Santiago de Compostela
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Santiago.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Compostela.
Coordenadas: 42°52′00″N 08°33′00″W / 42.8666667°N 8.55°W
| Santiago de Compostela | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
|
||||||
| Situación | ||||||
| Xentilicio[1]: | Santiagués - Compostelán - Picheleiro | |||||
| Xeografía | ||||||
| Provincia: | Provincia da Coruña | |||||
| Comarca: | Santiago | |||||
| Poboación: | 94.824 hab. (2010) | |||||
| Área: | 220,6 km² | |||||
| Densidade: | 427,65 hab./km² | |||||
| Entidades de poboación: | 29 parroquias | |||||
| Capital do concello: | Santiago de Compostela | |||||
| Política (2011) | ||||||
| Alcalde: | Gerardo Conde Roa (PP) | |||||
| Concelleiros: | BNG: 3 PPdeG: 13 PSdeG-PSOE: 9 Outros: - |
|||||
| Eleccións municipais en Santiago de Compostela | ||||||
| Uso do galego[2] (2001) | ||||||
| Galegofalantes: | 92,24 % | |||||
| Sitio web oficial | ||||||
| www.santiagodecompostela.org | ||||||
Santiago de Compostela é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago da cal é capital. Segundo o IGE en 2010 tiña 94.824 habitantes. O seu xentilicio é santiagués ou tamén compostelán, e máis popularmente picheleiro.
Santiago de Compostela constitúe a capital política de Galiza, radicándose polo tanto nesta cidade o goberno autonómico da Xunta de Galicia. Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal e mais o destino das diferentes rotas que conforman o camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, ao igual ca o seu casco vello pertencente á lista dende o ano 1985.
A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso, ao sur, con Teo, Vedra e Boqueixón, ao leste, co Pino e Touro e ao oeste, con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais[3]. Por poboación é a quinta cidade galega despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. O concello posúe unha densidade de poboación de 424,81 hab./km² (2007), e unha superficie de 220,6 km².
[editar] Orixe e historia
- Artigo principal: Historia de Santiago de Compostela.
No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano, que se tende a identificar como a mansión romana de Aseconia que existiu entre a segunda metade do século I e o século V, o poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole que tivo uso quizais ata o século VII.
O nacemento de Santiago como se coñece agora está ligada á descuberta (presumible) dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835, a elevación do rango relixioso dos restos, a Universidade e na actualidade á capitalidade de Galiza.
Segundo a tradición medieval, como aparece por primeira vez na Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas", ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo "[Ja]Com[e A]postol[u]"). O nome tamén se ten relacionado co hipocorístico Compostela, correspondente ao antropónimo Composta. A descuberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinación que anunciou no interior do seu reino e no exterior, a un novo lugar de peregrinación da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.
Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade, primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares, espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, aínda que fundamentalmente estaba formada por emigrantes procedentes das aldeas próximas, que foi aumentando a medida que progresaba a peregrinación por razóns relixiosas por todo o occidente peninsular, reforzado polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela. Lugar de coroación de monarcas do Reino de Galiza e do Reino de León, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997, que tan só respectou o sartego do apóstolo. Tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución, o bispo Cresconio a mediados do século XI dotou á cidade dun cinto de foxos e unha muralla como medida defensiva.
No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo a construción da catedral románica, o aumento da peregrinación fai de Compostela un lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando a súa importancia, que se ve recompensada tamén politicamente, acadando na época do Arcebispo Diego Xelmírez a categoría de metropolitana para a igrexa compostelá (1120). Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado. Precisamente, no século XII, producíronse unha serie de revoltas urbanas (1116 e 1136), que en Compostela tiveron gran repercusión, acontecidas durante o pontificado de Xelmírez. A chegada da Peste Negra a cidade supuxo unha forte recesión demográfica, a partir de 1380 recuperou poboación e no século XV tiña entre 4 e 5.000 habitantes.
A fundación da Universidade no século XVI e o arcebispo Alonso III de Fonseca danlle un novo pulo a atracción de Santiago, en particular en Galiza.
O establecemento da autonomía en Galiza fixo dela a capital galega, obtendo como consecuencia un novo pulo na fin do século XX. É patrimonio da Humanidade, e foi capital europea da cultura no 2000.
[editar] Demografía
Santiago conta con 94.824 habitantes de dereito (IGE, 2010).
| Evolución da poboación de Santiago de Compostela - desde 1900 ata 2009 - | |||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 |
| 24.120 | 38.270 | 55.553 | 82.404 | 92.298 | 94.824 |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||
| Censo Total | 94.824 |
| Menores de 15 anos | 11.874 (12,52%) |
| Entre 15 e 64 anos | 65.738 (69,33%) |
| Maiores de 65 anos | 17.212 (18,15%) |
[editar] Política e goberno
[editar] Local
- Artigo principal: Pazo de Raxoi.
