Tui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°2′53.04″N 8°38′40.02″W / 42.0480667°N 8.6444500°W / 42.0480667; -8.6444500

Tui
Escudo de Tui
Tui Miño 060415.jpg

Panorámica do casco vello.
Situacion Tui.PNG
Situación
Xentilicio[1] tudense
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca do Baixo Miño
Poboación 17.230 hab. (2012)
Área 68,3 km²
Densidade 252,27 hab./km²
Entidades de poboación 12 parroquias
Capital do concello Tui
Política (2011)
Alcalde Moisés Rodríguez Pérez
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 2
Outros: AT - 3; Converxencia XXI - 1
Eleccións municipais en Tui
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 86,36%
Na rede
concellotui.org

Tui é un concello galego da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño da que é capital. Tui foi a capital dunha das sete provincias de Galicia até 1833, da provincia de Tui. Segundo o IGE a súa poboación en 2010 era de 17.306 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é tudense.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Entre os monumentos de Tui destaca a catedral, de estilo románico e gótico, que comezou a construírse en 1120, e na que é salientable a portada occidental datada arredor de 1225 e que é a primeira obra gótica da Península Ibérica

Historia[editar | editar a fonte]

Da prehistoria á romanización[editar | editar a fonte]

A zona de Tui foi habitada desde a prehistoria, a xulgar polos sitios arqueolóxicos encontrados durante a construción da autovía a Vigo, xusto no límite co concello do Porriño, datados no paleolítico inferior.

O fértil val do río Miño e as súas condicións naturais permitiron acoller no territorio tudense asentamentos humanos desde tempos remotos. Consérvanse vestixios da época paleolítica (hai 22.000 anos) das terrazas fluviais do Miño e do río Louro; tamén de época neolítica (hai 7.000 anos), coma a machada de Carrasqueira (Paramos) e monumentos megalíticos (Anta, Areas). A introdución da metalurxia hai 6.000 anos deixou testemuños, coma o casco de bronce ou as machadas de Caldelas de Tui (hoxe no Museo Diocesano tudense) ou os gravados rupestres de Randufe.

Na época castrexa (séculos VIII-VII a. C. a I d. C.) construíronse poboados estables e fortificados nos cumios dos montes e outeiros, os castros. Os autores da época sinalan a Tui (Tude) como capital do grupo xentilicio dos Grovios. No cumio do monte Aloia, Cabeza de Francos (Pazos de Reis), A Guía (Randufe), Alto dos Cubos e na mesma localización actual da cidade está documentada a existencia de poboados castrexos.

A chegada de Décimo Xunio Bruto e as súas tropas no ano 137 a.C. marcaron o inicio da romanización deste territorio.

Ata o século XX foi tradición subir, nas rogativas, ó patrón local ata a pedra do sol, no alto do monte Aloia, que desde 1900 ten enriba unha cruz de pedra.

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

A romanización trouxo unha época de paz que permitiu ós habitantes da zona abandonar os castros e poboar as terras baixas próximas ó río Miño.

As fontes clásicas (coma Plinio o Vello, Ptolomeo ou Silio Itálico) documentan a existencia do Castellum Tude e da fundación mítica da cidade polo heroe grego Diomedes, fillo do heroe Tideo (de aí o nome Tui). Son moi abundantes os achados da época romana no territorio tudense, destacando sobre todo os da zona de Santa Eufemia-San Bartolomé, con varias necrópoles escavadas, así como a propia cidade de Tui, que era unha das mansións da vía XIX, do itinerario de Antonino, como testemuñan os miliarios e outros restos atopados.

Non quedaron moitos restos visibles desa época, aínda que si se documentaron en distintas escavacións. Por Tui pasaba a vía romana XIX, que unía Braga, Lugo e Astorga. Desta vía consérvase un miliario no museo de Pontevedra.

No Baixo Imperio e nos primeiros tempos medievais Tui continuou sendo un importante centro militar, administrativo e relixioso, documentándose a súa sé episcopal desde o século V. Figura como capital do reino co rei suevo Requimundo (458-463), e varias moedas da época foron cuñadas na ceca tudense, que continuou funcionando aínda despois da integración da conquista polos visigodos (585). Baixo o lousado da igrexa de San Bartolomé de Rebordáns achouse unha necrópole sueva (onde é de destacar a tapa dun sarcófago de "estola" tipicamente suevo co nome de "Modesta"). A uns cen metros atópase a ponte romana sobre o río Louro. O rei godo Vitiza tivo a comezos do século VIII a súa corte e pazo en Tui, no lugar de Monterreal-Pazos de Reis. Isto debeuse a que a corte de Toledo era perigosa para os príncipes máis novos, polo que eran enviados a Tui para os manteren afastados das intrigas de pazo. No ano 711, cos musulmáns xa ás portas de Toledo, Vitiza asumiu o goberno da Hispania visigoda desde Tui, converténdoa en capital provisional do reino.

Idade media[editar | editar a fonte]

Pouco despois Tui sufriu a invasión dos árabes, que asolaron a cidade. Foi liberada por Afonso I de Asturias no 739. No 850 Ordoño I mandouna repoboar, e no 915 Ordoño II restaurou a sé episcopal.

Coa caída do imperio comezou a etapa de maior importancia histórica de Tui. Os seus bispos aparecen nos concilios de Braga, e deixan sentir a súa influencia nunha zona moi ampla, tanto ó sur como ó norte do Miño.

Nesa época os ataques normandos saquean Tui de novo. A sé episcopal queda vacante ata o ano 1071, cando o rei García e dona Urraca restauraron e dotaron novamente a sé, que se instalou no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns, cunha igrexa datable no século IX, aínda que con vestixios anteriores.

Recuperou o seu esplendor ó converterse en capital da provincia de Tui do reino de Galicia e nun posto estratéxico na beira do río Miño, tanto para a guerra coma para o comercio. Este esplendor viuse aumentado no século XII, xunto con toda a franxa norte da península, ata o río Douro.

Na primeira metade do século XII tivo lugar un feito transcendental, o nacemento de Portugal como reino independente de Galiza e Castela. Nesa época o río Miño adquiriu o seu carácter de fronteira natural.

Coa independencia do reino portugués, Tui foi escenario, ó longo dos séculos, de múltiples acontecementos bélicos relacionados coas loitas fronteirizas. En 1170 Fernando II mandou desprazar a poboación tudense desde a zona de San Bartolomeu á actual localización da cidade (que era un outeiro con viñas propiedade do bispado), dotándoa dun sistema amurallado, do que aínda se conservan diversos tramos, e concedéndolle un foro e privilexios ós poboadores de San Boaventura, nome co que pretendía designar á nova cidade, pero que non prosperou.

Os monarcas, tanto casteláns como portugueses, apoiaron á sé tudense con importantes doazóns. O bispo era o señor da cidade e do seu coto, e Tui experimentou un importante desenvolvemento socio-económico e cultural. Así, en 1225 foi consagrada a Catedral de Santa María, construída en estilo románico e cunha portada expresión do primeiro gótico de Galiza. O seu claustro é algo máis tardío. Do mesmo estilo gótico é tamén o convento de San Domingos.

Nos séculos medievais Tui era un importante centro comercial, cun dinámico porto fluvial. Contaba con diversos gremios e unha comunidade xudía con sinagoga. Era lugar de paso da vía portuguesa do camiño de Santiago, dispoñendo dun hospital para os peregrinos. No actual casco histórico, que ocupa unha superficie dunhas 10 hectáreas, consérvanse numerosas edificacións de época medieval (especialmente do século XV, cos seus característicos arcos conopiais) e moderna (moitas delas brasonadas).

Idade moderna[editar | editar a fonte]

En 1623 a cidade recibe o título de Moi Nobre e Moi Leal, ó que en 1885 se lle engade o de Excelentísimo Concello.

En 1640, con ocasión das guerras con Portugal, amplíanse as murallas medievais, adaptándoas ós novos sistemas defensivos. Ata 1833 Tui foi unha das sete capitais do Reino de Galicia, e nela se celebraron as Xuntas do Reino de Galicia en 1664. A esta época corresponde a construción do convento das Clarisas ("Encerradas"), de San Antonio (San Francisco) e a igrexa de San Telmo.

Idade contemporánea[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Guerra civil no Baixo Miño

O sistema de foros continuou manténdose ata o século XIX. Por esta razón era imposible a transformación á agricultura capitalista. Os contratos de foros terminaron en 1926 coa aprobación dunha lei que permitía ós campesiños acceder á propiedade da terra que traballaban tras un pago dunha indemnización ós aforadores.

Outro fenómeno transcendente durante os séculos XIX e XX foi a emigración cara a América primeiro e a Europa despois.

Durante a guerra civil española Tui foi a última cidade galega en caer en mans do bando nacional. A resistencia republicana organizou a última contenda no lugar da Volta da Moura, e esa condición de ser a última resistencia custoulle a Tui unha represión feroz.

Casa do Concello

Na actualidade Tui e a comarca do Baixo Miño están realizando un proceso de modernización no ámbito da industria, a agricultura, e os servizos.

Desde a aprobación da constitución española de 1978 a cidade tivo os seguintes alcaldes:

Transportes e mobilidade[editar | editar a fonte]

Tui é unha cidade ben comunicada tanto por terra, mar e aire. A ela chega a autoestrada AP-9 e a estrada N-550, que percorren o corredor do Atlántico ata o norte de Galiza. Cara ao sur tamén está ben comunicada a través de autoestradas en dirección a Porto.


Conta con dúas estacións de ferrocarril. A estación central enlaza con Vigo e con Portugal a través da Ponte Internacional, e a estación de Guillarei é a última parada na provincia de Pontevedra do TALGO que enlaza con Madrid-Chamartín. Nela parou o rei Afonso XIII de camiño a Vigo.

A cidade está a 25 quilómetros do aeroporto de Peinador, que ten voos nacionais e internacionais.

O río Miño é navegable ata a cidade.

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación de Tui variou ó longo da historia dependendo de factores externos e internos, coma as crises e consecuentes emigracións do século XIX, a guerra civil, ou o auxe do comercio con Portugal. Esta foi a súa evolución, segundo datos do INE:

Evolución da poboación de Tui -
 1877  1887  1897  1900  1910  1920  1930  1940  1950  1960  1970  1981  1991  2001  2004  2006  2009  2010  2011  2012
12.039 11.462 11.524 11.631 12.907 13.484 12.602 14.012 13.738 13.331 13.189 15.076 15.242 16.042 16.303 16.948 17.262 17.306 17.236 17.230
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Censo Total (Habitantes) 17.230
Menores de 15 anos 2.639 (15.31 %)
Entre 15 e 64 anos 11.322 (65.71 %)
Maiores de 65 anos 3.269 (18.97 %)

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Pola súa proximidade ó mar dispón de abundante marisco, pero destacan os produtos que ofrece o río Miño, sobre todo a angula, que se pesca ata a desembocadura do río. A Festa da Angula celébrase coincidindo coas festas patronais de San Telmo.

Ademais da angula destacan as lampreas e as zamborcas. A cidade pertence á Denominación de Orixe Rías Baixas, producíndose viño albariño e do Rosal. Tamén teñen certa sona os "peixiños de améndoa" que elaboran as monxas do convento.

Principais monumentos e lugares destacados[editar | editar a fonte]

Entrada principal á catedral
Catedral coroando a cidade
  • A catedral de Tui (iniciada no século XII) é o máximo expoñente da riqueza artística da cidade. Elévase sobre a parte máis alta da mesma, conservando a aparencia de Fortaleza con torres ameadas, camiños de paso e pasadizos.
  • O Museo e Arquivo Histórico Diocesano foi un antigo hospital de pobres e peregrinos, construído en 1756. Consta de tres alturas, organizadas arredor dun patio barroco. O museo conserva valiosos fondos arqueolóxicos (algúns procedentes do castro de Santa Trega), medievais e de arte sacro, así como unha rica ourivaría de prateiros locais, españois e americanos.[3]
  • A capela da Misericordia creouse en 1542 coa fin de dar sepultura ós indixentes e socorro ós necesitados. A capela orixinal constaba de tres naves coa entrada polo oeste. En 1916, ante o seu mal estado, iniciouse a súa reconstrución, conservándose parte da fachada orixinal. No seu interior destacan o Retablo Maior e o Cristo na Cruz, obras renacentistas do século XVI, e a imaxe da Dolorosa, feita por Agustín Querol en 1909.
  • A igrexa de San Telmo é un exemplar único do barroco portugués en Galiza. Foi edificada sobre a casa onde viviu San Telmo no século XIII, da que aínda se conserva un muro da cripta. Posteriormente, existiu unha pequena capela no século XV. A actual foi comezada polo mestre portugués Frei Mateo de Mosteiro.

No interior destaca a cúpula ornamentada e a pintura do retablo maior. A finais do século XX foi obxecto dunha profunda restauración, na que se realizaron diversas escavacións onde se detectaron restos de casas existentes nesa rúa anteriores á edificación do templo.

  • O convento e igrexa das Clarisas foi fundado en 1524 no solar onde se localizaba a antiga igrexa románica de Santa María. En 1688 iniciouse a construción da actual igrexa, obra do mestre Santiago Domingo de Andrade. Os actuais edificios conventuais son dos séculos XVII e XVIII. O retablo barroco da igrexa é do século XVII.
  • O túnel das Monxas Clarisas atópase no fondo da rúa que leva ó seu convento, constituíndo un dos recunchos máis típicos de Tui. É un pasadizo abovedado baixo o convento, que comunica a parte alta da cidade coa zona extramuros.
Detalle da Porta da Pía.
  • A muralla do século XII ten a súa orixe no privilexio dado por Fernando II en 1170. Está formada por elevados muros reforzados por cubos ou torres defensivas intermitentes, fundamentalmente nos lados norte e leste, menos protexidos de forma natural.

O acceso ó interior facíase por catro portas fortificadas, ás que chegaban as principais vías de comunicación: a Porta dos Ferreiros, a Porta da Pía, Porta Bergán e Porta do Arco. A muralla chegou case intacta ata mediados do século XIX, cando comezou a súa demolición coa fin de ampliar o recinto urbano.

Actualmente consérvase o tramo que pecha desde a rúa do bispo Lago fronte á rúa Ordóñez, onde está a Porta da Pía, a única conservada das catro.

A ponte deseñada seguindo o xeito de Eiffel que une Galiza e Portugal
  • A Ponte Internacional foi deseñada por Pelayo Mancebo. Forma parte desde hai máis dun século do entorno típico de Tui e Valença do Minho. Na actualidade existe outra ponte internacional por onde pasa a A-55 que vén desde Vigo e enlaza coa autoestrada que continúa até Lisboa.
  • O paseo da Corredoira é a avenida principal de Tui, na actualidade reservada para os peóns, co tráfico cortado. Está rodeada de edificios nobres cheos de historia onde a pedra é a principal protagonista.
  • A igrexa de San Francisco foi na súa orixe parte do conxunto conventual franciscano construído en 1682. Dotado de biblioteca pública, realiza un extraordinario servizo como foco da cultura para a cidade. Do exterior destaca a súa equilibrada fachada. No interior, a cúpula de media laranxa, o amplo coro, o retablo maior realizado en 1741 e a capela da "Venerable Orde Terceira", construída en 1777.
Monumento dos cabalos na Glorieta de Vigo
  • O monumento ó Cabalo Salvaxe é obra do escultor tudense Juan José Oliveira Viéitez, que ten expostas esculturas en bronce en diversos lugares de España, como o aeroporto de Barajas en Madrid ou a praza de España e o antigo Teatro García Barbón en Vigo. Está situado na Glorieta de Vigo.
  • A Glorieta de Vigo encóntrase ó final do paseo da Corredoira. Desde ela tense unha ampla panorámica da beira do Miño.
  • Os xardíns de Troncoso son un lugar de encontro e tranquilo paseo. Foron realizados sobre o percorrido da antiga muralla dos séculos XVII e XVIII. A forma do xardín adáptase á fortificación, destacando o bastión coa característica forma de punta de frecha, na que actualmente se localiza unha fonte artisticamente decorada.

