Muiñeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baile dunha muiñeira no XXXIX día da Muiñeira de Pontevedra, celebrado na avenida de Montero Ríos.

A muiñeira é unha danza e un xénero musical tipicamente galego. Como xénero, distínguese principalmente polo seu compás de 6/8, rápido e vivo, do cal existen algunhas variantes.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Existen dous tipos de muiñeira:

  • A muiñeira nova, na que se acentúa a primeira corchea das tres que compoñen o ritmo base. Como baile, a muiñeira nova segue o esquema coreográfico tradicional no que un grupo de parellas de homes e mulleres bailan facendo coreografías baseadas en táboas ou rodas. Normalmente cando se fala simplemente a muiñeira é a este tipo a que nos referimos.
  • A muiñeira vella (tamén chamada empuñada ou riveirana, polo particular xeito de tocarse na pandeireta) na que se acentúa a segunda corchea, producindo unha sensación rítmica diferente. A muiñeira vella pódese bailar en combinacións de un ou dous homes fronte a varias mulleres, dependendo da tradición local. Tanto o xénero da muiñeira vella como as danzas que a acompañan considéranse de orixe anterior que a muiñeira nova.

Características[editar | editar a fonte]

A muiñeira nova é unha danza folclórica galega de ritmo rápido. A súa orixe é discutida, pero comunmente afírmase que foi nos muíños onde se moían o trigo e mais o millo onde naceu este baile; dado que as mulleres que traballaban alí tiñan que esperar algún tempo a que o millo estivese a punto, e para pasar o tempo bailaban. Para algúns estudosos é un baile de asimilación recente, non habendo testemuños escritos anteriores ó século XIX.

Como baile tradicional interpretábase en festas, romarías e canta xuntanza social o permitía. Se se dispuña de gaita, preferíase esta; pero senón, un grupo de percusión mais ou menos improvisado bastaba sica. A danza era colectiva, normalmente de tres a oito parellas colocadas fronte a fronte formando unha ringleira. A estrutura musical, composta de copla e volta, reflíctese na danza en xeito de punto e paseo. Un home interpretaba un punto, construído máis ou menos improvisadamente a base de embotados, saltos, picados e outras figuras, e o resto do grupo repite os movementos varias veces, mentres dure a parte da copla. Durante a parte de volta da melodía, o grupo realizaba paseos, en círculo, xirando as filas sobre o seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto punto como paseos execútanse cos brazos en alto ou facendo leves debuxos que dan máis gracia á interpretación.

Na muiñeira vella un ou dous homes bailan con dúas ou máis mulleres. O home realiza puntos complexos, mentres que a muller ten un papel secundario, limitándose a seguir o home con paseos con forma de oito, e con actitude máis recollida.

Tradicionalmente tanto a muiñeira como a xota galega son bailes de carácter lúdico e con compoñente social, ou incluso de galanteo.

Na actualizade o baile da muiñeira séguese a interpretar moito, tanto de forma improvisada en seráns e festas, como en exhibicións e actuacións, onde a compoñente improvisada desaparece en favor dunha maior calidade interpretativa. Certos grupos folclóricos incrementan a complexidade coreográfica ou dos puntos, mentres que outros reflicten só figuras ou esquemas de carácter puramente tradicional.

Xénero musical[editar | editar a fonte]

Como xénero musical, a muiñeira é o máis común da música tradicional galega. Ten unha orixe antiga, mais descoñecida, xa que a composición máis antiga rexistrada é unha panxoliña de Nadal de 1786, obra de Melchor López, mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela. O seu compás característico é o de 6/8.

Exemplos de pezas coñecidas son a Muiñeira de Chantada e a Muiñeira de Lugo.

Variantes da muiñeira[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]