Castela e León - Castilla y León
| Castela e León Castilla y León |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Castela e León (en castelán: Castilla y León) é unha comunidade autónoma constituida en 1983, cuxo territorio se sitúa na parte centro-norte do territorio español. Limita ó oeste con Galicia e Portugal; ó norte con Asturias, Cantabria, País Vasco e A Rioxa; ó leste con Aragón; e ó sur con Estremadura, Comunidade de Madrid e Castela-A Mancha.
Forman esta comunidade nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora; sendo a comunidade autónoma española con máis provincias.
Índice |
Xeografía [editar]
A comunidade autónoma esténdese basicamente sobre a meseta norte, sendo asucada polo Douro, o cal forma a conca homónima, a maior de España. Polo tanto, os seus límites veñen configurados por cordilleiras ou outros accidentes xeográficos: ó norte coa Cordilleira Cantábrica, os Montes de León ó noroeste, co Sistema Central ó sur e coa Cordilleira Ibérica ó leste.
A superficie existente entre estes accidentes xeográficos é basicamente unha extensa meseta de moi elevada altura (700-900 metros sobre o nivel do mar). Estas altas chairas mostran na súa degradada vexetación a ocupación humana que contribuíu á perda forestal.
Os maiores ríos que asucan esta comunidade autónoma son o Douro e o Ebro. Os demais veñen sendo afluentes destes ou doutros ríos. Por tanto, o territorio de Castela e León está entre as tres vertentes españolas (cantábrica, mediterránea e atlántica). As maiores concas hidrográficas que hai en Castela e León son:
Clima [editar]
Castela e León ten un clima mediterráneo continentalizado, con invernos longos e fríos, con temperaturas medias de entre 4 e 7 °C en xaneiro e veráns curtos e calorosos (medias de 19 a 22º), pero cos tres ou catro meses de aridez estival característicos do clima mediterráneo. As precipitacións, cunha media de 450-500 mm anuais, son escasas, acentuándose nas terras máis baixas.
Debido á barreira montañosa de Castela e León, os ventos marítimos quedan freados, detendo dese modo as precipitacións. Debido a iso, as choivas caen dun xeito moi desigual no territorio castelán e leonés. Mentres que no centro da conca do Douro rexístrase unha media anual de 450 mm, nas comarcas occidentais dos montes de León e a Cordilleira Cantábrica as precipitacións chegan aos 1.500 mm ao ano.
A elevada altitude da Meseta e as súas montañas acentúa o contraste entre as temperaturas do inverno e o verán, así como as do día e a noite.
Historia [editar]
- Véxase tamén: Reino de Castela e Reino de León.
Castela e León é teoricamente o resultado da unión do territorio que comprendía os antigos reinos de León e Castela. Porén, as fronteiras non cadran, na súa unión, coas dos ditos reinos. Na práctica, é a unión das antigas rexións de León e de Castela a Vella, sen contar coa Rioxa nin Cantabria.
En 1978, Castela e León obtén un réxime preautonómico, e finalmente, en 1983, obtén a autonomía, por medio do seu Estatuto de autonomía.
Organización territorial [editar]
Consta de nove provincias: Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria, Valladolid e Zamora. As capitais provinciais recaen nas cidades homónimas ás súas provincias correspondentes.
Recoñécese a concorrencia dunhas características xeográficas, sociais, históricas e económicas na comarca do Bierzo creándose a Comarca do Bierzo.[1] (administrada polo Consello Comarcal do Bierzo).
Demografía [editar]
A poboación de Castela e León é de aproximadamente 2 millóns e medio de habitantes. Tendo en conta a súa extensión (94.224 km²), ten unha moi baixa densidade de poboación (27 habitantes por km²), moi inferior á media nacional (78 hab/km²).
Esta poboación, está, ademais, moi irregularmente distribuída. Existen catro cidades de máis de 100.000 habitantes (Valladolid, Burgos, Salamanca e León, ordenadas segundo a poboación). En 2005, 1.287.607 de persoas vivían en cidades con máis de 20.000 habitantes, nas cidades anteriormente citadas e Palencia, Ponferrada, Zamora, Segovia, Ávila, Miranda de Ebro, Soria, Aranda de Duero, San Andrés del Rabanedo, Laguna de Duero e Medina del Campo. Polo tanto, aproximadamente a metade da poboación vive en cidades maiores a 20.000 habitantes e a outra metade en menores a 20.000 habitantes. Isto da lugar a un inxente número de vilas pequenas.
A sangría demográfica é moi grande: entre 1950 e 1981 baixou nun 10 %. A esta perda de poboación contribúe o avellentamento xeral da comunidade autónoma, pero especialmente das zonas rurais, enormemente elevado. Tamén baixou a súa poboación se a comparamos con España: mentres que en 1960 o 9,3 % dos españois vivía nas provincias que actualmente forman esta comunidade, en 1981 só era o 7 %, e esta cifra segue baixando.
Cidades máis poboadas [editar]
| Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Valladolid Burgos Salamanca |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Valladolid | Valladolid | 318.461 | 11 | Soria | Soria | 39.078 | |
| 2 | Burgos | Burgos | 177.879 | 12 | Aranda de Duero | Burgos | 32.460 | |
| 3 | Salamanca | Salamanca | 155.740 | 13 | San Andrés del Rabanedo | León | 30.217 | |
| 4 | León | León | 135.119 | 14 | Laguna de Duero | Valladolid | 21.483 | |
| 5 | Palencia | Palencia | 82.626 | 15 | Medina del Campo | Valladolid | 21.256 | |
| 6 | Ponferrada | León | 67.969 | 16 | Benavente | Zamora | 19.093 | |
| 7 | Zamora | Zamora | 66.672 | 17 | Villaquilambre | León | 17.100 | |
| 8 | Segovia | Segovia | 56.858 | 18 | Béjar | Salamanca | 15.110 | |
| 9 | Ávila | Ávila | 56.144 | 19 | Santa Marta de Tormes | Salamanca | 14.315 | |
| 10 | Miranda de Ebro | Burgos | 39.589 | 20 | Ciudad Rodrigo | Salamanca | 13.975 | |
| Censo 2008[2] | ||||||||
Economía [editar]
Os campos de Castela e León son extremadamente áridos e secos, e polo tanto predomina o cultivo de secaño. Con todo, o regadío foi gañando importancia nas zonas dos vales do Douro, o Pisuerga e o Tormes. Destacan as novas tecnoloxías sobre todo en áreas como a Provincia de Valladolid ou a Provincia de Burgos onde a produción por hectárea é das máis elevadas de España. A área máis fértil castelán-leonesa coincide co val do Esla, en León, nos campos de Valladolid, xa Terra de Campos, unha comarca que se estende entre Zamora, Valladolid, Palencia e León.
A industria de Castela e León ocupaba o 18% da poboación activa e achegaba o 25% do PIB en 2000. Tanto en Burgos como en Valladolid, onde hai unha importante industria do automóbil, papeleira e química, concéntrase a maioría da actividade industrial do territorio castelán-leonés. Outras industrias son a industria téxtil en Béjar, as industrias de tellas e os ladrillos en Palencia, a industria azucreira en León, Touro e Benavente, a industria farmacéutica en León e a metalúrxica e siderúrxica en Ponferrada.
Ao longo da década de 1990 creceu a afluencia turística en Castela e León, propiciada sobre todo polo valor histórico e cultural das súas cidades, e tamén polo atractivo natural e paisaxístico das súas diferentes comarcas. En 2001, Castela e León recibiu uns 315.000 visitantes, 42.000 dos cales eran estranxeiros.
O comercio interior de Castela e León concéntrase no sector da alimentación, a automoción, o tecido e o calzado. Para o comercio exterior, segundo a rexión, expórtanse principalmente vehículos e chasis de automóbiles en Ávila, Palencia e Valladolid, pneumáticos en Burgos e Valladolid, barras de aceiro e manufacturas de lousa en León, carne de vacún en Salamanca, porcos en Segovia, manufacturas de caucho en Soria e carne de cabra e ovella, xunto con viño, en Zamora. Castela e León tamén exporta moito veu sendo a provincia de Valladolid a que máis botellas vende no estranxeiro. En canto á importación, van á cabeza os vehículos e os seus accesorios, como os motores ou os pneumáticos.
