Clima de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O clima de Galicia sofre unha progresión entre unha predominancia do clima oceánico puro –con tendencia a un repartimento homoxéneo anual das precipitacións– a marxes climáticas que poden ser consideradas como suboceánicas e que mesmo foron caracterizadas como de tendencia mediterránea, aínda que o termo correcto sería o de subtropicalizada, xa que a estacionalidade pluviométrica en Galicia está controlada, en boa medida, pola compoñente climática subtropical.

A distribución espacial das temperaturas presenta unha variación costa-interior, relacionada coa preseza do océano Atlántico -quen ten un efecto de regulador térmico nas zonas costeiras e incluso en zonas máis interiores-, e outra norte-sur, que hai que poñer en relación co balance anual entre as compoñentes climáticas temperada e subtropical.

Elementos do clima[editar | editar a fonte]

Temperatura[editar | editar a fonte]

O territorio galego ten unha temperatura media anual ponderada de 13,3 ºC[1]. Durante o inverno a temperatura media é de 8,5 ºC, a da primavera de 15 ºC, a do verán de 19 ºC e a do outono de 11 ºC[1]. É, polo tanto, no primeiro terzo do ano (meses de xaneiro a marzo) cando se rexistran os valores máis baixos de temperatura para a maior parte de Galicia. As provincias atlánticas –A Coruña e Pontevedra– mostran temperaturas medias ponderadas anuais máis elevadas, lixeiramente superiores aos 14 ºC e da orde de 1 a 2 ºC máis altas cás de Lugo e Ourense, respectivamente.[1] Ao longo das estacións o contraste térmico é máximo para o inverno, con 2,7 ºC de diferenza entre as temperaturas medias ponderadas de Ourense e A Coruña, seguido do outono, con 2,4 ºC, e do verán, con 1,8 ºC.[1] A primavera é a estación cun menor contraste interprovincial, de 1,4 ºC, cun mínimo ponderado de 14,2 ºC en Ourense e un máximo de 15,6 ºC en Pontevedra[1]. Os valores medios normalizados van dende mínimos por baixo dos 6 ºC nas montañas das serras orientais e sudorientais (Os Ancares e O Eixo), ata máximos superiores aos 15 ºC nas áreas costeiras a baixa altitude, especialmente nas Rías Baixas[1]. En xeral as temperaturas, marcan un efecto diagonal NW-SE de diminución da temperatura,[1] é dicir, poderíase trazar unha liña dende Tui ata Ribadeo que diferenciaría dúas zonas principais climáticas en Galicia, unha con temperaturas máis suaves (a costa) e outra con temperaturas máis continentais (o interior).

Precipitacións[editar | editar a fonte]

Unha porcentaxe considerable das chuvias recollidas prodúcense no semestre outono-inverno, período no que resulta frecuente que se estableza unha anomalía negativa do campo de presión sobre o Atlántico norte. Esta situación permite o establecemento de dispositivos circulatorios, de natureza diversa, capaces de vehicular fluxos húmidos de compoñente oestesudoeste. En todo caso, hai que subliñar que a abundancia e variabilidade espacial e temporal da precipitación non pode explicarse satisfactoriamente só baixo presupostos da dinámica atmosférica, xa que o noroeste peninsular está situado no estremo meridional do percorrido habitual das perturbacións asociadas aos ventos do oeste, polo que, en teoría, os seus volumes anuais deberían ser sensiblemente inferiores aos que realmente son rexistrados. É o factor orográfico o que desempeña un papel fundamental nun dobre sentido.

Os Ancares constitúen unha barreira orográfica para as frontes que se adentran na península.

En primeiro lugar, como intensificador da descarga hídrica asociada aos sistemas frontais a través dos ascensos forzados dos relevos. E, en segundo lugar, a través da diversidade altimétrica, a orientación e a exposición dos obstáculos montañosos, como condicionantes do desigual repartimento espacial das precipitacións no conxunto do territorio galego.

Precipitacións medias ponderadas[editar | editar a fonte]

Galicia ten unha media ponderada de precipitacións de 1180 mm, con valores que van dende mínimos próximos aos 500-600 mm no val do Miño- Sil, ata máximos superiores aos 1800-2000 mm nas serras litorais (A Barbanza, A Groba) e a dorsal galega (O Suído, Faro de Avión). Segundo a época do ano as estacións máis chuviosas son, por orde, o outono -con 407 mm recollidos e o 35% das precipitacións anuais acumuladas-, o inverno -337 mm (28%)-, a primavera 280 mm (24%)- e o verán -con 156 mm (13 %)-. En xeral a distribución espacial das precipitacións no territorio galaico é bastante complexa, en parte debido á orografía galega. En conxunto é a provincia de Pontevedra a que recolle unha maior precipitación anual, seguida da Coruña e Lugo, mentres que en Ourense os valores son máis baixos.

Distribución[editar | editar a fonte]

En porcentaxe, o 25% do territorio galaico presenta medias anuais que non chegan aos 1000 mm, mentres nun 5% da superficie a precipitación é superior aos 1600 mm e tan só nun 2% é inferior aos 600 mm.

A media dominante é a de 1000-1200 mm -preto do 30% do territorio-, espallándose principalmente pola costa do norleste do país, dende o golfo Ártabro ata a desembocadura do río Eo na fronteira con Asturias. Inclúe tamén a maior parte do interior da provincia de Lugo, e algúns sectores de altitude media na provincia de Ourense. Despois atópanse os 800-1000 mm e 1200-1400 mm, cun 22% (A Terra Chá, Monforte, A Limia) e 23% (altitudes baixas e medias das provincias da Coruña e Pontevedra) da superficie respectivamente. Destaca a marcada diminución da precipitación nos sectores interiores de Galicia, relacionada co papel que cumpren as formas do relevo. Na dorsal, precipitacións superiores aos 1800 mm ocorren a altitudes medias (600-700 m), mentres que no interior estes valores só se acadan en cotas superiores aos 1500-1600 m na serra dos Ancares e por riba dos 1700 m na serra de Queixa, mentres que na serra do Eixo a precipitación anual queda moi lonxe destes valores, mesmo nas cotas máis elevadas.

Os efectos do cambio climático no clima galaico[editar | editar a fonte]

Segundo os expertos, o cambio climático en Galicia terá como consecuencia un aumento das temperaturas e unha redución das precipitacións que farán que o clima galaico se asemelle ao clima Mediterráneo, salvando a franxa cantábrica[2] Así, co cambio climático en Galicia pasaríase dunha situación de dominancia do clima mesotemperado, con pequenos enclaves mesomediterráneos nas Rías Baixas e Ourense e supratemperados nas zonas altas, a outra, na que dominaría o piso mesomediterráneo con pequenos enclaves supramediterráneos, na montaña, e mesotemperados, no cantábrico. No relativo aos pisos bioclimáticos (ombrotipos[3]), cunha dominancia case total do caracter húmido hoxe, pasaríase a unha penetración importante (no 30 % da superficie do país) do carácter subhúmido e, mesmo seco, no cantábrico. É dicir, que o clima temperado dominante de hoxe se viraría a outro mediterráneo dominante. Os cambios no clima agárdase que traian unha importancia mudanza na distribución xeográfica dos ecosistemas terrestres. Neste caso aqueles ecosistemas senlleiros determinados por un determinado enclave xeolóxico ou unhas determinadas condicións climáticas son os que máis sufriran dos efectos do quecemento global, chegando mesmo a desaparecer da xeografía galaica[4]. Co ascenso das temperaturas agárdase un incremento dos incendios que podería chegar ao 80% segundo os expertos[5]. Así mesmo as temperaturas afectará especialmente á biodiversidade galega, especialmente aos anfibios que atopan en Galicia un dos mellores hábitats da península e que co cambio climático poderían perder moitos dos seus ecosistemas chegando mesmo a extinguirse un 97% das especies[6].

En Galicia, o aumento xeral das temperaturas ten unha significativa relevancia dende a década dos 70 aumentando as temperaturas medias anuais en 0,5 graos por década nos últimos trinta anos.[7]. En canto á subida do nivel do mar, e segundo os últimos datos do estudo máis fiable que se levou a cabo ata o momento, liderado por Portos do Estado, nos vilas de Vigo e A Coruña o nivel das augas subiu uns dez centímetros nos últimos cincuenta anos.[7] Entre outros, o cambio climático podería afectar tanto á agricultura coma a pesca, sectores estratéxicos da economía galega, sen contar os cambios no ciclo biolóxico das especies que viven no país. Segundo estudos realizados pola consellería de medio ambiente, o aumento da temperatura está a afectar á floración e caída de follas das especies vexetais e á aparición ou emigración das aves.[8] O mesmo estudo amosou que as bolboretas inician o seu voo con seis semanas de antelación e as abellas polinizan ata 55 días antes. Así mesmo, as andoriñas aparecen quince días antes que fai trinta anos e a súa emigración atrásase dúas semanas[8].

Influencia sobre os ecosistemas terrestres e acuáticos.

Notas[editar | editar a fonte]

  Historia de Galicia   •   Demografía de Galicia   •   Economía de Galicia   •   Agricultura de Galicia   •   Pesca de Galicia   •   Xeografía de Galicia   •   Clima de Galicia   •   Lingua galega   •   Cultura de Galicia   •   Arte de Galicia   •   Gastronomía de Galicia