Ortigueira
Coordenadas: 43°40′59″N 7°51′0″W / 43.68306°N 7.85°W
| Ortigueira | |
|---|---|
| Costa de Ortigueira. | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | ortigueirés - urticariense |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia da Coruña |
| Comarca | Comarca do Ortegal |
| Poboación | 6550 hab. (2012) |
| Área | 210,0 km² |
| Densidade | 31,19 hab./km² |
| Entidades de poboación | 22 parroquias |
| Capital do concello | |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Rafael José Girón Martínez (PPdeG) |
| Concelleiros | BNG: 0 PPdeG: 7 PSdeG-PSOE: 6 Outros: - |
| Eleccións municipais en Ortigueira | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 87,6% |
| Páxina web oficial | |
| www.concellodeortigueira.com | |
Ortigueira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2012 tiña 6.550 habitantes (6.871 no 2010, 7.376 no 2006, 7.697 no 2005, 7.830 no 2004, 8.022 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ortigueirés» ou «urticariense».
| Evolución da poboación de Ortigueira (desde 1900 ata 2012) | |||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 |
| 18.426 | 20.614 | 21.801 | 16.443 | 7.830 | 6.550 | ||
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||
Índice |
Xeografía [editar]
O Concello de Ortigueira ten 214,9 km², sendo a súa densidade cercana aos 40 habitantes por km². Conta con 22 parroquias.
A vía principal de comunicación é a estrada C-642, que provén de Ferrol e atravesa o concello polo norte, a partir da cal se organizan o resto das estradas. Tamén pasa o camiño de ferro de vía estreita de Ferrol a Xixón.
Ortigueira sitúase entre a serra da Capelada ao oeste e a serra da Coriscada e a serra da Faladoira ao leste. O relevo, consistente en materiais de lousa, vai baixando cara á ría de Ortigueira. Estas aliñacións actúan como divisoria de augas entre os afluentes do río Sor e os que verten directamente na ría de Ortigueira (Mera, Baleo, Maior, etc.), que son curtos e teñen unha pendente forte.
A temperatura media é de 12,9 °C, con mínima en febreiro e máxima en agosto; a amplitude térmica é escasa, non chegando aos 9 °C. A choiva é de arredor de 1.000 mm. O relevo produce un efecto de barreira á entrada dos ventos dominantes, o que aumenta a pluviosidade, mentres que na parte central do concello apenas se superan os 850 mm, ben que o número de días despexados sexa reducido.
Poboación [editar]
| Censo Total (Habitantes) | 6.550 |
| Menores de 15 anos | 435 (6.64 %) |
| Entre 15 e 64 anos | 3.862 (58.96 %) |
| Maiores de 65 anos | 2.253 (34.66 %) |
Historia [editar]
Consérvanse restos do Megalítico. Segundo o historiador romano Plinio o Vello (século I), nesta zona habitaban os arroni, que chamaban ao seu territorio Arrós (este topónimo utilizábase no século XII para designar unha demarcación eclesiástica). Ptolomeo (século II) denominou este territorio como Lapatiancorum ou Trileuco, "tres brancos", en posíbel referencia aos Aguillóns de Cabo Ortegal, lugar no que residían os lapatiancos.
O nome "Ortigaria" aparece na Idade Media, nunha relación de terras incluídas no condado de Montenegro, un dos once que constituían a diocese de Lugo, no reino de Galiza. No 929, o rei galaico Afonso IV puxo as terras de "Orticaria" baixo o mando dun dos seus sobriños, Gutiérrez (pai de San Rosendo).
A vila de Ortigueira constitúese como tal no século XIII, cando Afonso X lle concede o Foro de Benavente. Nel disponse a construción dun porto e concédeselle unha feira anual. O 15 de novembro de 1442, Ortigueira convértese en condado baixo Diogo Pérez de Sarmiento. En 1883 pasou a facer parte da provincia da Coruña e desde 1945 conta con xulgado comarcal.
En 1988 cinco parroquias da beira occidental da ría (Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi) escindíronse para constituír o concello de Cariño.
Goberno municipal [editar]
- Artigo principal: Eleccións municipais en Ortigueira.
Nas eleccións municipais de 2007 o PPdG acadou de novo a maioría absoluta, con 8 concelleiros, manténdose coma alcalde Antonio Campo. O PSdeG acadou 3 concelleiros, e o BNG 2. Porén, poucos meses despois, en outubro de 2007, Campo optou por abandonar a Alcaldía e adicarse por completo aos seus negocios persoais, que nunca deixara por completo durante a súa traxectoria política. Rafael Girón pasou a ser o novo alcalde.
Economía [editar]
Na montaña atópase unha economía agraria tradicional en retroceso acompañada de despoboamento. A poboación estase a concentrar na costa. No ano 1940 o concello chegou a contar con 22.152 habitantes e desde entón a emigración e o crecemento vexetativo negativo.
En 1988 produciuse un descenso estatístico da poboación pola escisión citada anteriormente; debido a isto, a poboación pasou de 15.053 en 1986 a 9.925 en 1991.
Case o 40 % da poboación dedícase ao sector primario e algo menos aos servizos. Naquel destaca o aproveitamento do bosque (que ocupa máis do 62% do territorio), a pesca (fundamentalmente en Ladrido e Ortigueira), a agricultura de autoconsumo e a gandería (leite nas zonas baixas e carne nas altas). Pouco máis do 10% da poboación traballa na construción e algo máis na industria (lousa e materiais de construción; desapareceron as conserveiras).
Cultura [editar]
En Ortigueira celébrase a segunda fin de semana de xullo o Festival Internacional do Mundo Celta anualmente desde 1978 (con algunha interrupción nos primeiros anos). Na actualidade o festival cambiou o seu nome oficial polo de Festival de Ortigueira, acollendo músicas de tipo folk alleas aos límites iniciais dos países celtas.
Patrimonio [editar]
Da prehistoria resaltan o dolmen de Forno dos Mouros (Couzadoiro) e os castros próximos ao mar. O convento de San Domingos de Ortigueira é orixinariamente do século XIV, se ben o edificio actual é do século XVIII. Nel está a igrexa de Santa Marta, iniciada en 1776 e, desde 1849, igrexa parroquial, e a sede e oficinas do concello.
O Teatro da Beneficencia situado no mesmo edificio do convento, conta con frescos realizados en 1892 por Vicente Martínez. De entre os pazos destacan o de Brandariz, que pertenceu aos Ponce de León, o de Riomaior (Senra), Rasamonde (Espasante), O Souto (Mera), Lagarea (Cuíña) e Couzadoiro (Couzadoiro). O antigo hospital de San Roque, construído en 1885 acolle hoxe a diversas asociacións. O antigo Escolar, deseñado por Julio Galán en 1909 contén a biblioteca municipal e o arquivo municipal, ambos os dous con instalacións recentemente renovadas.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de Ortigueira.
Parroquias [editar]
Lugares de Ortigueira [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ortigueira vexa: Lugares de Ortigueira.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
Véxase tamén [editar]
| Concellos da Comarca do Ortegal | ||||
|---|---|---|---|---|
Cariño |
Cerdido |
Mañón |
Ortigueira |
|