O primeiro alcalde da democracia en Santiago de compostela foi José Antonio Souto Paz, da UCD, que gobernou dende 1979 ata 1981, cando foi sustituido polo tamén membro da UCD Marcial Castro Guerra. Logo das eleccións municipais de 1983, o socialista Xerardo Estévez accedeu á alcaldía, onde permaneceu ata 1998 cun periodo entre 1986 e 1987 no que gobernou Ernesto Viéitez Cortizo (AP). En 1998, Xerardo Estévez abandonou a alcaldía, que pasou ás mans do tamén socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen gobernou en coalición co Bloque Nacionalista Galego. Durante a última lexislatura de mandato socialista a xunta de goberno, presidida polo alcalde, estaba composta polos 10 concelleiros do PSdeG e os 4 do BNG.
Actualmente, o alcalde de Santiago de Compostela é Gerardo Conde Roa, do PPdeG, que conseguiu a maioría absoluta nas eleccións municipais do 2011, o que supuxo o punto e final a 28 anos de alcaldes socialistas na capital galega e a primeira maioría absoluta do PPdeG na historia da cidade. A corporación municipal está formada por 25 membros, e logo dos comicios do 2011 quedou do seguinte xeito: PPdeG con 13 concelleiros, PSdeG con 9 concelleiros e BNG con 3 concelleiros.
Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do PSOE, son o Partido Popular, cuxo actual portavoz no pleno é Gerardo Conde Roa, e o Bloque Nacionalista Galego con Rubén Cela.
O Concello de Santiago de Compostela estrutúrase en diferentes áreas: de facenda, patrimonio e seguridade cidadá; de urbanismo; de función pública, réxime interior e cultura; de desenvolvemento económico, formación e emprego; social, participación cidadá e drogodependencias; de acción cidadá; e de xestión das empresas municipais. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que con frecuencia celébranse plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan o municipio.
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
[editar] Sede do goberno galego
Santiago de Compostela, como capital de Galiza, é a sede do goberno galego. No Pazo do Hórreo, situado na rúa do Hórreo da capital compostelana se atopa o Parlamento de Galiza, e en San Caetano se atopan a meirande parte dos edificios administrativos da Xunta de Galiza. O Pazo de Raxoi é, amais da sede do concello compostelán, é a sede da presidencia da Xunta de Galicia
[editar] Administración xudicial
Santiago de Compostela é a capital do partido xudicial número 2 da provincia da Coruña, partido que comprende, amais do propio concello de Santiago de Compostela, aos concellos de Ames, Boqueixón, Teo e Vedra.
[editar] Clima
Santiago de Compostela posúe un clima oceánico húmido con temperaturas suaves ao longo do ano. A cidade ten unha temperatura media duns 15 °C, uns 8º de media no inverno e entre 25 e 27 °C durante o verán.
As precipitacións (entre 700 e 900 milímetros de precipitacións anuais) concéntranse principalmente no inverno, sendo menores no outono e na primavera.
Os elementos, neste sentido, que máis inflúen sobre a conformación do clima son a lonxanía coa costa, a altitude do terreo e a presenza de importantes serras que "encaixonan" a cidade e as súas zonas próximas. Isto é o que concentra a humidade e o que provoca tamén que, no inverno, sexan habituais os días nubrados.
(1971-2000) |
|||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
| Temperatura máxima absoluta (°C) | 20,0 | 23,2 | 27,6 | 30,2 | 34,0 | 36,0 | 39,4 | 39,0 | 37,6 | 30,4 | 24,2 | 23,4 |
|
| Temperatura máxima media (°C) | 11,1 | 12,1 | 14,2 | 15,4 | 17,7 | 21,3 | 24,1 | 24,3 | 22,3 | 17,7 | 13.9 | 11,8 |
|
| Temperatura media (°C) | 7,4 | 8,2 | 9,5 | 10,6 | 12,9 | 16,0 | 18,5 | 18,6 | 17,0 | 13,4 | 10,2 | 8,4 |
|
| Temperatura mínima media (°C) | 3,7 | 4,2 | 4,8 | 5,8 | 8,1 | 10,7 | 12,8 | 12,9 | 11,7 | 9,1 | 6,4 | 5,0 |
|
| Temperatura mínima absoluta (°C) | -7,0 | -9.0 | -5,6 | -3,0 | -2,0 | 3,4 | 3,4 | 5,0 | 3,0 | -1,6 | -3,2 | -6,5 |
|
| Precipitacións (mm) | 259 | 223 | 145 | 141 | 147 | 82 | 39 | 57 | 127 | 194 | 200 | 281 |
|
| Horas de sol | 102 | 108 | 154 | 170 | 190 | 235 | 261 | 246 | 180 | 138 | 106 | 88 |
|
| Humidade relativa media (%) | 84 | 82 | 77 | 77 | 77 | 75 | 74 | 74 | 76 | 82 | 85 | 86 |
|
| Fonte: AEMET | |||||||||||||
[editar] Festas e celebracións
- Festas da Ascensión
- Festas do Apóstolo
- Ano santo: cando o 25 de xullo cae en Domingo, ábrese a porta santa. Os anos santos Xacobeos presentan unha grande afluencia de peregrinos, habitualmente maior ca nun ano ordinario.
