Cabo Ortegal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°46′20″N 07°52′05″W / 43.77222°N 7.86806°W / 43.77222; -7.86806

Cabo Ortegal
Cabo Ortegal
Vista do cabo Ortegal dende o seu camiño de acceso

Ortegal é un cabo situado na comunidade autónoma de Galicia, no concello de Cariño (A Coruña). Dende este cabo e ata a fronteira portuguesa atópase unha das costas máis recurtadas do continente europeo, só comparable ás costas bretoas.

Situación[editar | editar a fonte]

Cabo Ortegal é un dos punto máis setentrionais da Península Ibérica, só superado polo cabo da Estaca de Bares. Cabo Ortegal, ademais, trátase do lugar máis senlleiro do concello de Cariño, xa que nel se atopa o quilómetro cero do Mar Cantábrico.

Polo seu extraordinario valor xeolóxico, morfolóxico, ornitolóxico e, por suposto, paisaxístico, Ortegal está incluído no lugar de interese comunitario (L.I.C.) Costa Ártabra.

É un dos esteiros máis importantes de España e de Europa, tal e como recoñecen as súas múltiples catalogacións, que, entre outras, son: humidal incluído no convenio Ramsar e polo tanto de importancia internacional e zona de especial protección para as aves, ademais de lugar de importancia comunitaria

Vistas dende o faro[editar | editar a fonte]

A localidade máis próxima é Cariño, porto pesqueiro de importancia e lugar dende o que se chega ao cabo Ortegal e ao seu faro. Á dereita esténdese a ría de Ortigueira cos seus cantís e os seus areais. Preto do cabo, as ladeiras gañan en verticalidade e altura para configurar un lugar maxestoso.

O cabo Ortegal é, en realidade, unha ampla arcada que se abre ao océano franqueada por dous saíntes rochosos: a punta do Limo, ao oeste, e a punta dos Aguillóns ao leste. É nesta onde se empraza o faro de Cabo Ortegal, unha torre cilíndrica pintada de branco e vermello, dende a cal pode divisarse:

  • De fronte ao faro, os tres aguillóns, tres farallóns afiados constantemente erosionados, onde os percebeiros arriscan a súa vida para conseguir percebes. Este impresionante conxunto xa foi citado hai 19 séculos polo grego Ptolomeo co nome de Trileuco, que podería traducirse por os tres brancos, posiblemente referíndose á escuma branca que golpea os farallóns, ou quizais ao guano xerado pola gran colonia de araos que alí había, a máis importante de España, extinguida nos anos 70 do século XX.
  • Ao oeste, os cantís van gañando en altura sobre o Atlántico. Divísase en primeiro termo a Punta do Limo. Tras ela, a cota máxima de 613 m sobre o mar, Vixía Herbeira. Este enclave cariñés é o cantil mariño máis alto non só de España, senón do centro e sur de Europa, tan só superado por algúns fiordes noruegueses.

Rochas milenarias[editar | editar a fonte]

Ortegal é ademais un complexo xeolóxico de interese internacional. Algúns dos seus materiais xurdiron da colisión de anacos continentais do Noratlántico e Báltico. Rochas básicas, ultrabásicas, gneis ou ecloxitas (pedras de gran dureza e moi resistentes á erosión) abundan na contorna do cabo. Mais é o granito negro a rocha máis espectacular desta paraxe, xa que as que aquí se atopan, son as máis antigas da Península Ibérica e as 4ª do planeta, de antigüidade semellante a algunhas en Australia, Canadá ou Polonia. Este granito negro formouse baixo a superficie terrestre, a partir do magma, hai aproximadamente 1.160 millóns de anos [1][2], o que, á súa vez, implica que a Península Ibérica é anterior á chamada explosión da biodiversidade na Terra.

Naquela época a terra tiña unha aparencia "bastante inhóspita". Só existían seres vivos unicelulares, a atmosfera era pobre en osíxeno e o sol era un 10% menos brillante, segundo os investigadores. Estas rochas permaneceron a grande profundidade ata que afloraron cando os continentes, que estaban agrupados nun só, Panxea, dividíronse, o que produciu un cantil de máis de 600 metros de altura.

Fauna no cabo[editar | editar a fonte]

Durante a primavera, as repisas e fendas dos cantís son ocupadas por centos de gaivotas patiamarelas, e en moito menor número por outras especies como a choia biquivermella, o paíño común, o merlo azul o corvo mariño cristado ou o falcón peregrino.

Coa chegada do outono, numerosas aves mariñas de decenas de especies diferentes migran cara ao sur fronte a este cabo, convertido así (xunto coa Estaca de Bares) nun dos mellores lugares de Europa para estudar as súas viaxes dun mar a outro. Tamén é habitual contemplar cetáceos como delfíns, caldeiróns e, en ocasións, baleas.

A ruta do medievo[editar | editar a fonte]

O cabo Ortegal é a orixe da Gran Ruta de Sendeirismo do Medievo (GR 50). Única deste tipo nas rías altas, une este lugar co casco histórico de Betanzos. A súa duración é de aproximadamente 23 horas de camiñada continua.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Cariño.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Vixía de Herbeira

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]