Central térmica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Central térmica das Pontes de García Rodríguez co parque de carbón

Unha central térmica ou central termoeléctrica é unha instalación empregada para a xeración de enerxía eléctrica a partir da enerxía liberada en forma de calor, normalmente mediante a combustión dalgún combustible fósil como petróleo, gas natural ou carbón. Esta calor é empregado por un ciclo termodinámico convencional para mover un alternador e producir enerxía eléctrica. Doutra banda, tamén existen centrais termoeléctricas que empregan fisión nuclear do uranio para producir electricidade. Este tipo de instalación recibe o nome de central nuclear.

Centrais termoeléctricas clásicas[editar | editar a fonte]

Denomínanse centrais clásicas a aquelas centrais térmicas que empregan a combustión do carbón, petróleo (fuelóleo) ou gas natural para xerar a enerxía eléctrica. Son consideradas as centrais máis económicas e rendibles, polo que a súa utilización está moi estendida no mundo economicamente avanzado e no mundo en vías de desenvolvemento, a pesar de que estean sendo criticadas debido ao seu elevado impacto ambiental.

Compoñentes principais[editar | editar a fonte]

  • Caldeira de combustión
  • Turbina de vapor
  • Alternador
  • Sistema de refrixeración (pode ser de caudal aberto ou mediante torres de refrixeración)
  • Instalacións de control
  • Booster
  • Área de tratamento de auga
  • Área de tratamento de combustible
  • Área de tratamento de aceite
  • Área de protección contra incendios

Centrais termoeléctricas de ciclo combinado[editar | editar a fonte]

Na actualidade estanse construíndo numerosas centrais termoeléctricas das denominadas de ciclo combinado, que son un tipo de central que utiliza gas natural, gasóleo ou ata carbón preparado como combustible para alimentar unha turbina de gas. Como os gases teñen aínda unha temperatura moi alta, utilízanse para producir vapor que move unha segunda turbina, esta vez de vapor. Cada unha destas turbinas está axustada ao seu correspondente alternador para xerar a electricidade como nunha central termoeléctrica clásica.

Como a diferenza de temperatura que se produce entre a combustión e os gases de escape é máis alta que no caso dunha turbina de gas ou unha de vapor, conséguense rendementos moi superiores, da orde do 55%.

Impacto ambiental[editar | editar a fonte]

A emisión de residuos á atmosfera e os propios procesos de combustión que se producen nas centrais térmicas teñen unha incidencia importante sobre o medio ambiente. Para tratar de paliar, na medida do posible, os danos que estas plantas provocan na contorna natural, incorpóranse ás instalacións diversos elementos e sistemas.

O problema da contaminación é máximo no caso das centrais termoeléctricas convencionais que utilizan como combustible carbón. Nas de fueloil ou gas, os niveis de polución son moito menores, practicamente inapreciables nas plantas de gas. Con todo, a combustión do carbón ten como consecuencia a emisión de partículas e ácidos de xofre. Nas centrais de fueloil, a emisión de partículas sólidas é, como xa se dixo antes, moito máis pequena. No entanto ha de terse en conta a emisión de óxidos de xofre e tisnes acedos.

Vantaxes e inconvenientes[editar | editar a fonte]

Vantaxes[editar | editar a fonte]

Son as centrais máis baratas de construír (tendo en conta o prezo por megavatio instalado, especialmente as de carbón, debido á simplicidade (comparativamente falando) de construción e a enerxía xerada de forma masiva.

As centrais de ciclo combinado de gas natural son moito máis eficientes que unha termoeléctrica convencional, aumentado a electricidade xerada (e xa que logo, as ganancias) coa mesma cantidade de combustible.

Inconvenientes[editar | editar a fonte]

O uso de combustibles fósiles xera emisións de gases de efecto invernadoiro e de choiva aceda á atmosfera, xunto a partículas volantes (no caso do carbón) que poden conter metais pesados.

Ao ser os combustibles fósiles unha fonte de enerxía finita, o seu uso está limitado á duración das reservas e/ou a súa rendibilidade económica.

As súas emisións térmicas e de vapor poden alterar o microclima local.

Afectan negativamente aos ecosistemas fluviais debido ás verteduras de auga quente nestes.

O seu rendemento (en moitos casos) é baixo (comparado co rendemento ideal), a pesar de térense realizado grandes melloras na eficiencia (un 30-40% da enerxía liberada na combustión convértese en electricidade, de media).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]