Monforte de Lemos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°31′5.58″N 7°30′59.14″W / 42.5182167°N 7.5164278°W / 42.5182167; -7.5164278

Monforte de Lemos
Escudo de Monforte de Lemos
Castelo
Ponte vella Pazo de Tor
Escolapios

Monforte de Lemos.
Situacion Monforte de Lemos.PNG
Situación
Xentilicio[1] monfortino/monfortina
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca da Terra de Lemos
Poboación 19.638 hab. (2010)
Área 199,5 km²
Densidade 98,44 hab./km²
Entidades de poboación 27 parroquias
Capital do concello Monforte de Lemos
Política (2011)
Alcalde Severino Rodríguez Díaz
Concelleiros BNG: 7
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 4
Outros: 0
Eleccións municipais en Monforte de Lemos
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 93,31%
Na rede
monfortedelemos.es

Monforte de Lemos é un concello galego, capital da comarca da Terra de Lemos e da Ribeira Sacra; o segundo concello máis poboado da provincia de Lugo, despois de Lugo. Recibiu o título de cidade[3] en 1885.

O concello situase nunha chaira no interior de Galicia coñecida como o Val de Lemos, regada polo río Cabe. Limita cos concellos de Bóveda e O Saviñao ó norte, cos concello de Sober e Castro Caldelas ó sur, cos concellos da Pobra do Brollón e Ribas de Sil ó leste, e cos concellos de Pantón e Sober ó oeste.

Cunha poboación de 19.638 habitantes en 2010 segundo o IGE, Monforte de Lemos é o segundo concello máis poboado da provincia de Lugo, só superado pola capital. Durante o século XX chegou a superar os 20.000 habitantes, cifra que non acada desde os anos noventa. O seu xentilicio é «monfortino».

Cunha orixe que se remonta á época castrexa, Monforte viviu o seu maior esplendor entre os séculos XVI e XVII, como capital do Condado de Lemos. A chegada do ferrocarril en 1883 converteuna no nó ferroviario máis importante de Galicia e contribuíu ao crecemento da cidade. Do seu patrimonio histórico cabe destacar o Mosteiro de San Vicente do Pino, no alto do monte que dá nome á cidade, e o Colexio da Nosa Señora da Antiga, considerado o "Escorial" galego.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe: do Paleolítico aos romanos[editar | editar a fonte]

A historia de Monforte de Lemos remóntase ao paleolítico, e os seus primeiros habitantes coñecidos foron os Oestrimnios; na chamada época castrexa ou cultura dos castros, propia das tribos célticas, a tribo que poboaba Monforte, era coñecida como tribo dos Lemavos, e as primeiras referencias escritas a ela, datan dos historiadores Romanos Plinio e Estrabón, no século I a.C. A palabra lemos, que dá nome tamén á comarca, coñecida como Terra de Lemos, sería unha palabra céltica que significa "terra húmida ou fértil" e parece entroncar directamente coa raíz da palabra galega lama; crese que durante a prehistoria, Monforte, agora val, foi unha gran lagoa, e probas diso atópanse na dura arxila vermella que emerxe ao escavar uns metros no chan da cidade. Así mesmo o seu río, o Cabe (Chalibes), era xa coñecido polas súas propiedades ferruxinosas e moi apreciado á hora de temperar as espadas dos guerreiros célticos, que acudían de moitos lugares con ese fin.

