Queimada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Queimada (homónimos).
Queimada ardendo.

A queimada é unha bebida alcohólica tradicional galega propia da súa gastronomía. Elabórase a base de augardente queimada, con azucre, grans de café e limón. Atribúenselle facultades curativas,[1][2] asemade, o seu consumo está rodeado de tradicións: mentres se elabora pronúnciase un conxuro para protexer contra meigallos e para escorrentar aos espíritos e demais seres malvados de quen a bebe.

Índice

[editar] Tradición

O ritual da preparación está dirixido a afastar os malos espíritos e as meigas que, segundo a tradición, asexan os homes e mulleres para tentar maldicilos, ben sexa por diversión, por vinganza ou por calquera outro motivo. Calquera ocasión é boa para realizar unha queimada: unha festa, reunións familiares ou de amigos. Tras a cea, na escuridade da noite (que é un dos mellores momentos para realizala), os comensais reúnense arredor do pote no que se elabora, preferibelmente coas luces apagadas, para animar os corazóns e estreitar os lazos de amizade. Un deles encárgase de darlle o toque final erguendo cun cazo o líquido en chamas e deixándoo caer pouco a pouco no recipiente mentres pronuncia o conxuro, o que crea un ambiente moi especial.

[editar] Orixes

Recipente no que se elabora a Queimada.

As orixes da bebida son descoñecidos. Popularmente, á queimada atribúenselle orixes celtas, mais, segundo afirmou en 1972 o catedrático de prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real[3] isto sería imposible, xa que a destilación do augardente en Galicia non pode ser anterior á introdución do alambique (de orixe árabe) a partir do século XII ou XIII, xa na Idade media. Así mesmo, sempre segundo Alonso del Real,[3] o azucre de cana, un dos seus ingredientes fundamentais, tamén o introduciron os árabes na Península Ibérica (a difusión do seu equivalente de remolacha é moi posterior, correspondendo ás Guerras Napoleónicas) Isto levoulle a atribuírlle orixes medievais á bebida.

Posteriormente, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, afirmou[1] que o consumo de augardente (normalmente sen queimar) era habitual na Galicia rural tradicional, onde tiña fama como medicamento contra o catarro e que nun momento dado -que el sitúa ao redor dos anos cincuenta do século XX[1]- galegos residentes no exterior comezaron a tomar esta bebida nas festas ou despois das comidas. En xuntanzas deste tipo xurdiría o costume de acompañar o consumo da queimada de esconxuros compostos ex-profeso para o momento. Este costume espallouse tan axiña que xa no ano 1955 o oleiro mindoniense Perico Freire, creou o recipiente de barro cocido, con forma de tarteira e patas nos que se adoita preparar habitualmente.[1]

[editar] Historia do conxuro

O conxuro ou "esconxuro" tradicional da queimada foi inventado en Vigo en 1967[4] por Mariano Marcos Abalo para unha festa de xogos florais das moitas que entón tiñan lugar nun barco comisado amarrado no porto da cidade.[5] En 1974 o seu creador engadiulle as referencias a Satán e Belcebú e comezou a representalo na discoteca Fausto da Cidade Olívica.[5] Por esa mesma época, unha imprenta viguesa comezou a vender copias do esconxuro,[5] inicialmente sen a súa autorización e logo pagando unha peseta por exemplar vendido,[5] o éxito fixo que outras empresas comezasen a vender copias pola súa conta, sen ningunha autorización e sen citar o seu nome, o que pode contribuír á crenza de que o esconxuro era dun autor anónimo. No 2001, Mariano Marcos Abalo decidiu rexistrar a propiedade intelectual do esconxuro.[2]

[editar] Ingredientes

Os seus ingredientes principais son a augardente e o azucre ós que xeralmente se lles bota tamén casca de limón ou laranxa, uns poucos grans de café sen moer. Á mestura pódenselle engadir cachos de mazá, uvas ou algún outro ingrediente, os cales se engaden de forma independente segundo a tradición da zona.

[editar] Preparación

Nun pote de barro cocido (hainos especiais para a queimada) bótanse a augardente e o azucre na proporción duns 120 gramos deste por litro daquela, os demais ingredientes e reméxese todo.

Nun recipiente máis pequeno (normalmente o cazo co que se remove) cóllese, á parte, unha pequena cantidade de queimada, sen limón nin café, móllanse os bordos do cucharón coa bebida e préndeselle lume. Cando estea ardendo, métese o cazo no recipiente grande ata que se estenda por toda a superficie. A continuación reméxese lentamente, deixando que suban as lapas do alcohol, creando cascadas con elas. Reméxese ata que se esgota case que todo o alcohol, facendo que a queimada se apague case por si soa, normalmente rematando polos bordos, que non se apagan. É cara ó final deste proceso cando se recita o esconxuro.

A queimada sérvese quente, incluíndo todos os ingredientes.

[editar] Conxuro ou esconxuro

Recitando o conxuro.

O conxuro da queimada foi escrito por Mariano Marcos Abalo en 1967 e revisado en 1974[6].

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.
Demos, trasgos e diaños,
espíritos das neboadas veigas.
Corvos, píntegas e meigas:
feitizos das menciñeiras.
Podres cañotas furadas,
fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas,
mal de ollo, negros meigallos,
cheiro dos mortos, tronos e raios.
Ouveo do can, pregón da morte;
fuciño do sátiro e pé do coello.
Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello.
Averno de satán e belcebú,
lume dos cadáveres ardentes,
corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernais cus,
muxido da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira,
falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.
Con este fol levantarei
as chamas deste lume
que asemella ao do Inferno,
e fuxirán as bruxas
a cabalo das súas vasoiras,
índose bañar na praia
das areas gordas.
¡Oíde, oíde! os ruxidos
que dan as que non poden
deixar de queimarse no augardente
quedando así purificadas.
E cando este beberaxe
baixe polas nosas gorxas,
quedaremos libres dos males
da nosa alma e de todo embruxamento.
Forzas do ar, terra, mar e lume,
a vós fago esta chamada:
se é verdade que tendes máis poder
que a humana xente,
eiquí e agora, facede que os espíritos
dos amigos que están fóra,
participen con nós desta Queimada.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 [1] González Reboredo, Xosé Manuel (2000), «A construción de referentes de identidade etno-nacional. Algunhas mostras sobre Galicia» Etinicidade e Nacionalismo. ISBN 84-95415-34-8.
  2. 2,0 2,1 [2] «O café na queimada é unha copia dos cataláns»
  3. 3,0 3,1 Alonso del Real, Carlos: Os orixes da queimada. Capítulo programático dun libro en preparación, en Graal Nº 35, 1972, pp. 74 a 82
  4. [3] A cita estival de 38 seminaristas
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 [4] «Sábese que o conxuro é meu, e iso bástame»
  6. R. Queimaliños (09-08-2005) «O café na queimada é unha copia dos cataláns». La Voz de Galicia. Consultado o 21-05-2008.

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría:

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas