Cangas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°15′51.07″N 8°46′55.17″W / 42.2641861°N 8.7819917°W / 42.2641861; -8.7819917

Cangas
Bandeira de Cangas---Escudo de Cangas
Casa do concello.
Vila de Cangas.
Vila de Cangas.

Situacion Cangas.PNG
Situación
Xentilicio[1] cangués
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca do Morrazo
Poboación 26.567 hab. (2014)
Área 38,1 km²
Densidade 697,3 hab./km²
Entidades de poboación 5 parroquias
Capital do concello Cangas
Política (2011)
Alcalde José Enrique Sotelo
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 10
PSdeG-PSOE: 3
Outros: ACE 3 ; UPAC 1
Eleccións municipais en Cangas
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 32,06%
Na rede
www.cangas.org
concello@concellocangas.com

Cangas, ou Cangas do Morrazo[3], é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente e capital histórica do Morrazo [4]. Segundo o IGE, en 2014 tiña 26.567 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio é cangués, malia que tamén é común na zona dicir cangueiro/a.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Sitúase no estremo occidental da península do Morrazo, coa ría de Vigo ao sur e a ría de Pontevedra ao norte. Mentres que toda a súa franxa oeste está aberta ao Atlántico, polo leste limita co concello de Moaña e polo norte co de Bueu. O municipio formouse recentemente pola unión de cinco parroquias: Aldán, Cangas, Coiro, Darbo e O Hío.

Orografía[editar | editar a fonte]

O concello de Cangas, por ocupares o estremo da península do Morrazo, atópase sobre do relevo da parte final dun horst tectónico. A poñente a ría de Aldán rompe como unha fenda a parte occidental do municipio e illa á poñente a subpenínsula de O Hío. Nesa banda setentrional destaca o amplo val de Aldán, caracterizado pola súa fachada costeira aberta. Orientadas cara ao sur dando á ría de Vigo, tamén destacan as terras do Hío, que mostran amplos vales de suave pendente de baixada dos montes axiais do Morrazo: o val de Coiro, Cangas e Darbo, entre outros.

O relevo costeiro é recortado. Presenta varios cabos e puntas como Punta da Testada de Vilariño, Punta do Corveiro, Punta de Couso, Cabo Home, Punta Robaleira, Punta de Subrido, Punta dos Castros de Nerga, Punta da Borneira, Cabo Balea e Punta de Rodeira.

A costa litoral de Cangas entre Cabo Home e Punta Couso son a Costa da Vela, a parte alta da subpenínsula. As costas, en chairas areosas e rochosas, dan á ría de Vigo formando unha profunda enseada que penetra alternante de norte a sur meridianamente na ría, formando a ría de Aldán.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

O río Orxás nace en Castiñeiras. Recorre Castiñeiras, Orxás, Rodeiro, Remuíño, Lama e San Cibrán, desembocando na ría de Aldán. É dunha lonxitude de 3.575 m.

O rego de Donón nace en Donón. O seu leito e do Hío ata O Facho. Desemboca en estuario en Barra. Ten a vertente na ría de Vigo e un recorrido dunha lonxitude de 2.025 m.

O Saíñas nace e desemboca en Cangas, na ría de Vigo. É dunha lonxitude de 2.100 m.

O Lagares nace en Vilanova e desemboca na praia de Areabrava, na ría de Aldán. O seu réxime é regular e é dunha lonxitude de 2.100 m.

O Postillón nace en Darbo e desemboca en Punta Borneira. Ten a vertente na ría de Vigo e é dunha lonxitude de 2.240 m.

O Bouzós nace en Cangas e percorre parte de Darbo e Cangas. Remata en Rodeira. Ten a vertente na ría de Vigo cunha lonxitude de 4.925 m.

O litoral e as praias[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Praias de Cangas.