Dos romanos, cuxo vestixio quedou patente na cidade, provén a palabra Monforte, do latín Montem Fortem, "monte fortificado". Sucesivamente, os suevos e os visigodos deixaron as súas propias pegadas: en época sueva as Terras de Lemos pertenceron en gran parte ao Condado Pallarense (relacionado co lugar de Pallares na parroquia de Baamorto); desta etapa consérvase un valioso broche visigótico, chamado "O broche de Baamorto", e conservado no museo Arqueolóxico de Lugo. A poboación xudía tivo tamén grande importancia, contando cun barrio xudeu, no cal, ata a expulsión dos xudeus de España, acometida na Idade Media polos Reis Católicos, residiron importantes familias de esa etnia; entre eles destacaron os Gaibor, familia da que se conserva a casa medieval e escudo de armas, no casco histórico de Monforte, así como a súa estela funeraria, no museo arqueolóxico de Ourense, datos, que xunto con outros de distinto xénero, nos fan avaliar o poder que ostentaba esta familia na vila medieval. É ilustrativo tamén o dato de que o apelido Lemos, moi estendido por diferentes partes do mundo, relaciónase con descendentes de xudeus monfortinos.

Da Idade Media á Ilustración[editar | editar a fonte]

Pero é a idade media un dos períodos máis relevantes na historia de Monforte; establécese no mosteiro de San Vicente do Pino, actualmente parador, a comunidade beneditina. A data exacta é imposible de precisar porque os documentos que o podían acreditar arderon durante o século XIX nun espectacular incendio, que acabou tamén con valiosos tapices e con gran parte do palacio que flanquea ao mosteiro, do que que só se conserva unha parte.

A torre da homenaxe e a muralla foron derruídas durante a Revolta Irmandiña, que enfrontou ao pobo coa nobreza; os responsables, unha vez sufocada a rebelión foron forzados a reconstruír o derruído. O conde de Lemos abstívose de practicar execucións dos rebeldes, quedando na memoria histórica a a famosa frase do Conde, pronunciada fronte ó Mariscal Pardo de Cela (quen suxería encher de Vasalos os Carballos): "Eu non me manteño de carballos".

Dous das máis grandes figuras a apuntar na historia da cidade, son o Cardeal Rodrigo de Castro e Pedro Fernández de Castro y Andrade, sétimo conde de Lemos. O primeiro é coñecido como gran benfeitor da cidade; débeselle a construción do colexio de A nosa Señora da Antiga, de estilo herreriano un dos grandes tesouros monumentais de Galicia; coñecido como o Escorial galego, a súa praza adquiriu o nome de "A Compañía", pola Compañía de Xesús, á que o cardeal encomendou esta fundación. Arquitectos xesuítas trazaron o edificio e mestres xesuítas rexentaron o colexio ata 1767. Na espectacular igrexa da nosa Señora da Antiga gárdase, entre outras pezas, un enorme retablo esculpido polo gran mestre galego Francisco de Moure; nel é curioso comprobar un espazo en branco, presidindo o conxunto, no que debería figurar a insignia da Compañía de Xesús, borrada trala súa expulsión de España. O colexio, que conta cunha importante pinacoteca na que destacan varios Grecos, está rexentado desde entón polos Pais Escolapios.

En canto a Pedro Fernández de Castro y Andrade, VII conde de Lemos, destacar que foi un fervente impulsor da cultura; mecenas de Cervantes, Góngora, Lope de Vega, os irmáns Argensola e Quevedo, foi definido por este último como "honra da nosa idade" e a el está dedicada a segunda parte do Quixote. Ocupou, así mesmo, entre 1603 e 1618, os cargos de Presidente do Consello de Indias, Vicerrei de Nápoles e Presidente do Consello Supremo de Italia; a el e á súa esposa, Catalina de la Cerda y Sandoval, débeselle a fundación de importantes conventos como o de San Xacinto e Santa Clara, este último cun dos museos de arte sacro máis importantes de España.

Tamén se recorda o protagonismo do conde de Lemos en pugnas de poder entre a nobreza galega e a Monarquía, nunha época que se caracterizaba por constantes friccións; nun ton de ameaza apenas disimulado, escribiu ao rei nestes términos: "Nos que somos tanto como Vos, pero que todos xuntos somos máis que Vos".

Ocupación napoleónica[editar | editar a fonte]

Monforte ocupaba unha situación estratéxica no territorio galego durante a Guerra da Independencia española, o que fixo que fose atacada tres veces polos franceses, quen bombardeaban a poboación desde o próximo monte de Piñeira. Todas as disputas tiveron lugar en 1809: o 18 de xaneiro, o 20 de abril e desde o 4 ao 11 de xuño.

José Fernández Neira describiu que, a finais de marzo, Monforte converteuse nun centro de fabricación e distribución de armas, baixo o mando dunha delegación da Xunta Superior de Galicia. Tamén se recrutaba e equipaba a soldados. Todo iso puido motivar aos franceses a arrasar Monforte (na segunda disputa) e así acabar con estas actividades.

O 18 de xaneiro tivo lugar a primeira das disputas. As tropas francesas dividíronse ao entrar en Galicia: unha parte seguiu polo camiño de Carlos III, mentres outra parte seguiu polo curso do río Sil. Foron seguramente estes últimos os que entraron en Monforte.

A segunda tivo lugar o 20 de abril de 1809, a máis sanguenta con diferenza. As tropas de Soult e Ney saíron de Lugo e cruzaron o río Sil en persecución das tropas do Marqués da Romana, as cales acababan de desbandar, e Monforte estaba no seu camiño. Os habitantes do pobo enfrontáronse a 6.000 soldados do 6º Exército Francés, comandados polo mariscal Soult, nun momento en que non se atopaban no pobo nin o Batallón de Lemos nin o xeneral Martinengo, o encargado da defensa. José Fernández Neira chegara fai poucos días a Monforte a entregar dous sacas de correo roubadas aos franceses, e puido relatar as preparacións dos defensores no seu libro Proezas de Galicia.

A terceira foi entre o 4 e 11 de xuño, aínda que non houbo realmente ningunha batalla real. O marqués da Romana acababa de pasar por Monforte cara o 2 de xuño, fuxindo de Soult. Soult saíu na súa persecución con 17.000 homes. Ao pasar por Monforte, atopouno deserto xa que os habitantes retiráronse ás penas de ao redor, e decidiu parar alí para descansar ás súas tropas e limpar os seus flancos, que estaban cheos de guerrilleiros. Os soldados sufriron constantes ataques que minguaron constante e fortemente o número e a moral das forzas francesas, mentres que os monfortinos sufrían poucas baixas.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Antiga Locomotora Mikado restaurada, na estación de Monforte

En 1883 o rei Afonso XII inaugura a liña férrea entre Madrid e A Coruña. Monforte convértese nun importante nó ferroviario, ao ser a entrada natural a Galicia. Dous anos mais tarde, en 1885, outórgaselle, por Decreto Real, o título de "cidade" a Monforte de Lemos, en agradecemento polos seus traballos e esforzos para a chegada do ferrocarril. Comeza unha época de crecemento social, económico e cultural, no que a sociedade bule, numerosas asociacións políticas sociais e culturais, así como revistas e periódicos, aparecen na vida Monfortina. Estivo situada en Monforte unha das Irmandades da Fala, organización con moita relevancia na vida cultural galega da época. A guerra civil deixou tamén a súa pegada, e o alcalde Monfortino Juan Tizón Herreros fuxiu a Portugal despois de realizar labores de organización da resistencia na vila, mentres que o seu antecesor no cargo, Rosendo Vila, foi asasinado por sectores incontrolados de Falange Española.

Posteriormente, o motor da vida en Monforte, é dicir a súa estación de ferrocarril, foi desmantelado, o seu nó ferroviario trasladado a Ourense, e comezou unha terrible decadencia económica que deu lugar a numerosas pechaduras de establecementos, perda de servizos e empobrecemento.

Actualmente, a cidade parece experimentar un tímido rexurdir, produto de novas ideas, iniciativas e reformas, e das ganas de persoas de diversas ideoloxías de facer recuperar á cidade o status que lle corresponde; ideas destinadas tanto ao turismo, como o caso do seu Parador, un dos máis fermosos de España, como ó intento de mellorar a súa maltreita industria e atraer novos proxectos, como a construción dun Porto Seco ou a instalación na cidade de empresas como Transfesa e Tradisa.

Un dos puntais de este resurximento espérase que sexa a autovía A-76, que uniría a Monforte con Ponferrada e Ourense; tida como imprescindible para o desenrolo da zona, está sendo obxecto de polémica, xa que un trazado alternativo desatou un enfrontamento con Ourense, que afonda no conflito iniciado co desmantelamento do nó ferroviario e o seu traslado, xunto con posto de mando, á provincia veciña. Iso provocou multitudinarios movementos de opinión e protesta, que tras varias xuntanzas dos axentes sociais, deron paso a un período de espera, ante o que a comarca considera un irrenunciable dereito.

Símbolos[editar | editar a fonte]

Escudo de Monforte de Lemos 2002.svg

O escudo de armas de Monforte de Lemos foi aprobado tras o preceptivo informe do Consello Heráldico de Galicia, polo Goberno autonómico segundo Decreto 166/2002, do 25 de abril de 2002. O proceso espertou certa controversia ao contemplar inicialmente a retirada da tau de gules,[4] unha figura heráldica asociada, entre outros, á Orde Hospitalaria de San Antón, e utilizada tradicionalmente como emblema da vila, quedando finalmente brasoado, atendendo a esta particularidade xunto á súa condición histórica de fortaleza e a súa relación coa casa de Lemos,[5] da seguinte forma:

De prata (branco) un monte de ouro (amarelo), sumado dunha torre do mesmo, acompañado no centro do xefe dunha tau de gules (vermello) e de seis roeis de azur (azul) nos flancos. Ó timbre, a coroa real pechada.
Decreto da Xunta de Galicia

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello situase nunha chaira da Galicia centro-oriental, coñecida como o Val de Lemos. A súa altitude é de 363 metros sobre o nivel do mar e está regado pola conca do río Cabe.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima en Monforte é oceánico continental, caracterizado por unha temperatura media anual moderada, baixas precipitacións e oscilacións térmicas considerables. Os invernos son fríos e os veráns, secos e calorosos. A estación máis chuviosa é o outono e as xeadas e as néboas son moi fercuentes no inverno no val.

Demografía[editar | editar a fonte]

Panorámica da cidade de Monforte de Lemos.

A poboación do concello en 2010 era de 19.638 habitantes, sendo o segundo da provincia por detrás da capital, Lugo. En canto á distribución por sexos, o 52,2% (10.247) son mulleres e o restante 47,8% (9.391) son homes. No tocante ao lugar de nacemento, tan só 998 habitantes (5,08%) son extranxeiros, 509 proceden do resto da Unión Europea, habendo 21 non comunitarios, 392 de América, 63 de África, 12 de Asia e un de Oceanía. Ademais, cunha extensión de 199,5 km², Monforte ofrece unha das densidades máis altas do conxunto provincial. Desde 2008 Monforte volve gañar habitantes logo dun retroceso que comezou no 2001 e que só dera un respiro cun leve aumento no 2005 (con 24 máis). Porén, o concello parece aínda lonxe de recuperar a cota dos 20.000 habitantes, perdida nos anos noventa.

O conxunto demográfico municipal sufriu un forte aumento desde o 1910 ata 1940, como resultado do crecemento da cidade de Monforte, unha vez convertida nun dinámico centro comercial e económico do sur da provincia de Lugo. Este crecemento enmascarou a perda de poboación na área rural, produto da emigración transoceánica, moi significativa ata a década de 1930. Entre 1930 e 1940 o proceso migratorio detívose pola crise económica mundial e da inestabilidade política do momento. Desde 1940 ata 1970 a poboación descendeu, lentamente, nos anos inmediatamente posteriores á guerra e, dun modo brusco, entre 1950 e 1960. A falta de lugares cara a onde emigrar e o desenvolvemento dalgunhas industrias na capital do municipio explican que, entre 1970 e 1981, os efectivos demográficos aumentasen en un 37%. Pola contra, nos núcleos rurais o envellecemento da poboación e a decadencia do sector primario levaron diminucións xeneralizadas que aínda se manteñen.

Censo Total (Habitantes) 19.604
Menores de 15 anos 2.165 (11,04 %)
Entre 15 e 64 anos 11.872 (60,56 %)
Maiores de 65 anos 5.567 (28,4 %)


Gráfico da evolución demográfica de Monforte de Lemos entre 1900 e 2010[6]

Fonte:INE
Gráfica elaborada por: Galipedia

Sitios de interese[editar | editar a fonte]

Monumentos[editar | editar a fonte]

Fachada principal do Colexio de Nosa Señora da Antiga, no Campo da Compañía
  • Mosteiro de San Vicente do Pino
Artigo principal: Mosteiro de San Vicente do Pino.

Situado no alto do monte da cidade, ten a súa orixe no século X, aínda que o actual edificio data do século XVI. Tanto a fachada como o claustro da praza do edificio son neoclásicos. A igrexa do mosteiro é gótico de transición, aínda que a portada é renacentista. Destacan as súas bóvedas, o coro con órgano de estilo barroco e un baixorrelevo de orixe románica. Na actualidade, parte do antigo edificio do mosteiro alberga o Parador de Turismo da cidade.

  • Torre da homenaxe

A torre da homenaxe foi construída entre os séculos XIII e XV. Durante a Guerra Irmandiña (1467-1469), tanto a torre como a muralla medieval sufriron danos importantes. Unha vez finalizados os enfrontamentos foron reconstruídas. A torre, que era o lugar onde se celebraban as cerimonias da homenaxe (rito de unión do señor e o vasalo), conserva a súa altura de 30 metros, con muros de 3 metros de grosor e 13 metros de lado.

  • Pazo dos Condes de Lemos

Construído no século XVI, foi a residencia señorial dos Condes de Lemos, unha das familias nobres máis importantes de España. No século XVII sufriu un devastador incendio e tivo que ser reconstruído. Actualmente, alberga parte das dependencias do Parador de Turismo, xunto co Mosteiro de San Vicente.

  • Colexio de Nosa Señora da Antiga

É un edificio de estilo herreriano, construído entre os séculos XVI e XVII, coñecido popularmente como "o Escorial de Galicia", pola súa similitude co seu homónimo madrileño. Conta con dúas ás simétricas e unha igrexa no centro, da que cabe destacar a súa cúpula rematada en lanterna. A súa construción foi iniciada en 1593, baixo as ordes do cardeal Rodrigo de Castro, que da nome á unha das rúas da cidade. Actualmente, alberga o colexio dos Pais Escolapios e unha pinacoteca con obras de importantes artistas como El Greco.

  • Ponte Vella
Artigo principal: Ponte Vella.

Segundo a tradición, esta ponte da cidade é de orixe romana, aínda que a actual foi edificada a finais do século XVI polo mestre Pedro Rodríguez Remberde. Está formada por seis arcos semicirculares, dous deles cubertos en reformas posteriores. Nos arcos centrais pódense ler diversas marcas do canteiro. A ponte recibe o nome de Vella en contraposición á outra ponte importante da cidade construída no século pasado e coñecida como Ponte Nova. Desde ela, pode accederse aos paseos fluviais das ribeiras do Cabe.

  • Xudería e burgo medieval

Monforte pertence, xunto con outras 25 cidades españolas e portuguesas, á Rede Española de Xuderías, por estar ligada a súa historia á cultura sefardí. Aínda que os xudeus vivías mesturados coa poboación, habitaban na zona entre as rúas Zapaterías, Falagueira, Pescaderías e a actual Praza de España. No mesmo barrio atopamos o convento da Régoa, o antigo cárcere e parte das murallas medievais.