Política [editar]
O partido que goberna en Castela e León é o Partido Popular, que conseguiu case a metade dos votos nas eleccións autonómicas de 2003. Só outros dous partidos teñen escanos, o PSOE e a Unión do Pobo Leonés. O presidente da Junta de Castilla y León é Juan Vicente Herrera Campo.
| Partido | 1983 | 1987 | 1991 | 1995 | 1999 | 2003 | 2007 | 2011 |
| Partido Popular (PP) | 39a | 32b | 43 | 50 | 48 | 48 | 48 | 53 |
| Partido Socialista Obrero Español (PSOE) | 42 | 32 | 35 | 27 | 30 | 32 | 33 | 29 |
| Unión do Pobo Leonés (UPL) | 2 | 3 | 2 | 2c | 1 | |||
| Esquerda Unida (IU) | 1 | 5 | 1 | 1 | ||||
| Terra Comuneira-Partido Nacionalista Castelán (TC-PNC) | 1 | |||||||
| Centro Democrático e Social (CDS) | 2 | 18 | 5 | |||||
| Partido Demócrata Liberal (PDL) | 1 | |||||||
| Partido Demócrata Popular (PDP) | a | 1 | ||||||
| Solución Independente (SI) | 1 | |||||||
Notas
aAP-PDP-PL; bFederación de Partidos de Alianza Popular (AP); cA mediados de 2008, UPL suspendeu aos seus dous diputados, aínda que non abandoaron o seu escano.
Medios de Comunicación [editar]
Castela e León posee unha cadea de televisión propia , así como unha emisora de radio . En prensa escrita ademáis de diarios locais e provinciais destaca o El Norte de Castilla , primer periódico de Castela e León.
Transporte [editar]
Por esta rexión pasan as principais vías de comunicación que unen as rexións do norte de España coa capital, Madrid e o sur peninsular, así como as redes que aseguran unha rápida circulación entre a Europa continental e o continente africano. Doutra banda, a vía de transporte máis curta, rápida e cómoda que enlaza Portugal con Europa é a que atravesa esta rexión. En consecuencia, Castela e León atópase no centro no que se conectan os fluxos comerciais entre o norte e o sur da Península e entre Portugal e o resto de Europa. Ademais, a súa proximidade a Madrid é outro factor adicional que impulsa o tráfico que transcorre polas terras castelás e leonesas.
Os principais eixos viarios do tráfico de mercancías e viaxeiros son as estradas radiais A-1, autovía do Norte e A-6, autovía do Noroeste. Tamén ten importancia destacada a A-62, autovía de Castela, que enlaza as cidades de Salamanca, Valladolid, Palencia e Burgos. Nestas tres vías insérense localidades tan importantes como Medina del Campo, Aranda de Duero e Miranda de Ebro.
Castela e León conta con catro aeroportos abertos ao uso civil: o Aeroporto de Valladolid, na localidade de Villanubla, próxima a Valladolid, que rexistra o maior volume de tráfico aéreo da Comunidade e é de uso mixto civil e militar; o Aeroporto de León, na localidade de La Virgen del Camino, no alfoz leonés, tamén de uso mixto civil-militar; o Aeroporto de Salamanca, en Matacán, anteriormente exclusivo para voos chárter e hoxe xa con voos regulares, e o Aeroporto de Burgos, na localidade de Villafría, o de máis recente apertura (2008).
Ademais a rede de ferrocarril é moi ampla e as súas principais liñas van desde Madrid ata a cornixa cantábrica e Galicia, con paradas en Astorga, Burgos, León, Miranda de Ebro, Palencia, Ponferrada e Valladolid todas elas importantes nós ferroviarios. Tamén está a liña entre Irún e a fronteira portuguesa (Fuentes de Oñoro, en Salamanca) que é parte da liña París-Lisboa.
Gastronomía [editar]
A Gastronomía de Castela e León é amplamente coñecida pola calidade dos seus viños e carnes. Algunhas das súas marcas de calidade son mundialmente coñecidas: os seus viños, con 9 denominacións, entre as que destacan D.O. Ribera del Duero, D.O. Toro ou D.O. Rueda. Embutidos e carnes curadas ou frescas, con 16 Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas de calidade, entre as que destacan Xamón de Guijuelo, Lechazo de Castela e León, Cochinillo de Segovia, Chacina de León ou Chourizo de Cantimpalos.
Algúns dos seus pratos típicos son: o lechazo asado, o cochinillo asado, a sopa de allo, os judeones de segovia, a galiña en pepitoria, ou as variedades da morcilla de Burgos, como a morcilla de Aranda. Tamén son típicos varios doces e sobremesas de repostería, como as Xemas de Santa Teresa.
Galería de imaxes [editar]
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
|
|||||||