Francisco Asorey
| Francisco Asorey | |
|---|---|
| Francisco Asorey González | |
| Nacemento: | 4 de marzo de 1889 Cambados, Pontevedra |
| Falecemento: | 2 de xullo de 1961 Santiago de Compostela, A Coruña |
| Ocupación: | Escultor |
Francisco Asorey González, nado en Cambados o 4 de marzo de 1889 e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.
Índice |
[editar] Traxectoria
Estudou no colexio dos salesianos en Sarriá (Barcelona) e logo foi como profesor de debuxo ao que tiñan en Barakaldo (Biscaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entra en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agrada moito, alí coñece e fai moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empeza os seus primeiros traballos artísticos de importancia.
En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas "Picariña", "Naiciña", "O Tesouro", "Ofrenda a San Ramón", "San Francisco" (1ª medalla da Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid) ou "A Santa".
Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Alí fixo os grandes monumentos de Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Tanxil... A represión da Guerra Civil lévalle a moitos dos seus amigos (como Camilo Díaz Baliño) e el vive eses anos nun plano discreto; adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe pero tamén afronta encargos de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o Monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o Monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da Igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.
[editar] Obra (selección)
- Naiciña (1922). Perdida
- O tesouro (1924). Familia Luca de Tena, Madrid
- A Santa (1926). Centro Galego de Montevideo
- San Francisco (1926), Museo Provincial de Lugo.
- Monumento a San Francisco, Santiago de Compostela (1926-1930).
- Monumento a García Barbón, Vigo (1926).
- Monumento ao aviador Joaquín Loriga, Lalín, Pontevedra (1933).
- Monumento a Curros Enríquez, A Coruña (1934).
- Altar do Panteón do Centro Galego de Bos Aires (1944). Cemiterio da Chacarica
- Monumento ao Sagrado Corazón, Cuntis (1945).
- Monumento ao Padre Feijóo (1947), Mosteiro de Samos, Lugo
- Cristo da Igrexa de Santa María de Moiá (1952), Barcelona
- Monumento ao alcalde López Pérez(1958), Lugo
- Monumento a Ramón María Aller(1959), Lalín
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Francisco Asorey.
-
Casa natal, Cambados.
-
Monumento de Asorey a Curros Enríquez nos Cantóns da Coruña.
-
Monumento a Eduardo Cabello en Bouzas, Vigo.
-
A García Barbón, en Vigo.
-
Monumento a Cabanelas, Pontevedra
-
Retrato do violinista Manuel Quiroga, Pontevedra
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Ramón Otero Túñez (1959), El escultor Francisco Asorey, Santiago de Compostela. Universidad de Santiago.
- Varios (1989), Centenario Francisco Asorey, Santiago de Compostela. Museo do Pobo Galego. ISBN 84-600-7304-1.
- Vázquez Xil, Lalo (1998), Historia dos Monumentos de Vigo, Vigo: Concello de Vigo, Concellería de Cultura, Educación e Muller. ISBN 8487636248.