  • Pazo de Tor
Artigo principal: Pazo de Tor.

Situado nun outeiro na parroquia de Tor, é de estilo barroco e data do século XVIII, aínda que conserva algún vestixio anterior. Segundo os documentos, a súa orixe dátase do século IX. Relacionouse con varias linaxes, como as dos Garza, Quiroga, Losada, Sarmiento ou Taboada. É un dos poucos pazos de Galicia que conserva todo o seu mobiliario e obxectors. Ademais, alberga unha completa biblioteca.

  • Parroquias, igrexas e capelas do concello:
  • Igrexa do Sagrado Corazón de Jesús, no barrio da Estación
  • Capela de San Pedro, no barrio de San Pedro
  • Igrexa de Santa María da Régoa.
  • Capela hospital de Carude, no barrio de Carude
  • Igrexa de San Atón.
  • Igrexa das Clarisas
  • Igrexa da Parte.
  • Igrexa de Valverde.
  • Igrexa da Penela.
  • Igrexa de Baamorto.
  • Igrexa de Ribas Altas.
  • Igrexa de Reigada
  • Igrexa de Bascós
  • Igrexa de Chavaga

Rúas e prazas[editar | editar a fonte]

No centro histórico atopamos as rúas máis comerciais. A máis importante da cidade é a Rúa do Cardeal Rodrigo de Castro que é peonil no seu tramo céntrico e está chea de tendas. Esta pasa pola Praza de España, onde atopamos a Rúa do Comercio, estreita e tamén peonil, onde atopamos a maioría dos comercios. Outra rúa a destacar pola súa concorrencia é a Avenida de Galicia, coas sedes dos grandes bancos e caixas, vértebra da cidade. Praza da Estación e Praza dos Chaos.

Tamén atopamos dúas grandes prazas que reciben o nome de campos, o Campo da Compañía, onde se atopa o Colexio de Nosa Señora da Antiga, e o Campo de San Antón, cun cruceiro na honra a un antigo convento e onde atopamos tamén a sede do concello.

Cabe destacar tamén o Paseo do Malecón, que bordea todo o río Cabe polas dúas beiras, e a Rúa Duquesa de Alba, onde atopamos a zona de discotecas.

Museos[editar | editar a fonte]

  • Museo de Arte Sacra das Clarisas

A súa colección convérteo no museo máis destacado da cidade e nun dos máis importantes de España en arte sacra. Os VII Condes de Lemos e vicerreis de Nápoles, que fundaron o convento no século XVII, doaron parte da súa colección particular.

  • Pinacoteca dos Escolapios

Esta pinacoteca de pequenas dimensións destaca polo valor das obras que garda. As dúas obras de maior importancias son de El Greco: Fray León meditando sobre a morte, e a Aparición da Virxe co Neno a San Lourenzo. Tamén conta con cinco táboas de Andrea del Sarto, un retrato de Francisco Pacheco e dous óleos da escola compostelá.

  • Centro do Viño da Ribeira Sacra

Conta cunha exposición sobre o viño e a tradición do seu cultivo na zona. Tamén ten unha sala de catas, tapería e unha tenda con case todos os viños que se colleitan na Ribeira Sacra. O museo inaugurouse en 2009, nun edificio construído como hospital en 1583.

  • Museo do Ferrocarril de Galicia
Artigo principal: Museo do Ferrocarril de Galicia.

Inaugurado en 2007 é o unico museo do ferrocarril que existe en Galicia e está situado nas antigas instalacións que albergaron no seu día un dos depósitos de tracción vapor máis importantes do norte de España. Nel atopamos varios coches e locomotoras históricas.

Nela atopamos as vaixelas, figuras e xoias de porcelana dura producidas por Sargadelos nas súas factorías no norte de Galicia.

