Pataca

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Pataca
Patacas
Patacas
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Solanales
Familia: Solanaceae
Xénero: 'Solanum'
Especie: ''S. tuberosum''
Nome binomial
''Solanum tuberosum''
L.

A pataca ou baloca[1][2] (Solanum tuberosum) é unha planta da familia das solanáceas, cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestible.

O tubérculo é orixinario do continente americano, pero o seu lugar de orixe exacto non está definido claramente[3].

Con frecuencia adóitase citar como endémica dos Andes nunha área que coincide aproximadamente co sur do Perú[4], onde foi cultivada e consumida polo menos dende o VIII milenio adC [5], porén dende fai séculos a planta é cultivada noutras latitudes dando lugar a diversas variedades de patacas.

En Galicia a maior zona de producion do tubérculo é a comarca da Limia, de cuxo comercio procede a principal fonte de ingresos da comarca. En Vilalba (Terra Chá) e Coristanco (Bergantiños), cultivan a pataca como complemento dos ingresos da actividade agraria e do autoconsumo, resultando un produto de grande sona e calidade en feiras e mercados.

Índice

[editar] Etimoloxía

A palabra galega pataca vén do castelán patata. A Real academia española di que á súa vez a palabra castelá é un cruzamento léxico do Taino batata (pataca doce) e a palabra Quechua papa (pataca). Isto indica probablemente que nun principio pensouse que a pataca era unha variedade da batata, malia non gardar ningún tipo de parentesco entre ámbalas dúas plantas. Ademais de pataca, en moitas zonas de Galicia chámaselle "castaña"," castaña de terra" ou "castaña da mariña", seguramente debido a que as propiedades alimentarias eran semellantes ás da castaña, desprazando o consumo do froito do castiñeiro[6].

En moitas linguas, a palabra pataca provén de tartufoli, denominación italiana que se lle deu á pataca pola súa semellanza coa trufa (en italiano tartufo). Así pódense atopar noutras linguas palabras derivadas da verba italiana como Krompir no esloveno, картоф (kartof) no búlgaro, картофель (kartofel) no ruso e Kartoffel no alemán.

Noutras linguas o nome común para o tubérculo é "mazá de terra": pomme de terre en francés, aardappel en neerlandés, תפוח אדמה en hebreo (a miudo escrito como פוד), e Erdapfel no alemán austríaco. Na lingua finesa existen un termo semellante para a pataca, a cal é chamada peruna, termo que provén do antigo sueco jordpäron "pera de terra". Durante o século XVI, o termo francés pomme de terre foi traducido literalmente a outras linguas conforme a introdución da pataca espallouse por toda Europa. Na lingua polaca a pataca chámase ziemniaki, ovak zemiak en eslovaco.

[editar] Orixe

Follas e flores da pataca
Rueda de los alimentos.jpg
Alimentos

Pan - Pasta - Queixo - Arroz
Carnes - Sopas - Peixes - Mariscos
Auga - Leite - Patacas - Vexetais - Mel - Viño - Verduras - Froitas - Hortalizas - Legumes - Especias - Outros ingredientes
Receitas de cociña

Cociñas rexionais
Asia - Europa - Caribe
Sudeste asiático - Latino américa
Oriente medio - Norte de África - África - Galiza
Categoría: Gastronomía
Técnicas de preparación rexionais
Técnicas - Utensilios
Pesos e medidas
Vexa tamén:
Chefs famosos - Cociñas - Comidas diarias
Wikibooks: Cookbook
Planta

Cultivada no Perú desde o VIII milenio adC, o berce da pataca estivo na fronteira peruano - boliviana pero a man e intelixencia incaicas tiveron moito que ver na multiplicación das súas variedades. Foron tamén eles os que desenvolveron a técnica para deshidratala, e apreciárona máis porque resiste moito tempo de almacenamento.

Segundo Santiago Antúnez de Mayolo, os poboadores do Imperio inca comían as patacas coa casca, porque estaban convencidos de que pelalas provocaba nelas un terrible pranto.

Cando os conquistadores chegaron a Sudamérica, ao principio rexeitaron o tubérculo, porque crían que se trataba dun vexetal velenoso. Esta non sería a única acusación á que se enfrontarían as patacas, das que se dixo que eran fonte de luxuria, de lepra e doutras desordes e enfermidades. Os escoceses negáronse inicialmente a comela polo simple feito de non a atopar mencionada na Biblia.