A muralla de Tui foi ampliada nos séculos XVII e XVIII, debido á expansión da cidade. O tipo de fortificación é común nesta época: murallas baixas e espesas con numerosos cambios de dirección e ángulos. A partir do século XIX foi desmontada conservándose só a correspondente ós xardíns de Troncoso, desde a Glorieta de Vigo ata o convento de Santo Domingo. Inmediato a este existe un arco sobre a rúa de Antero Rubín que recorda un antigo emprazamento da porta desta fortificación.

Convento de Santo Domingo

A igrexa e Convento de Santo Domingo son obra dos Dominicos, establecidos nese lugar desde 1328. Foi construído fóra do recinto amurallado medieval, pero trala edificación das novas murallas no século XVII quedou integrado dentro das defensas. Actualmente pouco se conserva da configuración primitiva do convento. Inicialmente posuía un claustro gótico, desmontado a finais do século XVI para realizar un novo.

A igrexa é de estilo gótico modificada en época barroca. Nun principio estaba cuberta por madeira. As bóvedas actuais datan de 1728, época na que se construíu a actual torre e fachadas barrocas.

Destaca a portada lateral gótica cun tímpano moi erosionado que representa a adoración dos Reis Magos, así como as ábsidas que amosan a mesma arquitectura orixinal. No interior destacan os retablos, o Maior coñecido como a Batalla de Lepanto. A escaleira de caracol é de forxa. Levouse a cabo unha restauración dos retablos laterais da cabeceira, e unha escavación arqueolóxica no patio interior, onde se localizaron os restos do antigo claustro gótico.

  • O paseo fluvial Discorre desde a praia da Mariña ata o Parque do Penedo, entre a antiga muralla medieval e o río Miño.
igrexa de San Bartolomé
  • A igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns sitúase nun dos arrabaldes con máis tradición de Tui. Só se conserva a igrexa, pero no alto medievo existiu no recinto mosteiro e a sé episcopal. A actual igrexa foi fundada no século XI. Inicialmente románica, sufriu diversas transformacións ó longo do tempo. No interior destacan os seus capiteis historiados e as pinturas murais da capela maior, que datan do século XVI. Na década de 1970 realizáronse unhas escavacións arqueolóxicas que descubriron restos romanos, suevos e visigodos correspondentes a un templo anterior.
cruceiro de San Bartolomeu
  • O cruceiro de San Bartolomeu, a carón da igrexa de Rebordáns, data de 1770. É o máis artístico dos de Tui, presentando esculturas que simbolizan a crucifixión.
  • O monte Aloia foi declarado Parque Natural en 1978, e nas súas ladeiras hai diversas especies de flora e fauna. Desde a cima obsérvase todo o Val Miñor e o val do río Louro. Nel apareceron restos arqueolóxicos, así como os restos dun poboado galaico-romano e a muralla ciclópea que rodeaba a parte superior do monte.

Colexios[editar | editar a fonte]

  • CEIP Nº 1
  • CEIP Nº 2
  • CEIP de Guillarei
  • CEIP de Pazos de Reis
  • CEIP de Randufe
  • CEIP de Rebordáns
  • CRA Mestra Clara Torres
  • IES Francisco Sánchez
  • IES San Paio

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Tui.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Tui

Areas (Santa Mariña) | Baldráns (Santiago) | Caldelas de Tui (San Martiño) | Guillarei (San Mamede) | Malvas (Santiago) | Paramos (San Xoán) | Pazos de Reis (O Sagrario) | Pexegueiro (San Miguel) | Randufe (Santa María da Guía) | Rebordáns (San Bartolomeu) | Ribadelouro (Santa Comba) | Tui (O Sagrario)


Lugares de Tui[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Tui vexa: Lugares de Tui.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. O museo na páxina da diocese de Tui-Vigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tui Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Baixo Miño Comarca do Baixo Miño
A Guarda
A Guarda
Oia
Oia
O Rosal
O Rosal
Tomiño
Tomiño
Tui
Tui