Festividades[editar | editar a fonte]

Festas patronais[editar | editar a fonte]

Celébranse do 11 ó 16 de agosto na honra á patroa da cidade, a Virxe de Montserrat. Destacan nas festas os fogos de artificio desde o castelo, os fogos de artificio do río (actualmente non se realizan por motivos de seguridade), os concertos, o domingo gaiteiro, a procesión e o desfile de carrozas (suspendido dende o 2000).

Renovación do Voto[editar | editar a fonte]

Celébrase o Martes de Pascua. Consiste na renovación do voto por parte do Alcalde e pobo en xeral á patroa, a virxe de Monserrat. Destacan a misa de renovación do voto, a procesión, e a bendición dos campos.

Patronais pequenas[editar | editar a fonte]

Celébranse na honra a San Antón o 13 de xuño. Destaca a procesión dos pans. Hai pasarrúas, procesións, fogos de artifico desde a Ponte Vella.

Romaría do San Mateo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Romaría do San Mateo na Parte.

Celébrase na parroquia da Parte, o 21 de setembro. É a romaría de máis sona da comarca e moitas persoas da comarca, doutras zonas de Galicia e incluso doutros puntos de España asisten cada ano a esta romaría.

Outras festas[editar | editar a fonte]

  • Festas da Estación. Na honra a Nosa Señora do Carme. No barrio da Estación o 16 de xullo.
  • San Pedro. O 29 de xuño no barrio de San Pedro (actualmente non se fai, so hai misa na Capela de San Pedro).
  • Santa Eufemia. O 16 de setembro. No barrio da Florida e San Vicente (actualmente non se fai).
  • San Xosé. O 19 de marzo no barrio do Morín (actualmente non se fai).
  • San Xoán. O 24 de xuño no barrio dos Chaos.
  • Santa Lucía. O 13 de decembro.
  • Festas de San Lázaro, en maio no barrio de Carude.
  • San Brais, o 3 de febreiro. Os monfortinos soben á igrexa de San Vicente para bendicir roscas e cintas contra o mal da gorxa.
  • Entroido, celébrase na capital en febreiro. Destaca o desfile do Martes de Entroido.
  • Semana Santa, destacan as procesións do Venres Santo.
  • Feira Medieval, coincidindo co sábado de gloria organízase unha feira medieval que se sitúa na zona monumental do casco vello de Monforte.
  • Festas do Río, festas de recente creación, celebradas no río Cabe en Monforte, o último fin de semana de xullo.
  • Os Maios, no mes de maio.
  • Festival de Jazz, en agosto.
  • Verán Cultural, durante xullo e agosto.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Monforte de Lemos

Lugares de Monforte de Lemos[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Monforte de Lemos vexa: Lugares de Monforte de Lemos.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Monforte de Lemos

Baamorto (Santa María) | Bascós (San Martiño) | Caneda (Santalla) | O Chao do Fabeiro (San Ramón) | Chavaga (San Xoán) | Distriz (Santo André) | Fiolleda (San Cosmede) | Gullade (Santo Acisclo) | Guntín (Santa Lucía) | Marcelle (San Miguel) | Monforte de Lemos | Moreda (San Salvador) | As Nocedas (Santo Estevo) | A Parte (Santa María) | A Penela (Santa María) | Piñeira (San Martiño) | Reigada (San Salvador) | Ribas Altas (San Pedro) | Rozavales (Santa María) | San Xillao de Tor (San Xillao) | Santa Mariña do Monte (Santa Mariña) | Seoane (San Salvador) | Sindrán (San Pedro) | Tor (San Xoán) | Valverde (San Pedro) | A Vide (San Cibrao) | Vilamarín (San Fiz)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Monforte de Lemos

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca da Terra de Lemos Comarca da Terra de Lemos
Bóveda
Bóveda
Monforte de Lemos
Monforte de Lemos
Pantón
Pantón
A Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón
O Saviñao
O Saviñao
Sober
Sober


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]