O concello de Cangas é un dos concellos cun maior número de praias dentro de Europa. Ten un total de 38, que se estenden por zonas urbanas, como é a praia de Rodeira, e polo litoral, menos urbanizado e conservado, como é no caso da praia de Barra. Na actualidade o concello posúe sete praias con Bandeira Azul[5], que é o distintivo outorgado a aquelas praias e portos que cumpren coas condicións de preservación ambiental e que dispoñen de instalacións axeitadas pola Fundación Europea de Educación Ambiental.

Nas proximidades do concello, atópanse as Illas Cíes, que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Cangas do Morrazo reivindica a propiedade das Illas Cíes, pertencentes ao Concello de Vigo, alegándose que historicamente estiveron vinculada a Cangas.

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

Cangas presenta clima oceánico atlántico propio das rías baixas, que é de temperaturas suaves con escasa oscilación térmica estacional e de precipitacións abundantes.

Conservación ambiental[editar | editar a fonte]

A paisaxe está humanizada nun grao elevado. Ten unha poboación dispersa, en vilas pouco agrupadas, e sector industrial disperso [6][7].

Historia[editar | editar a fonte]

Plano da vila de Cangas

Na aba leste do monte do Facho houbo entre os séculos X e VII a. C. un poboado de grandes dimensións. A partir do VI a. C., coa chegada da cultura castrexa, levantouse un poboado castrexo galaico na outra aba, que perdurou até o século I a. C. Na actualidade consérvase parte das murallas, o foxo e parte das construcións das vivendas. A orografía do monte está determinada pola construción do poboado.

Logo da romanización construíuse sobre o cumio do monte un santuario adicado ao deus lar galaico-romano Berobreo, activo os séculos II e IV. Hai restos de columnas que indican a existencia dun edificio.

Na zona apareceron 161 altares, no que debeu de ser un bosque de aras. Nelas adoita haber unha inscrición mencionando a súa condición de exvoto, a divindade á que vai dirixida e, ás veces, o nome de quen o adica e os motivos.

As primeiras 42 aras atopadas, en 1963, están depositadas no museo de Pontevedra e no museo Quiñones de León de Vigo. O resto das aras, 119, descubríronse en sucesivas campañas desde 2003, nas que participou un equipo de arqueólogos galegos dirixidos por José Suárez, xunto ao Instituto Arqueolóxico Alemán.

As ofrendas eran feitas por peregrinos, que subían ao monte e chantaban na terra a súa ara ou altar, unha columna de pedra labrada dedicado ao deus Berobreo pedíndolle saúde.

Eran altares humildes, a maioría de menos dun o metro de altura (os maiores de 1,7 m), con inscricións parcas e concretas: Deo lari Berobreo aram posuit pro salute.

Tralo proceso de cristianización da Gallaecia, o culto pasou a Santo André. A peregrinación continuou até a década de 1930, con cadaleitos e enfermos procedentes do sur de Galicia.

A comarca do Morrazo estivo habitada durante as ocupacións romana e xermánica pola tribo dos helenos (se ben esta denominación non debe inducir a crer que tiñan orixe grega), e pertencía ao convento Bracarense.

Na praia de Pinténs atopáronse restos dunha vila romana e de tres piscinas dedicadas á salgadura de peixe.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Paleolítico[editar | editar a fonte]

O Paleolítico en Cangas abrangue dende hai aproximadamente uns 150.000 anos até hai uns 12.000. Ten unha ocupación dende hai uns 120.000 anos, que habitaba o home de Neandertal. Eran depredadores e dedicábanse fundamentalmente a pesca, marisqueo,... xa que en Cangas non había moitos recursos para cazar. Como eran nómades tamén vivían en cabanas feitas por peles e vexetais e todos formaban unha campamento (tribo). Tamén vivían en covas que estaban preto do litoral porque o mar erosionaba as rochas. Algunhas atópanse na praia de Lagüelas, en Menduiña, Aldán.

Atopáronse restos de machadas en Coiro e Hio; en Cangas os restos mais antigos foron sobre o 120.000 a. C. Tallaban as pedras e empezaron os primeiros machados (120.000) que utilizaban para cazar.

Primeiro utilizábase tal cal pero cos avances fóronse tallando polos dous lados (biface) e tamén afiaban paus. No 500.000 a. C. empezouse a facer lume e mais adiante empezaron a facer arpóns e anzós para cazar. Tiñan Venus no interior da cova e representaba o deus o que eles adoraban. Tiña corpo de muller pero non tiña cara. En Cangas non se toparon fósiles pola acedade do solo.

Mesolítico[editar | editar a fonte]

Habita o homo Crogmagnon e está datado sobre o 4.000 a. C. Eran nómades, depredadores, seguían facendo representacións de Venus e enterraban os mortos; igual que no paleolítico só que nesta etapa facíanse micrólitos (pedras pequenas). Produciuse un gran cambio climático que supuxo o aumento de temperatura co que produciuse un gran cambio na flora e na fauna.

Neolítico[editar | editar a fonte]

No neolítico habita o home sapiens sapiens, do 10.000 ao 2.870 a. C. Nace a agricultura e a gandería e pasan de ser depredadores a produtores. Como teñen alimento pasan de ser nómades a practicar a agricultura itinerante de rozas. Cangas ao estar no litoral practicábase mais a pesca de moluscos. Cultivaban cereais sobre todo cerca do seu asentamento; isto complementábase coa gandería que fundaméntame era con ovellas, vacas e cabras. Mentres os homes practicaban isto as mulleres como tiñan que coidar os fillos dedicábase fundamentalmente a recolectar froitos, coser, cociñar,...

Aparecen os primeiros oficios: cerámica, cestería, tear,... e con eles o troco que intercambian peles, recipientes,... que deu lugar a que houbera mais aumento de poboación.

Tiñan as Venus que poñían na súa casa e enterraban os mortos en dolmens. Tamén os enterraban en mámoas, unha delas atópanse en chan de Arquiña, chan da Armada e chan da Cruz. Atopáronse un crisol de barro refractario e fragmentos de cerámica, escouras de cobre que alude un recipiente.

Idade dos metais[editar | editar a fonte]

Cobre[editar | editar a fonte]

(2.100-1.800 a. C.) Habita o homo sapiens sapiens. Nacen os primeiros poboados (xerarquización) tamén nace o comercio e con el a metalurxia. Fanse as primeiras armas, moedas, adornos, carro, barco, arao,... Enterran os mortos en dolmens, cistas e ídolos funerarios.

Bronce[editar | editar a fonte]

Aparecen sobre o 2.000 a. c. Habita o homo sapiens sapiens. Grazas os excedentes desenvolveuse o comercio e a metalurxia, fixéronse mais armas, moedas, adornos, útiles de cociña e para que se desenvolvera mais o comercio fixéronse carros, barcos, araos etc...

Enterraban os mortos en dolmens, cistas, ídolos funerarios e crían en deuses.Os restos que se atoparon foron:cidades, cerámica campaniforme, cistas, petróglifos, lavapés (O Hío, Cangas), o Fixón (O Hío), regato das Forcadas (O Hío), mesa de montes(Aldán). Os petróglifos fanse dende a idade de bronce ata a idade media e atópanse en pedras, maioría representan cervos, cabalos, espirais,etc... A maioría destes restos atópanse no museo de Pontevedra.

Ferro[editar | editar a fonte]

Datase sobre o 500 a. C. - 300 d.c. aproximadamente. Atopase restos no monte Castelo, Cunchido, Aldea Castro,...

O Facho acolleu o longo de varios séculos distintas expresións de vida: A época castrexa no Facho comeza dende o século I a.c. ata o I d.c.. Alí vivían os castrexos nos castros; as súas casas eran ovaladas, redondas e algunhas rectangulares, as súas murallas tiñan chegaban a medir 4 metros, fosos, portas, xabre,... Os seus recursos económicos fundamentalmente era a pesca xa que estaban nunha zona de costa; utilizaban anzós, redes,... do que mais se alimentaban era de marisco pero tamén se atoparon restos de osos. Tamén se atoparon telares e cuncheiros onde tiñan as cunchas do marisco.

A época do santuario estendeuse dende o século II d.c. ata o I d.c. Alí hai enterradas varias aras, cada familia facía unha e daba as súas ofrendas o deus Berobreo, so unha poñía o nome da súa filla. Había indicios de desigualdade social nas casas e cerámica pero sobre todo nas aras. Atopáronse tanques de salgadura en Nerga, vida en Pinpín, en Cangas e Rodeira. Nesa época fóronse asentar a Barra. Mais tarde fixeron unha garita que só se utilizaba para ver por onde viñan os inimigos, dar sinales de fume e de alí podían ver tódalas rías. Esta é a cultura galaico-romana.

Romanización[editar | editar a fonte]

Romanización defínese como a colonización de Galicia polo imperio romano.

Esta conquista fixo cambiar aspectos da vida nos pobos asentados nesta lonxitude, especialmente a partir do século III antes da nosa era (-III). A pervivencia do hábitat castrexo no mundo romano ven dado polo carácter depredador dos invasores. Impulsados dende Roma, interesáballes fundamentalmente o control militar, para garantir a explotación dos recursos básicos da minería, agricultura e pesca. Para nada se preocuparon da formación de municipios, nin sequera dun desenvolvemento xurídico-administrativo, tal como aconteceu noutras provincias, onde o esplendor romano alcanzou grandes niveis.

A mediados do século -VII, chegaron a Galicia pobos portadores da cultura denominada Wesentel procedentes de zonas centroeuropeas, asociadas á cultura celta. A confluencia das diferentes culturas remataron nun sedentarismo que deron orixe á formación dos castros como unidades poboacionais de economía autárquica e, os cales sábese que chegaron a ter relacións comerciais cos gregos, fenicios, cartaxineses, mongois etc...

As guerrillas ben organizadas do norte impedían a total "pacificación" Lusitania, co risco de recuperaren o territorio usurpado polos imperialistas. Para verificar a ruta do estaño e asegurarse unha viabilidade rendible, o procónsul Publio Craso, levou a cabo incursións marítimas coa finalidade de recadar a maior información posible para o equipo de César. (Anos 60 e 61) Outras moitas actividades bélicas encamiñadas a sufocar os levantamentos de guerrilleiros, resistentes á escravitude do sistema imperial Cronoloxía das máis importantes: Ano -43. Campaña de Lépido. Ano -38. Campaña de Domiciano Calvisio. Ano -35. Campaña de Norbano Flaco. Ano -34. Campaña de L. Marco Filipo. Ano -33. Campaña de Claudio Pulcro. Ano -29. Campaña de Statilio Tauro Ano -28. Campaña de Caio Calvisio Sabinio

Sobre o ano -29, en plena propaganda política, Augusto, neto de Xulio César, abre as portas do templo do deus Xano, co propósito de iniciar a definitiva ofensiva para "pacificar" ós pobos resistentes, situados ó norte de Hispania: Astures, Cántabros e Galaicos.

Chegado a Gallaecia, Augusto divide o exército en tres columnas, para atacar por tres frontes diferentes e coa finalidade de evitar a recomposicións dos exércitos autóctonos.

Dominada Gallaecia, Augusto emprende novas campañas contra os ástures, cántabros e vacceos (vascos), logrando o sometemento final. As victorias augustinas foron narradas con notable énfase en Roma, ata o punto de consideralo coma o gran conquistador da Hispania, despois de 200 anos das primeiras incursións. Casados por liñas de descendencia. A ausencia da riqueza queda reflectida na senxileza dos materiais obtidos nos xacementos, a pesar de constatarse relacións comerciais externas.

No Morrazo, non só se confirma a máxima, de que en cada parroquia atópase un castro, se non que a concentración destes poboados é superior a media galega.

Idade Media[editar | editar a fonte]

O nome de Cangas aparece por primeira vez na Historia nun documento de 1160, no que o rei Fernando II dona a "heredad" de Cangas, situada a orillas do mar, a un tal Varela, presumiblemente un cabaleiro.

En Cangas o poder da nobreza estaba representado pola fortaleza de Darbo, que desde 1184 pertencía ao arcebispo de Santiago. Situada no cumio do monte Castelo, consistía nunha cerca ou muralla, reforzada con catro bastións. No seu interior había dúas casas protexidas por unha empalizada de madeira. Aínda que a construción era bastante endeble, a súa localización facía a fortaleza difícil de atacar.

En 1467 iniciouse a Gran Guerra Irmandiña. Ao mando da irmandade da zona estaba Xoán de Fontefría, que xunto aos irmandiños da zona tomaron a fortaleza, sendo naquel momento o merino Vasco Fernández. Como era costume, a fortaleza foi destruída. Despois deste feito, as milicias de Cangas axudaron no derrocamento do castelo de Soutomaior.

cara á primeira metade do século XV os veciños das parroquias de Darbo e Coiro asentáronse nos primeiros núcleos da actual vila, nos lugares do Sinal e O Costal, para exerceren o seu oficio de mareantes no porto de Cangas.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

No século XVI construíuse a igrexa parroquial, que en 1545 pasou a ser Colexiata. Nesa época construíuse tamén o Hospital, e pasou a ser cabeza de Xurisdición do Morrazo, dotada de Rexemento (Concello), con notarios, escribáns públicos, e xuíces nomeados polo Arcebispo de Santiago, que cobraba como tributo medio dezmo a través de fieis (inspectores) propios.

O período de maior esplendor foi a segunda metade do século XVI, mercede á exportación de peixe a Portugal, portos andaluces e portos do Cantábrico. Ademais, era un punto de importación de viños do Ribeiro e de Andalucía, consumidos na vila e reexpedidos cara a portos do Cantábrico. Con esta actividade creouse un nutrido grupo de burgueses mercadores e exportadores de peixe salgado (sardiña) ou seco (polbo).

O 4 de decembro de 1617 fondearon nas illas Cíes 11 navíos corsarios turco-berberiscos. Logo de atacaren Vigo, os corsarios cruzaron a ría, desembarcando uns 1.000 homes na praia de Rodeira e en Punta Balea logo dun intenso bombardeo. Dado que daquela Cangas era unha pequena vila de pescadores, non contaba con protección. A pequena milicia non contaba con recinto fortificado nin con artillería. Malia que numerosos veciños, escasamente armados, se uniron ás tropas, non puideron cos invasores. Desde os montes veciños, os sobreviventes contemplaron o incendio da vila, incluída a Colexiata e o Hospital. Os saqueadores estiveron tres días na zona, queimando tamén a igrexa de Darbo, levando un gran botín e mesmo a ducias de persoas, que foron recluídas en Alxer.

Logo da invasión otomana, entre 1619 e 1628 o tribunal da inquisición levou a cabo unha caza de bruxas. O tormento e suplicio causado a numerosas mulleres, acusadas de bruxería, foi provocada polo empobrecemento sufrido pola pequena nobreza. Para manter o seu nivel de vida, este grupo social valeuse do Santo Oficio, para arrebatar os "dereitos de presentación" que certas persoas tiñan sobre capelas e freguesías. Este dereito era exercido polos sucesores do fundador dun templo, que podían propoñer ao seu titular cando quedase vacante e participar dos beneficios que xerase. Porén, co fin de disimular este propósito, tamén foron falsamente acusadas mulleres pobres e desamparadas, moitas delas viúvas a causa da recente invasión.

María Soliña[8] posuía dereitos de presentación en Aldán e Moaña, e foi levada a prisión en 1621. Tras sufrir tortura física e psicolóxica, a muller confesou ser bruxa desde 20 anos atrás e ter copulado co demo, que se lle presentaba en forma humana. Porén, ao mesmo tempo suplicaba clemencia, proclamando o seu arrepentimento e asegurando que nunca renegara de corazón do Noso Señor, senón só de palabra. O 23 de xaneiro de 1622 foi condenada a unha confiscación de bens e a portar o hábito penitencial durante medio ano. A súa acta de defunción non foi atopada.

Outras supostas meigas xulgadas nesa época foron Catalina de la Iglesia (que confesou matar a cinco criaturas), Elvira Martínez, Teresa Pérez ou María dos Santos.

En 1702 a vila viviu de preto outro conflito bélico, ao ter lugar na ría de Vigo a batalla de Rande, entre a flota de Indias española (19 navíos escoltados por 22 buques franceses) e unha escuadra anglo-holandesa. Ante o medo ao saqueo, que xa viviran 85 anos atrás, as maiores riquezas foron trasladadas a vilas e lugares próximos. Finalmente Cangas librouse da pillaxe, non así outras poboacións como Redondela.

As terras cultivadas pola poboación agraria eran propiedade da igrexa e da nobreza, tendo que pagar foros aos fidalgos. Cara a 1750 a actividade industrial de salgadura pasa a mans dos burgueses cataláns instalados en Bueu, con fábricas en Aldán e O Hío.

Na segunda metade do século XIX comeza a caza industrial da balea coa aparición de dúas innovadores técnicas que reactivaron a actividade: a invención e perfeccionamento do canón-lanza arpóns polo noruegués Svend Foyn, e a mellora dos buques con propulsión a vapor e casco metálico. Ata entón a caza fora artesanal, conlevando moitos máis riscos.

A comezos do século XX as salgaduras comezan a deixar paso ás fábricas de conserva. En 1939 instálase en Cangas o complexo conserveiro de Massó, que chegou a ter máis de 1.000 empregados, e que desapareceu tras entrar en decadencia na década de 1980.

A comezos do século XX establecéronse en Galiza dúas compañías baleeiras. Unha era a Compañía Ballenera Española, creada en 1914 con capital noruego, se ben non empezou a súa actividade até a fin da Primeira Guerra Mundial. Os seus inicios foron na zona do estreito de Xibraltar, abrindo a factoría de Caneliñas en 1924. A outra compañía era a Sociedad Anónima Corona, con sede en Vigo e asociada a outra norueguesa, que obtivo autorización para a caza da balea en decembro de 1923, a nome de Cipriano Roque de Careaga e Cortina. En 1924 comezou a actividade, a bordo do buque-factoría Alfonso XIII, que fondeaba na enseada de Barra e na ría de Aldán. O buque era abastecido polas capturas dos barcos auxiliares Corona I, II, III e IV.

Debido á crise provocada pola Guerra Civil e pola II Guerra Mundial a industria baleeira estivo parada. En 1951 a empresa Industrias Balleneras (IBSA) restaura a factoría de Caneliñas. En 1955 nace a empresa Balea C. B., participada a partes iguais por Massó Hermanos, Barreras e IBSA. A súa factoría, que estivo activa até 1985, foi instalada no lugar de Balea, aproveitando material da desmantelada factoría de Benzú (na actualidade en territorio de Marrocos).

Demografía[editar | editar a fonte]

Segundo datos do IGE no ano 2014 tiña unha poboación de 26.567 persoas, 13.099 homes e 13.468 mulleres [9]. 25.930 persoas de nacionalidade española e os 637 restante, de nacionalidades estranxeiras. Ten unha superficie de 38,1 km² e unha densidade de poboación de 697,29 hab./km².

A poboación nas parroquias de Cangas mostra dúas tendencias. Tres delas, Cangas, Coiro e Darbo, teñen uha media de 6500 habitantes mentres que as outras dúas restantes teñen arredor de 2.800 habitantes. Cangas ten a densidade de poboación máis elevada de todas elas, malia que só é 0,87 km². Pola contra, o Hío, que ten a maior extensión, de 18 km², conta co menor número de habitantes, un total de 2.911 [Cómpre referencia].

A taxa de natalidade é de 10,02, a taxa de mortalidade de 11, e o crecemento natural do 32. A esperanza de vida é alta, xa que o 3,66 % da poboación supera os 80 anos. A pirámide tamén se mostra como o índice de natalidade é dun 9,97 %, un índice baixo pero preto de ser moderado. [Cómpre referencia]

Censo total 2014 26.567 habitantes
Menores de 16 anos 3.968 (14.93 %) - 2.044 homes e 1.924 mulleres
Entre 16 e 64 anos 17.751 (66.82 %) - 9.005 homes e 8.746 mulleres
Maiores de 64 anos 4.848 (18.25 %) - 2.050 homes e 2.798 mulleres


Evolución da poboación de Cangas dende 1900 ata 2007 -
 1900  1930  1950  1981  2001  2004  2007  2008
  8.011   14.418   15.334   20.798   23.756   24.643   25.402   25.537
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia demográfica[editar | editar a fonte]

A poboación activa en Cangas era de 8.847 persoas no ano 1996 o que representa o 46,26 % do total da poboación, polo que se analiza na pirámide, pódese ver que o maior numero de poboación é o da poboación activa activa entre os 20 e os 65 anos. Nos últimos anos vese que en Cangas está evolucionando moito a industria e a construción. O sector terciario vai medrando cada vez máis. Mais da metade da poboación activa e o numero de parados (2.468) representaba un 28 % desa poboación. Case a metade da poboación que traballa son homes presentando un 49,3 % pero pouco a pouco vai medrando o numero de mulleres que se van incorporando. Nos últimos anos, grazas o crecemento do sector da industria, moitas mulleres incorpóranse o mundo laboral, sobre todo en fabricas de conservación de peixe. [Cómpre referencia]

Economía[editar | editar a fonte]

O centro urbano depende economicamente do sector portuario e industrial da área metropolitana de de Vigo. Aínda que o sector servizos é a actividade principal, é relevante o sector pesqueiro xa que conta cunha importante flota que opera nos caladoiros do Gran Sol e África e xeran mercado laboral no concello. O sector laboral aséntase na agricultura (patacas, legumes e vides), na gandería (vacún, avícola e porcino), a pesca (polbo, ollomol, xurelo e sardiña), e industria de conservas e o comercio. O turismo de verán é un factor importante, atraído en boa medida pola climatoloxía e o número de praias, que permiten a práctica de deportes náuticos e mantén un amplo sector gastronómíco [Cómpre referencia].

Traballo e poboación inactiva[editar | editar a fonte]

O sector servizos é o sector laboral con máis xente. A ocupación por detrás deste é sector primario, principalmente baseado na pesca e a agricultura. O restante correspóndese con sectores secundarios [Cómpre referencia]. A taxa de postos laborais por sector é:

Sector de produción [Cómpre referencia]
Sector primario 34,11%
Sector secundario 26,16%
Sector terciario 39,7%

A taxa de actividade para persoas maiores de 16 anos é dun 62%, para a poboación masculina, e preto do 50% na poboación feminina apanas chega o 50 %. A situación de empregos con poucas horas semanais explican a diferenza na relación de emprego por sexos [Cómpre referencia].

O 30% da poboación activa de Cangas está en situación de desemprego, por riba da taxa de desemprego da comunidade autónoma, que está no 18% [Cómpre referencia]. A crise do sector conserveiro da rexión, que no pasado xeraba moitos empregos, ou a estacionalidade do emprego turístico e a crises do sector pesqueiro e peche de artilleiros serían a fonte desa taxa de desemprego. Dende o 1991 ata o 1994 o numero de desempregados foi crecendo de forma constante, pasado de 1.711 a 1.971 persoas. A partir de 1994 comezou unha recuperación do mercado laboral, que fixo que o paro descendese a descendendo pero de forma leve. Iso debeuse ao movemento laboral por postos de traballo xerados pola a expansión da construción en Cangas. Ademais do sector de desemprego, hai outro a poboación inactiva é dunha taxa elevada, un 30 % aproximadamente. Nese grupo inclúense aos xubilados, discapacitados, menores de idade, mulleres que se adican a traballar na casa, entre outros [Cómpre referencia].

Política[editar | editar a fonte]

Concello de Cangas do Morrazo
Artigo principal: Eleccións municipais en Cangas.