- No ano 2006, no canto da celebración do San Roque, patrón da cidade, celebrouse o martes de Entroido como segundo festivo local. No ano 2007 recuperouse a festividade do San Roque, pero celebrouse igualmente o martes de Entroido ao coincidir a Ascensión co día das letras galegas.
- Dende 1986 celébrase cada novembro o festival cinematográfico Cineuropa.
[editar] Monumentos, museos e lugares de visita
|
As dúas Marías, escultura moderna en metal no Parque da Ferradura, en Santiago de Compostela.
|
[editar] Museos
- Centro Galego de Arte Contemporánea, museo a base de exposicións temporais de obras actuais.
- Museo do Pobo Galego, sobre a etnografía e historia de Galiza, no Convento de Santo Domingo de Bonaval.
- Casa da Troia, antiga residencia universitaria, museo
- Museo da Catedral
- Museo das Peregrinacións e de Santiago, sobre o fenómeno da peregrinación e o nacemento e evolución de Compostela.
- Museo Pedagóxico Galego
[editar] Arquitectura relixiosa
- San Martiño Pinario, igrexa e mosteiro.
- Convento de San Francisco do Val de Deus.
- Convento de Santo Agustín (s.XVII).
- Convento de San Paio de Antealtares.
- Convento de Santa Clara.
- Igrexa de San Fiz de Solovio.
- As Orfas
- Igrexa de Santa María Salomé, igrexa románica (s.XII) na rúa Nova.
- Capela de Ánimas.
- Colexiata de Santa María de Sar.
- Catedral de Santiago de Compostela, o emblema relixoso de Galiza e o Camiño de Santiago, con múltiples puntos de interese, entre os que destacan no seu interior o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo e no exterior as fachadas de Praterías, do Obradoiro (conxunto barroco que completa a fachada principal diante do pórtico da Gloria e fronte ó Pazo de Raxoi) e da Azabachería. A catedral, que se comezou a levantar no século IX, conta cunha planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, tres de cruceiro e nove capelas na cabeceira; cinco abertas á xirola e catro ao cruceiro. Todas elas son semicirculares, agás a central que posúe a forma recta da arquitectura prerrománica. O templo está coronado por nove torres situadas do seguinte modo: dúas en cada unha das tres fachadas, dúas máis no punto de encontro das naves co cruceiro e outra máis sobre este mesmo. Foi construida plenamente con granito, unindo os perpiaños con morteiro de cal, elaborado nos fornos de Triacastela. O modelo desta catedral foi San Saturnino de Toulousse, en Francia.
[editar] Arquitectura civil
- Pazo de Raxoi, neoclásico, sé do Concello e da Presidencia da Xunta de Galiza (s.XVIII), situado na praza do Obradoiro, fronte a fronte coa catedral.
- Hostal dos Reis Católicos, antigo edificio que pasou por diversas ocupacións como hospital e centro de peregrinos e hoxe é Parador Nacional.
- Colexio de San Xerome, sito na parte meridional da praza do Obradoiro, foi creado para albergue de estudantes pobres e artistas. Está unido ao Colexio de Fonseca.
- Colexio de Fonseca. Na actualidade sede da reitoría da Universidade de Santiago e da súa Biblioteca Xeral, na bela e agradable Praza de Fonseca.
- Colexio de San Clemente, obra do século XVII, situado enfronte do Parque da Ferradura, na súa parte norte, e moi perto da Porta Faxeira. Na actualidade alberga o I.E.S. "Rosalía de Castro".
- Mercado de Santo Agostiño, complexo neomedieval, construído entre 1937 e 1942, proxectado polo arquitecto asturiano Vaquero Palacios.
