onde desemboca o río Miño. Limita co océano Atlántico polo oeste, co concello do Rosal polo norte e o leste, e ó sueste con Portugal, a través da fronteira natural do río Miño. Pódese chegar por estrada desde Tui e desde Baiona pola estrada PO-552, e desde Caminha por transbordador. Atópase a 50 km de Vigo e a 120 de Santiago de Compostela[3].

Destacan os cumios do monte de Santa Trega (341 m) e do monte Terroso (350 m).

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do concello está en gran medida condicionada polo seu emprazamento xeográfico privilexiado, ó ser un lugar estratéxico con abundantes recursos naturais. Os restos humanos máis antigos datan de hai uns 12.000 anos, atopados nas distintas terrazas do val do río Miño. Os grupúsculos de homes primitivos formaron o que se coñece como Cultura Camposanquiense, dado que foron atopados na parroquia de Camposancos, na ladeira do monte de Santa Trega.

Desembocadura do río Miño.

No neolítico (entre o 5000 a.C. e o 2000 a.C.), tivo lugar un perfeccionamento da industria lítica. O máis característico deste período son os petróglifos, gravados nas pedras con debuxos esquemáticos con gran valor documental sobre a vida desa época.

Na idade de bronce (entre o 2000 e o 1000 a.C.) comezan os contactos por mar con culturas mediterráneas, primeiro cos fenicios e, despois, cos gregos.

Castro de Santa Trega.

Na idade de ferro (primeiro milenio antes da nosa era) tivo lugar a cultura castrexa. Esta foi a etapa de maior esplendor, como se deduce do gran número de castros do lugar, destacando os da Forca, A Bandeira ou Santa Trega. Este último, datado entre os séculos I a.C. e I, situado nas proximidades do cumio do monte, supón unha das mostras máis significativas da cultura Galaico-Romana de Galiza.

A cultura castrexa foi desaparecendo coa crecente romanización. Os poboadores foron abandonando os castros e comezando a asentarse nos vales para poder cultivar a terra. Da época romana existen restos no lugar de Saa, no Castro e en Pintán. Despois do século V chegou a conquista dos suevos.

Na alta Idade Media asentáronse na comarca do Baixo Miño comunidades relixiosas cristiás en varios cenobios, sendo os primeiros referentes administrativos supeditados á diocese de Tui. Logo de varias repoboacións, o rei Afonso II concedeu o couto da desembocadura do Miño ó Conde de Soutomaior.

A partir do século XII A Guarda estivo baixo a protección dos monxes cistercienses emprazados en Oia. Nestas datas é cando se menciona por vez primeira o nome da Guarda nun documento, concretamente no ano 1195. Nos seus documentos fálase da próspera vida comercial que tiña a localidade. Nesa época fíxose un trazado urbanístico similar ó doutras vilas mariñeiras galegas, como Baiona ou Noia, con murallas en forma de triángulo, cun lado cara o mar e no vértice contrario a igrexa. A finais da idade Media a igrexa parroquial foi ampliada para adaptarse ó crecemento da poboación.

A cuestión demográfica foi determinante no século XVI coa irrupción de varias pandemias, que causaron un descenso da poboación. Con licenza de Filipe II, a casa de Soutomaior promoveu un convento da comunidade de relixiosas beneditinas independentes da casa nai de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela.

O século XVII foi crucial para a historia da Guarda, debido ás presións belixerantes derivadas da Guerra dos Trinta Anos. Construíuse o Castelo de Santa Cruz, unha praza militar conquistada polos portugueses en 1665. Con esta vitoria, A Guarda pertenceu ó Reino de Portugal durante tres anos. Daquel tempo é tamén unha pequena fortaleza situada nun pequeno illote na boca do porto, que recibía o nome de Atalaia, elemento protagonista do escudo do concello.

Solpor na Guarda.

Durante o século XIX houbo un forte descenso de poboación provocado pola emigración cara a América, especialmente a Porto Rico. Ata 1845 o concello incluíu os terreos do concello do Rosal. Na segunda metade dese século instalouse no lugar da Pasaxe un importante colexio xesuíta.

O século XX estivo marcado pola fractura social que supuxo a guerra civil. A Guarda viuse axiña tomada polo alzamento nacional, pero o conflito notouse sobre todo na represión da retagarda, con paseados, fusilamentos, campos de concentración, malleiras, extorsións e exilios.

Na actualidade, o concello sofre unha reconversión encuberta. Logo dunha época de esplendor no sector da pesca, intenta transformarse, debido á súa falta de tecido industrial, nun concello adicado ós servizos, sobre todo ó turismo. Pero este xiro económico supuxo unha nova vaga de emigración, desta volta cara ás illas Canarias. Esta problemática comporta un estancamento demográfico.

Arte[editar | editar a fonte]

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Castro de Santa Trega.

Entre os abondosos restos arqueolóxicos destaca o castro de Santa Trega. Un poboado amurallado con portas ó norte e ó sur. Nel atópanse restos do trazado viario, de vivendas, canles e depósitos de auga, fornos e outros materiais arqueolóxicos.

Posúe un museo arqueolóxico, onde se expoñen distintas elementos das diferentes culturas antigas asentadas na Guarda. Desde pezas do paleolítico (coitelos bifaces ou picos), do neolítico (coitelos pulidos, cerámica...), da idade de bronce (fouces, puñais...), da cultura castrexa (pedras labradas, cerámica e ourivaría de bronce e ouro) e da Roma Antiga (terra sigilatta, tellas, ánforas, moedas...).

Arte relixiosa[editar | editar a fonte]

O conxunto artístico máis importante está situado na Igrexa Parroquial de Santa María Asunción da Guarda, no centro da vila. Aparece documentada no século XII. Conserva elementos do románico no muro norte. A planta é de cruz latina, con tres naves e con capelas laterais (da Trindade e das Dores). No seu interior destaca a gran variedade de retablos barrocos, o conxunto de pinturas manieristas sobre táboas e o conxunto de frescos rococós. A fachada é barroca con lenzos murais brancos debido á influencia portuguesa. A fachada sur obedece a esquemas renacentistas, cun tímpano que realza unha furna cunha imaxe barroca da Virxe. O campanario é moi monumental, sendo unha fusión entre o barroco con aspectos neoclásicos.

A igrexa parroquial de Santa Isabel de Camposancos data de 1816, e a de San Lourenzo de Salcidos de 1530. Tamén existen varias capelas: a de Santa Trega (século XII), a da Virxe da Guía (século XVI), a de San Caetano (século XVIII) e a de San Roque (século XX). A capela de Santa Trega ten un Viacrucis con medallóns do escultor Julio Vicent Mengual, realizados a partir de 1922.

Outro conxunto significativo é o Convento de San Bieito, fundado en 1558. O edificio sufriu unha reforma importante no século XVIII, cunha portada barroca na porta norte da igrexa.

Arte civil[editar | editar a fonte]

Destaca a Torre do Reloxo, antiga homenaxe medieval, que foi parcialmente destruída, reerixida no século XVI. Tamén destaca o Centro Cultural, edificio de estilo rexionalista deseñado polo arquitecto Tomás Bilbao Sertucha a finais da década dos anos 20 do século XX.

Entre os monumentos de recente construción destaca o adicado ós mariñeiros nas proximidades do peirao.

Colexios[editar | editar a fonte]

  • IES A Sangriña
  • CEIP A Sangriña
  • CEIP Manuel Rodríguez Sinde
  • CEIP As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo
  • Colexio Padres Somascos (1957-) (concertado)
  • Colexio San José Hermanas Carmelitas de la Caridad (concertado)

Deporte[editar | editar a fonte]

  • Sporting Guardés Club de Fútbol.
  • Atlético Guardés (balonmán).
  • Club Ciclista Guardés.
  • A Guarda Hockey liña.
  • Club ALAGUA, Asociación de Lecer Acuática Guardesa (vela lixeira e piragüismo).
  • Club de remo Robaleira (remo en batel, trainerilla e trainera).
  • Club Pesca-sub Atalaya (pesca submarina).

Cidades irmandadas[editar | editar a fonte]

Festas e tradicións[editar | editar a fonte]

Desde 1913 celébrase a Festa do Monte, o segundo domingo de agosto. A festa culmina coa ascensión ó monte de Santa Trega. En xullo de 2009 foi declarada festa de Galicia de interese turístico [5].

Turismo[editar | editar a fonte]

A Guarda conta dende o 2010 cunha ruta homologada de sendeirismo, o PR-G 122 "Camiños do Trega", apta para o turismo de natureza. Ascende ata o Monte Trega e ten magníficas vistas da Guarda, do Esteiro do Miño e de Portugal e o Atlántico.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Galería de imaxes da Guarda.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Guarda

Camposancos (Santa Isabel) | A Guarda (Santa María) | Salcidos (San Lourenzo)

Lugares da Guarda[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de tódolos lugares do concello da Guarda vexa: Lugares da Guarda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". http://praza.gal/recurso/1263/evolucion-no-uso-do-galego-por-concellos/. Consultado o 14 de outubro de 2014.
  3. Como chegar cocello da Guarda. [[1]]
  4. http://www.farodevigo.es/comarcas/2789/guarda-santo-domingo-estrechan-lazos-partir-emigracionbr/94772.html
  5. Resolución do 16 de xuño de 2009 pola se declara festa de Galicia de interese turístico a Festa do Monte (DOG 137, de 15 de xullo) [2].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Guarda Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Baixo Miño Comarca do Baixo Miño
A Guarda
A Guarda
Oia
Oia
O Rosal
O Rosal
Tomiño
Tomiño
Tui
Tui