Actualmente, o alcalde do concello de Cangas é José Enrique Sotelo Villar do PP , quen ocupa o cargo dende o ano 2011 e goberna grazas á coalición entre o PP con 10 concelleiros e UPAC con 1 concelleiro que actualmente forma parte do Grupo Mixto, Bernardino Faro Lagoa. Outras agrupacións políticas non acadaron adhesión suficiente para acceder á representación. As eleccións municipais para a elección do goberno local realizaranse no ano 2015.


Alcalde
Euloxio López Gutiérrez  ??-1999
José Enrique Sotelo - PP 1999-2007
Clara Millán - BNG 2007-2011
José Enrique Sotelo - PP 2011-
Eleccións municipais, 25 de maio de 2003[10]
Partido Votos % Concelleiros
PP 6.259 44,91 % 11
BNG 3.856 27,67 % 6
PSOE .666 11,95 % 3
FPG 967 6,94 % 1
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[11]
Partido Votos % Concelleiros
PP 5.206 30,09 % 8
BNG 3.542 24,55 % 6
PSOE 2.930 20,31 % 4
ACE 1.890 13,10 % 3

Cultura[editar | editar a fonte]

Quiosco meteorolóxico decimonónico, símbolo de Cangas.

O municipio de Cangas ten características culturais que difiren do resto das poboacións de Galicia. Hai danzas especificas que se afastan do folclore e tradición galegas.

No eido deportivo destaca a existencia dunha boa canteira de piragüistas cangueses como David Cal, gañador dun ouro e unha prata nos Xogos Olímpicos de Atenas no ano 2004[12] e de dúas pratas nos Xogos Olímpicos de Beijing no ano 2008, Carlos Pérez Rial, gañador dun ouro nos Xogos Olímpicos de Beijing no ano 2008, e Teresa Portela, campioa do mundo e de Europa en varias ocasións.

En canto a festividades, destaca a Semana Santa de Cangas, declarada de interese turístico galego.

Cangas na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • Vexo Vigo, vexo Cangas,/ tamén vexo Redondela;/ vexo a ponte de Sampaio,/ camiño da miña terra.
  • Vai chorar a Cangas!. Dito moi coñecido no sur de Galicia, referido á profesión das "plañideiras", da que as mulleres de Cangas estaban antes especializadas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Cangas.
Cangas


Parroquias[editar | editar a fonte]

As cinco parroquias de Cangas.
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cangas

Aldán (San Cibrán) | Cangas (Santiago e San Salvador) | Coiro (San Salvador) | Darbo (Santa María) | O Hío (Santo André)

Lugares de Cangas[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cangas vexa: Lugares de Cangas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". http://praza.gal/recurso/1263/evolucion-no-uso-do-galego-por-concellos/. Consultado o 14 de outubro de 2014.
  3. Concello de Cangas. "Concello de Cangas: Localización". http://www.cangas.org/localizacion_gal.php. Consultado o 19 de Marzo de 2015.
  4. Vázquez Marinelli, C. et alii: Historia de Cangas. Deputación Provincial de Pontevedra: 2007
  5. http://www.cangas.org/praias.htm Praias de Cangas, Concello de Cangas
  6. Noite Neghra. "Justificación de un Plan de Ordenación para el Municipio de Cangas, Pontevedra". http://noiteneghra.blogspot.com.es/2014/11/justificacion-de-un-plan-de-ordenacion.html. Consultado o 12 de marzo de 2015.
  7. Ecologistas en Acción. [www.ecologistasenaccion.es/IMG/pdf/banderas_negras_2006.pdf "Informe Banderas Negras 2006"]. www.ecologistasenaccion.es/IMG/pdf/banderas_negras_2006.pdf. Consultado o 12 de marzo de 2015.
  8. Ver historia de María Soliña no programa da TVG "Historias de Galicia"
  9. www.ige.eu Censo 2014 Pontevedra
  10. Eleccións municipais de 2003
  11. Eleccións municipais de 2007
  12. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/08/28/2975405.shtml?idioma=galego David Cal dobra a xesta

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cangas Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Morrazo Comarca do Morrazo
Bueu
Bueu
Cangas
Cangas
Marín
Marín
Moaña
Moaña