Ramón Suárez Picallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Suárez Picallo
Nacemento4 de novembro de 1894
Lugar de nacementoVeloi
Falecemento14 de outubro de 1964
Lugar de falecementoBuenos Aires
SoterradoCemiterio de La Chacarita e Sada
NacionalidadeArxentina e España
OcupaciónXornalista e político
editar datos en Wikidata ]

Ramón Suárez Picallo, nado en Veloi (Sada) o 4 de novembro de 1894 e finado en Buenos Aires o 14 de outubro de 1964, foi un xornalista e político galeguista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Suárez Picallo comezou a traballar na terra aos sete anos, e aos catorce acompañaba seu pai como mariñeiro. Emigrou el só á Arxentina con catorce anos. Traballou nunha farmacia, como mecanógrafo nunha oficina, vendendo pasteis, no departamento de publicidade do Trust de Tabacos e embarcado como lavacopas e reposteiro. Tivo unha activa participación na vida sindical e política. En 1917 a Revolución Rusa levouno a posicións máis radicais. En 1918 foi candidato a concelleiro en Buenos Aires e un ano despois candidato a senador pola provincia de San Juan.

Foise afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e gañar a vida en distintos oficios. Iniciouse como xornalista en La Argentina e de aí pasou a La República. Foi secretario de redacción do semanario Correo de Galicia de Buenos Aires desde abril de 1926 até o 16 de maio de 1931. Influenciado pola obra do Seminario de Estudos Galegos e as publicacións Nós e A Nosa Terra, colaborou na creación da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales, de ideoloxía republicana federal e socialista, da que chegou a ser presidente. Organizou mitins contra a ditadura de Primo de Rivera e durante varios anos a "Semana Galega" en homenaxe a Pardo de Cela. Foi secretario de redacción e colaborador asiduo do seu órgano quincenal, El Despertar Gallego. O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da revista Céltiga impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección colexiada de Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.

O 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra teatral patriótica Marola no Teatro Mayo de Buenos Aires, con música de Paz Hermo e asesoría teatral de Eduardo Blanco Amor.

Homenaxe a Suárez Picallo en Sada organizado por Manuel L. Freire-Calvelo en 1926.

En 1926 viaxou a Europa para participar no congreso anual da Organización Internacional do Traballo que se celebrou en Xenebra. Entre os seus cometidos estaba visitar Galiza como correspondente de Céltiga e contactar cos círculos políticos daquela época. O 21 de agosto falou no Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en América, acto no que foi presentado por Antón Villar Ponte, un dos fundadores das Irmandades da Fala. O 29 estas ofrecéronlle un xantar en San Pedro de Nós, un día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía en Galiza Picallo estableceu unha fonda amizade política con Antón Villar Ponte, e posteriormente coa ORGA.

De regreso a Buenos Aires, fundou unha sección da ORGA. A Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales, xunto coa ORGA, resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Pedro Campos Couceiro.

Deputados galegos de 1931. Ramón Suárez Picallo, Daniel Vázquez, Alejandro Rodríguez Cadarso, Castelao, Nóvoa Santos, Antón Villar Ponte, Poza Juncal, Otero Pedrayo e Antón Alonso Ríos.

Suárez Picallo chegou a Galiza o 4 de xuño xusto para participar o día 5 nos actos que se celebraron nos salóns do Teatro Principal da Coruña. Durante a asemblea ambos os delegados da emigración xogarían un papel moi activo. Alonso Ríos foi elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi proposto como candidato a deputado constituínte. Durante a campaña electoral percorreu unha chea de vilas e aldeas da Coruña. O 28 de xuño Picallo recibiu 55.054 votos, sendo elixido deputado.

En decembro de 1931 participou da fundación do Partido Galeguista, obxectivo este que se marcaran desde a emigración. Rapidamente Picallo se converteu xunto a Castelao na imaxe pública deste partido, pasando a liderar dentro do mesmo a corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo a que definiu a política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos partidos que posteriormente conformaron a Fronte Popular.

Picallo tivo unha activa participación parlamentaria sendo elixido membro da comisión de Traballo e Previsión. Entre as intervencións máis destacadas de Picallo estiveron a situación dos emigrantes españois na República Arxentina e a súa repatriación e o proxecto de Constitución. Nas eleccións de 1933, aínda co retroceso electoral, obtivo 78.000 votos, que non lle chegaron para ser elixido deputado. Aproveitou para facer o bacharelato no Instituto de Ensinanza Secundaria de Lugo e posteriormente a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

Fundación do Partido Galeguista, Pontevedra, 7 de decembro de 1931.

En 1934 foi detido e encarcerado, acusado de alentar a folga xeral de Asturias.

Durante estes anos Picallo foi o director d' A Nosa Terra, escribiu en Vanguardia Gallega de Lugo, foi o vicedirector de Claridad de Santiago de Compostela e dirixiu Ser, un semanario de esquerdas. Os seus artigos foron impresos por distintos xornais de cidades españolas como El Sol de Madrid, Le Humanite de Barcelona e El Ideal Vasco.

Co triunfo da Fronte Popular o 16 de febreiro de 1936, Picallo obtivo unha acta de deputado en representación do Partido Galeguista pola provincia da Coruña, obtendo 162.000 votos. Formou parte da comisión que levou o Estatuto de Autonomía de Galicia a Madrid, co que o Golpe de Estado do 18 de xullo o sorprendeu alí. O seu irmán Antonio foi paseado en Sada. Acompañou a Castelao a Barcelona e alí responsabilizouse da edición de Nova Galiza, Boletín quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de difusión do galeguismo durante a contenda civil.

Derrotada a República Picallo esperou ata o último momento para partir ao desterro. Con Marcial Fernández Vázquez dirixiuse a Darnius, o cruzamento da fronteira francesa, e desde alí ata Perpiñán. Logo trasladouse a Cherburgo, onde se embarcou no Queen Mary rumbo a Nova York.

En xullo de 1939 marchou á República Dominicana e alí exerceu durante un ano o xornalismo como director do diario La Nación. Abandonou o país cara Chile debido ás presións políticas do goberno de Trujillo. Alí comezou traballando no xornal La Opinión, para logo pasar a La Hora, órgano oficial do Partido Radical, que gobernou Chile entre 1938 e 1951, El Mercurio e El Sur da cidade de Concepción de Chile, onde tiña unha columna denominada "La Feria del Mundo". Foi a súa época máis prolífica como escritor, xa que neste período produciu o 80% da súa obra.

O 15 de novembro de 1944 participou na fundación en Montevideo do Consello de Galiza, xunto con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde e Antón Alonso Ríos. En 1954 viaxou por vez primeira a Buenos Aires logo de varios anos de exilio en Chile co obxecto de participar como figura principal dos actos programados pola Comisión Intersocietaria con motivo do 18 aniversario do Plebiscito de Estatuto de Galiza. Abandonou a Arxentina pola hostilidade do goberno de Perón. Volveu en 1956 para participar do Primeiro Congreso da Emigración Galega, que se celebrou desde o 24 ao 31 de xullo nos salóns do Centro Asturiano.

Recepción a Francisco F. del Riego na súa visita a Buenos Aires en 1954. Na imaxe, entre outros, Antón Alonso Ríos, Manuel Puente e Suárez Picallo.

En 1959 Picallo fíxose cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Buenos Aires. En 1961 comezou tamén o seu primeiro curso de xornalismo, que continuou impartindo ata 1962.

Nos últimos anos padeceu unha enfermidade cardíaca que o obrigou a ser internado. Morreu no Sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires o 14 de outubro de 1964. Foi soterrado en La Chacarita, o camposanto de Buenos Aires. En 2008 anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008[1].

Recoñecementos e homenaxes[editar | editar a fonte]

Dada a súa condición sexual, o 28 de xuño de 2016 foi a figura homenaxeada no I Día do Orgullo Galego, organizado pola librería compostelá Chan da Pólvora.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Os restos de Suárez Picallo descansan xa en Sada.". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2014. Consultado o 02 de novembro de 2008. 
  2. "Primeiro Día do Orgullo Galego dedicado a Picallo" Arquivado 03 de outubro de 2017 en Wayback Machine. (28/6/2016) Sermos Galiza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]