A pataca foi introducida en Europa en 1573, e cara finais do século xa era un alimento común en Italia, Alemaña, Polonia e Rusia. Non en Francia onde só a beleza das súas flores permitiu que permanecese. Segundo se di, María Antonieta converteunas en adorno favorito para o seu cabelo. Hoxe a pataca é un dos cultivos máis importantes do planeta.

O cronista Pedro Cieza de León, contemporáneo de Francisco Pizarro, describiuna en 1550 e crese que foi el quen a trouxo a España en 1554 como achado. En 1573 cultivouse no Hospital de Sevilla para alimentar os enfermos. Chegou a Roma no 1588; o naturalista Charles de l’Ecluse descríbea coma unha “pequena trufa” ou "tartuffoli". Seica foi levada a Inglaterra, desde a costa de Colombia, por Thomas Hariot cara a 1586, e máis tarde comezou a cultivarse en Irlanda aló polo século XVII. Neste século Europa sofre duras invernías que minguan a produción agrícola e a poboación sofre os estragos da fame. Isto incrementou a aparición das enfermidades e as guerras, reducindo sensiblemente a man de obra activa para o traballo agrícola. Estas dificultades prolongáronse durante o século XVIII, xerando a inestabilidade social e política de Francia. Neste contexto de fame e precariedade creouse a lenda en torno ao farmacéutico Antoine Parmentier, a quen se atribúe desacertadamente a popularización do consumo da pataca.

A variedade da pataca medrou de xeito exponencial debido á hibridación dende o descubrimento deste tubérculo pola cultura occidental.

[editar] Descrición

S. tuberosum é unha planta anual, de talo erecto, que pode medir ata 1 m de altura. As súas follas son compostas, con 7 foliolos de forma lanceolada, con graos variables de pilosidade. As flores teñen forma de estrela e os seus pétalos están fusionados. A cor da flor pode ser branca, rosada ou violeta co centro amarelo. O seu froito é unha baga verde, de forma semellante a un tomate pero moito máis pequeno, que contén no seu interior unhas 400 sementes. A parte que se consome é un tubérculo, é dicir, un engrosamento subterráneo dos talos que serve para almacenar sustancias de reserva.

Os tubérculos están cubertos por unha exoderme que aparece ao romper a epiderme que vai engrosándose co tempo. Sobre a súa superficie existen "ollos", afundimentos para resgardar as xemas vexetativas que orixinan os talos, que están dispostas de forma helicoidal. Ademais, hai orificios que permiten a respiración, chamados lenticelas.

[editar] Condicións de cultivo

As condicións de cultivo varían dependendo da especie e da variedade, pero en xeral dáse mellor en terras con alto contido en humus. A temperatura adecuada varía entre os 10 e 25 °C. Non soporta temperaturas inferiores aos 0 °C e a xeada quéimaa a -5 °C. No seu lugar de orixe, Perú, este tubérculo plántase en altitudes de ata 4.200 metros. Perú é o país que máis variedades ofrece, cerca de catro mil.

A produción anual a nivel mundial estimouse en 300 millóns de toneladas (ano 2000). China converteuse no maior produtor de pataca ao desaparecer a Unión Soviética.

[editar] Composición

Tendo en conta que a composición sofre variacións dunhas especies a outras (e tamén depende da terra de cultivo), a pataca componse aproximadamente dun 75% de auga, 2% de substancias nitroxenadas, 0,15% lípidos, 20% de fécula e 1% de celulosa. En determinadas condicións, a pataca acumula un alcaloide, chamado solanina, que lle dá un sabor amargo e unha coloración verdosa. Esa parte verde débese eliminar, pois non é saudable.

[editar] Outros usos

  • Vodka
  • Chuño: subproduto da pataca que se obtén por conxelación.

[editar] A pataca na cultura popular galega

Se na noite de San Xoán se deixa na ventá unha pela de pataca, á mañán seguinte estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o nome do futuro marido.

Para alivia-la dor das queimaduras ou das cordaduras dos pés ou mans, é bo poñer cataplasmas feitas cos vástagos novos da rama da pataca ou feitas coa pulpa cocida.

  • Polo que teño probado/ o comer fai o carauter,/ despois de comer patacas/ non vin de bo xenio a naide.

[editar] Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes sobre a pataca de Galicia

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais