Galicia na Idade Moderna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Galicia
Prehistoria
O megalitismo
Idade do Bronce
Idade do Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período alto-medieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
A Ilustración galega
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra Civil Española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do reino de Galicia

A Idade Moderna comezou en Galicia a fins do século XV[1] coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Nomeouse un Gobernador ou Capitán Xeral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén Corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias de facenda e militares, os correxedores as de polícia e xustiza, e a Audiencia concentráronse nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta, especie de parlamento sen poder ningún.

Cun crecemento demográfico moito máis sostido que nos reinos veciños, a mediados do XVIII o reino de Galicia chegou a triplicar a densidade de poboación de Castela. Ademais, durante este período, o 90% da poboación era rural e as vilas moi cativas, de xeito tal que a mediados do XVIPontevedra, Compostela e Ourense superaban os 1.000 veciños.

A agricultura, complementada coa gadería, constituían o principal sector económico. De acordo coa calidade das terras existían dúas grandes zonas, occidental e oriental, a primeira de moito mellor rendemento e variedade e máis anovadora nos cultivos e sistemas de rotación. Durante este período produciuse unha perda do valor da gadería e unha preferencia polas especies estabuladas (vacas e porcos) en detrimento de ovellas, cabras e cabalos. Aumentou a intensidade do aproveitamento e, en consecuencia, reduciuse o tamaño dos predios rústicos, aumentou o regadío e os montes comunais perderon en extensión. O millo desbancou no XVI a todos os demais cultivos nas áreas litorais; na segunda metade do XVIII irrumpiu a pataca, de preferencia nas zonas de interior.

Outras actividades menores incluían a pesca, o comercio e a industria. A pesca adquiriu importancia real a fins do XVIII coa chegada de fomentadores cataláns, que introduciron novas técnicas pesqueiras e lle deron pulo á industria conserveira. Aumentou a importancia das feiras comarcais, se ben non se producían excedentes dabondo nin existía un tecido comercial capaz de impulsar as exportacións, polo que este sector permaneceu estancado. Da mesma maneira, o reducido do consumo interior impediu o asentamento de núcleos industriais, decaendo a artesanía téxtil rural e as ferrarías e aumentando só o artesanato rural e as curticións.

Na Galicia do XVIII nin se produciu a explosión demográfica, nin o medre das cidades, nin a expansión das comunicacións, nin a revolución agrícola, nin a revolución industrial doutras partes de Europa. A mediados do século XVIII o 75% da poboación dedicábase ao seitor primario e o resto repartíase entre o secundario e o terciario. Compárase isto cunha Castela máis desenvolvida, na que as proporcións son, respectivamente, de 55, 15 e 30%.

Exceptuando as cidades, a metade do territorio pertencía a señoríos eclesiásticos e o resto dividíase entre señoríos laicos e reguengos. Co tempo, con nobreza absentista e altos cargos foráneos, foi a fidalguía local quen maior beneficio obtiña do sistema de rendas e foros e das innumerábeis taxas.

O poder absoluto que tivo a Igrexa Católica sobre o pensamento foi parello ao progresivo afianzamento dos métodos do absolutismo. Empeñada nun intenso programa de moralización, dela dependían o ensino, a asistencia hospitalaria e a beneficiencia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Non obstante, Pegerto Saavedra sinala un período de tránsito entre a Idade Media e a Idade Moderna en Galicia que abranguería entre 1470 e 1530. Pegerto Saavedra, Da Idade Media á Idade Moderna: As bases do Antigo Rexime Galego en III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Migués, Vítor Manuel (2002). As terras, as pousas e os vinculeiros. A fidalguía galega na Época Moderna. ISBN 84-8485-058-7.
  • Sobrado Correa, Hortensio (2001). Las tierras de Lugo en la Edad Moderna. Economía campesina, familia y herencia, 1550-1860. ISBN 84-89748-88-8. (en castelán)