- Universidade. Edificio neoclásico do XIX, na actualidade ocupado pola Faculdade de Historia e Xeografía. A universidade, como institución, remonta ao século XVI.
- Parque da Ferradura.
- Porta do Camiño, entrada da época medieval.
- Rúa do Franco. Típico lugar de paseo e toma de viños.
- Rúa do Vilar. Con múltiples e chamativos soportais. Cine de principios do século XX.
- Praza do Obradoiro, circundada pola Catedral, o Hostal dos Reis Católicos, o pazo de Raxoi e o pazo de Fonseca.
- Praza da Quintana, dividida en Quintana de Vivos e Quintana de Mortos (antigo cemiterio), limitada entre catedral, Casa da Parra, Convento de San Paio de Antealtares e a casa da Conga.
- Auditorio de Galicia sé da Real Filharmonía de Galicia dende 1996.
[editar] Escultura
- En Santiago hai multitude de esculturas no interior e no exterior de edificacións ou en parques, de diversas épocas ata a actualidade.
[editar] Transportes e comunicacións
[editar] Ferrocarril
- Artigo principal: Estación de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela conta cunha estación de tren de pequeno tamaño situada na zona sur da cidade, xusto na intersección entre a Rúa Hórreo e a Avenida de Lugo. Conta cunha parada de taxis e varias empresas de aluguer de vehículos. Dende a estación de ferrocarril de Santiago saen trens diarios que a comunican coas principais cidades agás Lugo e Ferrol, para as cales é preciso ir á Coruña e coller outro tren a estas cidades. Os trens que parten da estación compostelá tamén comunican á cidade con outras cidades do Estado español (Madrid-Chamartín e Alacant-Terminal) e de Francia (Hendaia), sen embargo para dirixirse a outras estacións é preciso dirixirse a outras cidades (principalmente Madrid) para coller outro tren. Actualmente está en obras unha liña de AVE que unirá Compostela con Madrid, tamén se encontra en proxecto unha futura estación intermodal, situada na mesma ubicación que a actual e que aunará o AVE con trens e autobuses de cercanías.
[editar] Aeroporto
- Artigo principal: Aeroporto da Lavacolla.
Santiago de Compostela conta cun aeroporto, coñecido como aeroporto da Lavacolla, situado no lugar da Lavacolla, na parroquia de Sabugueira, a uns 10 km do centro da cidade. Conta cunha pista de 3'2 quilómetros. Trátase do aeroporto galego con máis tránsito de viaxeiros e o único que realiza viaxes transcontinentais, sen embargo o aeroporto está a sufrir nos últimos anos un certo retroceso no número de mercadorías transportadas.
O 4 de maio do 2007 presentouse o proxecto dunha nova terminal, cunha capacidade que superaría os catro millóns de pasaxeiros. Rematada e inaugurada o 13 de outubro de 2011, a nova terminal ten capacidade para máis de 4 millóns de pasaxeiros. O edificio ten un total de 74.230 m² e conta con 32 mostradores de facturación, 9 hipódromos de recollida de equipaxes, 12 portas de embarque e 3.665 prazas de aparcadoiro. Pretendíase inaugurala no ano 2010, coincidindo co ano Santo compostelano, meta non alcanzada, polo que o novo aeroporto botou a sua andaina dende mediados de outubro 2011. Entre outras melloras aeroportuarias previstas nas actuais instalacións, están a mellora da capa de rodadura da pista de aterraxe, ampliación da plataforma de aeronaves, intervencións no sistema eléctrico, melloras dos aparcadoiro e outras pequenas intervencións no interior da actual terminal.
[editar] Autobuses
A cidade de Santiago de Compostela conta cunha rede de autobuses urbanos e metropolitanos que comunican os distintos puntos da cidade, así como esta con outras localidades da súa área metropolitana subvencionada pola Xunta de Galicia. A empresa responsable do transporte público compostelán é Transportes Urbanos de Santiago S.A. (Tussa), que ten en réxime de concesión 24 liñas, das cales 10 son urbanas, 6 circulares e 8 son interurbanas. A pesar do servizo de transporte urbano, os problemas de tráfico seguen a ser constantes na cidade.
A capital de Galiza conta tamén cunha estación de autobuses que recibe a milleiros de pasaxeiros cada día e que a comunican cada día con outros puntos de Galiza e do Estado español.
[editar] Deportes
En Santiago de Compostela destacan os seus equipos profesionais de fútbol sala e baloncesto, representados polo Autos Lobelle e o Obradoiro CAB respectivamente. Ámbolos dous equipos compiten nas máximas categorías das súas respectivas disciplinas (División de Honra e Liga ACB respectivamente). O equipo máis laureado da cidade é o Lobelle, que conta con varios títulos nacionais (3 Copas Xunta de Galicia), estatais (1 Copa de España e 1 Supercopa de España), amais dun título continental, a Recopa de Europa, conquistada na tempada 2006-07 ante o SL Benfica en Santiago de Compostela. Estes dous equipos xogan os seus partidos como locais no Pavillón Multiusos Fontes do Sar, un recinto con capacidade para ata máis de 6.000 espectadores. En baloncesto tamén hai que salientar ao Club Baloncesto Rosalía de Castro, que chegou a competir na liga LEB Ouro en dúas etapas: a primeira comezou na tempada 1999-00 e que durou catro tempadas, e a segunda durante as tempadas 2007-08 e 2008-09, actualmente compite na Liga EBA.
Outro deporte importante na cidade é o fútbol, deporte no cal salienta a Sociedade Deportiva Compostela, equipo que competiu na Primeira División Española, onde ocupa o 39º posto da clasificación histórica, durante catro tempadas consecutivas (entre a 1994-95 e 1997-98), sen embargo tralo descenso de categoría, os malos resultados deportivos e a mala situación económica que atravesou o club dende o descenso levárono á súa desaparición como empresa en Agosto do 2010, fundándose no seu lugar a Sociedade Deportiva Campus Stellae, quen continuou a historia do Compostela. O 22 de xullo do 2011 anunciouse que o club recuperaba a súa denominación orixinal, logo de que o actual presidente, o empresario Antonio Quinteiro asumira a débeda do club. O Compostela desputa os seus partidos no Estadio Multiusos de San Lázaro, cunha capacidade para 14.000 espectadores. Outros clubs de fútbol importantes da cidade son o Santiago de Compostela Club de Fútbol (que compite, ao igual que o Compostela, na Preferente Autonómica) e o desaparecido Sociedad Deportiva Ciudad de Santiago, que chegou a xogar na Segunda División B na tempada 2008-09 e que xogaba os seus partidos como local no Multiusos de San Lázaro.
Outro deporte representativo da cidade é o waterpolo, representado polo Club Waterpolo Santiago, que compite na Liga Galega de Wáter-polo e que se proclamou catro veces campión da Copa Galega (3 en categoría masculina e 1 en categoría feminina). O hóckey a patíns é un deporte que vai gañando popularidade na capital de Galiza, estando representado por dous clubs que centran a súa actividade principalmente nas categorías de base, o Club de Hockey Compostela e o H.C. Raxoi.
[editar] Santiago na literatura popular galega
- Indo para Santiago,/ doume a morte no camiño;/ deixo dito que me enterren/ na cama do meu veciño.
- Indo para Santiago,/ doume a morte nunha eira;/ deixo dito que me enterren/ na cama da costureira.
[editar] Cidades irmandadas
São Paulo, Brazil[7][8]
Coimbra, Portugal, dende 1994
Santiago do Cacém, Portugal, dende os anos '80
Mashhad, Irán
Buenos Aires, Argentina, dende os anos '80
Qom, Irán
Santiago de Querétaro, México (2005)
Santiago de los Caballeros, República Dominicana (2004)[9]
Assisi, Italia (2008)
Pisa, Italia (2010)
Santiago de Cuba, fundada por Diego Velázquez de Cuéllar (1514)
Cáceres, España
Qufu, República Popular da China
Le Puy-en-Velay, Francia
[editar] Galería de imaxes
Vexa a Galería de imaxes de Santiago de Compostela para unha relación completa das imaxes dispoñibles deste concello.
[editar] Lugares de Santiago de Compostela
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Santiago de Compostela vexa: Lugares de Santiago de Compostela.
[editar] Parroquias
[editar] Notas
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ http://www.santiagodecompostela.org/turismo/interior.php?txt=t_contorno&lg=gal
- ↑ Eleccións municipais de 2003
- ↑ Eleccións municipais de 2007
- ↑ Resultados das eleccións municipais do 2011 en Santiago de Compostela
- ↑ Prefeitura.Sp - Descentralized Cooperation
- ↑ International Relations - São Paulo City Hall - Official Sister Cities
- ↑ Hispaniola foi empregado baixo a regra da Orde dos Dominicos e a Orde de Alcántara, o nome de Santiago como cidade da República Dominicana foi empregado posteriormente
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
[editar] Ligazóns externas
- Caminho de Santiago - O Portal Peregrino
- Web oficia Catedral de Santiago de Compostela
- Web Oficial do Concello de Santiago de Compostela
- Santiago Turismo
- USC - Universidade de Santiago
- Cámara Web situada na Praza do Obradoiro
|
|||||
|
|||||